28.5.05

estamos fatal

Para relaxar, Pedro e mais eu decidimos que imos para Kreuzberg, o barrio máis turco. Os 15 km que separan Reinickendorf -o distrito da misión católica- da Oranienstraße son como unha especie de salto ao hiperespazo; cando saímos do metro en Kottbuser Tor teño a sensación de que volvín á realidade desde algún tipo de soño estraño. Turcas con panos na cabeza, curdos culturistas e alemáns do máis trendy forman unha paisaxe moito máis familiar e menos desacougante ca a da Danza das Patelas. Máis para pensar.

Sentamos na terraza do Bateau Ivre, bebemos cha e probamos Rhabarbersaftschorle (zume de ruibarbo con auga con gas). Puntuamos homes, facemos plans e contámonos a vida. Pídolle que me ensine a patinar inline e accede.

Ás oito entramos no Café-Fatal. Todos os domingos, no SO36, ese grande local, ten lugar unha das festas máis horteras e divertidas da cidade. A elas acuden parellas e xente solta -habitualmente gai, pero non só- que durante a primeira hora reciben unha clase comunal de bailes de salón. Despois, horas de música para practicar o aprendido e demostrar o sabido. Os alemáns son moi paveros ao bailar. Ou ben non teñen nin a máis remota idea de levar un ritmo binario ou ben van a unhas clases de standard e latinos, tómano completamente en serio e despois parece que están nun deses concursos ingleses de bailes de salón, con mans arriba, xestos irtios e movementos bruscos e calculados.

Nin Pedro nin eu temos costume de bailar cara atrás, así que nos imos remudando para darlle xeito ao vals, o fox-trot, o bolero ou a salsa. Esmendrellámonos de risa cos nosos compañeiros de pista, batemos contra eles e desconcentrámolos, parodiámolos nas maneiras... En media hora xa nos debe odiar todo o local. Aparece Richard, o seu compañeiro de piso, acompañado dun inglés e un italiano que xa viramos onte nun bar por aí. Disque viven os dous en Florenza e están de visita. Richard xoga ben as súas cartas e acaba levando o italiano. O camareiro segue tendo ese corpo supremo de fibra e óso. Facemos intentos de entrarlle a un negro que chega tarde, pero o fulano so olla para os loiros máis miudiños e decidimos que non estamos no seu público obxectivo...

Todo na cidade se vai volvendo máis e máis cotián.

Sem comentários: