6.7.05

malditos! infieis!! sacrílegos!!!

O máis impactante para min chegou máis tarde, cando entramos nun turco para comer un Döner Kebab. Segundo The Sobrado, en Liverpool fanse Mix Kebabs, mesturando carne de polo e carne de año (!!).

Anatema!!

molladura

O pobre de The Sobrado está a ter mala sorte. Despois de semanas de suores, terrazas, xelados, lagos e praias urbanas, xusto tras a súa chegada mudou o tempo e onte en Berlín pasou o día enteiro a chover. Disque choveu todo o que sería habitual no mes enteiro.

Á tarde fomos ver a estrea de Nunca, nada, de ninguém, a peza de teatro que estiveron a ensaiar algúns alemáns estudantes de portugués durante este inverno. MJoão tiña un papel e alucinamos coas súas aptitudes interpretativas: para ser de Vila Nova de Gaia imitaba o acento das tías de Cascais duma manaira incrífel.

A The Sobrado pareceulle curioso o sitio onde se fixo a estrea, un casa ocupada por estudantes dentro dun complexo de parques e facultades da propia Universidade, dedicada por completo a local social dos movementos asociativos.

Pero o máis impactante para The Sobrado foi ver á dobre de Claudia Schiffer falando portugués.

o arrastão que nunca existiu


Impresionante documento sobre a manipulación mediática e a capacidade de autosuxestión da nosa sociedade. Obrigado ao Renas e Veados.

5.7.05

a equipaxe de calisto

Pedro sempre ten algunha frase sentenciosa para me deixar matinando uns días. Domingo ao serán ceamos no meu balcón; cando nos fartamos de pasar calor alí, collemos as bicis para ir comer un xelado perto do Halensee e divertirnos cos prezos dos escaparates de Chanel, Bvlgari ou Cartier no Ku'damm, a douscentos metros da miña casa.

Siempre encuentras a alguien cuando te estás yendo de una ciudad foi a pérola do domingo. Hoxe chega Jörg. E para facer valer as súas palabras, Pedro xa ameaza con comezar a alcaiotar. Por se acaso.

Eu o que pasa é que vou voar con Easyjet e non podo levar sobrepeso. De xeito ningún. Nie wieder.

4.7.05

réxime de cama quente

Levente foise onte á mañá e hoxe chega The Sobrado. As sabas e as toallas aínda non deben estar enxoitas de todo, pero malo será que non nos arranxemos.

Pensei que The Sobrado ía vir directamente de Liverpool, pero como colleu as vacacións hai uns días xa fixo unha parada técnica no Carballiño antes de coller o Easyjet de liña para pasar aquí a semana.

Obxectivo: ti tamén.

a noite toda a curtir

A noite do sábado, última de Levente en Berlín, despois do concerto acabamos saíndo cuns franceses que este coñecera o xoves. Tiven así a oportunidade de falar co fulano máis arrogante, suficiente, autocompracido e chauvinista do planeta, un exiptólogo que me provocou unha auténtica reacción francófoba por primeira vez na vida. Xamais me resultara tan ennuyant chapurrar o francés, pero o certo é que quedei farto de esforzarme por entender -e facerme entender- só para escoitar semellante cantidade de babosadas.

O peor, sen dúbida -moito peor ca as cátedras que sentaba o fulano sobre o referéndum da Constitución ou sobre a integración dos turcos na sociedade alemá-, era cando dicía cousas en italiano mirando a Levente para demostrar o cool que era e ao mesmo tempo testar o cosmopolitismo do húngaro. Estiven a punto de soltarlle algunha fina ironía devastadora, pero amolecín cando me decatei do que estaba a acontecer:

-Levente, est-ce que tu as une copine?

O rapaz só quería causar boa impresión...

2.7.05

Live 8

O maior concerto de pop de todos os tempos, disque. Pero o de pop é por dicir algo, supoño.
É gratis, vou aló.

1.7.05

Volkspalast II

Disque é definitivo. Van derrubar o Palacio da República para reconstruír o antigo Palacio de Berlín, o da monarquía prusiana, o barroco. O proceso vai ser lento e demorar varios anos, así que non vai haber unha despedida lacrimóxena previa á dinamitaxe, senón un desmonte progresivo que nos vai permitir despedirnos do Palast aos poucos, día a día. Estou contento de convivir con el nos seus derradeiros anos e ter participado nalgúns dos últimos actos que se celebraron alí. Ademais estou cada día máis convencido de que a reconstrución do antigo palacio barroco é unha grande pailarocada, outro dos erros na rehabilitación de Berlín-leste. Alá eles.

Pagaba a pena conservalo aínda que só fose como decorado do campionato mundial de beach-volleyball. A catedral non pega tanto.

causa-efecto

Estou convencido. Cumprir cos rituais de San Xoán a calquera prezo tivo que ser decisivo para que esta semana viñese tan chea de boas novas. Pero seguramente o determinante foi a adecuación das tradicións á miña circunstancia: que efecto contra o meigallo podía ter unha auga cunhas rosas híbridas da floristaría, unhas caixiñas de menta e romeu do supermercado e uns restos de follas de fiúncho arrincado dun bulbo para ensaladas? Ningún, recoñezámolo.

Por que me obsesiono con conseguir herba luísa, flores de laranxeira ou herba da Nosa Señora se iso en Berlín non se dá? Non ten sentido. No canto diso, este ano aproveitei o bo tempo e o feito de estar indo en bicicleta ao traballo para determe nunhas cantas sebes e roubar un par de flores de cinomomo, unha rosa silvestre dun parque e mais unhas flores de tileiro -todas elas cousas ben abundantes na zona- que resultaron na auga de San Xoán máis auténtica das que fixen aquí.

Non vou relatar como acabei saltando a lumerada nin como acabei comendo sardiñas asadas ao lado do embaixador de Portugal. O caso é que funcionou.

30.6.05

encontros

Escríbeme Ghustavera unha mensaxe preciosa e explícame que estivo lendo durante un tempo estas Crónicas sen se decatar de que me coñecía. E describe a caída da burra como
a famosa anagnórise dos folletíns decimonónicos, mais o programa Encontros da TVG (dígoo polo da túa emigración), mais unha certa sensación de estar violando a privacidade dun diario: íntimo?, na rede???????
O programa Encontros, ese grande referente cultural autóctono. Recoñezámolo: cando Kate, María e toda a troupe ande facendo programas interesantísimos, sisudísimos e guayísimos, todos imos estrañar as grandes risas que botamos a conta da Cacharra.

Ou quizais non?

gaicasoiros

Como reitera (m)alicia hoxe nunha mensaxe, cando veñen, veñen todas xuntas.

Brasilien-Argentinien

Onte chegou Levente, o húngaro, para pasar uns días na miña casa. Coñecino o verán pasado en Budapest e desde entón volvino ver en Compos e París. Agora ten unha bolsa alemá e vive en Frankfurt.

Imos ver o partido no Biergarten do Prater:
El torce pola Arxentina, eu polo Brasil. Os dous bastante relaxados.
El come Bratwurst, eu Krakauer. Os dous bebemos Pils.
El xura en húngaro, eu en galego. Os dous berramos Scheiße!!

29.6.05

!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!

Será posíbel que todas as boas noticias veñan xuntas?!?!
:-DDD

28.6.05

hai que ter arte!

vai por vós

e ti? onde estabas?


No Mauerpark, o parque para ver e ser visto en Prenzlauer Berg. Paola facía anos onte e decidira ir grellar carne ao serán. Eu saín de traballar sobre as 18:30, convencido de que até hoxe pola mañá non se sabería nada, así que non esperaba novas.

Despois de comermos e bebermos, un alemán espontáneo que se uniu á festa sacou unha guitarra e púxose a cantar cancións italianas. Eu falaba cuns e con outros: con Ivan dos problemas da minoría eslovena de Trieste, coa súa moza catalá dos problemas cos xéneros do alemán, con Unai de traducións de Pessoa ao vasco. Mariano e MJoão puxéronse coa bossa nova e foron pasando as horas. Sobre as 00:30 eu estaba cheo de frío e pensando en liscar, pero nunha pausa do balbordo xeral sentín unha mensaxe no meu móbil.

O ecrán do teléfono parecía unha verbena, entre símbolos escintilantes de mensaxes, chamadas perdidas e avisos de batería fraca. Davichini: "Abuelo, pierde el viejo", (m)alicia: "isto está feito, embebedémonos"... Miña nai confirma todo.

Berros, abrazos. Cervexa para todos.

verde de envexa


Malditos, eu quería estar !!

Seguindo coa serie de coincidencias, o 18 de xullo (día de Santa Mariña, ou que pensaban?) un avión vaise pousar en Alvedro comigo dentro. Cando baixe voume tirar ao chan -ao estilo do outro caimán- e bicar a terra dese país novo.

nun, endlich, die Wende!!!!


As flores dos tileiros arrecenden máis, os vendedores de döner kebab son máis guapos, os revisores do metro sorrín coma nunca...

Só mo parece a min ou hoxe o mundo é un lugar mellor?

26.6.05

retrincos

-Pffff, le están metiendo el puño hasta el codo.
-Sí, y a ritmo de samba.



-Do you wanna cum now?
-Yeah.
-Tell me: how?



-Schon fertig?
-Noch nicht.
-Dann lass mich dir helfen.

the place to be

Aínda non puidera ir desde que o abriron hai uns meses. Berghain é o club sucesor de Ostgut. Como o antecesor, está nunhas antigas instalacións industriais da zona de Ostbahnhof, pero en vez de estar nunha nave, coma antes, trasladouse a un edificio enorme que estivera dedicado a transformador de electricidade.

Varios andares, varios ambientes, conserva -coma todo club berlinés in que se prece- todo o aspecto cutre de instalación industrial, coas paredes de formigón visto, escaleiras metálicas exentas no medio de vans enormes entre os andares, lounges de sofás de formigón -feitos de obra- e vidros de cores nas poucas xanelas exteriores, que crean un ambiente irreal coa chegada do amañecer, a estas alturas do ano ás tres e media da mañá. Con este cutrerío industrial contrasta -ou máis ben non- o mural espectacular que ocupa a parede xigantesca do vestíbulo.

Á parte dos espazos máis grandes, onde a xente baila sen parar, hai moitos esconderixos entre antigos transformadores, medias paredes e redes metálicas. Tamén un par de cuartos escuros mixtos que me proporcionaron a miña primeira vez nun cuarto escuro con heteros.

Baixando do Panorama Bar á pista grande, desde as escaleiras a perspectiva é impactante. Catro metros máis abaixo centos de homes sen camiseta, cabezas rapadas suorosas, luces estroboscópicas, fume, mamilos perforados por piercings, pectorais inchados de esteroides.

De todo isto non hai testemuños gráficos. Está absolutamente prohibido facer fotos no local.