29.11.04

soci, natu e mate

Todo o norte de Alemaña é unha inmensa chaira. En todas as miñas viaxes en tren a terras máis sudoccidentais, horas despois de saír de Berlín sempre me sorprendo cando aparecen os primeiros outeiros illados, coa mesma sorpresa de quen ve o mar tras unha longa viaxe polo interior.

As terras de Brandemburgo son unha sucesión de plantacións escuras de coníferas, campos de aeroxeradores e extensións de leiras que neste tempo permanecen semiinertes por conxelación. Xa teño visto esta paisaxe na primavera, cuberta de amarelo polas flores do que parecen nabizas, e tamén no inverno, cando todo se converte nun continuum branco de neve e ceo. Hoxe, un venres de fins de novembro, unha xeada total báixalle a saturación ás cores e enfariña a herba e os abetos, facendo que por momentos isto pareza a sección de Nadal dun hipermercado.

Escribo isto en papel, no ICE, fronte a unha nena e un pai. Mentres el revisa papeis de traballo, ela senta medio virada de costas ao pai e olla a paisaxe pola xanela coa fronte apoiada na man. De súpeto rexorde porque ve os mesmos animais ca min e pregúntalle ao pai o que son. Eu tamén estou picado pola curiosidade: son do tamaño de gatos ou coellos grandes, pero non os identifico, así que lles pregunto se os coñecen. “Rehe”, contesta o pai, e a min iso sóame a cervos, pero non me cadra nada e conclúo que o meu alemán vai a peor. Así que lle digo que teño que miralo; o pai mírame estrañado mentres busco o dicionario na mochila, pero cando o saco comprende, sorrí e pídemo para buscalo el mesmo. “Corzos”, dime de alí a un pouco, e eu pregúntolle “tan pequenos?!?”.

Chegamos a un consenso coas lebres, pero ningún dos tres fica moi convencido. A rapaza saca o libro de matemáticas e póñense os dous a facer os deberes. Eu saco o meu libro de alemán e secúndoos. Polo ceo, un grupo de aves que voa en formación triangular viaxa cara ao sudoeste.

Algún ornitólogo entre o público?

2 comentários:

Cesare disse...

de que tamaño?
se son grandes serán gansos
se son grandísimas grous
ou algo

entre o cervo e a lebre... probou coa capibara?

Plattdorf disse...

é que o caso é que ese exactamente era o concepto dos tales bichos. pero descarteino, quizais precipitadamente, por estarmos en Brandemburgo a uns 3 graos centígrados. :-P