31.10.05

die Frauenkirche


Que atraso.

Realmente vivo nunha cidade avanzada.

Ou non tanto.

30.10.05

Non lle podo recriminar nada. Toda esta humillación é froito da miña imaxinación, da miña perspectiva hipercrítica e neurótica da vida. Do meu veneno.

El, co seu pragmatismo resentido, non reparou en nada disto e quizais tería problemas en entendelo. Entretanto, limítase a vivir con toda a intensidade posíbel.

Eu envéxoo até a enfermidade.

Desde hai un par de meses, Benjamim está traballando nun proxecto na Former bla, bla. E vén a Berlín porque aquí, nun choio parecido, está o seu namorado, Plãota, un rapaz excepcional a quen, leider, tiven que coñecer desta maneira. Encóntrome con eles á noite na nova casa dun meu subordinado, acabado de voltar de Portugal e tamén ex-algo de Benjamim. Hai unha einweihungs party con centos de persoas descoñecidas e música alta. Vexo a Benjamim, sentado, falando con Mocedades. Cumprimentámonos cordialmente despois de moito tempo sen vernos e falamos as catro cousas que nos permite a música.

Moi cedo decidimos liscar porque Mjoao ten que madrugar. Mocedades lévaos a todos no seu coche e eu tamén me apunto para que me deixen nalgunha estación do S-Bahn. Sento ao lado del. Tento ser fixe, tento relaxar. Pero a súa conversa é implacabelmente trascendente. Vai pasar en Berlín algo máis dunha semana e despois vai voltar alá por estrada facendo un percorrido longo polas montañas. Os conflitos relixiosos. A tensión étnica cos albaneses. A guerra civil inminente. Non me dá tregua.

Ponme tan lonxe. Faime envellecer tanto. Reclúeme tan inmisericordemente no meu rol de catro-ollos asexuado.

No verán do 2004, pouco antes de comezar coas Crónicas, viaxei con Elfnoldo a Lisboa para ir ao Avante. A relación con Elf estaba nos comezos máis edulcorados, e aínda que os dous sabiamos que el non cadraba moito co ambiente da festa fixemos o camiño entre A Coruña e o Tejo nunha especie de alfombra voadora con fío musical de Kylie Minogue. Naquel momento, eu non vía moito máis alá dos seus ollos.

Ao chegarmos, Benjamim estaba alí. Saímos con el pola noite e mesmo nos deixou para durmir a súa cama. Pero houbo algo no seu sarcasmo, cando lle chamou a Elfnoldo "príncipe da Galiza", que me volveu humillar até o rubor.

Onte á mañá aterrou en Tegel o home que, sen dúbida, marcou máis a miña estadía en Berlín até agora. Teño a certeza de que Benjamim non é consciente do seu peso na miña vida, pero a súa sombra é tan longa que se estende con toda definición até este teclado.

Hai tres anos chegamos xuntos a esta cidade e o fado quixo que Prisciliana nos presentase poucas semanas despois. Era, e é, a estrela máis brillante do firmamento, e eu apaixoneime tanto por el que non me recoñecía na miña entrega. O seu rechazo, o primeiro tan explícito na miña vida, deume unha lección fundamental, segundo me din moitos. Pero esa mesma noite traizooume dunha maneira tan brutal que o cristal do meu ego partiu nos mil millóns de anacos que aínda hoxe tento reunir.

26.10.05

desperate housewives

Subscribo.

friqueando

Na volta a Berlín decidín matar o tempo de espera en Barajas vendo un dos capítulos de Gardeners' World que me pasara Dot nun cd. Glorioso.

E xa que falo d'O Quilombo, dígoo agora: flipo con este post. Volte pronto.

ausgezeichneter blick


O resto do tempo desa viaxe rápida a Galiza paseina en SCQ. Aloxamento fabuloso.

perdido na tradución


Tras unhas horas de barra libre, a voda acabou e a min depositáronme -cheo coma un centolo- na miña casa. Naquel estado decidín que a cama non era o lugar máis seguro, así que me puxen a ver a tele. Zapping, zapping, acabei vendo Lost in Translation.

Iso si, coas miñas mellores galas. O meu pé non me deixa mentir.

Hochzeit II

Hai dúas fins de semana estiven en Galiza e fun á voda da Elfa Bailadora con Lóstrego. A súa decisión fora unha sorpresa, tendo en conta os anos que xa levan vivindo xuntos, pero despois dunha conversa con Fuegho por un parque de Cracovia xa nunca volvín estrañarme destas decisións: por unha parte, por que non facer unha festa? Pola outra, non nos enganemos, o sistema segue preparado para que as cousas sexan máis fáciles se as facemos como se espera.

Como se espera...?

Características técnicas: voda civil, sala de plenos da Casa Charry (Oleiros), douscentos convidados.
Oficiante: concelleira de gobernación.
Indumentaria: traxe tradicional galego para os noivos e padriños. Liberdade de escolla (traxe tradicional recomendado) para os convidados.

Eu, que participara algo na escolla e elaboración dos traxes, sabía que a dilatada tradición de vodas no Concello de Oleiros (aos meus once anos asistín alí a unha das primeiras de Galiza, prégase confirmación ou rexeite) era suficiente para que a cerimonia non se limitase á simple lectura dunhas alíneas do Código Civil. O que non esperaba é que eu acabaría facendo a homilía (enténdase, lin un poema) e elaborando en cinco minutos un pequeno discurso sobre as relacións de parella e os camiños que se encontran: todo sexa polas vellas amizades. E, recoñezámolo, adorei facelo..., vamos, que me vexo dedicándome a isto.

A Elfa, a quen coñezo desde os... 9, 10 anos?, é unha friqui integral e orgullosa de selo. Encántame a súa actitude. Ademais do friquismo local bailetradicionalista, participa intensamente da maioría dos outros friquismos globalizados: xogos de rol, geekismo profundo, banda deseñada e o que faga falta. No banquete tocoume con todos os seus compañeiros de aventuras pola Terra Media, aos que coñezo un pouco desde hai moito tempo. Unha das raparigas, nun momento en que pasou a Elfa co seu dengue soberbio, comentoume:

-Parece mentira, no? Con lo moderna que es para todo y que se haya casado vestida así, no?

O que ela non sabe é que o dengue da Elfa é de ultimísima moda. Porque, neste ámbito, a estética setenteira xa hai moito tempo que se superou.

Stonewall, Manhattan. Na morte de Rosa Lee Parks.

Fagamos logo copipaste, porseascaso:

O 26 de outubro de 1980, hai hoxe 25 anos, tiña lugar na cafetaría Manhattan da Coruña a primeira concentración de protesta homosexual celebrada en Galiza. A tarde dese día dous gais sentaran a tomar algo nese céntrico establecemento coruñés e recibiron a resposta de que "a xente coma eles non era atendida*".

Como consecuencia, horas máis tarde formouse unha concentración de gais, lesbianas e persoas vinculadas a partidos e sindicatos de esquerda que despois de pediren consumicións saíron á rúa para concentrarse no exterior sen pagalas. Unhas 300 persoas, din os xornais da época. Para lembralo, a Federación Aturuxo de Colectivos LGBT organiza un acto de homenaxe este venres, no Forum Metropolitano, ás 20:30, no que participarán algúns dos pioneiros e pioneiras desa concentración.

Os gais e lesbianas actuais quixeron que o acto de homenaxe se desenvolvese na propia cafetaría manhattan, en sinal de que os tempos mudaran, pero o propietario negouse rotundamente 25 anos despois.


*o subliñado -e algunha outra cousa- é meu.

25.10.05

ciclo pechado

Só dez días despois de chegar a Berlín fixen a miña primeira viaxe da tempada outono-inverno. Onde? Pois a Galiza, por variar un pouco. A voda de dous colegas, que merece post propio, encheu o meu cupo nupcial para varios meses. Outros asuntos de índole paralaboral completaron os motivos da visita e un catarro, collido grazas a unha combinación de aire hiperseco de avión e aire hiperhúmido galaico, aderezouno todo, deixándome xordo durante uns días.


Á volta, os operarios comezaban a colocar no Ku'damm as luces de Nadal que me deron o premio rénico do ano pasado. Porque é que isto xa ten un ano. E todo volve comezar, máis ou menos coa mesma traza.

11.10.05

agasallos


O meu apartamento en Berlín estivo ocupado durante este verán por varias xeiras de colegas, coñecidos e descoñecidos que pararon nel durante uns días de vacacións. O certo é que estivo bastante concorrido. Ao chegar de volta, atopeime coa sorpresa de que todos eles me foran deixando notas de agradecemento e pequenos agasallos: bombóns, toffes e até uns chourizos de Lalín ao vacío.

Entre eles, ao fondo de todo, estaba o galano de Cesare e Barataria. Escuso dicir que estes rapaces están á última: segundo o que puiden consultar nunha web especializada, trátase do ultimate anal toy. Un desfase, polo visto.

Entre as recomendacións de uso que dan na web, saliéntase a seguinte advertencia:

Important: If your set does not have a handle or ring on the end, be sure to leave at least one bead outside the asshole to grip for removal.

Afortunadamente, o meu ten unha arandela on the end. Até niso estiveron aleutos os meus hóspedes.

En fin, rapaces, desde o máis profundo do meu ser: grazas.

10.10.05

Wi-Fi no Sony Center


rutina domingueira


Domingo de preguiza no Mauerpark. Compras no Flohmarkt, reencontros, cea thai na Kastanienallee. E xa sei que era o que me incomodaba tanto da cidade: esa obsesión retro-setenteira. Como poden seguir así ano tras ano? Non se fartan?

Hochzeit

Como imaxinan unha voda en Alemaña? Eu diría mesmo máis: como imaxinan unha voda en Berlín?

Sábado fun á miña primeira voda en Berlín. Había un noivo, vigués, e unha noiva, alemá. Un vestido vermello, unha gaita das Lowlands, unha cea buffet, un set de DJ. Un fato de galegos entregados á farra, uns parentes alemáns algo cohibidos. O noivo, aka Dj Keiser Soze, alternando nos pratos cun galego de Cardiff e un paulista de Berlín. Litros e litros de albariño. Horas e horas de baile.

Unha festaza.

8.10.05

encontros (in memoriam)

04-10-2005. Xusto un ano despois de comezar con Cesare unha viaxe automobilística entre A Coruña e Berlín que tería como consecuencia máis directa o nacemento deste blog, dispóñome a realizar de novo o mesmo percorrido, desta vez só e por vía aérea.

11:45. Subo ao avión na Coruña. Sorpréndome ao recoñecer perfectamente a azafata de sorriso profidéntico que me cumprimenta ao entrar.

13:00. Saio do avión en Madrid. Ao chegar á sala de recollida de equipaxes vexo de costas unha madrileña que coñezo de Berlín, saíndo coa súa maleta cara ao exterior.

19:30. Érgome para ir ao baño pouco antes de aterrar en Berlín. No penúltimo asento do avión vexo unha cara coñecida que recoñezo inmediatamente, ao contrario do habitual. Xa non ten crista, pero é el, o mesmo pasaxeiro anónimo que fotografei na sala de espera do aeroporto de Schönefeld o pasado 18 de xullo, no comezo das vacacións, cando os dous agardabamos polo noso voo a Madrid.

A TVG a todo lle saca punta.

7.10.05

colaboracións

Por certo, moitas grazas a todos por se ocuparen de facerme o blog nestes meses.

Barra


Non podía faltar. O certo é que en todo o verán non fora a Barra, así que o dous de outubro, en plena retirada dunha importante enchente en Vigo e en plena preparación para o regreso a Prusia, pasei unha tranquilísima mañá do domingo con Revelde neste paraíso. O meu pé non me ha deixar mentir.

Tróia II

Xusto unha semana antes de que derrubasen as Torres de Torralta, en Tróia, nós, inconscientes de todo iso, esperabamos nunha enorme fila o noso turno para embarcar no ferry de Setúbal. Caladinha, atraída polas ruínas, facía plans para voltar e explorar os seus segredos. Xa non puido ser.

Meco

Post especialmente dedicado a Opaco. Da praia do Meco non teño pé, pero quedamos moi impresionados cunha arte de pesca que eu non coñecía. Semanas despois, tras certa actividade cultural, descubrín que a tal arte de pesca tamén era galega: chámase xávega.