26.10.05

Hochzeit II

Hai dúas fins de semana estiven en Galiza e fun á voda da Elfa Bailadora con Lóstrego. A súa decisión fora unha sorpresa, tendo en conta os anos que xa levan vivindo xuntos, pero despois dunha conversa con Fuegho por un parque de Cracovia xa nunca volvín estrañarme destas decisións: por unha parte, por que non facer unha festa? Pola outra, non nos enganemos, o sistema segue preparado para que as cousas sexan máis fáciles se as facemos como se espera.

Como se espera...?

Características técnicas: voda civil, sala de plenos da Casa Charry (Oleiros), douscentos convidados.
Oficiante: concelleira de gobernación.
Indumentaria: traxe tradicional galego para os noivos e padriños. Liberdade de escolla (traxe tradicional recomendado) para os convidados.

Eu, que participara algo na escolla e elaboración dos traxes, sabía que a dilatada tradición de vodas no Concello de Oleiros (aos meus once anos asistín alí a unha das primeiras de Galiza, prégase confirmación ou rexeite) era suficiente para que a cerimonia non se limitase á simple lectura dunhas alíneas do Código Civil. O que non esperaba é que eu acabaría facendo a homilía (enténdase, lin un poema) e elaborando en cinco minutos un pequeno discurso sobre as relacións de parella e os camiños que se encontran: todo sexa polas vellas amizades. E, recoñezámolo, adorei facelo..., vamos, que me vexo dedicándome a isto.

A Elfa, a quen coñezo desde os... 9, 10 anos?, é unha friqui integral e orgullosa de selo. Encántame a súa actitude. Ademais do friquismo local bailetradicionalista, participa intensamente da maioría dos outros friquismos globalizados: xogos de rol, geekismo profundo, banda deseñada e o que faga falta. No banquete tocoume con todos os seus compañeiros de aventuras pola Terra Media, aos que coñezo un pouco desde hai moito tempo. Unha das raparigas, nun momento en que pasou a Elfa co seu dengue soberbio, comentoume:

-Parece mentira, no? Con lo moderna que es para todo y que se haya casado vestida así, no?

O que ela non sabe é que o dengue da Elfa é de ultimísima moda. Porque, neste ámbito, a estética setenteira xa hai moito tempo que se superou.

Sem comentários: