31.5.05

superafavor

Cowgirl e mais (m)alicia mandáronme isto hoxe. Xa veremos se me mandan tamén emendas á tradución. Aínda que sexa polos vellos tempos...

Estou completamente a favor de permitir o matrimonio entre católicos. Paréceme unha inxustiza e un erro tentar impedírllelo. O catolicismo non é unha doenza. Os católicos, malia non agradarlle a moita xente e parecer estraños, son persoas normais e deben posuír os mesmos dereitos ca os demais, como se fosen, por exemplo, informáticos ou homosexuais.

Son consciente de que moitos comportamentos e trazos do carácter dos católicos, como a súa actitude case enfermiza ante o sexo, pódennos resultar estraños aos demais. Sei que, ás veces, mesmo se poderían esgrimir argumentos de salubridade pública, como o seu rexeitamento perigoso e deliberado aos preservativos. Tamén sei que moitos dos seus costumes, como a exhibición pública de imaxes de torturados, poden incomodar a algúns.

Mais isto, alén de ser unha imaxe mediática máis ca unha realidade, non é razón para lles impedir o exercicio do matrimonio.

Algúns poderían argumentar que un matrimonio entre católicos non é un matrimonio real, porque para eles é un rito e un precepto relixioso perante o seu deus, no canto dunha unión entre dúas persoas. Tamén, ao estaren condenados gravemente pola Igrexa os fillos fóra do matrimonio, algúns poderían pensar que permitirlles casar aos católicos vai incrementar o número de matrimonios motivados polos “díxome-díxome” ou pola simple busca de sexo (prohibido pola súa relixión fóra do matrimonio), co consecuente aumento da violencia no fogar e das familias desestruturadas. Pero cómpre lembrar que isto non só acontece nas familias católicas e que, dado que non nos podemos meter na cabeza das persoas, non debemos xulgar as súas motivacións.

Por outra banda, dicir que iso non é matrimonio e que debería chamarse doutro xeito non é máis ca unha maneira un tanto ruín de desviar o debate a cuestións semánticas que non veñen ao caso: malia ser entre católicos, un matrimonio é un matrimonio e unha familia é unha familia.

E con esta alusión á familia paso a outro tema candente. Espero que a miña opinión non resulte demasiado radical: tamén estou a favor de lles permitir aos católicos adoptaren fillos.

Algúns hanse escandalizar diante dunha afirmación deste tipo. Poida que algún responda con exclamacións como “católicos adoptando fillos? Eses fillos poderían tornarse católicos!”.

Vexo ese tipo de críticas e respondo: malia ser certo que os fillos de católicos teñen unha probabilidade moito maior de se converter á súa vez en católicos (ao contrario do que acontece na informática ou na homosexualidade, por exemplo), xa argumentei antes que os católicos son persoas coma as demais.

A pesar dos indicios e das opinións dalgúns, non hai probas evidentes de que uns pais católicos estean peor preparados para educar un fillo, nin de que o ambiente relixioso dun fogar católico sexa unha influencia negativa para o neno. Ademais, os tribunais de adopción xulgan cada caso individualmente e o seu labor é precisamente determinar a idoneidade dos pais.

En definitiva, e a pesar das opinións dalgúns sectores, coido que tamén se lles debería permitir aos católicos tanto o matrimonio como a adopción.

Exactamente o mesmo ca aos informáticos e aos homosexuais.

6 comentários:

Plattdorf disse...

Hai frases con bastante ruído. Na revisión baixeille os decibelios a algunhas porque o barullo pareceume moito. Pero outras deixeinas no límite, por ver se funcionan.

Critiquen, critiquen.

Anónimo disse...

pareceme ben, quizis mais curto, como ise catecismo que andan repetindo todos nas cartas do´s periódicos, esas de que chega o fin da humanidade e tal, jevis, jevis.

Plattdorf disse...

Non, se o exceso de lonxitude tamén o vexo eu. De feito, pensei na paráfrase en vez da tradución, pero "non teño tempo para cousas creativas"*.

*por Plattdorf en "Tempos modernos"

m)alicia disse...

u-lo barullo? :-)
[encántame o título que lle engadiches]

Plattdorf disse...

U-lo barullo? Buff, é que non sabe como quedou algunha frase ao principio, con interpolacións, futuros de subxuntivo, infinitivos conxugados e até pronomes mesoclíticos, se me descoido; todo nunha mesma liña. Aquilo parecía a Chanteclair ás dúas da mañá, nos bos tempos.
:-D

Boss disse...

Hmm está-me mesmo a apetecer "aportuguesar" isto e publicar tb :)