16.11.04

canon occidental

Hai poucos praceres na vida como asistir a actos culturais absolutamente canónicos e non-periféricos. Decote hipercrítico, sempre vexo o papanatismo neles.

Onte fun ver a Eco, Umberto, que presentaba Die geheimnisvolle Flamme der Königin Loana na Casa das Culturas do Mundo. Pagueille os seis euros de entrada ao rapaciño (arf, arf...) da billeteira, recollín os meus auriculares para a tradución simultánea e procurei o meu asento no enorme auditorio, moooi lonxe do escenario. Na mesa, a carón de Eco, sentaron o moderador, o tradutor, unha xornalista da ZDF e un crítico literario que escribe para o Frankfurter Allgemeine. Cando acabou o acto, un loiro cadrado (arf, arf..., sempre e mais despois) quedou escoltando a Eco, que estaba sentado ao comezo dunha enorme fila de fans ansiosos por obter uns riscos de tinta trazados pola súa man.

Resultados:

1. Divertiume ver como o acribillaban a preguntas sobre Berlusconi. Moi pavero el, despois de poñerse serio comentou que coa saída desta última novela xa lle preguntaran que elementos da narración se podían pór en relación co fenómeno mama-chicho.

-Ma, Dio santo!!! Un non está todo o tempo reflexionando sobre Berlusconi, signori!!!

2. O moderador estaba estrañado por ser Loana unha novela ilustrada. Aplastante, Eco lembrounos que esa é a natureza dos libros: Salgari, Verne -e o Book of Kells e as Cantigas de Santa María, esperaba eu que dixese- estaban ilustrados. O de agora é que é un pouco anormal, concluíu.

3. O crítico do Frankfurter Allgemeine provocoume alerxia desde o primeiro segundo. A suficiencia arrogante -non só verbal, senón tamén xestual- con que pontificaba sobre os compoñentes autobiográficos da novela provocaron a miña antipatía e unha -previsíbel- intervención de Eco para desmentilo -ou matizalo- todo.

4. Eco falou dunha cousa que se chama optimismo tráxico, concepto usado por algún fulano cuxo apelido non podo reproducir: co tempo fun aprendendo que o home é como é..., o mundo vai sempre a peor...; e malia todo eu sigo aí, esperanzado.

Desde o primeiro momento optei por non usar os auriculares da tradución simultánea e gocei secretamente coa pedantería e a soberbia de quen, sen ser tedesco nin italiener, segue un acto bilingüe alemán-italiano a pelo. Iso si, a realidade románica deume nos fuciños e seguín con máis facilidade as intervencións italianas (lingua che non ho imparato mai) ca as alemás. E xa van alá moitas horas de declinacións...

A xornalista que estaba na mesa comentou que as referencias musicais do libro trouxéranlle moitas lembranzas da xuventude, cando, como boa esquerdosa da República Federal de Alemaña, cantaba sen entender hits como Bela ciao ou Bandiera Rossa. Despois foi a Italia e o seu profesor de italiano usou esas mesmas cancións para a aprendizaxe da lingua. Se por cantar Bandiera Rossa é, a tal hora eu xa debía parlare l'italiano para diante e para atrás.
Polo de pronto, agora ando co ska de Tiefenrausch: ein Döner, ein Döner, macht das Leben schöner.

1 comentário:

opaco disse...

Döner! arf, arf. Cando a fame apreta, a miña salvación...
Tschüss