4.5.05

Maifest

Tradicionalmente, o 1º de maio en Kreuzberg é un día de caos. A xente vai ás manifas e a partir das oito da tarde comezan coa queima de coches, a rotura de vidros e as carreiras diante dos antidisturbios. Sistemática e organizadamente. Pero este ano, polo visto, a cousa foi moito a menos: xa dixeron que foi o primeiro de maio máis tranquilo dos últimos vinte anos.

Polo demais estes días son sempre especiais na cidade. Todo comeza a noite do 30 de abril, Walpurgisnacht, a noite das bruxas. Pola rúa hai concertos, comida e xente a moreas no que constitúe a primera Straßenfest -festa popular na rúa- da tempada -máis adiante chegan o Orgullo, a Fête de la Musique, outros anos a Love Parade...-. Normalmente, a xente que está nos concertos do Mauerpark -este ano na Boxhagener Platz- vaise enchendo de cervexa e celebra un bonito ritual de enfrontamento verbal cos antidisturbios, que xa están chegando de toda Alemaña para actuar o día seguinte nas manifas de Kreuzberg. É algo así como unha performance: sobre as dez da noite algúns adolescentes-pequenoburgueses-aparentemente-renegados lanzan unhas poucas latas de cervexa, os polis póñense en formación e despois pasan unha horiña ou dúas de regueifa, enfrontados en dous bandos que non chegan a caer na violencia física desatada pero que tampouco deixan de mostrar pequenas hostilidades. Os flashes iluminan a performance continuamente até que a xente se vai fartando e o asunto vai esmorecendo, con pequenos repuntes de tensión cando levan algún detido.

Ao outro día a festa xa comeza relativamente cedo, e todo o distrito 36 de Kreuzberg énchese de xente con propósitos ben diversos. Na Mariannenplatz, sobre a herba, miles de persoas escoitan a música turco-punk dun dos palcos e comen o que ofrecen os postos que hai pola zona. Polo medio, algúns postos con bandeiras do Curdistán poñen música a todo dar e os curdos comezan cos seus bailes preciosos, en filas longas de xente dada da man. Onda a fonte dos bombeiros, outro palco con música turco-pop e en cada rúa da zona, especialmente na Oranienstraße, moitos outros palcos pequenos e bares improvisados que ofrecen diversidade e diversión.

E despois, cara ás sete ou as oito, os antidisturbios vanse despregando pola zona, as cámaras prepáranse, a xente quéntase e comeza a ruada. E árdelle o eixo.

2 comentários:

Plattdorf disse...

Dinme aquí os de www.krasse-zeiten.de, onde están case todas as fotos, que ligazóns si, pero coidadiño co copyright e que non queren que as súas fotos estean en webs alleas.

Plattdorf disse...

O seu alemán avanza día a día, eh? :-))