28.2.07

venres de Berlinale

Á primeira hora da tarde vou eu só a ver Deserto feliz, de Paulo Caldas. Nordestina, opresiva, silenciosa, é a historia dunha rapariga que troca o sertão polo mar de Recife. A prostitución lévaa a coñecer un alemán que a trae para Europa. O filme conmóveme, recoñezo nel a historia persoal de varias raparigas que coñecín nos meus cursos de alemán na Volkshochschule.

Máis tarde quedo con Sanisidro para irmos ver, finalmente, Huhwaehaji Anah (No Regret), que moito nola levan recomendado e non houbo maneira de coller billetes até agora. Non me parece ningunha revelación e frouxea moito no ritmo: cara ao fin pide varias veces un final antes de que o director se digne darllo. Aínda así, queda no lado dos aprobados.

Ao saírmos, toca tomar un café pola zona. E sae o tema. A vida. Por que quedar en Berlín. Por que non facelo. Por que ir para o Brasil, por que ir para Galiza.

Por que converterse en asistente de voo de Easyjet.

Sem comentários: