21.10.06

sandar


SANAR

Las lágrimas van al cielo
y vuelven a tus ojos desde el mar.
El tiempo se va, se va y no vuelve
y tu corazón va a sanar.

La tierra parece estar quieta
y el sol parece girar,
y aunque parezca mentira
tu corazón va a sanar.

Y va a volver a quebrarse
mientras le toque pulsar.
(...)
JORGE DREXLER, 12 segundos de oscuridad.


Onte fun a un concerto de Jorge Drexler, máis ca nada por compromiso e amizade cos organizadores. Era o primeiro concerto do uruguaio en Alemaña e, aínda que fose na cidade de orixe de seu pai, había medo de non encher o local.

Drexler sorprendeume positivamente, porque non son eu moi fan do seu estilo. De todos os xeitos, foime bastante complicado concentrarme. A imaxe dun home cunha guitarra levábanme a mente a outras cousas.

Hai algo menos dun ano, eu estaba en Londres e recibín unha chamada que me obrigaba a viaxar inmediatamente a Galiza. Na desesperación do momento, o abrazo de The Sobrado foi unha salvación.

Luns pasado, en Liverpool, el viviu o mesmo e non houbo quen o abrazase até aterrar en Vigo.

16.10.06

cubículo

Deus, a canción está ben, pero o vídeo arrasa.

15.10.06

os nomes escandinavos séntanvos tan ben...

Pel douradiña, ollos algo rasgados, antepasados xaponeses, portugueses, españois e quen sabe o que máis. Ten un deses nomes acabados en -son e é, claro, paulista. Ten a miña mesma idade pero podería pasar polo meu fillo. Nos últimos tempos viviu un mes en Lisboa, tres anos en Madrid, seis meses en Barcelona, tres anos en Düsseldorf e un mes en Berlín. Estaba na festa de onte. É o meu próximo desideratum.

Tofu Pastete nach Galicischer Art

Onte estaba convidado a unha festa de despedida dun rapaz que deixa estas chairas prusianas polos doces aires que soben do lago de Garda cara aos Alpes. Como é vegano, pedira que levásemos algo de comida sen carne, peixe, leite nin ovos. A poder ser, tamén sen alcol. Picado no meu orgullo, decidín non levar unha ensalada ou un tabule para non pasar polo típico carnívoro que non sabe cociñar se non hai colesterol polo medio. Foi así que surxiu a idea dunha empanada de tofu.

Pero en realidade o importante non é que a empanada fose de tofu ou de parrochas. O verdadeiramente importante, o que converteu o serán de onte nun momento histórico, foi que esa foi a primeira empanada que fixen na miña vida. E aínda que a infraestrutura da miña casa é máis ben precaria, cun forno eléctrico de xoguete e un molde desmontábel de biscoito fixen unha empanada vegana que había que vela. Acaba de comezar unha nova era na miña vida.

Aí a teñen, antes e despois de entrar no forno (in memoriam do inesquecíbel post da robaliza do finado de Todonada, D.U.P.):

P.S.: ao final non fun á festa vegana. Xurdiu outra opción bébedo-colesterólica que non puiden rexeitar.

torres no aire


Lévalo facendo toda a vida diante do espello do armario pero coa porta do cuarto ben pechada? Agora pódelo facer diante dunha masa enfervorizada de fans ansiosos por unha pinga da túa suor.

Participa nos Campionatos Mundiais de Guitarra de Aire.

E non é que teña nada que ver cos campionatos, pero xa que estamos:

goldener oktober

Hai unha semana, Berlín acolleume no seu mellor. Días frescos pero claros, sol e xente sentada fóra. Está comezando o que os polacos chaman o outono dourado: últimas raxeiras ao sol antes do inverno polar e árbores entre o amarelo e o vermello.


A chegada a Berlín, ademais, sempre ten sorpresas relacionadas coas novidades urbanísticas que se produciron na miña ausencia, unha constante nunha cidade que leva completamente en obras desque caeu o Muro. Por exemplo, dentro duns días vai reabrir o Bode-Museum, un edificio que eu aínda non coñezo simplemente porque está en restauración desde que cheguei aquí. As ribeiras do río na zona da estación central xa están deixando de ser un páramo postnuclear en pleno centro para tomar forma de paseo fluvial. En definitiva, todas aquelas cousas que facían de Berlín un lugar francamente estraño vanse atenuando aos poucos. Pero o final aínda está lonxe. Xa o dicían o outro día na tele do metro: os berlineses téñense que facer á idea; aínda quedan outros 15 anos de obras masivas para que isto teña algo de xeito. Mentres tanto, afáganse á lama, o ruído e as pasarelas de madeira.

Iso si, cando acaben vailles quedar isto niquelado.

heimat

Ao final, nunha semana que pasei alí a Galiza non lle deu moito tempo de ser moi distinta. Pero as mudanzas estaban aí, materializándose aos poucos. Aínda así, a sorpresa maior foi atopar a meus pais incomodados entre si. Será pola falta de costume, será pola miña consabida covardía, pero a situación obrigoume a fuxir da casa e ao final acabei pasando boa parte da semana entre Santiago e o San Froilán.

Non, non me dou acostumado á sensación de que me necesitan.

1.10.06

tristeza post-coitum

Hai catro días, ao aterrar no aeroporto Sá Carneiro do Porto souben que ese día chuvioso ía marcar un antes e un despois en moitas cuestións. Non me enganaba. Levo dous meses a cabalo entre Londres e o Brasil, vivindo nunha burbulla. Pero agora... Fuegho retorna definitivamente a Galiza despois de cinco anos en París. M)alicia parece encarreirar a súa vida laboral e faise grande. Cesare lisca do país e comeza por establecerse en Escocia. A seguinte xeración da miña familia avanza ficha: un neno que vin nacer, a quen lle mudei os cueiros e lle dei o biberón, vaise mañá para Santiago a comezar a súa vida universitaria e repite así unha historia da que eu mesmo fun protagonista doce anos atrás.

É por iso que nin Galiza, nin Santiago nin eu volveremos ser os mesmos. Dentro dunha semana comeza o que pode ser o meu último ano en Berlín. E veremos o que acontece.

últimos días

Desde Rio, Búzios recibiunos soleado e case sen arxentinos. Ouro Preto despregou o seu clima de montaña e mostrounos baixo o orballo o seu pasado de febre do ouro, pero deixounos claro que agora do que realmente vive é do turismo e dos precarios concesionarios de automoción, dos talleres de motos, das tendas de pezas para o motor que tanto alí como en Mariana florecen pola beira da estrada.

Despois, noites de ônibus, outra vez Rio, cansazo, Recife, avións, Natal, noites transatlánticas e finalmente Lisboa. "Senhores passajairos" soou tan mal que non puiden reprimir un aceno de anoxo.

deputaaado estaduaaaaal...

Foi chegar ao Brasil e verse envoltos pola campaña electoral e pola sorpresa das súas particularidades. Por unha banda, as persoas-bandeira que hai cada poucos metros nas estradas e rúas do país, todo o día de pé ou sentados en cadeiras de plástico, sós ou en grupo, termando da bandeirola do candidato que lles pagou máis por estar así. Pola outra, a enorme cantidade de diñeiro que se inviste en música: cada candidato ten unha sintonía persoal, normalmente cancionciñas animadas en que se repite moito o seu nome e o seu número para a elección (cada candidato ten un número que o identifica no momento de efectuar o voto; por exemplo Lula é o 13). Despois de pagos os músicos aínda hai que pagar para que centos de coches circulen o día enteiro con esas músicas saíndo de equipos de megafonía tan grandes que ameazan con esmagar os vehículos, ou polo menos con esfondar os amortecedores.

24.9.06

riogayguide

O que non sei é como non me decatei antes...

A casualidade fixo que o meu aloxamento en Rio de Janeiro fose durante estes días un albergue no medio e medio da zona gay de Ipanema, na esquina de Barão da Torre con Farpe de Amoedo. Por iso non quixen evitar coñecer o que se cocía por estes locais.

Despois dun par de horiñas en Le Boy, o mulato máis espectacular do local, descamisado e con viseira, abandonou o grupiño que se fora formando ao seu arredor no mazadeiro e púxose ao meu lado. Aos poucos minutos xa estabamos; eu non o podía crer. O rapaz mantiña os ollos pechados, como finxindo estar algo aturdido, pero non o atribuín a nada en especial. Cando a cousa foi pasando a máis notei certa resistencia. Insistín e volveuse resistir. De repente decateime do que estaba pasando: aquel rapaz non estaba alí por deporte...

Confirmoumo cando abrín os ollos e me separei: chascou a lingua, deu un paso a un lado e liscou, perdéndose entre a xente.

O seguinte era enxeñeiro e de São Paulo. Moito máis cariñoso. E gratis.

23.9.06

exóticos

Non fan falta moitas luces para entender que dentro do Brasil hai varios países, cada un máis interesante ca o anterior. Fronte ao exotismo sen matices de Bahia, africana, suorosa, con cheiro permanente a aceite de dendê, Rio de Janeiro preséntase cun exotismo máis domesticado. Isto é unha cidade occidental posta no medio do trópico, e iso nótase en que os propios cariocas, cunha perspectiva occidental, se consideran a si mesmos exóticos sen acabar por completo de selo.

En Rio volvéronse pór de moda os antigos bailes. Onte, no barrio de Lapa, despois de cearmos un cabrito impresionante no "Nova Capela" (moi recomendábel), fomos ao Club dos Democráticos. Unha curiosa mestura de adolescentes con aspecto indie (moitos), maduros do barrio, estudantes de bailes de salón, trintaneiros/trintaneiras bohemios ou non en busca de cacho e turistas curiosos ocupan unha sala de finais do XIX con chan de madeira e ventiladores de teito. Bailan todos ao son dunha orquestra de samba e sentan de cando en vez nas mesas que rodean a pista para observar aos demais. É difícil de entender, pero é así.

22.9.06

Rio de Janeiro


Hai cinco días, chegar ao aeroporto de Rio de Janeiro foi unha emoción intensa que logrei conter até que desde o ônibus cheguei a ver a bahía de Guanabara e o Pão de Açúcar ao fondo. Eran moitas historias familiares e moitas cousas xuntas. Tiven que chorar.

14.9.06

acarajé e abacaxi


Levamos uns días en Salvador e Fuegho conta:

Vivimos xusto enriba da -créano ou non- "Tortillería-Bar Galicia". A praia do Porto de Barra, coa vista das luces da illa de Itaparica ao lonxe, a dunha ducia de pasos (descalzos, que se non os Meninos da Rua róubannos as hawaianas, disque).
Traballamos o xusto. Mercamos o xusto tamén, mais facémonos timar a cada ollada. Dannos muita lástima occidental e soltámoslles os reais.
Danzamos no Pelourinho forró, samba, axé, pagode, nomes que veñen de tan lonxe coma as horas do reloxe, que diria o outro.
A cabocla era a que máis triunfaba. O resto tentabamos combinar os movementos corporais (torpes, fóra de contexto) coa discreción por respeito aos nosos convidados e ao decoro con que pretenden andar polo mundo os que xa non é a primeira vez que saen da casa. Somos, como todas as cartas de amor, ridículos. Mais posibelmente sinceros. E hai, sen dúbida, que querernos.
Esta noite imos de cea, lucir lazadiñas coridas do BONFIM e tentar achegarnos desta xente que, a todas luces, nos supera.

11.9.06

incidencias

Aquí domingo polo serán nun cíber-supermercado da rodoviária (estación de autobuses) de Maceió.

Hai unhas horas vin por aquí unha rapariga que levaba no bolso unha chapa d'A Reixa. Si, o pub de Santiago. Pareina e pregunteille: é italiana, estivo de erasmus en Compostela hai cinco anos e agora leva un mes dando voltas polo Brasil. Recomendounos un aloxamento na casa duns fulanos en Santa Teresa, Rio de Janeiro. E rememorou os seus tempos de borracheira en SCQ.

Xa tenho un pouco de diarrea, se cadra polo xelo da caipirinha. Pero non hai falho, como xa estaba previsto tamén tenho antidiarreicas. Dentro dunha hora collemos un ônibus nocturno que nos vai deixar manhá pola manhá en Salvador de Bahia. Queimando roda.

7.9.06

promesas cumpridas

Faltaron millóns de posts por facer en Londres. A secuencia dos acontecementos foi máis ou menos así:
1.-Luns ás 5 e pico da manhá collemos un metro en Baron´s Court. Ás 07:33h da manhá chegabamos sen folgos ao mostrador de Ryanair de Stansted para descubrir que acababan de pechar a facturación uns minutos atrás.
2.-Fartos do dispendio, e tendo en conta que tiraramos as chaves da casa de Miss White polo oco do correo, decidimos non volver a Londres para non ter que pagar o tren de volta e un aloxamento.
3.-En consecuencia, pasamos 24 horas e media no aeroporto de Stansted até coller avión do día seguinte á mesma hora. Como hai voos desde as seis da manhá e non hai transporte público a esa hora, centos de persoas dormen no aeroporto todas as noites. Nós, que non estabamos precavidos, quedamos sen sitio nos bancos e durmimos no chan.
4.-Chegamos a Santiago de Compostela, vexo a m)alicia e a Cesare cinco minutinhos e despídome deles. A m)alicia vou tardar unhas semanas en vela, seguramente en Santiago. Con Cesare xa quedo en vérmonos directamente en Escocia.
5.-Estou na casa de meus pais día e medio xestionando as próximas semanas, repartindo souvenirs de Londres e asistindo ás xornadas gastronónicas da castanheta que ten preparadas minha nai.
6.-Xoves ás 5 da manhá saio da Corunha conducindo en dirección sur. Acompánhanme meus pais.
7.-Ás 6:20 recollo a Fuegho en Redondela. Despedímonos de súa nai e seguimos en dirección sur.
8.-Ás 7:00, á altura de Braga, Fuegho decátase de que non ten o pasaporte. Chama á casa para que llo traian a toda velocidade ao aeroporto Sá Carneiro.
9.-Chegamos ao Sá Carneiro e falamos cos de facturación para que tenhan piedade de nós. Compórtanse con amabilidade extrema.
10.-Cinco minutos antes de embarcar e tras unha espera de angustia máxima, chega o pasaporte de Fuegho. Ás 9:10 hora portuguesa embarcamos para Lisboa.
11.-Chegamos a Lisboa e collemos outro avión.
12.-Lémbranse dun post que fixera o ano pasado falando dun país tropical? Pois ben, cumprindo as minhas promesas, unhas poucas horas despois de saír de Lisboa ténhenme escribíndolles desde o aeroporto de Recife, Brasil.
Aquí comezan As Crónicas Nordestinas.

30.8.06

Shakespeare, gaiteiro!

Decidimos ir ver unha peza de Shakespeare no Globe, o teatro construído á beira do río segundo os canons da época isabelina. Dado que pagaramos a entrada barata para estar de pé no círculo central e estar máis perto dos actores, tivemos que abrigarnos ben porque esa zona está máis ou menos descuberta e en Londres sempre pode chover, a calquera hora e en calquera momento. Foi realmente xenial ver unha peza así nun teatro que imita as condicións para as que foi pensada: os actores mesturábanse co público continuamente, dirixíanse a el, interpelábano, demandábanlle respostas. E nós, que estamos máis ben acostumados a teatros italianos e a actuar como simples observadores, a pasar desapercibidos ocultos na escuridade das butacas, reaccionabamos con timidez, con medo a berrar cando non tocaba, con medo a non saber seguir as normas. O traballo dos actores nunha traxedia con elementos de comedia negra foi maioritariamente impecábel, e a montaxe deixoume sobrepasado cando chegou o sorprendente uso das máscaras (orientais?) e a introdución do anacronismo como elemento cómico (aínda que non sei se iso xa está recollido no texto). Iso si, non vaia quen sexa facilmente impresionábel: o sangue corre a regos.

Houbo un momento, xusto no final, en que tanto Fuegho coma min nos rimos coma parvos e non puidemos compartir a graza con ninguén máis do público. A peza está ambientada na Roma clásica, e cando ao final chegou o momento de saíren os actores a saudar, tamén saíron ao escenario os músicos, vestidos de época e tocando instrumentos que pretendían dar un aire de cousa antiga, remota, exótica, propia do tempo da peza. Adiviñen que instrumento se está tocando no Globe este verán/outono ao final de cada representación de Titus Andronicus:

Unha gaita galega. Con ronqueta.

28.8.06

club

Despois de pasar dúas semanas rodeados polo ambiente familiar e cálido das putas e dos traficantes de King's Cross, fixemos a mudanza. Había sitio na casa de Miss White, que agora mesmo pasa as súas vacacións en Galiza, e un seu compañeiro de piso estábanos esperando para explicarnos os trucos do apartamento, así que recollemos todo, despedímonos do centro ruidoso da cidade e collemos o metro en dirección sudoeste.

Máis alá de Chelsea, un pouquiño despois de Kensington, os silenciosos e burgueses Baron's Court e Queen's Tennis Club recíbennos coa súa aura de teren sido a localización dun filme londiniense de Woody Allen. As fileiras de casas baixas idénticas danlle á rúa un aire de vila. Os seguratas controlan nos portalóns de reixa a entrada aos terreos do club de tenis. A trintaneira con cola de cabalo e polo e shorts brancos senta a un tomar un crème e un croissant na terraza do C'est ici, o café francés do barrio. Hai un código numérico para entrar nos xardíns privados con cancha de tenis propia. As paredes de tixolo vermello e os bastidores de madeira pintada substitúen o formigón e o aluminio.

Profunda, idiosincraticamente británico, este bairro é algo así como estar nun libro de Alan Hollinghurst. De feito, posibelmente sexa o máis próximo que vou estar de vivir nun escenario coma o de The Line of Beauty. Outro mundo.

accomodation

Fuegho e mais eu pasamos as dúas primeiras semanas deste mes nun albergue de xuventude moi perto de King's Cross. Compartirmos cuartos mixtos de 10 liteiras permitiunos entrar en contacto cunha fauna francamente variada ao longo deses 15 días, desde a familia indostaní que viña coñecer a capital da ex-metrópole e non dubidaba en meter o avó de setenta anos no medio de todos aqueles adolescentes rastafaris (así non me estraña que o vello collese aquelas lascardas de bourbon nada máis erguerse, ante a ollada atónita de todos os que almorzabamos o leite e cereais que ofrecía o albergue) ata o par de mochileiros quebequeses de 18 anos que medían 2 metros e medio e queixábanse nun francés incomprensíbel de que aquelas liteiras eran para ananos (vese que a selección natural naquelas terras do norte funciona a tope: todas as xeracións precedentes de leñadores estaban presentes naqueles bíceps, naqueles pectorais e naqueles dorsais).

Un día acordei ás catro ou cinco da mañá e no medio do cuarto, a un metro e medio de min e entre todas as camas cheas de xente durmida, desde a miña liteira superior vin a cabeza dun fulano de pé na escuridade. Pareceume un pouco estraño pero non puiden evitar pechar os ollos, cheos de areas de sono. Cando os dei aberto outra vez, xa non puiden ver o tipo. Aos poucos segundos a súa cabeza volveu aparecer, e de alí a outro pouco, caeu de novo fóra do meu campo visual. Achegueime á beira da liteira para ver o que pasaba alí embaixo e de súpeto comprendín: o rapaz estaba axeonllado nunha alfombriña e tiña a cabeza pousada no chan, rezando cara á Meca.

Houbo durante varios días nese cuarto tamén un pai cun fillo. O pai tiña máis de cincuenta anos e xa lle daba a pinta que era un fulano particular, algo neurasténico. O rapaz debía ter uns once anos e mostraba o laconismo e a pasividade de quen ten que aturar as excentricidades dun pai así. Os puños da súa camisa branca(!) aparecían cada mañá máis cheos de merda pero el naturalmente non se inmutaba e seguía almorzando en silencio o leite e os cereais coa ollada posta no infinito mentres seu pai localizaba a súa vítima desa mañá e comezaba unha perorata que só acababa cando o interlocutor fuxía con algunha escusa.

Chamárannos a atención desde o primeiro día pola fala. Desde o primeiro momento en que os ouvimos falar comezaron as especulacións: soaba absolutamente a francés pero non se entendía nada de nada. Son bretóns -concluín inmediatamente-, non hai dúbida. E a verdade é que aquela hipótese cadraba ben co friquismo que demostraba o pai. Así que botamos uns días contentísimos observando aquel caso único de transmisión xeracional do bretón até que un día me tocou almorzar xusto enfronte do rapaz. Eu levaba posta a miña camiseta de Aeroflot escrita en alfabeto cirílico, e despois de lle botar unhas olladas furtivas, o rapaz saíu da súa ausencia e preguntoume:
-Where did you buy your t-shirt? It's Russian.
-Yes, it's Russian, but I bought it in Berlin.
Con aquela resposta quedara satisfeito e parecía disposto a voltar ao seu riquísimo mundo interior. Pero eu non quería desaproveitar a oportunidade.
-Do you come from Brittany?
-Sorry?
-Do you come from Brittany?
-No, I come from France.
A todo isto, o pai, que estaba sentado ao seu carón e levaba media hora dándolle a vara a algún italiano despistado, xa puxera a parabólica e estábame respondendo ao mesmo tempo ca o fillo:
-Yes, I come from Brittany.
-Oh, I was quite sure because as I had heard you speaking something that I couldn't understand but sounded like French, I thought you should be speaking Breton -expliqueille índome de sobrado.
-Oh, no, we speak Greek!
A miña cara de flipado debeu ser como para sacarlle foto. Eran franceses (seguramente bretóns, pero iso xa non quedou claro). O pai, tal como lle explicaba a todas as súas vítimas, aprendera unha chea de idiomas porque sabía ben que ao viaxar, se tentabas falarlle á xente no seu idioma tratábante mellor; polo visto incluso falaba o francés con acento valón cando ía a Bélxica... Cando o neno comezou a ir á gardería, o pai decidiuse a falarlle en grego en previsión dunha viaxe que ían facer a Chipre, para que o rapaz puidese dicir ola, adeus e catro cousas básicas. Pouco tempo despois, o neno falaba grego en soños e controlaba mellor o alfabeto heleno ca o latino. Agora a súa lingua era sempre o grego para practicar continuamente e non perder habilidades.
Cando conseguín escapulirme de todo aquilo o pai deume o seu cartón de visita, con páxina web incluída. Aquí os teñen: Thierry et Alouchka Dolidon.