13.5.05

Cracow heat

Despois de tres noites en Varsovia, luns á mañá erguémonos Fuegho e mais eu ás 05:30h para coller o tren que levaba a Cracovia. Chegamos tres horas despois, deixamos as cousas no cuarto do hostal e veña a dar voltas.

Ao pouco tempo sentinme cansado. Botei maldicións espesas contra min mesmo por levar tanto tempo sen ir ao ximnasio e estar feito un sedentario enfermizo.

De alí a un pouco pesábame o corpo e doíame a cabeza. Decidín que aquilo era debilidade e fomos comer algo ao mleczny máis próximo.

Ao saírmos tronzábanseme as pernas, pero aínda subín ao castelo de Wawel pensando que todo isto era a idade e que hai que ir asumindo que xa non teño 17 anos.

Ás 17:00h fun para o hostal porque a febre xa non me deixaba estar en pé. E alí fiquei, radiando coma un calefactor, toda a tarde e toda a noite. Fuegho tróuxome provisións de líquidos, encharqueime, durmín seguido e á mañá seguinte estaba coma un buxo.

Botei contas. Venres, 29 de abril, foi a segunda sesión da Galiciale. E desde entón, nesa semana e media, estiven durmindo unha media de catro horas diarias, fose polo ocio, fose polo negocio.

O que teño que asumir é que hai que durmir.

2 comentários:

Anónimo disse...

sabé-lo non lle servirá de muito, pero levo tres dias con febre e o mesmo malestar, e eu non fun á Polónia. mellore-se, faga o favor

Plattdorf disse...

Ah, non, se eu estou melloradísimo. Xa mellorei á mañá seguinte, vaia, se do único que tiña falta era de descanso.

O mal foi que coa febre saíume o herpes no labio. Non podía faltar.

Vostede beba ben e durma máis. E xa está para outra.