29.3.07

Mar Exeo

No caos do Pireo, un axente de viaxes métenos gato por lebre e prométenos unha viaxe brevísima ao noso primeiro destino insular. Despois de case desesperar, o barco déixanos en Paros perto da medianoite. Todo na noite, absolutamente todo, arrecende a unha mestura de piñeiro e flor da laranxeira.
Na seguinte illa, Naxos, o dono duns apartamentos ofrécenos aloxamento á saída do barco. Imos no seu coche e explícanos que aqueles que fan ruído do peirao "son tres idiotas que se opoñen á ampliación do porto, coa falta que nos fai...". Calamos, pagámoslle ao que consideramos o marulo máis grande da illa, e para compensar unímonos á manifa coas vellas de negro, os estudantes do instituto e os outros milleiros de idiotas.
Ao outro día, liscamos a Santorini.

komboloi





Atenas, ao contrario do que absolutamente todo o mundo comentaba, acaba sendo un lugar acolledor. Paréceme unha típica cidade do Mediterráneo, pero sen as partes nobres que teñen outras. É certo que aquí o tráfico acaba por invadilo todo, pero o contraste con Prusia fai que isto non me moleste tanto.




Aprendemos unhas poucas palabras en grego, e como a fonética é tan fácil para nós, quedámonos rápido con camareiros e dependentes. Un efgharistó por aquí, un paracaló por alá e xa nos están convidando a augardente branca. Para mellorar aínda máis a integración, cumpro unha das miñas ilusións: merco un comboloi.

22.3.07

Ατενας

Chove a pichés en Atenas. Temos que desistir de subir á Acrópole e mudamos os plans para visitarmos o Museo Arqueolóxico Nacional, quentiños e a cuberto. Están todas esas cousas dos libros de arte. Non sabía que me lembraba de tantas cousas, pero só con entrar, na primeira vitrina, xa a saco das profundidades da memoria: "a máscara de Agamenón!", bérrolles aos outros. A partir de aí xa todo lle vai soando a un, máis ou menos. Pero non se lle pode atribuír todo aos libros de texto. Hai outras fontes que teñen moito que ver con esta familiaridade.

Γρεθηα

Saio do avión. Reparo no primeiro sinal que vexo no aeroporto: exit, di en inglés. Tento ler o que pon na liña superior e tírolle o po aos meus antigos coñecementos do alfabeto grego. A modiño, vai saíndo a palabra, case parece unha brincadeira: éxodos.

Chegan As Crónicas Helenas.

20.3.07

Wattenmeer


Achegámonos ao Mar do Norte antes de volvermos para Berlín. Plattdeutsch nos topónimos. Desolación absoluta. Peixe afumado. Marea baixa e quilómetros de fango areoso ao descuberto. Diques de herba na beiramar. Vento imposíbel.
Parecíame difícil, pero é aínda máis exótico ca o Báltico.

modelos


Acordamos o domingo pola mañá en relativo bo estado, pero con moita preguiza. No vestíbulo da casa -na foto, a lámpada da entrada- escoitábase algo de ruído, pero botamos un cacho falando sen saír do cuarto. Saíron os dous primeiros medio espidos para ir ao baño, e volveron case decontado.

-O fotógrafo está facendo unha sesión de fotos no seu cuarto, ten a porta aberta. Non vexades como están os modelos...

Fomos saíndo un por un, como disimulando, moi naturais. Cada vez que saía un do noso cuarto, o maquillador, os dous modelos, a rapaza do vestiario e o xaponés mirábannos divertidos e saudábannos. Os modelos, como era esperábel, eran dos que saen nas revistas. E a min que ninguén me volva dicir esa de que é todo fotoxó, que as fotos están retocadas, que a maquillaxe, que as luces, que as sombras... Como diría o tío dos Mofa e Befa: "estuvísteis allí?". Porque eu si, estiven alí, vinos en vivo e en directo e a hormona xa non me deixou comportarme con normalidade no resto do día. Supoño que a iso axudou o feito de que os dous entendesen.

O negro estaba ben, pero o asiático era de morrer. Nunha das miñas idas e vidas ao WC, cando estaban na fase de fotos de roupa interior e de baño (sic...), achegouse a min cun sorriso e preguntoume:

-But..., how many people are sleeping in this room? Ten?

O que me debeu vir á cabeza sería un "come in, it would be the perfect number with you", pero como para estas cousas continúo no peor da adolescencia, quedei cun parco "more or less". E escapei para a ducha.

emigracións

É aquí, na Alemaña occidental, onde estivo toda esa emigración épica dos galegos a terras xermanas. En Berlín non hai nada diso, así que non tiven practicamente ningún contacto con ese universo. E o certo é que non veño a Hamburgo na procura da Casa de Galiza nin nada diso, pero as cousas acaban coincidindo así. Dúas das persoas que veñen comigo son de Portugal; alguén lles dixo que en Hamburgo hai un bairro portugués e insisten en procuralo para almorzar con galão e pasteis de nata. O bairro aparece -parece que todos os transeúntes saben do que lles falamos ao lles preguntarmos- e a cousa parece sacada dos soños máis felices dun reintegracionista:

o bairro portugués tamén é galego...


...até límites insospeitábeis:


Iso si, na zona tamén están os restaurantes españois. E seguro que son todos de galegos. Así que está todo o país representado.

Astra


As noites en Hamburgo non acaban de saírnos ben de todo. A Reperbahn, había que vela, é algo absolutamente insólito en Alemaña, imposíbel de encontrar en Berlín. Pero o ruído, os vidros rotos no chan, a acumulación de locais..., todo isto ten un aire a certas cousas que coñecín no pasado.

Nun búnker de formigón completamente abraiante encontramos Übel und Gefährlich, que parecía ser o noso destino natural. Pero unha serie de circunstancias acábannos levando a unha tasca de St. Pauli, rexentada por unha señora de 60 anos que serve basicamente cervexa Astra, a marca local, a unha escasísima clientela de putas e borrachos. A juke box é impagábel. Divertímonos moitísimo.

Hamburgo


Paso a fin de semana en Hamburgo con Mjoão, Açoriano e Churi. Acabamos durmindo no cuarto do mozo dunha compañeira de piso de Açoriano, ao que case ningún de nós coñece. O piso é unha especie de loft nun edificio ex-industrial en que viven exclusivamente artistas e bichos polo estilo. Ao chegarmos recíbennos un español que alucina co feito de que falemos alemán, un alemán que fala cunha parsimonia desesperante e un xaponés fotógrafo de moda. A casa é deliciosa.

15.3.07

nos antípodas de Zizek

O que pasa con Berlín é que aquí case todo o mundo é artista dalgún tipo. É máis ou menos coma iso de que en L.A. "todos os camareiros son actores", só que vivir aquí é tan barato que a maior parte da xente non necesita ter choio (e que practicamente non hai negros). O que tamén pasa en Berlín é que parece que case todo o mundo tivo contacto con algunha parte da gama LGBT (Lésbica-Gai-Bisexual-Transexual) nun momento ou outro, ou polo menos teñen esa pinta. Síntoo, pero en Londres non ves homes hetero con moreno de solarium, cabelo rapado e jeans cinxidos, e as únicas mulleres hetero que ves con cabelo curto e abrigos frouxos de home son mulleres sen teito (ese é outro asunto, pero non é o momento). Así que, para min, mudarme para aquí o ano pasado foi coma unha chegada á casa espiritual, sentín que por fin encontrara a miña xente.
(...)
Cando sexa grande, espero que o meu desexo de escribir un informe irresistíbel e convincente sobre por que necesita o capitalismo unhas definicións de xénero e relación tan estreitas e intratábeis, ligado de maneira intelixente a unha disección de por que necesita a sociedade en xeral abrirse á autoexpresión queer (especialmente ao cinema queer) e por que a autoexpresión queer é tan esencial coma o pan e as rosas e, e, e..., gañe contra o meu desexo de andar toda a noite de festa coas estrelas.

Kanchi Winchmann, "My first Teddy and what I want to be when I grow up".

Desculpen a tradución pedestre. É que lin este texto moito despois de que m)alicia me pasase O espectro segue a roldar. E agora, coa febre Zizek que percorre o mundo, pois lembreime de poñelo aquí. Serán os estertores da miña ideoloxía, que pide contas. Será que me identifico tanto co autor, a pesar de todo. Especialmente no dilema a túa discoteca necesítate/imos de farra á discoteca, all night long.

14.3.07

acumúlaseche o choio, neno

Mágoa que o 27 de marzo non vaia estar en Berlín, porque ese concerto si que me apetecería de verdade. En cambio en maio si que estou, pero aos Bloc Party pódenlles ir dando piche. :-P

domingo de Mauerpark


Paso o domingo cun azoriano residente en Berlín e unha madeirense residente en Polonia que visita Berlín. Xa pasaramos xuntos a noite do sábado no WABE, porque había un concerto de tres bandas emerxentes berlinesas entre as que se contaba Elikan Dew, o grupo onde o noso Marco toca a batería. E teño que dicilo, Elikan Dew foron os mellores con diferenza. Por se acaso non parezo imparcial, engadirei que os de Lilit eran os que estaban máis cachondos, tamén con diferenza (inda que os nosos non tiñan mal ninghún).

Así que domingo aproveitamos a temperatura de primavera (por favor, o ano pasado a estas alturas estaba nevando a eito!) e imos dar unha volta polo Flohmarkt do Mauerpark, que está cheo a reverter de attitude e cabelinhos à foda-se.

Hai un grupo que está dando un concerto de moca. Din que son de Suecia. Quedamos un pouco mirando para eles e para o seu xerador eléctrico.



Comemos algo por alí sentados e, cando comeza a refrescar, imos indo. Á saída, nos valados de obra que hai distribuídos permanentemente por todo Berlín, atopamos esta instalación. Un porco rosa e dous osos que optaron por non hibernar espreitan atentísimos todo o que acontece no parque.

9.3.07

high top sneakers


Si, os cool hunters xa hai moitos anos que comezaran a anunciar con insistencia o retro dos '80, e iso xa se comezou a ver nas rúas máis à frente do mundo occidental hai unhas cantas tempadas, sobre todo pola volta das botas de coiro enrugadas, tipo Vicky Larraz en Olé-Olé.

Pero agora que os tenis altos, incluso algúns con tiras de velcro, xa se venden en H&M, queda definitivamente aberta a veda para todas as clases sociais. Nesta mesma tempada, a febre vaise estender xa a algúns tardoadolescentes algo despistados pero con certas ansias de rebelarse. Na seguinte, todas as pijas de Steglitz van levar o pelo cardado. E para a outra, incluso os chavs ingleses, os Prollos alemáns e algúns quiotes coruñeses e as súas parrocheiras correspondentes levarán algo decididamente oitenteiro, un adhesivo dos pacman no coche tuneado, por exemplo.

A esas alturas naturalmente, ninguén na Kastanienallee se lembrará dos high top sneakers nin recoñecerá ter levado algunha vez ombreiras extra-anchas. Porque para entón, eles xa estarán noutro punto. E se seguimos a lóxica á que nos conduce a actual sucesión de revivals, dentro de sete ou oito anos, H&M ha de andar polos smilies, as cores fosforescentes e o acid house, dando paso en pouco tempo aos 90.

Non?

delicia


Cousa rara, cádrame de andar polo centro a mediodía. Aproveito e doulle un chamo a Mjoão para xantarmos xuntos perto do seu traballo. Así tamén evito a encaldada que nos botan na cantina do choio.

En xeral gústame a comida do Panasia: inspirada na comida asiática, pero feita no momento, sen glutamato e con ingredientes frescos; malia ser un chisco caro, sempre é agradábel notar diferenzas coas China-Pfanne a 2 euros de diario. E de verdade, o flan caramelizado de herba-limón que nos puxeron hoxe de sobremesa foi memorábel. É a próxima receita que teño que sacar. Como sexa.

2.3.07

Marco da Silva

Recibo unha mensaxe do Boss, a pedirme que mude unha ligazón, en concreto a dos amighos. Polo visto ten unha proposta de mellora.

Aí o teñen. Directamente do rancho folclórico de Bremen aos stages de todo o mundo da man de Kylie Minogue. Que diremos do moito que o necesitamos pola discoteca?


Nunca debín deixar de bailar muiñeiras. Seguro que eu tamén acababa así.

P.S.: non perdan o que di a lercha que deixa o primeiro comentario: ... Do I really NEED another tattoo?
:-DD
Stop being so bitchy, darling...

Feuerwerk

Foi unha Berlinale realmente excepcional. Pero tamén teño a sensación de que foi coma uns fogos artificiais a anunciar o final da festa.

tatuaxes



Á saída do de Téchiné, un coñecido lémbranos que mañá, luns, aínda hai a posibilidade de ver o filme gañador dos Teddy no Kino International. Acordamos ir.

A primeira sorpresa. Aínda vexo unha vez máis o jingle da Berlinale, como unha concesión especial do destino.

A segunda: non podo estar máis en desacordo co xuri. Ci-Qing (Spider Lilies), é a historia sobre unha rapariga que vive do ciber-sexo e a súa relación cunha tatuadora. Esteticamente moi coidada, ten un toque de misticismo oriental co que eu non podo. Unha seca, con poucos paliativos.

migallas de Berlinale

Sábado xa só conseguimos ver un filme: Dasepo Sonyeo (Dasepo Naughty Girls), que resulta ser a máis divertida e delirante carallada que vemos en todo o festival. Moi recomendábel para o público descontraído en xeral; para os amantes do trash, un must. Non a perdan.

E por certo, non sei que pasa co cinema coreano, pero nesta Berlinale foi un auténtico boom.

Domingo, consigo ver un filme moi gore, moi desacougante, pero ao mesmo tempo moi recomendábel tamén: Teeth. Aquí trátase o mito da vagina dentata coas formas dun filme de terror adolescente. Conseguidísima. Penso que nunca vin no cine a tantos homes coas pernas encollidas sobre o asento, pero non importa: véxana.


Finalmente, o meu último filme da Berlinale, á última hora do domingo. Un de Téchiné: Les Témoins. Unha historia sobre a chegada da sida á Francia dos anos 80. Resulta seca, dura, despois dos carameliños que estivemos vendo estes días. Pero tamén a hai que ver.

Para esta sesión estaba especialmente sensibilizado, porque era a última oportunidade de ver o jingle, a sintonía que se pon antes de cada filme con esas imaxes de fogos artificiais dos que sae o oso. Nunca me van saír da retina.

Teddy Party 2007

Finalmente, internámonos na pista. Cunha sesión memorábel, bailamos e bailamos practicamente toda a noite.

Polo medio, unha inxección de ego. Estou bailando con varios amigos e achégase un rapaz. Méteme un flyer nas mans. Es ist in Belgien, di. E lisca. Todos os demais preguntan estrañados que é o que me deu. Miramos o flyer: resulta que estou convidado para a próxima sesión da mítica La Demence, Bruxelas. Nesta ocasión, a festa chámase Country Boy. Pero non vou fachendear de nada: calquera parecido entre o rapaz do flyer e mais eu é pura coincidencia...