15.10.06

goldener oktober

Hai unha semana, Berlín acolleume no seu mellor. Días frescos pero claros, sol e xente sentada fóra. Está comezando o que os polacos chaman o outono dourado: últimas raxeiras ao sol antes do inverno polar e árbores entre o amarelo e o vermello.


A chegada a Berlín, ademais, sempre ten sorpresas relacionadas coas novidades urbanísticas que se produciron na miña ausencia, unha constante nunha cidade que leva completamente en obras desque caeu o Muro. Por exemplo, dentro duns días vai reabrir o Bode-Museum, un edificio que eu aínda non coñezo simplemente porque está en restauración desde que cheguei aquí. As ribeiras do río na zona da estación central xa están deixando de ser un páramo postnuclear en pleno centro para tomar forma de paseo fluvial. En definitiva, todas aquelas cousas que facían de Berlín un lugar francamente estraño vanse atenuando aos poucos. Pero o final aínda está lonxe. Xa o dicían o outro día na tele do metro: os berlineses téñense que facer á idea; aínda quedan outros 15 anos de obras masivas para que isto teña algo de xeito. Mentres tanto, afáganse á lama, o ruído e as pasarelas de madeira.

Iso si, cando acaben vailles quedar isto niquelado.

3 comentários:

Anónimo disse...

Os nomes das estacións do ano, dos días, dos meses, das partes do día (agás a noite) son masculinos en alemán!!! Xa vai sendo hora de aprendelo...

Plattdorf disse...

Usté perdone.

Leva toda a razón. A verdade é que xa vai sendo hora de asumir que nunca vou lembrar cousas como a distribución arbitraria de xéneros en linguas non-románicas. Será que non me acaba de interesar en absoluto dedicarlle disco duro a iso: a miña memoria é profundamente selectiva e por moito que queira non son quen de variar os criterios de selección.

Por iso lle agradezo un seguimento tan atento. Corrixido queda.

Cesare disse...

me río de janeiro mil