31.5.06

día 6

Como Fuegho volve ter ocupacións de primeira hora, os ingleses e mais eu dedicámonos ao turismo duro. Visitamos a Ste.-Chapelle e pasamos alí dentro, fotografando, todo o tempo que nos queda até encontrarnos coa nosa anfitrioa na terraza superior do Institut du Monde Arabe. Alí arriba as vistas do centro son espectaculares e gratuítas, así que as fotos tampouco faltan. Pensando nas Crónicas fago unha foto de detalle da fachada do edificio, famosa por regular automaticamente en cada momento a entrada de luz en función da intensidade do sol.

Morremos coa fame e internámonos nas ruelas de Saint-Michel para deixarnos seducir polos prezos baixos para turistas. Falo por teléfono cun fulano que coñecín en Berlín por se quere vir tomar un café: vive co seu mozo nun apartamento do Marais e non lle estamos moi lonxe, pero hoxe está traballando fóra de París e a cousa non calla. Aínda tiro outra foto de Fuegho co fondo dos centos de restaurantes típicos, locais de falafel e gyros. Entramos nun deles, comemos a fartar e saímos en dirección ao Marais. Atravesamos a Ile de la Cité polo Boulevard du Palais e ao estarmos no medio da ponte, con toda a vista da Conciergerie, decido que hai que facer outra foto. Meto a man no peto dereito do abrigo e encontro a funda dos lentes. Meto a man no peto esquerdo do abrigo e encontro o móbil. Meto as mans nos petos do pantalón e encontro tickets usados do metro.

Tiña que ser. Ano e pico despois de que me mangasen a anterior, once meses despois de mercala, mes e medio despois de perdela e encontrala en Macedonia, roubáronme a cámara de fotos en París.

Pánchez, que descargou as que fixo con ela, debe ter no seu disco duro as últimas fotos que conservamos desa cámara. Dio-la teña en mans responsábeis. Moi boa era e moito me gustaba. Miren se era riquiña que lle tiña configurado o son e ao disparar facía: cuá!