7.2.05

coincidencias

Este ano entrou a traballar no meu choio un rapaz que é un monumento, sen matices. Un día ouvino falar castelán no metro e souben que fixera parte dun equipo de natación boa parte da súa vida.
Hai pouco, a miña compañeira de gabinete comentoume que estivera falando cun dos seus subordinados, procedente da Extremadura española, sobre un idioma que disque se falaba alí, que non sei que... Eh!?!?! Pedinlle que mo presentase, dando por feito que era algún falante de mañego, lagarteiro ou valverdeiro, ou sexa, do galego de Cáceres.
A sorpresa chegou hai unha semana, cando entrou pola porta o tal monumento cun libro na man. Non é falante de galego de Xálima, senón de extremeño, e a tradución que traía era unha edición de 600 exemplares da versión castúa do Principiño. O mellor de todo é que o prólogo da edición está en castelán, en portugués de Olivença, en alto extremeño e en lagarteiro (!!). Conseguín que me deixase escanar (toma ruído!) o prólogo, e a cobiza polo libro comezou a aloxarse a carón da lascivia.
Onte, despois dun día estrañísimo, acabei indo cear ao Imbiss das pizzas-naan, na Kastanienallee. E, nunha coincidencia que me fai pensar en Calquera e na trascendencia das súas palabras, alí o topei: espectacular, altísimo, fachendosísimo do seu físico apolíneo e posuidor dun Principiño malo de conseguir. Funo saudar e quíxome convencer de organizar unha conferencia sobre o extremeño en Berlín.
A estas alturas, o meu desexo atinxe niveis himalaicos. Pero a súa heterosexualidade parece non ter fendas e a estima polo seu Principiño tampouco.

2 comentários:

Plattdorf disse...

Pois do Principiño agora mesmo teño galego, languedociano, friulano, croata, esloveno e asturiano. A semana que vén supoño que comprarei o orixinal francés en París. Castelán, portugués e alemán non me van dar moitos problemas, e mesmo aquí podo conseguir unha tradución ao dialecto berlinés. Pero non teño présa: a colección é para o meu afillado e teño toda a miña vida para facela.

Plattdorf disse...

Ao demais direi:

Ehpaña eh mu grande i mu bariá.

Momo marcou a miña infancia. Xa sabía eu que había algo que lles faltaba aos franceses.