Faltaron millóns de posts por facer en Londres. A secuencia dos acontecementos foi máis ou menos así:
1.-Luns ás 5 e pico da manhá collemos un metro en Baron´s Court. Ás 07:33h da manhá chegabamos sen folgos ao mostrador de Ryanair de Stansted para descubrir que acababan de pechar a facturación uns minutos atrás.
2.-Fartos do dispendio, e tendo en conta que tiraramos as chaves da casa de Miss White polo oco do correo, decidimos non volver a Londres para non ter que pagar o tren de volta e un aloxamento.
3.-En consecuencia, pasamos 24 horas e media no aeroporto de Stansted até coller avión do día seguinte á mesma hora. Como hai voos desde as seis da manhá e non hai transporte público a esa hora, centos de persoas dormen no aeroporto todas as noites. Nós, que non estabamos precavidos, quedamos sen sitio nos bancos e durmimos no chan.
4.-Chegamos a Santiago de Compostela, vexo a m)alicia e a Cesare cinco minutinhos e despídome deles. A m)alicia vou tardar unhas semanas en vela, seguramente en Santiago. Con Cesare xa quedo en vérmonos directamente en Escocia.
5.-Estou na casa de meus pais día e medio xestionando as próximas semanas, repartindo souvenirs de Londres e asistindo ás xornadas gastronónicas da castanheta que ten preparadas minha nai.
6.-Xoves ás 5 da manhá saio da Corunha conducindo en dirección sur. Acompánhanme meus pais.
7.-Ás 6:20 recollo a Fuegho en Redondela. Despedímonos de súa nai e seguimos en dirección sur.
8.-Ás 7:00, á altura de Braga, Fuegho decátase de que non ten o pasaporte. Chama á casa para que llo traian a toda velocidade ao aeroporto Sá Carneiro.
9.-Chegamos ao Sá Carneiro e falamos cos de facturación para que tenhan piedade de nós. Compórtanse con amabilidade extrema.
10.-Cinco minutos antes de embarcar e tras unha espera de angustia máxima, chega o pasaporte de Fuegho. Ás 9:10 hora portuguesa embarcamos para Lisboa.
11.-Chegamos a Lisboa e collemos outro avión.
12.-Lémbranse dun
post que fixera o ano pasado falando dun país tropical? Pois ben, cumprindo as minhas promesas, unhas poucas horas despois de saír de Lisboa ténhenme escribíndolles desde o aeroporto de Recife, Brasil.
Aquí comezan As Crónicas Nordestinas.