11.1.05

MCG

Entre Londonderry e Derry, os de Ryanair escolleron Derry para o seu mapa de destinos, aínda que a forma unionista está discretamente presente no sitio web. De todos os xeitos, o código internacional do aeroporto norirlandés -LDY- non deixa dúbidas sobre quen escribe a historia.

Desde hoxe, Ryanair xa nos agasalla cun -previsibelmente- pouco polémico Santiago de Compostella: a sobreabundancia da letra ele parece ser unha constante nos conflitos toponímicos.

Eu xa estou intrigado por saber que vai acontecer con Easyjet e o aeroporto de LCG.

10.1.05

Rena ou veado?

Ben, de ningunha maneira pense ninguén que é a miña intención comezar a publicar fotos miñas neste blog. Pero, francamente, esta é unha ocasión especial.

Dedicado a Boss e a todas as renas e veados, para que saiban que sempre os temos presentes. Aquí teñen o Plattdorf entre os -por unha vez castos- brazos de Cesare na madrugada do 1 de xaneiro, nalgún dos pecaminosos bares de Santiago de Compostela. Recoñezo máis xente na foto, pero non quero ser o delator dos pecados de ninguén; espero que os interfectos se confesen.

Os cornos non son meus -espero-; tíñaos un vello coñecido e non me puiden resistir a pedirllos para tirar esta foto. O cadro negro tampouco é meu: só está aí por manter as vellas tradicións blogueiras.

meta

Paréceme que acabo de romper unha das convencións do xénero. Penso que até agora nunca escribira smileys nos posts, só nos comments. Dado que este é un blog epigonal, diríxome ao canon (que tamén xoga a canonizador e ademais está canón): que opina, Cesare?

Britain

Aínda non volveron a Berlín todos os amigos, así que convidamos ao pseudococido a un par de portuenses que xa andan por aquí: Xana e Vânia traen o namorado desta, Nico, e contan que foron pasar a noite de fin de ano a Santiago con varios amigos (!!). Tamén vén José Pedro (arf, pensándoo ben), outro rapaz do Porto que vive en Londres e está visitando a Vânia.

Durante a cea falamos de Londres e pouco a pouco vaime renacendo esa ansia que teño por volver ás illas. Estiven en Inglaterra por primeira e última vez cando tiña 14 anos, e na miña memoria Londres xa só é unha pataca ao forno rechea de crema de queixo, unha cabina de teléfono vermella, o Big Ben e unha tenda de roupa cuxa empregada ouviunos falar e veunos dicir que era de Sada. Tamén me lembro dos cantís brancos de Dover desde o ferry, un pouco de Oxford, un pouco máis de Cambridge e moito da casa-museo de Charles Darwin, onde merquei o meu barómetro modelo "viaxe marítima naturalista do século XIX". Despois, todas as miñas andanzas foron fundamentalmente continentais.

Fago reconto de contactos: o Gender-master lugocho en Newcastle, The Sobrados e mais The Chantada en Liverpool. Este verán deixeille a miña casa berlinesa a unha catalá-londiniense que nunca vin na miña vida e supoño que podo solicitar reciprocidade. Botándolle cara tamén está a Tascadora en Oxford (prégase confirmación ou rexeite) ;-) e incluso a colega de Birmingham. E desfacéndome de todo rastro de vergoña tamén lle podo solicitar pousada en Oxford a Henri, a ver que é iso de andarme gastando o blog. ;-)

Onte, dándolle voltas a isto mentres me pelexo cunha lombarda, recibo unha chamada de The Sobrada desde Liverpool. Dígolle que non sei que faga nos case dous meses de vacacións que teño no inverno: se vaia a Inglaterra a visitalos a todos e pasar un par de semanas en Londres ou se vaia para A Coruña para aforrar un pouco e para facer esa psicoterapia pola que levo chiando anos e anos. Ela dime que en Londres tamén podo durmir na do Chévere e mesmo na dese amigo seu que vive nunha casa en Notting Hill.

Eu cada día estou peor da cabeza e, insisto, non sei que faga, se as frita, se as coza...

9.1.05

enchentes

Falo con Maria João o día sete e en dous minutos, aínda non sei moi ben por que, decidimos que queremos facer un cocido para celebrarmos o día de Reis (???). A receita do cocido de Vila Nova de Gaia non é exactamente a mesma ca a da Coruña, pero as semellanzas son tantas que non encontramos problemas en establecermos unha receita común integradora (ía dicir supradialectal, en que terei a cabeza... ;-P): eu acepto a cenoira e ela acepta o grão de bico.

Achégome ao Aquí España, unha tenda dun portugués (...) que ten cousas de por aí abaixo. Collo un quilo de garavanzos, compro un bolo-rei e, sorpresa!, Tartas Ancano fai chegar a Berlín as súas tartas de Santiago!! Despois vou ao supermercado para facerme cunhas coxas de polo, patacas e algo bastante parecido a un repolo.

Por suposto que aquí non podemos conseguir carne salgada de porco, e non falemos do prezo que pode ter o xarrete de vitela, así que todo queda nun pseudo-cocido de post-Reis con pouca traza e menos xeito. De todos os xeitos, Maria João pon a cocer un pouco do touciño, do raxo curado e das chourizas que fai a súa avoa na aldea, perto de Viseu, e cando metemos o repolo e mais as patacas na pota, o cheiriño característico do cocido invade a casa.

Tanto para ela como para min é o primeiro cocido que facemos e rímonos pensando no impulso patriótico-gastronómico que lle entra a un na emigración. Algunha das convidadas, do Porto, mesmo confesa que nunca comera sardiñas até chegar a Alemaña. Hai un par de anos eu tamén fixen en Berlín as miñas primeiras filloas.

Mec, mec!!

En Sylvester, a noite do 31 de decembro, os berlineses dedícanse a saír á rúa e tirar foguetes sen parar, algo así como a noite de San Xoán en Barcelona. O día que cheguei fixen unha primeira rolda de recoñecemento pola casa e saín ao balcón para verificar que non houbera inundacións nin outras desgrazas similares. A pesar de vivir nun terceiro andar, no chan topei tres foguetes completamente mollados e supoño que inofensivos; por se acaso preferín deixalos fóra toda a noite. Á mañá seguinte descubrín que a tres metros do balcón, enredado nas pólas dunha árbore, había outro foguete de estilo máis espacial, talmente da marca ACME.

Agora ando preocupado: non sei se o foguete xa estouparía e estou fóra de perigo ou se nos próximos días vou ser vítima dunha das aliborias do Coiote.

...e bonito por natureza

Estou flipando. Normalmente, xaneiro e febreiro son meses xélidos en Berlín, con semanas enteiras en que a temperatura non supera os cero graos en ningún momento nin do día nin da noite. Os ríos e as canles conxélanse, e sobre os lagos pódese patinar sen problemas. O frío non permite que a neve se derreta, de maneira que camiñar pola rúa vaise convertendo nunha actividade de risco cada vez máis frustrante, cos expertos alemáns mantendo a súa velocidade de cruceiro sobre o xeo e os inseguros meridionais dubidando como pousar os pés a cada paso.

A sorpresa chegou o mesmo día que voltei. Día catro de xaneiro: A Coruña, 13 ou 14 ºC. Madrid, unha hora despois: "señores pasajeros, en breves momentos aterrizaremos en el aeropuerto de Madrid-Barajas, la temperatura es de 2 ºC". Brrr! Berlín, sete horas despois: "señores pasajeros, en breves momentos aterrizaremos en el aeropuerto de Tegel, donde la temperatura es de 8 ºC". "Bajo cero", esperei que dixese, pero deixou a cousa así. 8ºC positivos!?!?!

Aínda lembro a aterraxe en Berlín tras o meu primeiro Nadal de emigrante. Noite pechada ás cinco da tarde e todo cuberto de neve. Ía ollando desde a xanela do avión mentres nos achegabamos á terminal, xusto despois de pousarnos en terra. O vento dos propulsores dos outros avións erguía cristaliños de xeo do chan e lanzábaos ao aire, facéndoos brillar uns segundos mentres eran alcanzados pola luz dos potentísimos focos do aeroporto; despois perdíanse na escuridade. Pouco tempo despois chegaban as noites de vinte graos baixo cero.

Agora, pola contra, a incredulidade crece día a día: para mañá espéranse máximas de 14ºC (!!) e non se enxergan sinais de remisión deste inverno tropical.

De que proezas polares vou fardar este ano?

7.1.05

Gai... de provincias

Nas viaxes entre A Coruña e Berlín normalmente teño que pasar unhas horas nos aeroportos de Barajas ou El Prat. Cando toca Barcelona, non hai dúbida: chamo os colegas para irmos xantar, visito algún ex-amante, lémbrome doutros... E sigo flipando coa cidade. Por razóns variadas, sempre tiven máis contacto coa Rambla que coa Puerta del Sol, e incluso estas Crónicas estiveron a punto de ser catalás e non prusianas.

Pero desta vez tocou Madrid. Só tres horas. Esta cidade coñézoa moito menos, e teño menos contactos, así que a solución foi ir dar unha volta rápida por Chueca, que xa o teño algo máis trillado, para botar unha ollada nalgunha libraría do gremio. Nestas chámame Cesare e pónseme a berrar por ir facer o que todas as maricas de provincias, con todo o que se pode facer en Madrid.

Carallo, que tiña tres horas en total, metro incluído! Se nin sequera tiña moi claro se ir ao centro ou ficar no aeroporto... E non me arrepinto da miña decisión, porque sempre me cadrara Madrid en fin de semana e desta volta dei entrado por primeira vez na tenda de Glam, con esa roupa de Fernando Cuevas que me tolea desde os 22 anos e da que só chegan catro cousas a Ulán Udé en Santiago e a One na Coruña. Mágoa non ter máis tempo, porque ía facer unha desfeita consumista.

De súpeto lémbrome de que teño que mercar Flanín, un -curioso- encargo dunha compañeira de traballo. Entro nunha tenda de chineses e pregúntolle á dona se teñen "polvo para hacer flan", ao que responde -puritito tópico- se o que quero é "azaflán". Xúroo.

Aproveitando que aínda estou no país telefónico, chamo a Dagha, que me fala de cartas astrais e bonitos encontros en Terranova. Probo tamén con Elfnoldo, pero como nos deitamos tan tarde aínda dorme.

Cando me decato, falta unha hora para o embarque e estou na rúa de Fuencarral. Estrés, estrés, Mar de Cristal, estrés, Campo de las Naciones, estrés, Aeropuerto, estrés, case non hai xente no control de metais e chego con tempo de sobra.

Xa no avión, vou pensando sobre Madrid. Despois de falar con Dot, con Cesare, e con moita outra xente, decido que teño que descubrir esa famosa cara amábel do poblacho manchego. Quen me asesora?

Eficiencia vs. pracer

Xa sei, xa sei que o sistema aeroportuario galego non é o culmen da eficiencia, son plenamente consciente. Pero amigos, ninguén pode negar o enorme pracer para a vista que é chegar ou partir de Alvedro. Nas aterraxes procuro sentar nunha xanela da dereita, e desde Ferrol vou recoñecendo toda a xeografía do Golfo Ártabro en tres brevísimos minutos: o Prior, Ares, a Marola, Dexo, Seixo Branco, a Torre de Hércules coas Sisargas ao lonxe, o faro de Mera, Canide, Breixo, o castelo de Santa Cruz, o tellado da miña casa!, a praia de Bastiagueiro, a praia de Santa Cristina, a ría do Burgo e pum, as rodas na pista.

Normalmente as nubes impiden unha panorámica máis xeral e só se pode contemplar todo isto cando o avión xa -ou aínda- voa moi baixo. Pero este catro de xaneiro o ceo estaba limpísimo e azulísimo, así que non puiden tirar os ollos da paisaxe durante moito tempo.

Grandioso. Nunca puidera ver exactamente ao mesmo tempo todas estas cousas: o porto da Coruña, a península de Oleiros e Sada, Betanzos, Ferrol, a central térmica das Pontes, Oza dos Ríos co seu paso elevado do tren, a serra do Xistral e lonxe, pero recoñecíbeis, os cumes nevados das montañas cantábricas, xa en Asturias. Impresionante, e todo ao mesmo tempo, só con saír o avión. Eu ía do lado do norte, non quero imaxinar até onde se podería ver polo sur.

Seguín atento, pero non fun capaz de recoñecer nada novo até que chegaron os Ancares, que se vían coma uns xoguetes ante a proximidade das montañas de Asturias. Polos viadutos da autovía encontrei Pedrafita e un chisquiño máis adiante apareceu o Bierzo como unha poza redondiña e branca entre montes: a néboa non se levantara aínda do val, e daba gana de soprarlle coma á tona do leite para poder encontrar Vilafranca, Ponferrada. Despois da Maragatería, a chaira de Castela, sempre cos picos nevados do cantábrico ao norte e, pouco a pouco, tamén coas neves do Sistema Ibérico ao leste. Do outro lado diso está Aragón, e o Mediterráneo, pensaba eu, e non había vinte minutos que estivera vendo a ría da Coruña.

Que pracer, meus.

P.S.: de acordo: a meteoroloxía, xunto coa xeografía, son dous praceres ocultos que dan conta do meu absoluto friquismo.

6.1.05

O porco é sagrado III

Ah, por certo, en Noiteboa non comeu o raxo asado, pero si bacallau e coello. O malo é que no cocido do xantar de Nadal fíxoselle unha sopa á parte con alloporros para disimular, pero despois non nos atrevemos a confesarlle que o repolo, as patacas, o xarrete, a galiña e todo o que estaba comendo en xeral ía feito na mesma pota ca os chourizos, a costela, o lacón...

Somos uns monstros?

O porco é sagrado II

O meu radar non se trabucaba.

Corenta e moitos, rapado, ollazos, guapísimo. Arquitecto e xestor ambiental do porto de Oakland, vive nunha casa de madeira en San Francisco. Até que se puxo a estudar Dereito, hai uns meses, erguíase ás cinco da mañá para adestrar co seu equipo de natación antes de entrar a traballar. A súa familia, estirpe yiddisch, provén da Galitzia polaca, por unha banda, e ucraniana, pola outra, e escaparon a Nova York na época dos pogroms. Antes de caer o muro viviu en Berlín, no distrito de Schöneberg, onde aínda conserva amigos. Ademais de inglés, fala alemán, portugués e un castelán impresionante. Demostra grande interese polas nosas historias porque súa irmá é profesora de universidade e dirixe o seu labor investigador cara á recuperación da memoria histórica de Galitzia, hoxe dividida entre Polonia e Ucrania. Maniféstase horrorizado polo urbanismo galego -tedes cidades sen árbores; é posíbel que se vaia edificar nos terreos liberados polo traslado do porto, no canto de deixalos como espazos públicos de reencontro co litoral?; de verdade que se derrubou un castelo do século XVII para construír un porto petroleiro?!?!?!- e encantado polo trato que lle damos.

Cando eu tiña tres anos estivo nunha sardiñada multi-culti na miña casa. Eu non me lembro.

Normalmente estrésome pensando que nacín demasiado cedo. Quen sabe se non é ao revés...

5.1.05

(whatever)sucker


Home, si, entre outras cousas eu tiña pensado dicir que Ascárida fora un dos grandes descubrimentos da xornada, e que o deseño de orballo engana. Pero agora xa non sei que faga, porque vai soar tanto a zugada de pirolas...

4.1.05

Honra

Meu Deus, que vergoña. E que pracer, claro. :-)
Non podo facer menos ca seguir inmediatamente os consellos de María:

schon wieder...

...estou de volta en Berlín. O silencio destes últimos días non fai máis ca confirmar o que levo pensando hai tempo: canta máis vida, menos blog.

Non hai quen mo quite da cabeza. Ou polo menos iso é o que vale para min.

Precisamente por iso, pola moita vida e polo pouco blog destas semanas, teño cousas a eito para contar. E precisamente polo mesmo estou tan cansado e teño tanto sono (xa van tres noites case sen durmir) que teño que deixar os informes para outro momento.

Xa veremos que é o que pasa a peneira da actualidade.

1.1.05

23.12.04

O porco é sagrado

Estes días quería escribir con calma sobre a anécdota do Nadal deste ano na miña casa. Na cea de Noiteboa e no xantar de Nadal imos ter o Richard, un xudeu estadounidense, como convidado. Ninguén alleo á miña familia pode imaxinar a profundidade dos argumentos e a intensidade dos debates das últimas semanas sobre a conveniencia ou non de presentar na mesa, tras o bacallau con coliflor, un asado de raxo con castañas canda os outros asados de carne. Claro, o fulano non come porco, pero o menú de Noiteboa nesta familia é estritisimamente tradicional, e se morren antes que permitir que o marisco o profane, moito menos van deixar de servir o asado de raxo.

O asunto é que un encontro fortuíto desta mesma tarde permitiume saber que o asunto kosher non vai ser o máis interesante do Nadal. Hoxe non teño tempo para escribir máis, pero podo adiantar que Richard vén de San Francisco.

Mañá máis.

Que difícil

Revelde colleu hoxe vacacións e, demostrando o horror atávico dos composteláns pola Coruña, foise esta mesma tarde para o sepulcro do santiño. Combinamos unhas horas antes de que se fose con Caladinha cara ao sur e xantei con el e mais con Elfnoldo. Laretamos, lercheamos, e nun xesto de enorme magnanimidade –non esaxero, e eu sei por que o digo-, deixoume as chaves do seu piso coruñés para estes días de ausencia.

Porque claro, en concordancia con esta adolescencia mal curada que arrastro desde os 18, a estas alturas do campionato véxome por primeira vez na miña vida sen ter onde pinar: cando me veño de Berlín volvo á casa de meus pais, e Elfnoldo tamén vive coa familia. A vella canción do Simca 1000 toma un novo sentido para min e o Citroën Xantia non mellora moito as cousas.

Teño a sensación de que usar esa cama vai ter algo de profanación dos santos lugares, pero comparado cos cabezazos contra o teito do coche ou a tensión de procurar un cuarto nun hostal e que os donos che digan sistemática e sospeitosamente que xa non teñen sitio, a casa de Revelde vai resultar tan charmante coma un Hilton.

20.12.04

Psicoterapia

Vólvoo ver e as cousas seguen como estaban: a beleza de Elfnoldo déixame sen folgos e faime sentir tan afortunado que non o podo crer: onde está o truco? Por outra banda, reafírmome no que pensaba: vivimos en dimensións paralelas, e os espazos de tanxencia que nos esforzamos en crear teñen a mesma cor esvaída da Santa Compaña ou dos compañeiros de piso de Nicole Kidman.

Falamos horas e horas, bebendo chá hindú na Cidade Vella ou -sobre todo- no coche, e por veces sorpréndeme con momentos de xenialidade. Estacionamos diante da súa casa, fóra orballa e as xanelas do coche embáfanse, son as dúas da mañá e lánzome de novo sobre el. Ríndose, ameázame con chamar a súa nai, porque sabe o efecto refrixerante que me provoca. Aproveita a miña retirada para saír do coche e despedirse. Sorrí.

Trapos

En moitas ocasións, para asistir a determinados actos non me atrevo a vestirme como realmente me apetece, así que acabo disfrazándome cunha indumentaria da que me arrepinto inmediatamente despois de saír pola porta da casa. Por que me fago isto? Se engadimos os problemas de dispersión do armario provocados pola bicoastalidade, non é de estrañar que sábado fose para a RAG cunha mochila con roupa para me mudar á saída do acto.

E así foi. Minutos antes de recoller a Dagha no vestíbulo da estación, mudeime de cabo a rabo dentro do coche, mentres sorría imaxinando a Cesare mudándose nos baños do Dublín só unhas horas antes.

A camisa de Cesare era espectacular e a combinación de cores -se non me engano moito, debida en última instancia a Fufli, prégase c. ou r.- moi, moi acertada. O da talla do pantalón: unha carallada. Reláxese: Elfnoldo e mais eu concordamos en que para levar unha auténtica 46 tería que vostede almorzar, xantar e cear exclusivamente lardo de porco durante seis meses, e non sei se así...

Dagha sorprendeume con ese abrigo impresionante, nante, que viramos en setembro e que non se atrevera a mercar daquela. Bravo.

E seguindo co tema: nunca lle merquei nada a Antonio Pernas. Debería comezar unha campaña de boicot na miña familia, que o ten nos altares?

...cásate cun mariñeiro, que vén lavado do mare

Reafírmome na miña idea: Dagha vive unha espiral de desenfreo. Malia todos os anos que hai que a coñezo, por cuestións variadas nunca a vira saír de pesca, e estou moi sorprendido da súa habilidade cos engados, as liñas, as chumbadas e os anzois.

Nin Revelde nin eu lle aceptaremos máis queixas, sáibao.