15.10.06

heimat

Ao final, nunha semana que pasei alí a Galiza non lle deu moito tempo de ser moi distinta. Pero as mudanzas estaban aí, materializándose aos poucos. Aínda así, a sorpresa maior foi atopar a meus pais incomodados entre si. Será pola falta de costume, será pola miña consabida covardía, pero a situación obrigoume a fuxir da casa e ao final acabei pasando boa parte da semana entre Santiago e o San Froilán.

Non, non me dou acostumado á sensación de que me necesitan.

1.10.06

tristeza post-coitum

Hai catro días, ao aterrar no aeroporto Sá Carneiro do Porto souben que ese día chuvioso ía marcar un antes e un despois en moitas cuestións. Non me enganaba. Levo dous meses a cabalo entre Londres e o Brasil, vivindo nunha burbulla. Pero agora... Fuegho retorna definitivamente a Galiza despois de cinco anos en París. M)alicia parece encarreirar a súa vida laboral e faise grande. Cesare lisca do país e comeza por establecerse en Escocia. A seguinte xeración da miña familia avanza ficha: un neno que vin nacer, a quen lle mudei os cueiros e lle dei o biberón, vaise mañá para Santiago a comezar a súa vida universitaria e repite así unha historia da que eu mesmo fun protagonista doce anos atrás.

É por iso que nin Galiza, nin Santiago nin eu volveremos ser os mesmos. Dentro dunha semana comeza o que pode ser o meu último ano en Berlín. E veremos o que acontece.

últimos días

Desde Rio, Búzios recibiunos soleado e case sen arxentinos. Ouro Preto despregou o seu clima de montaña e mostrounos baixo o orballo o seu pasado de febre do ouro, pero deixounos claro que agora do que realmente vive é do turismo e dos precarios concesionarios de automoción, dos talleres de motos, das tendas de pezas para o motor que tanto alí como en Mariana florecen pola beira da estrada.

Despois, noites de ônibus, outra vez Rio, cansazo, Recife, avións, Natal, noites transatlánticas e finalmente Lisboa. "Senhores passajairos" soou tan mal que non puiden reprimir un aceno de anoxo.

deputaaado estaduaaaaal...

Foi chegar ao Brasil e verse envoltos pola campaña electoral e pola sorpresa das súas particularidades. Por unha banda, as persoas-bandeira que hai cada poucos metros nas estradas e rúas do país, todo o día de pé ou sentados en cadeiras de plástico, sós ou en grupo, termando da bandeirola do candidato que lles pagou máis por estar así. Pola outra, a enorme cantidade de diñeiro que se inviste en música: cada candidato ten unha sintonía persoal, normalmente cancionciñas animadas en que se repite moito o seu nome e o seu número para a elección (cada candidato ten un número que o identifica no momento de efectuar o voto; por exemplo Lula é o 13). Despois de pagos os músicos aínda hai que pagar para que centos de coches circulen o día enteiro con esas músicas saíndo de equipos de megafonía tan grandes que ameazan con esmagar os vehículos, ou polo menos con esfondar os amortecedores.

24.9.06

riogayguide

O que non sei é como non me decatei antes...

A casualidade fixo que o meu aloxamento en Rio de Janeiro fose durante estes días un albergue no medio e medio da zona gay de Ipanema, na esquina de Barão da Torre con Farpe de Amoedo. Por iso non quixen evitar coñecer o que se cocía por estes locais.

Despois dun par de horiñas en Le Boy, o mulato máis espectacular do local, descamisado e con viseira, abandonou o grupiño que se fora formando ao seu arredor no mazadeiro e púxose ao meu lado. Aos poucos minutos xa estabamos; eu non o podía crer. O rapaz mantiña os ollos pechados, como finxindo estar algo aturdido, pero non o atribuín a nada en especial. Cando a cousa foi pasando a máis notei certa resistencia. Insistín e volveuse resistir. De repente decateime do que estaba pasando: aquel rapaz non estaba alí por deporte...

Confirmoumo cando abrín os ollos e me separei: chascou a lingua, deu un paso a un lado e liscou, perdéndose entre a xente.

O seguinte era enxeñeiro e de São Paulo. Moito máis cariñoso. E gratis.

23.9.06

exóticos

Non fan falta moitas luces para entender que dentro do Brasil hai varios países, cada un máis interesante ca o anterior. Fronte ao exotismo sen matices de Bahia, africana, suorosa, con cheiro permanente a aceite de dendê, Rio de Janeiro preséntase cun exotismo máis domesticado. Isto é unha cidade occidental posta no medio do trópico, e iso nótase en que os propios cariocas, cunha perspectiva occidental, se consideran a si mesmos exóticos sen acabar por completo de selo.

En Rio volvéronse pór de moda os antigos bailes. Onte, no barrio de Lapa, despois de cearmos un cabrito impresionante no "Nova Capela" (moi recomendábel), fomos ao Club dos Democráticos. Unha curiosa mestura de adolescentes con aspecto indie (moitos), maduros do barrio, estudantes de bailes de salón, trintaneiros/trintaneiras bohemios ou non en busca de cacho e turistas curiosos ocupan unha sala de finais do XIX con chan de madeira e ventiladores de teito. Bailan todos ao son dunha orquestra de samba e sentan de cando en vez nas mesas que rodean a pista para observar aos demais. É difícil de entender, pero é así.

22.9.06

Rio de Janeiro


Hai cinco días, chegar ao aeroporto de Rio de Janeiro foi unha emoción intensa que logrei conter até que desde o ônibus cheguei a ver a bahía de Guanabara e o Pão de Açúcar ao fondo. Eran moitas historias familiares e moitas cousas xuntas. Tiven que chorar.

14.9.06

acarajé e abacaxi


Levamos uns días en Salvador e Fuegho conta:

Vivimos xusto enriba da -créano ou non- "Tortillería-Bar Galicia". A praia do Porto de Barra, coa vista das luces da illa de Itaparica ao lonxe, a dunha ducia de pasos (descalzos, que se non os Meninos da Rua róubannos as hawaianas, disque).
Traballamos o xusto. Mercamos o xusto tamén, mais facémonos timar a cada ollada. Dannos muita lástima occidental e soltámoslles os reais.
Danzamos no Pelourinho forró, samba, axé, pagode, nomes que veñen de tan lonxe coma as horas do reloxe, que diria o outro.
A cabocla era a que máis triunfaba. O resto tentabamos combinar os movementos corporais (torpes, fóra de contexto) coa discreción por respeito aos nosos convidados e ao decoro con que pretenden andar polo mundo os que xa non é a primeira vez que saen da casa. Somos, como todas as cartas de amor, ridículos. Mais posibelmente sinceros. E hai, sen dúbida, que querernos.
Esta noite imos de cea, lucir lazadiñas coridas do BONFIM e tentar achegarnos desta xente que, a todas luces, nos supera.

11.9.06

incidencias

Aquí domingo polo serán nun cíber-supermercado da rodoviária (estación de autobuses) de Maceió.

Hai unhas horas vin por aquí unha rapariga que levaba no bolso unha chapa d'A Reixa. Si, o pub de Santiago. Pareina e pregunteille: é italiana, estivo de erasmus en Compostela hai cinco anos e agora leva un mes dando voltas polo Brasil. Recomendounos un aloxamento na casa duns fulanos en Santa Teresa, Rio de Janeiro. E rememorou os seus tempos de borracheira en SCQ.

Xa tenho un pouco de diarrea, se cadra polo xelo da caipirinha. Pero non hai falho, como xa estaba previsto tamén tenho antidiarreicas. Dentro dunha hora collemos un ônibus nocturno que nos vai deixar manhá pola manhá en Salvador de Bahia. Queimando roda.

7.9.06

promesas cumpridas

Faltaron millóns de posts por facer en Londres. A secuencia dos acontecementos foi máis ou menos así:
1.-Luns ás 5 e pico da manhá collemos un metro en Baron´s Court. Ás 07:33h da manhá chegabamos sen folgos ao mostrador de Ryanair de Stansted para descubrir que acababan de pechar a facturación uns minutos atrás.
2.-Fartos do dispendio, e tendo en conta que tiraramos as chaves da casa de Miss White polo oco do correo, decidimos non volver a Londres para non ter que pagar o tren de volta e un aloxamento.
3.-En consecuencia, pasamos 24 horas e media no aeroporto de Stansted até coller avión do día seguinte á mesma hora. Como hai voos desde as seis da manhá e non hai transporte público a esa hora, centos de persoas dormen no aeroporto todas as noites. Nós, que non estabamos precavidos, quedamos sen sitio nos bancos e durmimos no chan.
4.-Chegamos a Santiago de Compostela, vexo a m)alicia e a Cesare cinco minutinhos e despídome deles. A m)alicia vou tardar unhas semanas en vela, seguramente en Santiago. Con Cesare xa quedo en vérmonos directamente en Escocia.
5.-Estou na casa de meus pais día e medio xestionando as próximas semanas, repartindo souvenirs de Londres e asistindo ás xornadas gastronónicas da castanheta que ten preparadas minha nai.
6.-Xoves ás 5 da manhá saio da Corunha conducindo en dirección sur. Acompánhanme meus pais.
7.-Ás 6:20 recollo a Fuegho en Redondela. Despedímonos de súa nai e seguimos en dirección sur.
8.-Ás 7:00, á altura de Braga, Fuegho decátase de que non ten o pasaporte. Chama á casa para que llo traian a toda velocidade ao aeroporto Sá Carneiro.
9.-Chegamos ao Sá Carneiro e falamos cos de facturación para que tenhan piedade de nós. Compórtanse con amabilidade extrema.
10.-Cinco minutos antes de embarcar e tras unha espera de angustia máxima, chega o pasaporte de Fuegho. Ás 9:10 hora portuguesa embarcamos para Lisboa.
11.-Chegamos a Lisboa e collemos outro avión.
12.-Lémbranse dun post que fixera o ano pasado falando dun país tropical? Pois ben, cumprindo as minhas promesas, unhas poucas horas despois de saír de Lisboa ténhenme escribíndolles desde o aeroporto de Recife, Brasil.
Aquí comezan As Crónicas Nordestinas.

30.8.06

Shakespeare, gaiteiro!

Decidimos ir ver unha peza de Shakespeare no Globe, o teatro construído á beira do río segundo os canons da época isabelina. Dado que pagaramos a entrada barata para estar de pé no círculo central e estar máis perto dos actores, tivemos que abrigarnos ben porque esa zona está máis ou menos descuberta e en Londres sempre pode chover, a calquera hora e en calquera momento. Foi realmente xenial ver unha peza así nun teatro que imita as condicións para as que foi pensada: os actores mesturábanse co público continuamente, dirixíanse a el, interpelábano, demandábanlle respostas. E nós, que estamos máis ben acostumados a teatros italianos e a actuar como simples observadores, a pasar desapercibidos ocultos na escuridade das butacas, reaccionabamos con timidez, con medo a berrar cando non tocaba, con medo a non saber seguir as normas. O traballo dos actores nunha traxedia con elementos de comedia negra foi maioritariamente impecábel, e a montaxe deixoume sobrepasado cando chegou o sorprendente uso das máscaras (orientais?) e a introdución do anacronismo como elemento cómico (aínda que non sei se iso xa está recollido no texto). Iso si, non vaia quen sexa facilmente impresionábel: o sangue corre a regos.

Houbo un momento, xusto no final, en que tanto Fuegho coma min nos rimos coma parvos e non puidemos compartir a graza con ninguén máis do público. A peza está ambientada na Roma clásica, e cando ao final chegou o momento de saíren os actores a saudar, tamén saíron ao escenario os músicos, vestidos de época e tocando instrumentos que pretendían dar un aire de cousa antiga, remota, exótica, propia do tempo da peza. Adiviñen que instrumento se está tocando no Globe este verán/outono ao final de cada representación de Titus Andronicus:

Unha gaita galega. Con ronqueta.

28.8.06

club

Despois de pasar dúas semanas rodeados polo ambiente familiar e cálido das putas e dos traficantes de King's Cross, fixemos a mudanza. Había sitio na casa de Miss White, que agora mesmo pasa as súas vacacións en Galiza, e un seu compañeiro de piso estábanos esperando para explicarnos os trucos do apartamento, así que recollemos todo, despedímonos do centro ruidoso da cidade e collemos o metro en dirección sudoeste.

Máis alá de Chelsea, un pouquiño despois de Kensington, os silenciosos e burgueses Baron's Court e Queen's Tennis Club recíbennos coa súa aura de teren sido a localización dun filme londiniense de Woody Allen. As fileiras de casas baixas idénticas danlle á rúa un aire de vila. Os seguratas controlan nos portalóns de reixa a entrada aos terreos do club de tenis. A trintaneira con cola de cabalo e polo e shorts brancos senta a un tomar un crème e un croissant na terraza do C'est ici, o café francés do barrio. Hai un código numérico para entrar nos xardíns privados con cancha de tenis propia. As paredes de tixolo vermello e os bastidores de madeira pintada substitúen o formigón e o aluminio.

Profunda, idiosincraticamente británico, este bairro é algo así como estar nun libro de Alan Hollinghurst. De feito, posibelmente sexa o máis próximo que vou estar de vivir nun escenario coma o de The Line of Beauty. Outro mundo.

accomodation

Fuegho e mais eu pasamos as dúas primeiras semanas deste mes nun albergue de xuventude moi perto de King's Cross. Compartirmos cuartos mixtos de 10 liteiras permitiunos entrar en contacto cunha fauna francamente variada ao longo deses 15 días, desde a familia indostaní que viña coñecer a capital da ex-metrópole e non dubidaba en meter o avó de setenta anos no medio de todos aqueles adolescentes rastafaris (así non me estraña que o vello collese aquelas lascardas de bourbon nada máis erguerse, ante a ollada atónita de todos os que almorzabamos o leite e cereais que ofrecía o albergue) ata o par de mochileiros quebequeses de 18 anos que medían 2 metros e medio e queixábanse nun francés incomprensíbel de que aquelas liteiras eran para ananos (vese que a selección natural naquelas terras do norte funciona a tope: todas as xeracións precedentes de leñadores estaban presentes naqueles bíceps, naqueles pectorais e naqueles dorsais).

Un día acordei ás catro ou cinco da mañá e no medio do cuarto, a un metro e medio de min e entre todas as camas cheas de xente durmida, desde a miña liteira superior vin a cabeza dun fulano de pé na escuridade. Pareceume un pouco estraño pero non puiden evitar pechar os ollos, cheos de areas de sono. Cando os dei aberto outra vez, xa non puiden ver o tipo. Aos poucos segundos a súa cabeza volveu aparecer, e de alí a outro pouco, caeu de novo fóra do meu campo visual. Achegueime á beira da liteira para ver o que pasaba alí embaixo e de súpeto comprendín: o rapaz estaba axeonllado nunha alfombriña e tiña a cabeza pousada no chan, rezando cara á Meca.

Houbo durante varios días nese cuarto tamén un pai cun fillo. O pai tiña máis de cincuenta anos e xa lle daba a pinta que era un fulano particular, algo neurasténico. O rapaz debía ter uns once anos e mostraba o laconismo e a pasividade de quen ten que aturar as excentricidades dun pai así. Os puños da súa camisa branca(!) aparecían cada mañá máis cheos de merda pero el naturalmente non se inmutaba e seguía almorzando en silencio o leite e os cereais coa ollada posta no infinito mentres seu pai localizaba a súa vítima desa mañá e comezaba unha perorata que só acababa cando o interlocutor fuxía con algunha escusa.

Chamárannos a atención desde o primeiro día pola fala. Desde o primeiro momento en que os ouvimos falar comezaron as especulacións: soaba absolutamente a francés pero non se entendía nada de nada. Son bretóns -concluín inmediatamente-, non hai dúbida. E a verdade é que aquela hipótese cadraba ben co friquismo que demostraba o pai. Así que botamos uns días contentísimos observando aquel caso único de transmisión xeracional do bretón até que un día me tocou almorzar xusto enfronte do rapaz. Eu levaba posta a miña camiseta de Aeroflot escrita en alfabeto cirílico, e despois de lle botar unhas olladas furtivas, o rapaz saíu da súa ausencia e preguntoume:
-Where did you buy your t-shirt? It's Russian.
-Yes, it's Russian, but I bought it in Berlin.
Con aquela resposta quedara satisfeito e parecía disposto a voltar ao seu riquísimo mundo interior. Pero eu non quería desaproveitar a oportunidade.
-Do you come from Brittany?
-Sorry?
-Do you come from Brittany?
-No, I come from France.
A todo isto, o pai, que estaba sentado ao seu carón e levaba media hora dándolle a vara a algún italiano despistado, xa puxera a parabólica e estábame respondendo ao mesmo tempo ca o fillo:
-Yes, I come from Brittany.
-Oh, I was quite sure because as I had heard you speaking something that I couldn't understand but sounded like French, I thought you should be speaking Breton -expliqueille índome de sobrado.
-Oh, no, we speak Greek!
A miña cara de flipado debeu ser como para sacarlle foto. Eran franceses (seguramente bretóns, pero iso xa non quedou claro). O pai, tal como lle explicaba a todas as súas vítimas, aprendera unha chea de idiomas porque sabía ben que ao viaxar, se tentabas falarlle á xente no seu idioma tratábante mellor; polo visto incluso falaba o francés con acento valón cando ía a Bélxica... Cando o neno comezou a ir á gardería, o pai decidiuse a falarlle en grego en previsión dunha viaxe que ían facer a Chipre, para que o rapaz puidese dicir ola, adeus e catro cousas básicas. Pouco tempo despois, o neno falaba grego en soños e controlaba mellor o alfabeto heleno ca o latino. Agora a súa lingua era sempre o grego para practicar continuamente e non perder habilidades.
Cando conseguín escapulirme de todo aquilo o pai deume o seu cartón de visita, con páxina web incluída. Aquí os teñen: Thierry et Alouchka Dolidon.

Londres no verán

Como estou comprobando neste mes de agosto, Londres no verán é lixo no chan, lixo no metro, lixo no bus, lixo no tren, lixo e lixo e lixo.

Londres no inverno

Como puiden comprobar na miña última visita, Londres no inverno é meter os dedos no nariz e sacar cacolas completamente negras, mostra da polución ambiental.

16.8.06

Torquemada, 'osos, tumba, remexer

Dado que Fuegho, que me acompanha neste veran londiniense, atravesara o tunel para pasar a fin de semana en Paris pinando co seu churri, domingo pola manha collin un tren en Waterloo para facer unha excursioncinha fora da cidade. Unha hora e media despois baixei en Canterbury e fun case dereitinho para a catedral. Ao chegar habia misa cantada dentro do coro gotico, asi que sentei para escoitar o concerto e quedei pensando no efecto que teria o antigo coro petreo do Mestre Mateo na nosa nave romanica.

Nestas chegou unha familia xaponesa. Pola porta oxival do coro podiase albiscar a figura do mestre de canto dirixindo a masa coral, e asi que a nai de familia o viu puxose a rir, sinalalo e imitar os seus movementos de director. Cinco segundos despois, no medio da misa e en plena magnificencia gotica da nave central de Canterbury, cinco xaponeses e xaponesinhos sacabn fotos, rian abertamente e movian os brazos coma tolos ante a atonita ollada do resto de turistas occidentais.

andar á contra

A mesma noite do concerto dos Pet Shop Boys, saindo por Churruca, acabei coincidindo en todos -reparen ben no que digo: todos- os locais en que entramos cun rapaz que levaba a mesma camiseta ca min. Estame ben, pensei, por andar usando en Galiza a minha roupa de Inditex.

Sabado noite, en Londres, vou a un local de rapaces e vexo un mozo coa mesma camiseta de Zara. Afortunadamente, ese dia non a levo posta. Pero o tipo cachame mirandolle o peito e comeza a roldar. Como non me parece cousa de xeito, decido facer o avion durante un bo cacho. Unha horinha despois, cando se cansa, pasa ao meu caron e dime:
-Bye.
-Bye -respondolle.
-Tchau?!? Mas como tchau?! Es portugues? -xuro por Deus que eu non dixen chao nin nada que se lle pareza. E en calquera caso, que carallo ten chao de portugues?
-Não.
-Como?
-Não sou portugues, não!
-Ai não es portugues, claro. Eu tambem não... -conversacion mas gallega no la ha parido madre en lo que va de historia.
-Não, a serio, não sou.
-Olha, pois falas muito bem.
-Obrigado.
E vaise.

Domingo á noite, en Londres. Vou a un club de mozotes endrogados sinteticos e, nun exercicio de idiotez sen limites, levo unha camiseta de H&M. Ao pouco de entrar vexo un rapaz coa mesma camiseta ca min. Decido non me achegar.

12.8.06

totally devoted to you

E agora, despois dos meus primeiros 7 dias en Londres, tenho por fin vagar para sentarme con calma diante dun teclado britanico, sen acentos nin ningunha alegria ortografica alen dos standards anglosaxons.

Nestes dias xa tiven tempo de facer moitas cousas no centro do imperio. Pero a mais importante e sen dubida a mais facil foi namorarme de Ben. O meu profe de ingles.

23-07-2006/06-08-2006

Esas duas semanas en Galiza foron dunha actividade tan frenetica que non deron para conectarse a rede mais ca en ocasions contadas e breves, as xustas para borrar o spam das contas de correo.

Pero entre os grandes momentos podemos contar:

-andar polas festas do patron e terlle que explicar a minha hospede armenia o que significaban aqueles berros que proferia a xente que andaba arredor da Porta Santa o dia 25 a mediodia. Un par de amigos meus estaban por ali casualmente e cando me viron achegarme a orella da rapaza para reproducirlle "Galiza ceibe" non podian conter as gargalladas.

-subir a Ribadeo para unha divertida cuchipanda e resdescubrir a esquecida paisaxe do norte. Debia haber uns tres anos que estando en Galiza non visitaba ningun lugar a leste da AP9, tirando talvez a cidade de Lugo. A vista de Castropol desde o xardin do parador de turismo de Ribadeo deixoume cativado. Hai que volver con calma.

-Chamanse Mundomix e son varias rapazas duns 15 anos que viven en Bruxelas. Hai unha medio galega medio andaluza, unha flamenca e tres marroquis. A flamenca toca a gaita e as outras tres bailan o solto e acompanhan as pandeiretas con letras en galego e arabe. Duas das marroquis falan tamen aleman porque sua nai criouse en Colonia. Para o ano prometen volver falando o galego mellor ca calquera dos presentes e desde logo xa son capaces de sacarme puntos de muinheira que non dou collido ata a terceira vez.

-nun mesmo dia conduzo desde Ribadeo a SCQ e desde ali levo as minhas hospedes armemia e alema a conhecer Noia, Baronha, Corrubedo, as praias do Carreiron, Cambados, Combarro e Pontevedra, con volta para durmir, rendido, en SCQ. Ainda que durante o caminho procuro evitar a maior parte da costa indo por vias rapidas para ocultarlles o desastre, ao sair da Illa despistome e acabo indo ata Cambados pola estrada. A vergonha inundame: temos un pais tan chungo que me ponho encarnado ao lembrar os meus comentarios de superioridade hai uns meses ante o caos de ladrillos e o cemento de Macedonia. Tetovo-O Salnes, a mesma loita.

-o concerto dos Pet Shop Boys en Vigo resulta un bluf. Francamente aborrecido, serveme para descubrir que pagar por un concerto en Castrelos e ridiculo.

-Cesare encontrase cun vello conhecido en Churruca. O tipo vive actualmente en Londres e 'e o suficientemente estupido para dicirlle, entre outras lindezas, que deberia escoitar menos Ana Kiro. Inmediatamente Cesare interpreta que o estan prexulgando simplemente polo feito de falar galego. Eu estou seguro de que foi asi. Incluso acompanharia ao pobre Cesare a comisaria para ponher unha denuncia por discriminacion linguistica. Mesmo lle axudaria a darlle unha malleira ao fulano. Ata ai todo ben. Pero que me maten se entendo por que tenho eu a culpa de que os ex amigos de Cesare sexan idiotas. Con amor,

-con poucas horas de diferenza, o seu mozo e mais eu mandamoslle cadanseu SMS a m)alicia. O contido 'e o mesmo nos dous casos: puta. Como se sentira un estando tan disputado polos homes?