11.1.06
noite de Reis
Esa noite deitámonos tarde, repartidos polos cuartos, e á mañá seguinte -exactamente ás 06:30, porque había que ir traballar- espertamos, tiramos as legañas dos ollos e descubrimos que os Reis fixeran o seu traballo e deixaran cousiñas para todos, alén de prepararnos un enorme almorzo colectivo na cociña vermella (a cociña azul estaba chea de botellas de cervexa da noite anterior).
A min tocoume unha bolsiña de lambonadas con bastante regalicia negra. Parece que non avancei moito desde o carbón de azucre da infancia.
púxoo Plattdorf 2 comentario(s)
10.1.06
9.1.06
O Tannenbaum
Non me acabo de explicar como é posíbel que nun país coma este, que por mor da súa conciencia ecolóxica mantén o alumeado público na súa expresión mínima (por non dicir ridícula) e obriga os cidadáns a unha estritísima separación do lixo, todos os anos no mes de xaneiro se acabe producindo este espectáculo.
Ducias, centos, miles de árbores de Nadal cortadas, usadas e deitadas na rúa durante días e días á espera de que pasen os servizos de recollida.
Aquí os indíxenas alegan que estas árbores xa son criadas para isto, así que non se está afectando o equilibrio do ecosistema.
Do que non parecen entender é da dor de corazón.
Lástima de abetos, que diría o outro.
púxoo Plattdorf 2 comentario(s)
friaxe
A xelidez é total. Entre o día de Nadal e o de Ano Novo caeron en Berlín unhas nevaradas tremendas que eu non vivín por estar en coordenadas moito máis sudoccidentais. Desde entón non caeu ningunha folerpa máis, pero con temperaturas coma as que estamos tendo, de -10ºC de mínima e -3ºC de máxima, a neve non se derrete.
Iso si, hai unha grande diferenza entre o centro da cidade e o bairro residencial en que me toca traballar. Mentres no centro as cuadrillas de limpeza xa foron reducindo a neve a pequenas moreas grisallas,
nos arredores a paisaxe mantense nevada e as zonas de paso teñen unha perigosa capa de varios centímetros de xeo, produto da neve tripada por milleiros de pés. Así que camiñamos e fumegamos, coma locomotoras de vapor, sobre unha superficie irregular de cristal pulido. De cando en vez alguén esvara, consegue manter o equilibrio e todos os presentes intercambian olladas de solidariedade circunstancial.
A aventura diaria de ir ao traballo.
púxoo Plattdorf 2 comentario(s)
despedida da Diva
púxoo Plattdorf 0 comentario(s)
7.1.06
linguaxe corporal
Nooon, dime. Isto faino todo o mundo. E coidado, ponse serio; se algunha vez vas ti só a Istambul non se che ocorra facer estas cousas pola rúa, porque che pode pasar algo. Só se vas comigo: eu controlo e sei cando se poden facer.
Un mestre, vamos.
púxoo Plattdorf 2 comentario(s)
alt werden
Dispensando as súas caras.
púxoo Plattdorf 2 comentario(s)
hang
Xa eramos practicamente os últimos que quedabamos alí, sobre a unha da mañá, cando lle pedimos ao barman que parase a música para escoitar a tal marabilla de Berna. Co ambiente místico que se creou, a Diva non puido evitar a performance.
E, en habendo performance, Benjamim non puido evitar participar.
Teño un móbil que non o merezo.
púxoo Plattdorf 0 comentario(s)
troupe
Pero non veu soa. Estes días formou parte dunha troupe que percorreu Berlín armando escándalo, tirando diñeiro de cantar no metro, bailando e bebendo: Benjamim e Plãota xa saíron nestas Crónicas nalgunha ocasión, pero desta vez tamén viñeron Éuscaro e Ludovico. Éuscaro, que fala polo b pero xa moraba na metrópole cando nos recibiu a Elfnoldo e a min para saírmos unha noite con Benjamim, ten aire de gai de filme americano, médico e actor, serio e divertido, charmant e, a pesar de todo, cuscubilleiro sen parecelo. Ludovico, o seu mozo, malia ser o único actor profesional, é capaz de manter o seu ego perfectamente á raia até mesmo ser o menos visíbel. Até mesmo conseguir ser o máis atractivo.
púxoo Plattdorf 0 comentario(s)
6.1.06
diva
Benjamim pasa o Nadal en Berlín e, comme d'habitude, enche a cidade de personaxes, algunhas coñecidas, outras non. A máis impactante, a Diva.
púxoo Plattdorf 1 comentario(s)
3.1.06
tipoloxías I
Namorou desa forma salvaxe e arrebatada que senten os que teñen feito moito e sentido pouco.
púxoo Plattdorf 3 comentario(s)
avión
Act.: Google Earth confírmamo, é Marsella.
Voo de volta a Berlín (Air Berlín, Santiago-Mallorca-Berlín, 2 de xaneiro) porque só me podo escaquear un día e desde o mesmo luns xa se traballa con normalidade überall. Boto contas e penso que nos últimos meses collín bastantes máis veces o avión do que cortei as uñas dos pés.
É mazo de diferente o tipo de público que voa a Alvedro, predominantemente executivos en viaxe de traballo, e o que encontro en Lavacolla, emigrantes e turistas do Imserso. Tampouco é o mesmo aturar as asistentes de voo de Iberia (SEÑOR, NO PONGA ESO AHÍ!!) (drop your attitude!) ca cuadrarse diante da amabilidade ríxida das alemás de Air Berlin (GuteFahrtnachHausetschüssundaufwiedersehen!!).
Xa coñezo de vista algúns dos asistentes de voo de Easyjet e adoro reparar na bandeiriña que levan na lapela, a carón do seu nome. Se son británicos (nacionalidade por defecto, suponse), non hai bandeiriña ningunha, pero aínda lembro a bandeira sudafricana dun loiro enclenque (Easyjet, Londres-Madrid, 5 de decembro) e o acento rarísimo dun sobrecargo mulato francés que se encargaba persoalmente, sen recorrer ás gravacións, de darnos as indicacións en inglés, alemán e castelán (Easyjet, Madrid-Berlín, 12 de decembro).
As coincidencias son moitas. Pasaxeiros anónimos que van e veñen os mesmos días ca ti, coñecidos que atopas nos aeroportos... Un deses días (Spanair, Coruña-Madrid, 12 de decembro), esperando pola maleta en Barajas, reparei nunha rapariga. Cruzamos as olladas e a cousa non foi a máis, pero quedeime con ela. Ao día seguinte, casualmente, souben quen era.
púxoo Plattdorf 0 comentario(s)
Wally
Non foi intencionado, pero o caso foi que revisando as fotos dos últimos días decateime de que Cesare sae nesta foto. Premio para quen o identifique.Por suposto, o interfecto está excluído.
púxoo Plattdorf 7 comentario(s)
gorilas
Pero que néboa? Os do fondo sur non puideron ver o primeiro gol porque había un momento que botaran un fato de bengalas xuntas e o fume fíxoos desaparecer por completo. Até ameazou con cubrir tamén a meta uruguaia.E por certo, aviso a navegantes. Eu teño un limitado, pero certo, pasado en Riazor, tanto na fase de levarme meu pai como na fase adolescente superdépor (¡Hola, Especial Niños!-¡Hola, General!). Era a época en que Bebeto vivía nunha urbanización da miña parroquia.
E xa non conto as numerosas veces que papei o Teresa Herrera íntegro en primeira liña, nas pistas de atletismo do vello Riazor. É o que ten que che encarguen amenizar os descansos con bailes regionales.
púxoo Plattdorf 2 comentario(s)
inverno

As laranxas aínda non maduraron por completo por culpa da sombra dos novos edificios. E iso de que o acivro dá as bólas polo Nadal debe ser un mito nórdico ou de alta montaña. Na casa xa case caeron todas.
Feliz Ano Novo.
púxoo Plattdorf 0 comentario(s)
13.12.05
Barcelona gústame máis ca Madrí
Agora mesmo escribo isto no avión de volta a Berlín e tamén me lembro dela. Dos relatos das súas viaxes, que me foron dando pistas sobre un mundo que eu aínda non vira. Das viaxes máis domésticas en que a acompañei.
Nápoles, máis suxo ca Roma; en Venecia perdérase o Lugués e a súa muller houbo tolear mentres non aparecía. No metro de Nova York, camiño de Coney Island, Carme, imos por baixo do mar!. Un negro de ollos grandes no carnaval do Rio de Janeiro, os vellos coñecidos en Buenos Aires, o lucerío nocturno dos ranchitos ao entrar no val de Caracas. En Ibiza, non se me quería bañar máis que na piscina, camelos nas Canarias, o cura en Tanger. Onde estará esa Sevilla. Unha bolsa de mazás doces á beira do Arenteiro, onzas de chocolate La Carballinesa, tona con azucre, culleradiñas de café negro.
A min tamén.
púxoo Plattdorf 13 comentario(s)
humanidade
A chamada soou no meu móbil nun momento en que estaba só na saída dunha estación de metro da zona 2 de Londres. Estaba tendo conta da miña equipaxe e mais da de The Sobrado, que ía nun recado antes de coller o tren de volta a Liverpool.
As bágoas xa acompañaran as últimas palabras do telefonema, pero deixar o móbil trouxo o choro aberto, os saloucos, as mans agachando a cara. Polas cóstas sentín unha voz:
-Please, don't cry. Oh, please, don't cry.
Cunha mestura de sorpresa e desconfianza, reparei na rapariga de ollos acuosos -compasivos no sentido máis recto da palabra- que me estendía unha man.
-Don't cry. Everything will be all right, you'll see.
Case non puiden articular un thanks. Despediuse.
-Have a nice day.
-Thank you very much, puiden reaccionar finalmente, colléndolle a súa man entre as miñas.
En poucos minutos chegou The Sobrado para me salvar nun abrazo inmenso. E funme de Londres cos ollos dela e os brazos del.
púxoo Plattdorf 1 comentario(s)
fin da infancia
Pouco antes de voltar para Berlín e despois dunha fin de semana de felicidade en Londres, ás once da mañá recibo unha chamada urxente da miña casa.
Ás once da noite, uns segundos antes de aterrar en Alvedro, logro identificar desde o avión a casa en que naceu, a casa en que viviu e o hospital en que, poucas horas despois, acompañarei na morte a miña avoa.
púxoo Plattdorf 5 comentario(s)


