17.4.05

costumismo

Seguimos con temperaturas tropicais. Aproveitando que a festa de onte non foi grande cousa érgome relativamente cedo e pillo a bici para dar unha volta polo Tiergarten, o grande parque central da cidade. Os rododendros aínda non teñen flor, pero xa hai un certo ambiente estival: algunhas familias turcas están facendo churrascadas, ducias de nenos tíranlles pan aos parrulos nas lagoas, milleiros de persoas ocupan os carreiros a pé ou en bicicleta.

Incluso a plena luz do sol, na Ponte dos Leóns hai un par de fulanos tentando engatar e polos arredores vense numerosas mostras da actividade nocturna. As pradeiras que se abren nos claros do parque xa están cheas de xente tomando o sol, moita -como é habitual- facendo nudismo. En pleno verán a maioría da xente vai tomar o sol aos lagos que circundan a cidade, pero nestes primeiros días de raxeira, en que un non ten claro se xa se vai poder espir ou non, ter no centro os prados do Tiergarten é unha vantaxe.

Á volta fago unha parada na feira da quincalla, a pé da Porta de Charlottenburg. Está todo ateigado de xente, pero dou unha volta completa. Non reparo moito nas culleres de alpaca, nas vaixelas estaladas nin nas chaves enferruxadas, pero aínda penso se mercar uns Astérix en alemán de segunda man. Nos postos de numismática hai caixas desordenadas de moedas soviéticas, pero as estrelas son os euros portugueses, irlandeses e fineses: o céntimo finés vaille a un euro, señora.

Finalmente decídome polos discos. Behaviour, dos PSB, que é frouxiño pero está ben barato. E a sorpresa: Hotel, de Moby. Non entendo como é que está xa á venda no Flohmarkt, pero non o dubido: é a compra do día.

A comeeeer.

Sem comentários: