29.3.05

a miña vida como un sistema parasimpático desatado

Ultimamente -quero dicir as últimas semanas- teño días. Cando estou millor apetéceme coller unha farta de Lacasitos. Cando estou pior, do único que teño gana é de caer na pota do cianuro.

Fervendo, se é posíbel.

28.3.05

cacaosombra

Davichini é, á parte do meu amigo, o meu ídolo e o inventor do cacaosombra. Malia sermos veciños e estar no mesmo instituto, funo coñecer cando tiñamos 17 anos nunha excursión a Praga. Desde entón, fomos tecendo unha amizade que nos levou a compartir moi boa parte das nosas horas de ocio durante anos e anos. No verán, horas e horas de acampada entre o Caurel, a praia do Lago e o Monte Aloia. No inverno, horas e horas de manises e porrón no Priorato e miles de horas e horas de baile en Oh! Coruña. E por suposto, horas e horas de safaris de sábado noite a todos os glamurosos e remotos clubs que estaban ao noso alcance: LP45, Pazos, Dudas foron os primeiros obxectivos dun radio de acción que despois xa se foi estendendo máis e máis, sempre a bordo do seu inefábel vehículo, o Voyager 5, que nos daba tantas alegrías coma disgustos.

Xuntos vivimos uns días nunha vila perdida do sur de Italia entre mammas e nonnas que nos fartaban a pasta da casa e decidimos que tiñamos que quedar a vivir en Positano. Xuntos fixeramos plans de liscar para Londres ao acabar coa Universidade e vivir alí entre a coca que lles regalan os xefes aos empregados dos hoteis e as pirulas de Ministry of Sound. Pero as cousas acabáronse torcendo: a min laváronme a cabeza nunha facultade e acabeime convertendo nun pureta berlinés, mentres el foi a unha facultade que -nas súas palabras- parecía un instituto e segue, milagrosamente, exactamente igual ca antes; se cadra un pouco menos esquelético grazas a todos estes anos de ximnasio. Aínda non sei se atribuírlle este caso de aparencia física adolescente a puras causas xenéticas ou se haberá que considerar a posibilidade do pauto co demo. Cos seus 1'80 cm., aos 25 anos aínda lle pedían o carné... Os meus amigos que o coñecen tenden a alucinar co guai que é, e algunhas amigas xa teñen alucinado en xeral.

Pero non só por todo isto é o meu ídolo. A súa versatilidade laboral non ten parangón. Só neste ano, polo que eu sei, xa traballou de xardineiro, monitor de actividades deportivas extraescolares, monitor dun comedor escolar, colocando carteis de prezos nos Lidl de Mallorca, poñendo copas pola Costa da Morte, de porteiro de discoteca e de azafato na exposición de dinosauros do Parrote.

Como carallo non vai ser o meu ídolo?

17.3.05

non dubido que será do teu interese

Recibo un correo de Carballido: disque teño que meter máis sexo nestas Crónicas. Agradécese a suxestión, pero o certo é que chega no peor momento, precisamente cando o sexo se converte en algo máis e máis virtual por momentos.

Pero especialmente por iso, e sabedor da débeda que teño con Cesare por toda esa pornografía que me envía, compráceme compartir con vostedes o seguinte texto brasileiro, ao que o autor das Balas lle ha encontrar un encanto especial:

E lá veio aquele mulatão com sua rola grande e preta. Era bem grande, mas não se poderia comparar com aquela que me era socada no cu. Mamei nele também e antes que gozasse, ele se afastou. O loiro ficou incentivando o chefe dele pra que fizesse o mesmo e ele veio. Foi a quarta rola diferente em minha boca naquela noite. Chupei querendo o fazer gozar. Enquanto eu pegava um boquete e eles se revezavam, Daniel continuava socando firme em meu cu.

O erotismo nunca estivo neste lugar, pero o interese filolóxico que non falte.

sin rencor

Andámoslle aí:

y suelto mi pelo, y pinto mi cara,
me pierdo en la noche, me quemo en la playa

15.3.05

confesionario

(m)alicia vén pasar a fin de semana ao Porto de Santa Cruz tras cometer diversos pecados inconfesábeis. De todos eles, o único que eu considero verdadeiramente grave é encherse de flocos de millo en Área Central: cinco minutos na boca e toda a vida na cacha, nena.

nupcias e primavera

O que asumo como un estado de convalecencia -entre outras cousas, a tortícolis non me abandona- empúrrame a vivir a miña vila como a localidade balnearia que nela ven todos os visitantes. Voume torrar á praia entre nudistas des(co)locados, vellas en top-less e as súas netiñas de tres anos, dou voltas polo paseo marítimo, séntome nas terrazas...

Nunha destas vou ao castelo e encóntrome con Melencha, que me traslada a unha dimensión paralela e feliz. Ela traballa alí en proxectos ambientais e en facer visitas guiadas. No momento de atopala anda escoitando moi atenta porque lle parece que debe haber por alí unha estreliña riscada, que disque é coma un carrizo pero máis pequeno e cunha banda laranxa na cabeza. Tamén me explica que temos alí o único pombal subterráneo de Galiza, agora cheo de pombas mensaxeiras, e que hai un falcón que debe vivir polo parque metropolitano que as anda papando todas. Despois, cuns prismáticos, móstrame a diversidade ornitolóxica da Punta do Corvo. A só uns metros da miña casa, onde sempre penso que unicamente hai pardais e gaivotas, acumúlanse corvos mariños cunha incipiente plumaxe nupcial, gaivotas choronas e de cabeza negra, un fato de virapedras e mesmo unha preciosa garza, que me alegra o día coa súa elegantísima crista branca.

o garda de Betanzos

Nunha das máis célebres anécdotas de Betanzos, que me veu á cabeza cando oín a resposta de Revelde, un garda novo é encargado de regular o tránsito nunha intersección especialmente conflitiva. Atrapallado, dálles paso ao mesmo tempo aos coches que veñen de Ferrol e mais aos que veñen de Bergondo, e cando chocan di o garda: eu x'o sabía...!

día seguinte

Rescátame Revelde e voume confesar con el a Betanzos. Como el non coñecía a vila, pídolle que me deixe facerlle a visita turística completa. Hai poucas cousas que me relaxen tanto como facer de cicerone: é a miña mellor maneira de falar do tempo. Así que me poño eu e cito séculos, murallas, monopolios do sal e decadencias, irmáns-pesados-oficiais-do-lugar e parques temáticos, Dianas cazadoras, osos, xabaríns e sartegos ilustres, ramos de loureiro, estrelas de David e arcos conopiais.

A conversa meteorolóxica continúa diante dunhas croquetas sirias, pero cando chegan as fajitas con guacamole comeza a miña confesión, con todo o seu potencial liberador.

Liscamos despois dunha chamada do seu mozo. Polo visto, o rapaz xa me odia sen coñecerme; disque saio demasiado nas conversas.

Nunca debín saír de Berlín.

10.3.05

moraleja

Supoño que agora xa podo capar canto queira.

química inorgánica

Ao final, Elfnoldo resultou ser un valente moi espilido, mentres eu non paso de ser un paspán bastante covarde.
Xa volvo ser un átomo.

8.3.05

amores imposíbeis

Cesare e mais eu recibimos un correo-e de Boss cunhas fotos que satisfán a miña curiosidade pola suposta segunda dama de Portugal. Tamén di algo de blogayros galegos, beleza, sex-appeal, non sei que e non sei que máis...

Só coñezo dous blogayros portugueses persoalmente. Por un deles estiven moi apaixonado no pasado. Polo outro, só a distancia e o respecto polo nono mandamento me impide estalo.

entrega de premios

Boss, ese compendio de virtudes, fíxome entrega do premio do concurso fotográfico do Nadal: xa teño as miñas hastes rénicas, e o máis espectacular de todo é que as hastes e a bolsiña de papel en que veñen chegaron directamente desde Taiwan da man do Opiniões; no momento da entrega practicamente me saltaban as lágrimas de pura emoción. A sorte quixo que os ladróns non reparasen nos caracteres chineses da bolsa como algo susceptíbel de ser valioso, así que cando saín da casa para ir ao Porto levaba unha mochila de camping chea de cousas innecesarias e á volta entrei cunha lixeirísima bolsa amarela cuns corniños de feltro.

déja-vu

Escuso describir o encontro coa Polícia. É só veren One day in Europe, proximamente nos mellores cinemas. Non sei se a realidade supera a ficción, pero ándalle aí.

fantasporto

Fin de semana. En plena resaca de cava, decido adiar as decisións importantes e lisco con Cesare ao Porto para coñecer o Boss e ver algún filme do Fantasporto. Resultado: Boss sabe usar unha fina ironía que lle acrecenta unha nova dimensión ao rapaz serio e sisudo das Renas; fico impresionado. Vemos dous filmes, reencóntrome co Benjamim, divírtome coas babas de Cesare perante o amigo canario de Benjamim, descubrimos locais espectaculares da cidade, asollámonos un pouco na Ribeira, asisto no Baile dos Vampiros a un dos mellores concertos dos meus últimos tempos e á estrea portuguesa de Ricardo Villalobos. Polo medio, algún dos vampiros da cidade muda o seu latrocinio habitual, entra en Lola e lévanos case todo o que tiñamos alí. Pola miña parte sálvanse O Principezinho, o primeiro compilatorio de Matinée, o demo dos tólares -mala mar os traghe- e, fortuna entre as fortunas, a bolsiña de papel coas hastes rénicas. A Cesare déixanlle as cadeas para a neve.
Desolación matutina na comisaría de Cedofeita.

2.3.05

härter, besser, schneller, stärker

A bicoastalidade non cesa. Compostela non é a mesma que eu deixei, pero chegar aquí segue significando o mesmo que dicía María uns cantos meses atrás: aforrar fonemas e fonemas de explicacións.
E esta semana xa gastei fonemas abondos.

mittelgaliza

Subo no Xantia da Coruña a Santiago entre falsas ameazas de neve dos paneis da autoestrada, e cando chego introdúzome no ventre da besta para solucionar diversas cuestións burocráticas. Vindo do trato coa burocracia alemá resulta espectacular reencontrarse co -estereotipicamente- xenuino carácter galaico, que está plenamente vivo entre algúns dos nosos funcionarios. Fiquen tranquilos: a raza non esmorece.

Tento combinar con Cesare para xantar pero acabamos concertando o que podería ser unha das citas máis supergais da miña vida: decidimos ir xuntos a cortar o cabelo. E o que podería imaxinarse como un cónclave plumífero de secadores, bigudís, vaporizadores, extensións e papel de aluminio redúcese a unha entrañábel conversa de barbería entre nós os dous e mais o barbeiro, que nos coñece desde hai anos.

Para o café, Cesare descóbreme o Terra Nova, onde estou teclando arestora. Ao entrar, o ambiente do local impúlsame a falar alemán, e teño que controlarme para lle falar en galego a aqueles ollos azuis; parece que todos os Erasmus de Compostela decidiron establecer aquí o seu local social, así que cando Cesare lisca para o traballo e fico só póñome efectivamente a falar en alemán con algún dos clientes, máis ca nada por aquilo da fachenda.