28.5.05

hai outros mundos...

Os adolescentes do reggaeton dábanlle e dábanlle mentres eu esperaba que aparecesen de novo os bailadores por ver de falar con eles. Nisto, unha das rapazas que vira cinco minutos antes con zapato baixo e media calada, apareceu xa cuns jeans e unha camiseta da selección española de fútbol. ESPAÑA. Debe ter uns vintemoitos e anda toda animada falando coas adolescentes que berran coma tolas a cada "dale" dos cantantes.

Trago. Vou falar con ela:

-Ola, mira, ti es unha das que bailaron, verdade?

Queda mirando para min con cara de non entender, ou de entender e non querer dalo a entender, ou non sei.

-Es galega, non?

-Si, si.

-Ai, é que quería falar convosco por saber que cousas facedes, se vos xuntades para ensaiar e algo máis, ou que.

Ségueme ollando con cara de marciana. Pregúntome se xa nacería aquí e non entende ben.

-Perdoa, entendes o galego?

-Si..., bueno, no lo hablo, pero lo entiendo.

E falar non o falará, pero con esa primeira frase xa lle podo preguntar:

-Ah, es das Rías Baixas, non?

-Si, soy de Villagarcía -por que me fala sen mirarme á cara?

-Ahá... Non, pois iso, que quería saber algo máis do que facedes, e tal, porque levo vivindo aquí tres anos e non sabía que había nada disto; estou moi sorprendido.

-Mira, yo no te puedo decir. Si eso habla con Fulano -sinálame o fulano que bailou con elas-, que es el que nos ensaya y le preguntas.

Acompáñame onda Fulano e preséntame.

-Mira, Fulano, este chico, que quería hablar contigo. Bueno, yo ya os dejo -e lisca.

Vólvolle explicar a miña sorpresa e móstrolle o meu interese por saber o que fan á parte de bailar.

-Non, nós vimos aquí todos os domingos á misa e despois xuntámonos, tomamos café e esas cousas. O baile xa hai ben tempo que non o ensaiamos. Pero mira, eu neste momento non te podo atender, eh?, que xa ves que temos moito que facer -grande acento de Ourense.

-Ahá. Pois..., non sei, se iso podo vir o domingo que vén... A misa que acabará, sobre as doce e media, non? -glups, erro de cálculo, subconsciente traidor, como podo ser tan animal...?

Mírame con certo aire reprobador.

-Non, dura algo máis. Pero téñote que deixar, eh? -e xa se vai para seguir servindo sangría no bochinche.

Decido que xa non podo máis. Co que levo polo de agora teño para pensar durante tres meses, así que paso de tentalo con María. Vexo con Pedro os bailes peruanos, atendo as súas explicacións sobre a costa, os Andes e as danzas negroides e despois liscamos.

É a miña primeira experiencia con emigrantes de toda a vida e estou flipando. Reprodúcese o mesmo tuzarismo de que me falou Fuegho nos seus primeiros encontros en París. Por que esa desconfianza? Por que esa falta de interese? Xuro que non levaba ningunha camiseta con lemas do tipo "I'm famous. Fuck me" nin imaxes obscenas. Até pasei unha camisa a ferro temendo o peor.

Seguramente lle estea dando máis importancia da que ten, pero a cabeza non me para. Creo que non podo seguir vivindo aquí ignorando a existencia desta xente. Debería superar os problemas morais que me causa o embrullo católico de todo iso e esforzarme en aproximarme? Debería relaxarme e asumir que aí non teño nada que facer?

Por que os percibo como habitantes dun universo paralelo?

3 comentários:

Cesare disse...

mire, que teñen en común con vostede?
ou é unha angueira just professional?

Plattdorf disse...

Deu no alvo, meu caro.
Teño un dilema moral de primeira orde.

Cesare disse...

moral ou ideolóxico?