24.9.06

riogayguide

O que non sei é como non me decatei antes...

A casualidade fixo que o meu aloxamento en Rio de Janeiro fose durante estes días un albergue no medio e medio da zona gay de Ipanema, na esquina de Barão da Torre con Farpe de Amoedo. Por iso non quixen evitar coñecer o que se cocía por estes locais.

Despois dun par de horiñas en Le Boy, o mulato máis espectacular do local, descamisado e con viseira, abandonou o grupiño que se fora formando ao seu arredor no mazadeiro e púxose ao meu lado. Aos poucos minutos xa estabamos; eu non o podía crer. O rapaz mantiña os ollos pechados, como finxindo estar algo aturdido, pero non o atribuín a nada en especial. Cando a cousa foi pasando a máis notei certa resistencia. Insistín e volveuse resistir. De repente decateime do que estaba pasando: aquel rapaz non estaba alí por deporte...

Confirmoumo cando abrín os ollos e me separei: chascou a lingua, deu un paso a un lado e liscou, perdéndose entre a xente.

O seguinte era enxeñeiro e de São Paulo. Moito máis cariñoso. E gratis.

23.9.06

exóticos

Non fan falta moitas luces para entender que dentro do Brasil hai varios países, cada un máis interesante ca o anterior. Fronte ao exotismo sen matices de Bahia, africana, suorosa, con cheiro permanente a aceite de dendê, Rio de Janeiro preséntase cun exotismo máis domesticado. Isto é unha cidade occidental posta no medio do trópico, e iso nótase en que os propios cariocas, cunha perspectiva occidental, se consideran a si mesmos exóticos sen acabar por completo de selo.

En Rio volvéronse pór de moda os antigos bailes. Onte, no barrio de Lapa, despois de cearmos un cabrito impresionante no "Nova Capela" (moi recomendábel), fomos ao Club dos Democráticos. Unha curiosa mestura de adolescentes con aspecto indie (moitos), maduros do barrio, estudantes de bailes de salón, trintaneiros/trintaneiras bohemios ou non en busca de cacho e turistas curiosos ocupan unha sala de finais do XIX con chan de madeira e ventiladores de teito. Bailan todos ao son dunha orquestra de samba e sentan de cando en vez nas mesas que rodean a pista para observar aos demais. É difícil de entender, pero é así.

22.9.06

Rio de Janeiro


Hai cinco días, chegar ao aeroporto de Rio de Janeiro foi unha emoción intensa que logrei conter até que desde o ônibus cheguei a ver a bahía de Guanabara e o Pão de Açúcar ao fondo. Eran moitas historias familiares e moitas cousas xuntas. Tiven que chorar.

14.9.06

acarajé e abacaxi


Levamos uns días en Salvador e Fuegho conta:

Vivimos xusto enriba da -créano ou non- "Tortillería-Bar Galicia". A praia do Porto de Barra, coa vista das luces da illa de Itaparica ao lonxe, a dunha ducia de pasos (descalzos, que se non os Meninos da Rua róubannos as hawaianas, disque).
Traballamos o xusto. Mercamos o xusto tamén, mais facémonos timar a cada ollada. Dannos muita lástima occidental e soltámoslles os reais.
Danzamos no Pelourinho forró, samba, axé, pagode, nomes que veñen de tan lonxe coma as horas do reloxe, que diria o outro.
A cabocla era a que máis triunfaba. O resto tentabamos combinar os movementos corporais (torpes, fóra de contexto) coa discreción por respeito aos nosos convidados e ao decoro con que pretenden andar polo mundo os que xa non é a primeira vez que saen da casa. Somos, como todas as cartas de amor, ridículos. Mais posibelmente sinceros. E hai, sen dúbida, que querernos.
Esta noite imos de cea, lucir lazadiñas coridas do BONFIM e tentar achegarnos desta xente que, a todas luces, nos supera.

11.9.06

incidencias

Aquí domingo polo serán nun cíber-supermercado da rodoviária (estación de autobuses) de Maceió.

Hai unhas horas vin por aquí unha rapariga que levaba no bolso unha chapa d'A Reixa. Si, o pub de Santiago. Pareina e pregunteille: é italiana, estivo de erasmus en Compostela hai cinco anos e agora leva un mes dando voltas polo Brasil. Recomendounos un aloxamento na casa duns fulanos en Santa Teresa, Rio de Janeiro. E rememorou os seus tempos de borracheira en SCQ.

Xa tenho un pouco de diarrea, se cadra polo xelo da caipirinha. Pero non hai falho, como xa estaba previsto tamén tenho antidiarreicas. Dentro dunha hora collemos un ônibus nocturno que nos vai deixar manhá pola manhá en Salvador de Bahia. Queimando roda.

7.9.06

promesas cumpridas

Faltaron millóns de posts por facer en Londres. A secuencia dos acontecementos foi máis ou menos así:
1.-Luns ás 5 e pico da manhá collemos un metro en Baron´s Court. Ás 07:33h da manhá chegabamos sen folgos ao mostrador de Ryanair de Stansted para descubrir que acababan de pechar a facturación uns minutos atrás.
2.-Fartos do dispendio, e tendo en conta que tiraramos as chaves da casa de Miss White polo oco do correo, decidimos non volver a Londres para non ter que pagar o tren de volta e un aloxamento.
3.-En consecuencia, pasamos 24 horas e media no aeroporto de Stansted até coller avión do día seguinte á mesma hora. Como hai voos desde as seis da manhá e non hai transporte público a esa hora, centos de persoas dormen no aeroporto todas as noites. Nós, que non estabamos precavidos, quedamos sen sitio nos bancos e durmimos no chan.
4.-Chegamos a Santiago de Compostela, vexo a m)alicia e a Cesare cinco minutinhos e despídome deles. A m)alicia vou tardar unhas semanas en vela, seguramente en Santiago. Con Cesare xa quedo en vérmonos directamente en Escocia.
5.-Estou na casa de meus pais día e medio xestionando as próximas semanas, repartindo souvenirs de Londres e asistindo ás xornadas gastronónicas da castanheta que ten preparadas minha nai.
6.-Xoves ás 5 da manhá saio da Corunha conducindo en dirección sur. Acompánhanme meus pais.
7.-Ás 6:20 recollo a Fuegho en Redondela. Despedímonos de súa nai e seguimos en dirección sur.
8.-Ás 7:00, á altura de Braga, Fuegho decátase de que non ten o pasaporte. Chama á casa para que llo traian a toda velocidade ao aeroporto Sá Carneiro.
9.-Chegamos ao Sá Carneiro e falamos cos de facturación para que tenhan piedade de nós. Compórtanse con amabilidade extrema.
10.-Cinco minutos antes de embarcar e tras unha espera de angustia máxima, chega o pasaporte de Fuegho. Ás 9:10 hora portuguesa embarcamos para Lisboa.
11.-Chegamos a Lisboa e collemos outro avión.
12.-Lémbranse dun post que fixera o ano pasado falando dun país tropical? Pois ben, cumprindo as minhas promesas, unhas poucas horas despois de saír de Lisboa ténhenme escribíndolles desde o aeroporto de Recife, Brasil.
Aquí comezan As Crónicas Nordestinas.