4.2.05

futuro

Onte botei unha hora falando por teléfono con Liverpool. The Sobrada estivera de aniversario domingo, pero como teñen unha conexión internáutica tan miserábel coma a miña, pola liña normal de teléfono, non puidera falar con ela porque sempre me daba ocupado.

Hoxe falei dez minutos con Vigo e corenta con París. Con Trier as conversas telefónicas son habituais, e estou en contacto constante, vía correo electrónico, con Varsovia, Heidelberg, Santiago de Compostela, Roma, Braga, Rennes, Oxford, Montevideo, A Coruña e Salvador da Bahia, por citar algúns. Agora xa nin penso niso, pero cando me dá por reparar no asunto sempre me sorprendo.

Hai en min unha mestura de pailaroco e snob. Cando esteamos todos de volta -se é que iso chega a acontecer-, a só uns minutos de AP9 uns dos outros, vou ter saudades de todo isto. Con certeza.

Schni-Schna-Schnappi

Esta nena gravou hai tres anos na casa unha canción infantil sobre un crocodilo e a súa familia puxo a canción na web. A canción foise difundindo por Internet durante este tempo até que Universal decidiu editala nun CD para a campaña de vendas do pasado día de San Nicolau (6 de decembro). Desde entón soa na radio e nas discotecas, e agora mesmo está no alto do hitparade de Alemaña, Suíza e Austria: a new star is born. Non teño o pracer de coñecer a nena de "Antes muerta que sencilla", pero estou seguro de que esta supéraa en repelente.

De todos os xeitos, son moi paveras a versións tuneadas de Schnappi para adultos que se poden escoitar deste estas ligazóns. Especialmente recomendábeis as versións de Rammstein -estes si que son kinkies-, AC/DC e Grünemeier.

por unha presa de euros

Andan anunciando agora unha promoción de numismática: un set de moedas de euro portuguesas por dez euros. Consiga as moedas máis fermosas da Unión, que apenas chegan a Alemaña. Sexa o primeiro en telas. Fágase con este conxunto de moedas portuguesas só por dez euros.

Se tiñan vostedes intención de se facer ricos, xa saben o segredo do éxito. Todo é poñerse.

pensa nun desexo

Ben, parece que a desaparición da Avioneta foi unha falsa alarma. Algo así como un efecto Houdini. Alégrome. Como alternativa a un post de boas re-vindas, pásame a pataca quente dunha desas cadeas que a ninguén lle interesan pero que a xente insiste en reenviar para librarse do risco de deixar de pinar durante sete anos, de comer iogures caducados durante catorce anos ou de queimarse coa sopa cada día do resto da súa vida.

Eu son un home destemido. Vou contestar. Pero non a vou reenviar. O que a queira coller, que a colla, e o que non, que a deixe.

1. HAVE YOU EVER USED TOYS OR OTHER THINGS DURING SEX?
Os condóns e o lubricante entran niso de "other things"?

2. WOULD YOU CONSIDER USING DILDOS OR OTHER SEXUAL TOYS IN THE FUTURE?
Naturalmente. Está todo pensado. A partir dos corenta anos, un cockring (por certo, aproveito para preguntar: alguén sabe como se escolle o tamaño do cockring? Mellor un de aceiro ou un de caucho? Liso ou estriado?). E a partir dos setenta directamente o dildo-reprodución de Jeff Stryker (vino o outro día en vivo e en directo e pareceume completamente inasumíbel. Aínda así, non perdo a esperanza. Hai que continuar practicando).

3. WHAT IS YOUR KINKIEST FANTASY YOU HAVE YET TO REALIZE?
Teño todo un mundo de posibilidades kinky aínda sen probar. As miñas veleidades nese ámbito son limitadas: nada de scat, nada de hamsters, nada de SM, -aínda- nada de fist. Pero un amigo e mais eu estamos pensando en gañar algo de diñeiro -a crise económica afecta de cheo a Berlín- vendendo roupa interior usada por Internet: xa sei que iso non é moi kinky pola nosa parte, pero os compradores..., que me din dos compradores?

4. WHO GAVE YOU THIS DILDO?
Non, non. Falemos con propiedade. A Avioneta Malabarista pasoume este inquérito, nada de dildos. Pero aínda están a tempo de darme un como prenda de aniversario (lembre, Avioneta: Jeff Stryker). ;-)

2.2.05

novidades?

Chámame Prisciliana para contarme as últimas novidades dese microcosmos que foi creando na súa vila, Marxdorf. Salvo drogas e rock&roll, hai de todo.

Permanezan atentos. Co seu pasado de escritora afamada (non sei se tamén famélica) e coa axitadísima vida que leva, talvez debamos esperar nas próximas semanas a aparición dun novo blog galaicoxermánico (pero non por iso suevo).

Proximamente nos seus ecráns.

demencias

Baixo á cantina, no traballo, e sento eu só a comellar algo fóra de horas. Diante de min, unha parella ten un desencontro histriónico pero pausado: xestos de incomodo, longos silencios de caras anoxadas, acenos de desprezo, diálogos curtos e ferintes. Érguense ao mesmo tempo para deixar ao outro plantado, e cando se decatan da coincidencia fatal, dubidan uns segundos, ridículos e descolocados. El volve sentar; ela lisca, airada.

Un chinés atravesa toda a cafetaría coa ollada fixa en min e pregúntame se teño lume. Dígolle que non e sae inmediatamente da cantina, pasando entre ducias de mesas de fumadores cos isqueiros na man.

Fico sentado e continúo comendo, tranquilamente. Estouche coma un buxo, digo en voz baixa.

Sigo matinando outro pouco. Eu non resulto tan evidente. Pero estou peor ca eles.

1.2.05

desxeo prematuro

Sorpresivamente, o luns á mañá a temperatura superou os cero graos e púxose a chover. Nunhas horas, as rúas pasaron do xeo ás pozas. E xa avisaron na radio: por favor, non camiñen sobre os lagos nin sobre as canles: a superficie non é sólida abondo.

visitantes

Domingo á noite, mentres facía tarefas domésticas ineludíbeis, farteime de escoitar alemán (acontece cada tres ou catro semanas) e púxenme a escoitar a BBC internacional. O único tema eran as eleccións en Iraq. Teño que recoñecer que aprendín cousas que até agora non sabía nin tivera interese en buscar. Pero de todos os xeitos, durante a maior parte do tempo, a desfachatez triunfalista sen matices dos xornalistas, que describían o ambiente de "festa da democracia" das rúas de Bagdad -e que apoiaban o seu entusiasmo redentor entrevistando cidadáns iraquís de grande solvencia anglófona- facíame pensar que aquilo era talmente coma un informativo dos lagartos de V.

gebrochene chiculateiras

Vaites, parece que Avioneta Malabarista cumpriu coa súa ameaza.
Schade!

31.1.05

is Kele Okereke strong enough?

Estou completamente fanatizado con Believe.
Ai, non, esa non, que parvada! Estou na verza. Eu referíame a esta.

trata de brancos

medras


Hmmm, pero este rapaz moito Cola-Cao debeu tomar este ano, non?

28.1.05

kalte Ruhe

Bota o día enteiro nevando mansamente, sen vento, a cinco baixo cero. Xa é noite cando saio do traballo para o metro, ás seis e media, e camiño eu só sobre quince centímetros de neve nova, pousada sobre capas e capas de xeo prensado de nevaradas anteriores. Sinto de novo o pracer de tripar neve en pó, de sentir como renxe cando a esmago a cada paso. As quitaneves aínda non pasaron por esta zona da cidade onde traballo, un barrio residencial de estilo americano con casas de xardín dianteiro e árbores grandes nos paseos. A esta hora xa non neva e todo é calma e silencio, só roto ritmicamente pola pa que usa un rapaz alto e loiro de 17 anos ao retirar a neve diante do seu xardín: tarefa para adolescentes. Cando teño que pasar por onde el limpa non sei moi ben como comportarme: teño a impresión de que pasar por ese treito do paseo é coma pisar o chan mollado, acabado de fregar. Dubido se baixar ao asfalto; o rapaz para, óllame e sorrí, dándome paso. Arf. Os automóbiles circulan devagariño e polo carril bici adiántanme un par de bicicletas que aran candanseu rego branco.

Chego á parada, ao aire libre. Bato con forza cos pés no chan para sacudir a neve das solas, tal como aprendín o primeiro ano. Conxélaseme o nariz.

27.1.05

contra o esquecemento

O futuro precisa memoria.

26.1.05

nerd power

Acabo de saír dunha conferencia en que se daban claves para postular que a principal influencia lingüística africana na conformación do crioulo de Cabo Verde é o wolof, esa lingua que Cesare tanto debeu escoitar en Dakar e que na actualidade recibe interferencias do francés en Senegal e do inglés en Gambia, segundo os colonizadores que chegaron a cada zona. O conferenciante, alemán e falante de varias linguas románicas, chegou a formarse en wolof para poder chegar a estas conclusións.

Aquí en Berlín coñezo unha catalá que se dedica a facer transcricións ao alfabeto latino de poesía sefardí escrita en caracteres hebraicos ou árabes. Tamén cheguei a coñecer un par de rapazas catalás que andaban por aquí ocupadas en cuestións de Semítica antiga (!!!).

Non é marabilloso -en sentido etimolóxico e en sentido corrente-, milagroso, impresionante, que neste mundo, a estas alturas do campionato, haxa xente que se dedique a estas cousas?

Será unha conachada, pero cousas así reconcílianme coa humanidade.

25.1.05

naan, tandoor e tisno

O outro día, Calquera estívome contando que a súa vida está chea de casualidades, encontros fortuítos en lugares recónditos e cousas así. Non lle dei máis importancia. Ao día seguinte pola mañá, decidiu ir dar unha volta polo Flohmarkt -mercado de segunda man- de Tiergarten. Tróuxome un agasallo paverísimo e mostroume o que mercara para ela: o click Mary Poppins de Playmobil. Paraugas e maletín incluídos. Existe, tan sorprendentemente coma isto. Flipe total.

Á noite fomos comer algo e entramos nun sitio da Kastanienallee. A especialidade do local son as pizzas-naan, tamén chamadas naaza ou naanza. Ou sexa, poñen mollos diversos -guacamole, pasta de aceitunas, etc.- e outras cousas como tomates secos ou rucola sobre os naan, esas tortas indias de pan que se cocen pegando a masa húmida ás paredes do forno tandoor. Deliciosas.

De todos os xeitos, o mellor do local non son os naan. Os donos son dous estadounidenses, un deles con pinta de surfeiro californiano e o outro... O outro é gordiño, con boina, patillas, bigote finiño e lentes de sol ás once da noite mentres traballa en pantufas, cun pantalón de pata de galo e unha camisa de cadriños. Cando se cansa, baila un bocadiño e despois continúa.

E polo baile chegamos ao fío musical: selección ecléctica é a expresión. Despois de repararmos varias veces na cuestión da música, Calquera e mais eu miramos de súpeto un para o outro cando comeza a soar unha gaita. Escocesa, digo eu cando comeza a dixitar. Pero entón, sen harmonía de ningún tipo, á gaita superpónselle unha aria, e de alí a un pouco, por riba de todo isto, os acordes da Garota de Ipanema. Todo ao mesmo tempo.

Aínda non estamos recuperados da risa cando acaba a canción. Uns segundos de silencio..., e comeza a seguinte: Chim-chiminey, chim-chiminey, chim-chim-cheree...

chistes (non moi) privados

Maria João necesitaba preparar unhas cousas para o traballo e pediume axuda: necesitaba que lle explicase algunhas cousas sobre Galiza.

Dígolle que veña pola miña casa á noitiña. Poñemos o seu ordenador portátil nunha mesiña redonda que teño na casa e comezamos a traballar. Ceamos na mesiña redonda, continuamos traballando; tanto hai que facer que acabamos ás tres da mañá. Ao erguérmonos, mentres tomamos o almorzo na mesma mesiña redonda aínda falamos de certas cousas pendentes, como a carta de Rodrigues Lapa de 1973.

Maria João vaise. Entro na ducha. Penso en Ramón Piñeiro. Esmendréllome de risa baixo a auga.

et voilà

Finalement, on a le blog francophile qu'on a attendu longtemps.

Bienvenue, Toulouse ist nicht rosa!

24.1.05

zugadas

Vaites, vaites...

Hai uns días pensei en pór aquí algún comentario sobre A-Z.

Agora xa non me atrevo. :-D

o home máis desexado

Solucionémoslle as dúbidas a Henri. :-)

O rapaz da foto non era quen vostede pregunta, e o da festa tampouco. Vostede refírese a Til Schweiger, un actor alemán que foi protagonista da adaptación cinematográfica de Der Bewegte Mann, un dos títulos de banda deseñada de Ralf König.

O Schweiger era un dos líderes dos saxóns en King Arthur e tamén ten compartido rodaxe con Angelina Jolie.

Que? Arf?

Eiszeit

En Berlín leva varias horas nevando a todo nevar, de maneira que a paisaxe que se olla desde a xanela, aquí no traballo, é bastante parecida á de Laponia (síntome máis rena ca nunca). Supoño que a Calquera, que anda facendo fotos sen luvas polo centro, a estas alturas xa lle deberon caer os dedos a anaquiños.

Ademais, para esta semana están previstos algúns días con temperaturas máximas (sic) de -3ºC. Parece que vai chegando o inverno, por fin.

Só podo acrecentar que os xornalistas galegos son un fato de espantabexatos.

21.1.05

stress laboral

Acabo de saír dunha desas inacabábeis Dienstpflichtkoordinationssitzungen -reunións de coordinación de asistencia obrigatoria- do choio en que a miña presenza só é requirida para balbucir o meu alemán durante tres segundos diante dun fato de dinosauros.

Non hai cousa que máis odie deste traballo.

Do que se pode deducir que tan malo non é.

falade meniñas

Desde que a coñecín estou obsesionado con este tema, en que ninguén parece reparar. Pero que fixen ao respecto? Vexamos:

  • no outono, en Heidelberg, coñecín e estiven falando un bo anaco cun rapaciño interesado no asunto
  • teño a casa chea de folletos que fun apañando por Expolinguas varias
E máis nada: shame on me.

Polo tanto, paso á acción: esperanto lingua da Unión Europea xa!

Aviso: isto só é o comezo.

indiferença

Grazas ao Boss, o Pastelinho de Belém e o Frigideiras, descubro a nova campaña da ILGA Portugal (nada a ver con autoridades lingüísticas): Pelo direito à indiferença.

Moi bo o spot da radio, pero co que estou entusiasmado é co spot para a TV, un auténtico must. Ninguén deixe de baixalo.

Pola contra, non me convence o cartaz que reproduzo neste post; é moito mellor o das rapazas.

Eu tamén reclamo o meu dereito á indiferenza no debate do matrimonio. Mellor dito, quero que o aproben dunha vez para que nos decatemos de que o castiñeiro non nos está deixando ver o souto.

20.1.05

telecomando

Desde a distancia, teño media Galiza escravizada a traballar para min: mentres Xubín está encargada de carrexar papeis da Coruña a Santiago para solucionar a burocracia desa tese que non fago, o meu látego alcanza a (m)alicia para que fotocopie libros esgotados e faga envíos postais exprés.

Cantos cunnilingus me tocarán en pagamento?

idade da inocencia

Na cea con Calquera -pakora e polo korma nunha tasca india que nos salva do frío da rúa- sae ese grande clásico dos últimos anos: xa imos indo grandiños e non facemos pola vida, mentres moitos dos nosos coetáneos andan casando, preñando, parindo, hipotecándose, acabando con relacións afectivas de longa duración e converténdose en solteiros de ouro, opositando, mercando a alfombra da sala, o último modelo de DVD, a casa, o coche, o can, Canal +...

E eu..., nesta burbulla de adolescencia mal curada.

Non me arrepinto da miña decisión. A miña vida tamén pode ser fodida -e supoño que coa idade tende a peor-, pero non quero imaxinar a amargura que me tería suposto vivila do outro xeito.

De aquí para adiante xa veremos.

calquera

Ofrézome a recoller no aeroporto unha fotógrafa galega, das "raritas" -en palabras súas- que non coñezo e que vén pasar uns días a Berlín. Acaba sendo todo unha risa: autodescríbese como un desastre e confesa que non conseguiu facer reservas para pasar a noite en ningures, así que eu ofrézolle a miña casa, non sen antes confesarme un desastre maior e pedirlle que pase media hora nun café mentres amaño o desastre conxuntural da miña casa-cortello.

Aínda ía ter razón miña nai: como tes isto así, sen arrumar? Non ves que pode vir calquera?!!

azar

Olla que rapaz riquiño...

19.1.05

ida de... testo

Despois de ler e comentar estes dous posts de Dot sobre The Raspberry Reich, pensei que algún día debería contar aquí como cheguei a coñecer e ter trato cun actor berlinés de porno gai, porque é unha desas historias que merecen ser contadas aos netos (até paga a pena ter netos para llelo contar).

Pero o caso é que procuro manter como un paradigma do meu comportamento aquel sabio proverbio castelán que di: donde tienes la olla no metas la polla.

E moito menos o publiques no teu blog, acrecento eu.

16.1.05

Carme de Pereiro

Evidentemente, eu non son o primeiro bicoastal da miña familia: teño un bisavó enterrado en Santiago de Cuba e outro en Nova York. Especialmente este último ía e viña con certa regularidade até que lle tocou ficar do lado de alá, así que o considero bicoastal de vez.

Pero así como os destinos son diversos, a orixe é bastante compacta. Como era habitual en Galiza pouco tempo atrás, toda a miña familia -até onde chega a memoria colectiva- provén da mesma comarca onde segue vivindo, fundamentalmente de catro parroquias case contiguas ás que seguramente chegaron hai séculos e séculos. O máis probábel é que nunca me dedique a verificar isto último, polo que nunca hei saber se proveño en liña directa dos habitantes do castro de Xaz ou do de Suviña.

Ou sexa que séculos, séculos non sei, pero o que sei con certeza é que hai hoxe noventa anos, o 16 de xaneiro de 1915, nacía a miña avoa no lugar de Coruxo de Baixo, parroquia de Santaia de Liáns. E que hoxe, no Porto de Santa Cruz, a moi poucos metros de onde naceu, xantou bacallau e pan feito na casa especialmente para ela. Esa si que está coma un buxo.

Para min que miña avoa non le este blog. Pero tanto ten:

Parabéns, Carme.

Staatssicherheit

Onte facíanse 15 anos do asalto popular ao edificio dos arquivos da Stasi en Berlín. Foi a policía política coa rede de informantes máis exhaustiva no bloque do leste (un informante por cada 180 habitantes) e elaborou expedientes de máis de cinco millóns de cidadáns da República Democrática Alemá.

Onte tiveron unha xornada de portas abertas no edificio, en Lichtenberg: os arquivos da Stasi funcionan aínda hoxe porque moita xente continúa a pedir acceso aos seus expedientes persoais.

Como será iso de ver fotos túas de hai vinte anos que non fixo ningún amigo teu? Ou ler paso por paso o que fixeches a noite do 6 de maio de 1984?

amarelo

Que grande clásico.

E o máis esperábel non faltou:

As informacións (...) de moitas axencias de noticias e xornais sobre a morte tráxica de Rudolph Moshammer estiveron inzadas de clixés e prexuízos irreflexivos, opina a Federación de Xornalistas Lésbicas e Gais (BLSJ). O tratamento é de "asasinato no ambiente homosexual" e o Bild titula burdamente: "Subiu o asasino ao seu coche no ambiente homosexual?"

espellismos






Isto era, bastante aproximadamente, o que había na festa de onte. Eu xa sabía que esa xente tiña que existir na realidade e intuía que durmían de día e vivían de noite. Confirmado.

Aínda non estou recuperado da impresión.

abcdefghi...


Eu tamén quero un país con campañas coma esta, e non coma esta.

15.1.05

Moshammer ist tot

Rudolph Moshammer, o zar da moda, foi achado polo seu chofer o venres á mañá no chan da súa casa, morto e co cable do teléfono aínda arredor do pescozo. Está media Alemaña pendente da investigación, porque o asasinato é un misterio.

Agora hai unha testemuña que asegura que viu un mozo no Rolls Royce de Moshammer o xoves á noite, despois de que outra xente o vise falando con varios rapaces arredor da estación de Múnic. Polo visto, unha das claves podería ser a cadeliña Daisy, que talvez garde algún resto de ADN do agresor.

E non, tranquilos, eu tampouco estou colgado do Bild. É só que estou á espera das primeiras mostras de homofobia.

saudades

Despois da falcatruada de Harry, andan agora por aquí dicindo que cómpre estender a prohibición sobre a iconografía nazi á totalidade de Europa. Se todos os europeos estamos de acordo en que o nazismo foi un movemento execrábel, debemos loitar para que os seus símbolos sexan prohibidos tamén fóra de Alemaña,
coméntase estes días.

Non quero entrar agora en debates relativistas, non. O que me pregunto é se isto acabará tendo repercusión nas ideas que teñen algúns sobre a memoria histórica.

Nunca pensei que un membro da familia real británica podería acabar tendo algunha influencia na mudanza do nome do meu hospital. Abofé que non.

Como en Irlanda

Mentres poño unhas fabas a cocer, na radio comeza unha pequena reportaxe sobre o réxime lingüístico da Unión Europea tras a última ampliación: non se dan atopado intérpretes de maltés, os de esloveno son raros coma diamantes, miren que simpático soa o portugués [gravación dunha intervención no Parlamento], o danés [outra], o lituano [outra máis], bla, bla. Pero a cousa non queda aquí, señores, porque o goberno de España quere que sexan recoñecidos como oficiais o catalán, o vasco e -xúroo- o gaélico.

Acabo de mandarlles un correo electrónico.

11.1.05

Costa de xaneiro

E diñeiro non me falta.

MCG

Entre Londonderry e Derry, os de Ryanair escolleron Derry para o seu mapa de destinos, aínda que a forma unionista está discretamente presente no sitio web. De todos os xeitos, o código internacional do aeroporto norirlandés -LDY- non deixa dúbidas sobre quen escribe a historia.

Desde hoxe, Ryanair xa nos agasalla cun -previsibelmente- pouco polémico Santiago de Compostella: a sobreabundancia da letra ele parece ser unha constante nos conflitos toponímicos.

Eu xa estou intrigado por saber que vai acontecer con Easyjet e o aeroporto de LCG.

10.1.05

Rena ou veado?

Ben, de ningunha maneira pense ninguén que é a miña intención comezar a publicar fotos miñas neste blog. Pero, francamente, esta é unha ocasión especial.

Dedicado a Boss e a todas as renas e veados, para que saiban que sempre os temos presentes. Aquí teñen o Plattdorf entre os -por unha vez castos- brazos de Cesare na madrugada do 1 de xaneiro, nalgún dos pecaminosos bares de Santiago de Compostela. Recoñezo máis xente na foto, pero non quero ser o delator dos pecados de ninguén; espero que os interfectos se confesen.

Os cornos non son meus -espero-; tíñaos un vello coñecido e non me puiden resistir a pedirllos para tirar esta foto. O cadro negro tampouco é meu: só está aí por manter as vellas tradicións blogueiras.

meta

Paréceme que acabo de romper unha das convencións do xénero. Penso que até agora nunca escribira smileys nos posts, só nos comments. Dado que este é un blog epigonal, diríxome ao canon (que tamén xoga a canonizador e ademais está canón): que opina, Cesare?

Britain

Aínda non volveron a Berlín todos os amigos, así que convidamos ao pseudococido a un par de portuenses que xa andan por aquí: Xana e Vânia traen o namorado desta, Nico, e contan que foron pasar a noite de fin de ano a Santiago con varios amigos (!!). Tamén vén José Pedro (arf, pensándoo ben), outro rapaz do Porto que vive en Londres e está visitando a Vânia.

Durante a cea falamos de Londres e pouco a pouco vaime renacendo esa ansia que teño por volver ás illas. Estiven en Inglaterra por primeira e última vez cando tiña 14 anos, e na miña memoria Londres xa só é unha pataca ao forno rechea de crema de queixo, unha cabina de teléfono vermella, o Big Ben e unha tenda de roupa cuxa empregada ouviunos falar e veunos dicir que era de Sada. Tamén me lembro dos cantís brancos de Dover desde o ferry, un pouco de Oxford, un pouco máis de Cambridge e moito da casa-museo de Charles Darwin, onde merquei o meu barómetro modelo "viaxe marítima naturalista do século XIX". Despois, todas as miñas andanzas foron fundamentalmente continentais.

Fago reconto de contactos: o Gender-master lugocho en Newcastle, The Sobrados e mais The Chantada en Liverpool. Este verán deixeille a miña casa berlinesa a unha catalá-londiniense que nunca vin na miña vida e supoño que podo solicitar reciprocidade. Botándolle cara tamén está a Tascadora en Oxford (prégase confirmación ou rexeite) ;-) e incluso a colega de Birmingham. E desfacéndome de todo rastro de vergoña tamén lle podo solicitar pousada en Oxford a Henri, a ver que é iso de andarme gastando o blog. ;-)

Onte, dándolle voltas a isto mentres me pelexo cunha lombarda, recibo unha chamada de The Sobrada desde Liverpool. Dígolle que non sei que faga nos case dous meses de vacacións que teño no inverno: se vaia a Inglaterra a visitalos a todos e pasar un par de semanas en Londres ou se vaia para A Coruña para aforrar un pouco e para facer esa psicoterapia pola que levo chiando anos e anos. Ela dime que en Londres tamén podo durmir na do Chévere e mesmo na dese amigo seu que vive nunha casa en Notting Hill.

Eu cada día estou peor da cabeza e, insisto, non sei que faga, se as frita, se as coza...

9.1.05

enchentes

Falo con Maria João o día sete e en dous minutos, aínda non sei moi ben por que, decidimos que queremos facer un cocido para celebrarmos o día de Reis (???). A receita do cocido de Vila Nova de Gaia non é exactamente a mesma ca a da Coruña, pero as semellanzas son tantas que non encontramos problemas en establecermos unha receita común integradora (ía dicir supradialectal, en que terei a cabeza... ;-P): eu acepto a cenoira e ela acepta o grão de bico.

Achégome ao Aquí España, unha tenda dun portugués (...) que ten cousas de por aí abaixo. Collo un quilo de garavanzos, compro un bolo-rei e, sorpresa!, Tartas Ancano fai chegar a Berlín as súas tartas de Santiago!! Despois vou ao supermercado para facerme cunhas coxas de polo, patacas e algo bastante parecido a un repolo.

Por suposto que aquí non podemos conseguir carne salgada de porco, e non falemos do prezo que pode ter o xarrete de vitela, así que todo queda nun pseudo-cocido de post-Reis con pouca traza e menos xeito. De todos os xeitos, Maria João pon a cocer un pouco do touciño, do raxo curado e das chourizas que fai a súa avoa na aldea, perto de Viseu, e cando metemos o repolo e mais as patacas na pota, o cheiriño característico do cocido invade a casa.

Tanto para ela como para min é o primeiro cocido que facemos e rímonos pensando no impulso patriótico-gastronómico que lle entra a un na emigración. Algunha das convidadas, do Porto, mesmo confesa que nunca comera sardiñas até chegar a Alemaña. Hai un par de anos eu tamén fixen en Berlín as miñas primeiras filloas.

Mec, mec!!

En Sylvester, a noite do 31 de decembro, os berlineses dedícanse a saír á rúa e tirar foguetes sen parar, algo así como a noite de San Xoán en Barcelona. O día que cheguei fixen unha primeira rolda de recoñecemento pola casa e saín ao balcón para verificar que non houbera inundacións nin outras desgrazas similares. A pesar de vivir nun terceiro andar, no chan topei tres foguetes completamente mollados e supoño que inofensivos; por se acaso preferín deixalos fóra toda a noite. Á mañá seguinte descubrín que a tres metros do balcón, enredado nas pólas dunha árbore, había outro foguete de estilo máis espacial, talmente da marca ACME.

Agora ando preocupado: non sei se o foguete xa estouparía e estou fóra de perigo ou se nos próximos días vou ser vítima dunha das aliborias do Coiote.

...e bonito por natureza

Estou flipando. Normalmente, xaneiro e febreiro son meses xélidos en Berlín, con semanas enteiras en que a temperatura non supera os cero graos en ningún momento nin do día nin da noite. Os ríos e as canles conxélanse, e sobre os lagos pódese patinar sen problemas. O frío non permite que a neve se derreta, de maneira que camiñar pola rúa vaise convertendo nunha actividade de risco cada vez máis frustrante, cos expertos alemáns mantendo a súa velocidade de cruceiro sobre o xeo e os inseguros meridionais dubidando como pousar os pés a cada paso.

A sorpresa chegou o mesmo día que voltei. Día catro de xaneiro: A Coruña, 13 ou 14 ºC. Madrid, unha hora despois: "señores pasajeros, en breves momentos aterrizaremos en el aeropuerto de Madrid-Barajas, la temperatura es de 2 ºC". Brrr! Berlín, sete horas despois: "señores pasajeros, en breves momentos aterrizaremos en el aeropuerto de Tegel, donde la temperatura es de 8 ºC". "Bajo cero", esperei que dixese, pero deixou a cousa así. 8ºC positivos!?!?!

Aínda lembro a aterraxe en Berlín tras o meu primeiro Nadal de emigrante. Noite pechada ás cinco da tarde e todo cuberto de neve. Ía ollando desde a xanela do avión mentres nos achegabamos á terminal, xusto despois de pousarnos en terra. O vento dos propulsores dos outros avións erguía cristaliños de xeo do chan e lanzábaos ao aire, facéndoos brillar uns segundos mentres eran alcanzados pola luz dos potentísimos focos do aeroporto; despois perdíanse na escuridade. Pouco tempo despois chegaban as noites de vinte graos baixo cero.

Agora, pola contra, a incredulidade crece día a día: para mañá espéranse máximas de 14ºC (!!) e non se enxergan sinais de remisión deste inverno tropical.

De que proezas polares vou fardar este ano?

7.1.05

Gai... de provincias

Nas viaxes entre A Coruña e Berlín normalmente teño que pasar unhas horas nos aeroportos de Barajas ou El Prat. Cando toca Barcelona, non hai dúbida: chamo os colegas para irmos xantar, visito algún ex-amante, lémbrome doutros... E sigo flipando coa cidade. Por razóns variadas, sempre tiven máis contacto coa Rambla que coa Puerta del Sol, e incluso estas Crónicas estiveron a punto de ser catalás e non prusianas.

Pero desta vez tocou Madrid. Só tres horas. Esta cidade coñézoa moito menos, e teño menos contactos, así que a solución foi ir dar unha volta rápida por Chueca, que xa o teño algo máis trillado, para botar unha ollada nalgunha libraría do gremio. Nestas chámame Cesare e pónseme a berrar por ir facer o que todas as maricas de provincias, con todo o que se pode facer en Madrid.

Carallo, que tiña tres horas en total, metro incluído! Se nin sequera tiña moi claro se ir ao centro ou ficar no aeroporto... E non me arrepinto da miña decisión, porque sempre me cadrara Madrid en fin de semana e desta volta dei entrado por primeira vez na tenda de Glam, con esa roupa de Fernando Cuevas que me tolea desde os 22 anos e da que só chegan catro cousas a Ulán Udé en Santiago e a One na Coruña. Mágoa non ter máis tempo, porque ía facer unha desfeita consumista.

De súpeto lémbrome de que teño que mercar Flanín, un -curioso- encargo dunha compañeira de traballo. Entro nunha tenda de chineses e pregúntolle á dona se teñen "polvo para hacer flan", ao que responde -puritito tópico- se o que quero é "azaflán". Xúroo.

Aproveitando que aínda estou no país telefónico, chamo a Dagha, que me fala de cartas astrais e bonitos encontros en Terranova. Probo tamén con Elfnoldo, pero como nos deitamos tan tarde aínda dorme.

Cando me decato, falta unha hora para o embarque e estou na rúa de Fuencarral. Estrés, estrés, Mar de Cristal, estrés, Campo de las Naciones, estrés, Aeropuerto, estrés, case non hai xente no control de metais e chego con tempo de sobra.

Xa no avión, vou pensando sobre Madrid. Despois de falar con Dot, con Cesare, e con moita outra xente, decido que teño que descubrir esa famosa cara amábel do poblacho manchego. Quen me asesora?

Eficiencia vs. pracer

Xa sei, xa sei que o sistema aeroportuario galego non é o culmen da eficiencia, son plenamente consciente. Pero amigos, ninguén pode negar o enorme pracer para a vista que é chegar ou partir de Alvedro. Nas aterraxes procuro sentar nunha xanela da dereita, e desde Ferrol vou recoñecendo toda a xeografía do Golfo Ártabro en tres brevísimos minutos: o Prior, Ares, a Marola, Dexo, Seixo Branco, a Torre de Hércules coas Sisargas ao lonxe, o faro de Mera, Canide, Breixo, o castelo de Santa Cruz, o tellado da miña casa!, a praia de Bastiagueiro, a praia de Santa Cristina, a ría do Burgo e pum, as rodas na pista.

Normalmente as nubes impiden unha panorámica máis xeral e só se pode contemplar todo isto cando o avión xa -ou aínda- voa moi baixo. Pero este catro de xaneiro o ceo estaba limpísimo e azulísimo, así que non puiden tirar os ollos da paisaxe durante moito tempo.

Grandioso. Nunca puidera ver exactamente ao mesmo tempo todas estas cousas: o porto da Coruña, a península de Oleiros e Sada, Betanzos, Ferrol, a central térmica das Pontes, Oza dos Ríos co seu paso elevado do tren, a serra do Xistral e lonxe, pero recoñecíbeis, os cumes nevados das montañas cantábricas, xa en Asturias. Impresionante, e todo ao mesmo tempo, só con saír o avión. Eu ía do lado do norte, non quero imaxinar até onde se podería ver polo sur.

Seguín atento, pero non fun capaz de recoñecer nada novo até que chegaron os Ancares, que se vían coma uns xoguetes ante a proximidade das montañas de Asturias. Polos viadutos da autovía encontrei Pedrafita e un chisquiño máis adiante apareceu o Bierzo como unha poza redondiña e branca entre montes: a néboa non se levantara aínda do val, e daba gana de soprarlle coma á tona do leite para poder encontrar Vilafranca, Ponferrada. Despois da Maragatería, a chaira de Castela, sempre cos picos nevados do cantábrico ao norte e, pouco a pouco, tamén coas neves do Sistema Ibérico ao leste. Do outro lado diso está Aragón, e o Mediterráneo, pensaba eu, e non había vinte minutos que estivera vendo a ría da Coruña.

Que pracer, meus.

P.S.: de acordo: a meteoroloxía, xunto coa xeografía, son dous praceres ocultos que dan conta do meu absoluto friquismo.

6.1.05

O porco é sagrado III

Ah, por certo, en Noiteboa non comeu o raxo asado, pero si bacallau e coello. O malo é que no cocido do xantar de Nadal fíxoselle unha sopa á parte con alloporros para disimular, pero despois non nos atrevemos a confesarlle que o repolo, as patacas, o xarrete, a galiña e todo o que estaba comendo en xeral ía feito na mesma pota ca os chourizos, a costela, o lacón...

Somos uns monstros?

O porco é sagrado II

O meu radar non se trabucaba.

Corenta e moitos, rapado, ollazos, guapísimo. Arquitecto e xestor ambiental do porto de Oakland, vive nunha casa de madeira en San Francisco. Até que se puxo a estudar Dereito, hai uns meses, erguíase ás cinco da mañá para adestrar co seu equipo de natación antes de entrar a traballar. A súa familia, estirpe yiddisch, provén da Galitzia polaca, por unha banda, e ucraniana, pola outra, e escaparon a Nova York na época dos pogroms. Antes de caer o muro viviu en Berlín, no distrito de Schöneberg, onde aínda conserva amigos. Ademais de inglés, fala alemán, portugués e un castelán impresionante. Demostra grande interese polas nosas historias porque súa irmá é profesora de universidade e dirixe o seu labor investigador cara á recuperación da memoria histórica de Galitzia, hoxe dividida entre Polonia e Ucrania. Maniféstase horrorizado polo urbanismo galego -tedes cidades sen árbores; é posíbel que se vaia edificar nos terreos liberados polo traslado do porto, no canto de deixalos como espazos públicos de reencontro co litoral?; de verdade que se derrubou un castelo do século XVII para construír un porto petroleiro?!?!?!- e encantado polo trato que lle damos.

Cando eu tiña tres anos estivo nunha sardiñada multi-culti na miña casa. Eu non me lembro.

Normalmente estrésome pensando que nacín demasiado cedo. Quen sabe se non é ao revés...

5.1.05

(whatever)sucker


Home, si, entre outras cousas eu tiña pensado dicir que Ascárida fora un dos grandes descubrimentos da xornada, e que o deseño de orballo engana. Pero agora xa non sei que faga, porque vai soar tanto a zugada de pirolas...

4.1.05

Honra

Meu Deus, que vergoña. E que pracer, claro. :-)
Non podo facer menos ca seguir inmediatamente os consellos de María:

schon wieder...

...estou de volta en Berlín. O silencio destes últimos días non fai máis ca confirmar o que levo pensando hai tempo: canta máis vida, menos blog.

Non hai quen mo quite da cabeza. Ou polo menos iso é o que vale para min.

Precisamente por iso, pola moita vida e polo pouco blog destas semanas, teño cousas a eito para contar. E precisamente polo mesmo estou tan cansado e teño tanto sono (xa van tres noites case sen durmir) que teño que deixar os informes para outro momento.

Xa veremos que é o que pasa a peneira da actualidade.

1.1.05

23.12.04

O porco é sagrado

Estes días quería escribir con calma sobre a anécdota do Nadal deste ano na miña casa. Na cea de Noiteboa e no xantar de Nadal imos ter o Richard, un xudeu estadounidense, como convidado. Ninguén alleo á miña familia pode imaxinar a profundidade dos argumentos e a intensidade dos debates das últimas semanas sobre a conveniencia ou non de presentar na mesa, tras o bacallau con coliflor, un asado de raxo con castañas canda os outros asados de carne. Claro, o fulano non come porco, pero o menú de Noiteboa nesta familia é estritisimamente tradicional, e se morren antes que permitir que o marisco o profane, moito menos van deixar de servir o asado de raxo.

O asunto é que un encontro fortuíto desta mesma tarde permitiume saber que o asunto kosher non vai ser o máis interesante do Nadal. Hoxe non teño tempo para escribir máis, pero podo adiantar que Richard vén de San Francisco.

Mañá máis.

Que difícil

Revelde colleu hoxe vacacións e, demostrando o horror atávico dos composteláns pola Coruña, foise esta mesma tarde para o sepulcro do santiño. Combinamos unhas horas antes de que se fose con Caladinha cara ao sur e xantei con el e mais con Elfnoldo. Laretamos, lercheamos, e nun xesto de enorme magnanimidade –non esaxero, e eu sei por que o digo-, deixoume as chaves do seu piso coruñés para estes días de ausencia.

Porque claro, en concordancia con esta adolescencia mal curada que arrastro desde os 18, a estas alturas do campionato véxome por primeira vez na miña vida sen ter onde pinar: cando me veño de Berlín volvo á casa de meus pais, e Elfnoldo tamén vive coa familia. A vella canción do Simca 1000 toma un novo sentido para min e o Citroën Xantia non mellora moito as cousas.

Teño a sensación de que usar esa cama vai ter algo de profanación dos santos lugares, pero comparado cos cabezazos contra o teito do coche ou a tensión de procurar un cuarto nun hostal e que os donos che digan sistemática e sospeitosamente que xa non teñen sitio, a casa de Revelde vai resultar tan charmante coma un Hilton.

20.12.04

Psicoterapia

Vólvoo ver e as cousas seguen como estaban: a beleza de Elfnoldo déixame sen folgos e faime sentir tan afortunado que non o podo crer: onde está o truco? Por outra banda, reafírmome no que pensaba: vivimos en dimensións paralelas, e os espazos de tanxencia que nos esforzamos en crear teñen a mesma cor esvaída da Santa Compaña ou dos compañeiros de piso de Nicole Kidman.

Falamos horas e horas, bebendo chá hindú na Cidade Vella ou -sobre todo- no coche, e por veces sorpréndeme con momentos de xenialidade. Estacionamos diante da súa casa, fóra orballa e as xanelas do coche embáfanse, son as dúas da mañá e lánzome de novo sobre el. Ríndose, ameázame con chamar a súa nai, porque sabe o efecto refrixerante que me provoca. Aproveita a miña retirada para saír do coche e despedirse. Sorrí.

Trapos

En moitas ocasións, para asistir a determinados actos non me atrevo a vestirme como realmente me apetece, así que acabo disfrazándome cunha indumentaria da que me arrepinto inmediatamente despois de saír pola porta da casa. Por que me fago isto? Se engadimos os problemas de dispersión do armario provocados pola bicoastalidade, non é de estrañar que sábado fose para a RAG cunha mochila con roupa para me mudar á saída do acto.

E así foi. Minutos antes de recoller a Dagha no vestíbulo da estación, mudeime de cabo a rabo dentro do coche, mentres sorría imaxinando a Cesare mudándose nos baños do Dublín só unhas horas antes.

A camisa de Cesare era espectacular e a combinación de cores -se non me engano moito, debida en última instancia a Fufli, prégase c. ou r.- moi, moi acertada. O da talla do pantalón: unha carallada. Reláxese: Elfnoldo e mais eu concordamos en que para levar unha auténtica 46 tería que vostede almorzar, xantar e cear exclusivamente lardo de porco durante seis meses, e non sei se así...

Dagha sorprendeume con ese abrigo impresionante, nante, que viramos en setembro e que non se atrevera a mercar daquela. Bravo.

E seguindo co tema: nunca lle merquei nada a Antonio Pernas. Debería comezar unha campaña de boicot na miña familia, que o ten nos altares?

...cásate cun mariñeiro, que vén lavado do mare

Reafírmome na miña idea: Dagha vive unha espiral de desenfreo. Malia todos os anos que hai que a coñezo, por cuestións variadas nunca a vira saír de pesca, e estou moi sorprendido da súa habilidade cos engados, as liñas, as chumbadas e os anzois.

Nin Revelde nin eu lle aceptaremos máis queixas, sáibao.

Olleiras

O de sempre. É chegar aquí e todo é unha voráxine. Encántame, pero esgótame.

Despois de dúas noites sen durmir en Berlín, chego á Coruña e comezo a correr. O primeiro: asisto ao acto de ingreso dos catro novos académicos da Real Academia Galega. Ao acabar, encóntrome co Hometranquilo, con quen compartín anos de cotidianidade laboral e que agora dá aulas optativas de historia en galego, alá polas nosas Olivenças. Tamén atopo a Cesare, que está fermosísimo e especialmente radiante grazas a un dos seus ataques de felicidade conxénita. Cesare preséntame a Ro, aínda que nun alarde sen precedentes de axilidade mental, non son quen de asociar a persoa que me presentan coa comentadora blogueira até moitas horas despois. E Ro dáme os parabéns por estas Crónicas, sorprendéndome e converténdose na primeira que me di algo así en persoa. Isto tráeme lembranzas do Festigal 2004, días despois de chegar de Berlín, cando só coñecía a Diego Ameixeiras polas fotos de Todonada e aínda así convertinme no primeiro en declararlle admiración pola rúa, en plena borracheira patriótica.

Despois, encaixe de bolillos. O móbil ferve, recollo a Dagha na estación de tren, falo con ela cinco minutos e pídolle outros cinco de intimidade con Elfnoldo. Déixoa na de Revelde, recollo a Elfnoldo, ..., ceamos todos na de Revelde, saímos. Bailamos e bebemos, suamos; Elfnoldo, e con el as ereccións, van e veñen. A Cesare hai que lerlle os beizos, porque a gorxa non lle dá máis, e polo medio Dagha decide engatar. E conségueo.

Ao saír do penúltimo local, camiño do seguinte, vexo saír unha Lola dun parking subterráneo; dentro vai Cesare, de quen non me despedira porque estaba convencido de que viña camiñando un pouco máis atrás. Ao entrar no after-hours, ás sete da mañá da terceira noite que paso sen durmir, comezo a perder o equilibrio de pura fame e cansazo. Como unha napolitana da pastelaría de garda e lisco, derreado. Consigo durmir até as tres da tarde, como xa non podía hai tempo.

18.12.04

Nubes

06:00h da mañá. Despois de durmirmos unha hora e media, hai un pouco que Prisciliana liscou para coller o avión que a leva a Bratislava, e eu lisco agora mesmo para coller o avión que me leva á Coruña. Hai un chisco, mentres acababa de facer a maleta, chegoume unha mensaxe de Dagha, Su Ellen perdida, que estaba chegando á casa para deitarse despois de deixar a Cesare de farra. Cóntame que dentro dunhas horas xa nos imos estar embebedando todos polo Sex Machine.

Hoxe tamén é o día do reencontro con Elfnoldo. Emoción e intriga, dor de barriga.

Alá vou.

16.12.04

Estrañamentos

E logo por que sae o euro-döner por baixo do p(f)orno, se o p(f)orno foi antes? Eu xuro que non toquei nada.

Parece que o blogger anda algo raro para todo o mundo...

Low fare

Estou en estado de shock. Por fin se cumpre unha das miñas aspiracións dos últimos anos: en breve vou poder evitar o aeroporto de Barajas para viaxar á(s) casa(s). E, se cadra, mesmo podo aforrar algo de cartos.

Mamaíña, canta pista lle vou ghastar a Stansted e a Frankfurt!

p(f)orno

Teño varios amigos que me mandan regularmente regaliños porno. Rara vez correspondo os envíos, porque para esas cousas son bastante roñoso. Ademais, despois da piada inicial, nunca sei moi ben o que facer con eles, se gardalos, se tirar con eles no caldeiro do lixo. Entre as cousas que fun gardando tiña por aquí uns cociñeiriños que me chegaron hai tempo por correo-e: acabo de decidir rescatalos para a vida útil despois de ler hoxe O Quilombo.

Non sei se serán exactamente o seu tipo, nin sequera creo que falase exactamente disto cando dicía que os cociñeiros son do máis estimulante para el, pero en calquera caso, van estes mozos dedicados a Dot.

Euro-döner?

De acordo, pouco a pouco vou estando máis seguro de que non quero que Turquía entre na UE. Convénceme especialmente o argumento de que este feito supoña un obstáculo grave para facer da Unión un proxecto con contido social e político, e que isto acabe reducíndose a un grande mercado aberto para o que o capitalismo salvaxe e globalizado nos continúe tomando o pelo comodamente e con ánimos anovados. Por outra parte, e en profunda relación con isto, non soporto a idea de que integrando a Turquía esteamos metendo na casa un colaborador acérrimo dos States e que lle fagamos de paso un favor á política internacional de Bush (e do ex-goberno de Ansar y sus anómalos secuaces).

Pero teño un problema. Aquí en Alemaña a discusión é vivísima; agora mesmo están falando diso na radio. Os partidarios do non a Turquía son os da democracia cristiá, coa facha de Angela Merkel e o pailaroco bávaro (nótese como vou asumindo os prexuízos berlineses) de Stoiber á cabeza. E os do goberno eco-socialdemócrata que si, que si, turcos para dentro.

Non me subestimen: non me preocupa o que pensen os verdes nin os vermellos. Preocúpame que os laranxas e os azuis queren facer unha recollida de sinaturas contra o ingreso de Turquía. Que é que vou facer cando os encontrar pola rúa? Esencialismo si, esencialismo non?

Ou mellor aínda: que esencialismo si e que esencialismo non?

P.S. I: hoxe vai de dedicatorias. Imaxe do euro-döner especialmente dedicada a Cesare.
P.S. II: os azuis non son nada esencialistas. Atención ao bonito detalle.

13.12.04

Israel e Kennedy

Walk on water, moi ben. O neto gai dun nazi, un axente dos servizos de intelixencia de Israel, conversas sobre o grande tabú dos alemáns. Fícame na retina a imaxe dos dous en traxe de baño, co corpo cuberto dunha lama terapéutica negra e reseca, entrando no Mar Morto nas puntas dos pés por mor dos croios da praia.

O director é o que fixo Yossi & Jagger, unha de amor entre soldados no exército de Israel, que xa se estreou este ano en Berlín.

Walk on water está rodado en Israel, Istambul e Berlín, en hebreo, alemán e inglés. E case por primeira vez vivín a sensación de estar a ver un filme con secuencias rodadas a poucos metros do cinema onde estou sentado. Adorei poderme rir cos berlineses ao recoñecer algúns detalles locais que aparecen no filme, como o Currywurst, ou algúns personaxes famosos da escena gai local, como Biggy van Blond, que xa é unha referencia para min.

Será que pouco a pouco vou camiño de dicir aquilo de Ich bin ein Berliner?

Albergues e avións

Chámame Prisciliana e avísame. Venres téñolle que dar cama en Berlín porque vai pasar por aquí camiño de Bratislava e Budapest. Disque non quere deixarme sen tradución do Principiño ao eslovaco, e xa de paso, desde Eslovaquia aproveita para coller un tren a Hungría e así visitar ao noso colega Levente, que tan famoso se fixo en Compostela neste verán. Como os voos a Bratislava son escandalosamente baratos desde aquí, sábado pola mañá imos compartir ducha, toallas e madrugón, porque eu tamén lisco de Berlín ese mesmo día moi cedo, con destino máis cálido.

12.12.04

Verzaubert International Queer Filmfestival

Ben, veño de volta do aeroporto, fico libre de todas as visitas e decido que teño que aproveitar o último día do festival de cinema gai. Teño prevista unha sesión continua: primeiro un programa de curtametraxes e despois un filme de Israel, Walk on water.

O outro día fun ver Testosterone con Pedro -que a estas alturas debe estar voando cara a Lima, para pasar o Nadal coa familia en Miraflores- e non saín especialmente satisfeito. O mellor: ver imaxes de Buenos Aires -cidade da que non teño unha imaxe moi formada- e o casting masculino, que é para caer de cu coa impresión. Sonia Braga espectacular, pero estraña moito ouvila dicir frases en castelán. O peor: moito me custa seguir un filme en inglés americano sen subtítulos de ningún tipo.

No festival tamén se proxectou Wild Side, unha coprodución franco-belga-británica que eu xa vira o pasado inverno, na Berlinale. Lenta e dura, é a historia dun travestido que se dedica á prostitución en París e ten que volver á casa natal para coidar da súa nai enferma, que vive no norte deprimido de Francia (ou en Valonia, non lembro ben) . Polo medio de todo o asunto están os seus dous amantes, un magrebí e un ruso.

Seguindo con francesadas, tamén perdín a última creación de Gaël Morel, que presentou neste festival Three dancing slaves.

Proxectáronse moitos outros filmes que xa non vou poder ver desta vez. Algunhas son curiosidades intrascendentes que lamento non ter visto, como Surge of power, unha americanada sobre superheroes; Sexual dependency, unha coprodución USA-Bolivia sobre o despertar sexual de cinco adolescentes ; Latter Days, outra americanada en que un fulano se apaixona por un mormón dos de etiqueta co nome na camisa. O que non podo deixar de ver nalgún momento é Hellbent, a primeira scary movie gai(!).

Renas no Ku'damm

Gañei!!
:-D

11.12.04

Alea jacta est

Estes días foron saíndo as outras fotos con que participo no concurso do renas e veados. Teño as miñas esperanzas postas nas fotos do Ku'damm, que a estas alturas é a cousa máis kitsch que coñezo. Precioso.

Polo visto, hoxe sae o resultado do concurso, se é que o permite esa cea lisboeta de confraternización dos membros da blogayesfera portuguesa. Moito daría por ver esa cea por un buratiño.

Paciencia.

Distancia

??
Que demo é iso de Antes muerta que sencilla???
??

Mantéñanme informado, por favor.

9.12.04

Carreiras

Hoxe erguinme ás seis da mañá para acompañar a Oquecome e Chuchipilar ao aeroporto de Tegel. Vanse de volta para A Coruña. De todos os xeitos, a voráxine non cesa: ás 22:15h teño que estar de volta no aeroporto porque chega a seguinte visita, desta vez de tipo laboral.

Como non quero seguir perdendo os filmes do Festival de Cinema Queer, hoxe á tarde combinei con Pedro para irmos ver Testosterone, xusto despois do curso de alemán e xusto antes de ir para Tegel.

Non aturo os días de tempo cronometrado.

Blasfemias e sacrilexios

Onte á noite fun cear ao meu árabe de confianza da Bergmannstraße cos meus visitantes. Ao probar o humos, Chuchi dixo que lle recordaba o sabor dos callos, por aquilo dos garavanzos, as especias... Rimos todos tres a cachón e eu díxenlle que sería mellor non llo comentar ao camareiro, que o había de tomar coma un auténtico sacrilexio: nese restaurante non hai bebidas alcólicas, para canto máis chourizos con tripas...

Hoxe á mañá, indo do aeroporto ao traballo, vin na tele do metro unhas fotos de Beckham e Victoria vestidos de San Xosé e a Virxe María (respectivamente...), máis ou menos as mesmas imaxes que publicou onte Boss no renas e veados. Ao meu lado, unha turca ollaba e sorría, e eu tamén sorrín cando lin que o Vaticano consideraba aquilo unha mostra de mal gusto.

O que non sei é se un Belén de cera pode chegar a blasfemia.

Nikolaus

Este ano practicamente me pasou desapercibido o Nikolaus. Outros anos teño regalado e recibido algunha figuriña de chocolate, e cousas así, pero desta vez, con tanto correr dun lado para o outro, nin me decatei. E non será pola cantidade de fulanos que andan disfrazados de San Nicolau por Berlín, eh?, que os hai que andar apartando para camiñar pola rúa...

Só me lembrei do día que era porque Oquecome e Chuchipilar recibiron ese día un pequeno agasallo de chocolate dentro dunha chinela, souberon as particularidades do seis de decembro en Alemaña e quixeron regalarme algo a min. Non o conseguiron porque non toparon nada que os convencese no Weihnachtsmarkt máis próximo, pero a intención é o que conta.

Ultimamente non podo celebrar moito os Reis, porque o seis de xaneiro xa teño que estar de volta en Berlín. Así que vou ter que institucionalizar o Nikolaus na miña vida, por aquilo de compensar estas carencias consumistas.

7.12.04

Meigallos cinematográficos

A voráxine vital e laboral en que me teñen metido estame impedindo asistir ao Festival Internacional de Cinema Queer que se celebra esta semana en Berlín. Non é xusto. Pedro está indo a algunhas sesións e fala ben dos filmes que ve.

A min os dentes xa non me caben na boca.

6.12.04

zu Besuch

Teño visita en Berlín. Viñeron Oquecome e Chuchipilar, con quen xa fixera unha viaxe a Barcelona hai un monte de anos, e estou moi ilusionado por mostrarlles a primeira cidade que visitan ao norte dos Pireneos. Fálanme da súa vida actual -da que sei sorprendentemente pouco- e dos seus nenos, e déixanme abraiado co dato de que na clase do meu afillado, na que foi a miña escola, a inmensa maioría dos nenos son sudamericanos e casteláns. Con estes datos na man, non vexo que se aproxime exactamente a mestizaxe que espera Cesare, que prevé uns galegos do século XXI espectacularmente guapos grazas ás achegas xenéticas dos eslavos e dos negros. En calquera caso nacín moi cedo para vivir ese proceso: haberá que se conformar coa cara redonda.

Nestes días feriados por imperativo constitucional e divino, as casas da xente que traballa no meu ramo andan solicitadísimas. Temos montada unha rede paneuropea de albergues que moitas satisfaccións me ten dado... Mentres eu acollo xente en Berlín, estes mesmos días Lseijo e Maluquinha diríxense a París, chez Fuegho. Calculo que Eliziza e Martacela xa andarán por Trier, na de Prisciliana.

Imaxino a toda esta xente que quero reencontrándose e papando frío por Europa adiante. Imaxínoas e sorrío.

P.S.: non me estarei contaxiando do espírito do Nadal? Arrenéghote Demo, meigas fóra!!!

Veado esgotado

Chego á casa despois de dous intensos días de turismo cos meus visitantes –Weihnachtsmarkt e Glühwein en Potsdam incluídos- e conéctome. Cesare ándame suxerindo que fagamos un pedido masivo de slips a Australia: disque cando os use vai ser o fulano máis cool do Forum. Non aspiro a tanto; eu con botar o corpo dos modelos xa me conformaba.

Por outra parte, conseguino: Boss anúnciame que entrei no concurso fotográfico de renas e veados. Xa teño as primeiras fotos publicadas no meu blog portugués de cabeceira.

Que ninguén se confíe: a miña cámara dixital mercada no Lidl da Wilmersdorfer Straße aínda garda algunha sorpresa.

Gañarei?

1.12.04

camiños de Europa

A fin de semana pasada, mentres eu viaxaba a Heidelberg, Pedro o peruano liscou a Bratislava. Easy-Jet ten voos baratísimos desde Berlín tanto á capital eslovaca como á eslovena, Ljubljana..., ehhh..., mmm..., ah, si, e os seus amigos decidiron regalarlle un billete de avión polo seu aniversario. Como eu xa coñecía a cidade, recomendeille un par de locais de ocio nocturno e veu de volta concordando comigo nas súas valoracións: a noite gai de Bratislava non é amplísima, pero vai por bo camiño.

Non me puido traer a tradución eslovaca do Principiño, que eu non comprara por topar as librarías pechadas, pero tentou sorprenderme co tríptico de Cesty, z ktorých sa rodila EURÓPA: SANTIAGO a jeho púte (non se entende nada, eh?), unha exposición sobre o Camiño de Santiago no Castelo de Bratislava que Cesare e mais eu descartamos visitar nun xélido e grisallo dez de outubro.

Persoalmente confío na bondade do proceso de unidade europea e penso que debemos facer un esforzo de aproximación e integración cos nosos novos socios da UE. O tríptico que me trouxo Pedro non serviu para sorprenderme, pero non sei que faga se non llo leve ao eslovaco loiro (arf, arf...) do meu curso de alemán na Volkshochschule.

Aproximación e integración, eses han ser os nobres conceptos que terei na cabeza cando llo leve.

falando de Fuegho...


Árdelle o eixo.