19.7.07

fins

Comeza a tempada de fins. Hoxe tiven a miña derradeira..., chamémoslle reunión de traballo cos meus subordinados. Vou seguir neste choio aínda un par de meses, pero a partir de agora o traballo será individual e máis espaciado, para ir fechando as poucas frontes que quedan abertas.

Os subordinados deste ano, coma sempre, xeniais. Unha chegou tarde porque quixera facer un bolo de mazá, receita familiar de área plattdeutsch, para a ocasión. O bolo aínda viña quente. Felicitámonos todos por ternos coñecido en circunstancias tan excepcionais (para min moito máis excepcionais ca para eles, non imaxinan canto) e acabei cunha sensación de grande satisfacción.

Agora non sei exactamente o que sentir. Penso que teño medo.