29.11.04

Paris-Berlin

Hai agora dez anos que a coñezo. A primeira vez que a ouvín falar caeume rematadamente mal pola súa determinación absoluta e a inflexibilidade da súa argumentación. Pero un ano despois, a nosa ansia de formación en atavismos patrios fíxonos coincidir nuns cursos de canto e danza, e pouco a pouco fun quedando intrigado polo que había na súa poboadísima cabeciña –non direi que o fun comprendendo, porque iso tardou en comezar–. A partir de aí, primeiro coa escusa de organizarse para loitar, e despois xa por pura afinidade, fómonos achegando cada vez máis e chegaron os anos en que non me sentía enteiro se non as tiña ás dúas, a ela e mais a Dagha. Os anos do trío, das carreiras polo Preguntoiro, sempre a catro pés para chegar ao acto cultureta do día e acto seguido ao bar máis acaído, onde rir, falar, beber e amarse, moito. Anos en que a súa evolución persoal foi mudando a miña relación con ela, que pasou da pura simpatía a ter tintes de admiración.

Anos en que o seu amor me fixo pensarme finalmente a min mesmo.

Despois veu o cisma de Occidente. E a súa partida cara a París, que me deixou orfo, choroso e máis pequeno ca nunca na nosa casa da rúa de San Pedro. Ese día perdín a miña xuventude e todo se tornou máis cincento.

Desde entón, mantemos unha relación a distancia. Visitas a París, visitas a Berlín, correos electrónicos e chamadas telefónicas para pórse ao día, para non perderse de vista, para seguir coñecéndonos, para saber como vai mudando o outro. Este ano só estivemos xuntos uns cantos días: cinco ou seis en Budapest, na primavera, e dous ou tres entre São Pedro do Sul e Santa Cristina, no verán. E, máis unha vez, recoñecémonos malia non sermos xa os mesmos. Máis unha vez produciuse o milagre das miradas cómplices, dos sorrisos compartidos, das preocupacións comúns. E conxuramos o medo mutuamente confesado a non recoñecer no outro o amigo que foi unha vez.

Non, Fuegho xa non é a mesma ca a que eu coñecín hai dez anos, pero hoxe, día do seu aniversario, podo dicir sen esaxerar que a súa amizade é un dos cabos que me atan á vida.

Überraschung!!

Chego tardísimo de volta a Berlín e só con entrar na casa recibo varias sorpresas.

Na caixa do correo, coas cousas que me foron chegando esta fin de semana, atopo un agasallo de Revelde paverísimo e inesperado: o mesmo CD que debeu soar na festa dos que estamos fatal e que (m)alicia –ou xa debería dicir Dagha?- describiu como “banda sonora farrístico-sentimental da miña vida”. Milleiros de grazas.

Ugi escríbeme para mandarme finalmente o seu enderezo e converterse en receptora das miñas tarxetas postais. Hai unha de Heidelberg reservada para ela. Disque Pi foise hoxe finalmente para Barcelona, así que fica ela soíña a ter conta daquela mansión rural –carballeira privada incluída- no val do Ulla, á que estou convidado este Nadal. Anda traballando, sempre traballando, e practicando o troco artístico: unha canción por unha xoia, unha canción por unha escultura...

Por último, As túas balas: the end.
Cesare: m.k.e.t.p.m.

termo

A integración nunha sociedade pódese observar en detalles variadísimos. Para esta viaxe, á parte de facer uns sandwichs dos que me chega o cheiriño a allo cada vez que abro a mochila, decidinme a mercar un deses termos de aceiro inox. e enchelo de chá para o camiño. Talmente, talmente como lles teño visto facer aos alemáns todo este tempo, e igual que lle vin facer a Prisciliana a primeira vez que me veu visitar a Prusia desde Renania-Palatinado. Ata o de agora, unha estraña resistencia á asimilación sempre me levara a beber algunha cousa do supermercado da estación, mercada xusto antes de subir ao tren.

Penso que estando de volta en Galiza tampouco me atrevería a viaxar co termo, a risco de parecer un gañador de concurso de freakies. Pero aquí e hoxe, a 300 km/h, vou satisfeito de vez con el.

Ergo a vista do papel. Ah, as primeiras montañas.

soci, natu e mate

Todo o norte de Alemaña é unha inmensa chaira. En todas as miñas viaxes en tren a terras máis sudoccidentais, horas despois de saír de Berlín sempre me sorprendo cando aparecen os primeiros outeiros illados, coa mesma sorpresa de quen ve o mar tras unha longa viaxe polo interior.

As terras de Brandemburgo son unha sucesión de plantacións escuras de coníferas, campos de aeroxeradores e extensións de leiras que neste tempo permanecen semiinertes por conxelación. Xa teño visto esta paisaxe na primavera, cuberta de amarelo polas flores do que parecen nabizas, e tamén no inverno, cando todo se converte nun continuum branco de neve e ceo. Hoxe, un venres de fins de novembro, unha xeada total báixalle a saturación ás cores e enfariña a herba e os abetos, facendo que por momentos isto pareza a sección de Nadal dun hipermercado.

Escribo isto en papel, no ICE, fronte a unha nena e un pai. Mentres el revisa papeis de traballo, ela senta medio virada de costas ao pai e olla a paisaxe pola xanela coa fronte apoiada na man. De súpeto rexorde porque ve os mesmos animais ca min e pregúntalle ao pai o que son. Eu tamén estou picado pola curiosidade: son do tamaño de gatos ou coellos grandes, pero non os identifico, así que lles pregunto se os coñecen. “Rehe”, contesta o pai, e a min iso sóame a cervos, pero non me cadra nada e conclúo que o meu alemán vai a peor. Así que lle digo que teño que miralo; o pai mírame estrañado mentres busco o dicionario na mochila, pero cando o saco comprende, sorrí e pídemo para buscalo el mesmo. “Corzos”, dime de alí a un pouco, e eu pregúntolle “tan pequenos?!?”.

Chegamos a un consenso coas lebres, pero ningún dos tres fica moi convencido. A rapaza saca o libro de matemáticas e póñense os dous a facer os deberes. Eu saco o meu libro de alemán e secúndoos. Polo ceo, un grupo de aves que voa en formación triangular viaxa cara ao sudoeste.

Algún ornitólogo entre o público?

gentleman

Mentres espero polo tren na plataforma da estación, unha loira espectacular márcame como obxectivo. Ninguén pense mal: leva un bebé no colo e precisa que alguén lle axude a subir a maleta. Acompáñoa sen problemas até o seu asento, pero véxome en dificultades para subir a maleta ao compartimento superior. Estou cheo de maniotas e os adminículos da crianza pesan un quintal. Consígoo, de todos os xeitos, e o precedente fai que a veciña de asento, outra nai, me pida que lle suba tamén a súa bolsa.

Gentleman, chámame a loira cando me despido, e eu aínda boto rindo un bo anaco, co tren xa camiño de Heidelberg.

26.11.04

die Bahn

Despois de erguerme ben cedo para levar ao aeroporto a Cándido Pazó, que voaba até Luxemburgo para ir desde alí a Trier con Prisciliana, mañá mesmo voume reencontrar con el, coa mesma Prisciliana e coa Osamorosa en Heidelberg. Supoño que pasaremos estes vindeiros tres días rexoubando até o infinito, especialmente coa vida sentimental de Prisciliana, que parece seguir tan axitada coma sempre. Á fin e ao cabo Heidelberg xa está visto, e con estas temperaturas non creo que nos animemos moito a pasear polo Philosophenweg. Co choio que temos programado logo habemos de acabar.

Mañá -en realidade dentro dun pouco- espéranme cinco horas longas de tren de alta velocidade. Levo declinacións para estudar até o infinito, e máis alá.

25.11.04

integración

Cando un chega a unha cidade coma Berlín sen falar ben o idioma, a actitude que hai que asumir para facerse entender e ter éxito nas relacións coa xente é fundamental. Por pór un caso práctico, se un quere que a funcionaria malencarada da oficina de estranxeiría lle faga un pouco de caso e non lle poña moitos problemas, é realmente importante entrarlle desde o comezo cun grande sorriso aberto e a mellor cara de afabilidade que un encontre, porque aínda que ese sexa o día máis estresante da túa vida, sempre é mellor disimulalo e tentar caerlle ben á fulana antes ca provocar un empeoramento das cousas coa túa cara de (sobradamente xustificada) mala hostia e que a tipa decida que non che pode dar o que necesitas porque che falta calquera carallada que non pensa pasar por alto. E aínda por riba vaicho dicir tan rápido que non vas entender nada.

Así, día a día, en calquera situación, vaste afacendo a levar sempre o sorriso (hipócrita) na boca, para ir sobrevivindo.

Onte foi o primeiro día en dous anos que me permitín o luxo de berrarlle a un alemán. No metro. Eu estaba de pé preparado para saír. Cando o metro parou, á altura da miña porta había dous fulanos á espera para entrar: diante un traxeado e detrás un borracho coa cervexa na man. Ao abrir, o traxeado non só non me deixou saír, senón que entrou coma un lóstrego batendo en min con forza para apartarme do seu camiño, coma se fose perder o tren. Pero xa estaba dentro, e sentou alí mesmo mentres eu ficaba ollando para el á espera dunha mínima desculpa. O borracho miroume, sorriu e besbellou algo de "ben ves, hai que deixalo...". O outro quitou a bufanda todo tranquilo e eu, xa completamente adoecido, non me contiven:

-Sind Sie verrückt oder was?!?!!!!

Malia estarlle preguntando se estaba tolo ou que, aínda tiven a decencia de tratalo de vostede; vexo escenas coma esta a miúdo e sei que o contrario sería completamente obsceno. Todo o vagón ollou para nós mentres o borracho me apoiaba cun afirmativo "ja, ja!", pero o máis flipante foi a ollada de inocencia sorprendida do traxeado, que me miraba coma se a cousa non fose con el.

Saín sen máis porque as portas íanse pechar, pero a alianza moral co borracho compensoume a aldraxe.

24.11.04

¿eres español?

Outro día hei falar con máis calma disto, pero non quero deixar de anotar algo sobre os compis que me tocaron desta vez no curso de alemán.

Moitos deles xa se coñecen porque veñen xuntos do curso anterior, e como non puiden ir á primeira sesión do curso, a das presentacións, non lles sei nin os nomes nin as procedencias a todos. De todos os xeitos, os dicionarios de peto son unha boa maneira de ir localizando a xente.

Sentei a carón dunha rapaza con enormes uñas pintadas que me deixou ler polo seu libro. As anotacións estaban nun alfabeto que non recoñecín, pero o dicionario tiroume de dúbidas: persa. A rapariga falaba bastante coas outras dúas que sentaban á súa dereita, así que identifiquei un primeiro núcleo iraní. Pouco despois un home duns sesenta e pico anos que sentaba fronte a nós díxolles algo en alto, así que tamén souben que era paisano delas.

Á miña esquerda, os eslavos, uns nove ou dez. Non fai falla mirarlles os dicionarios: o seu acento en alemán é inconfundíbel. E ademais, por aquilo da intercomprensibilidade dos seus idiomas, falan bastante entre polacos, ucraínos e demais. Un detalle: dous polacos (penso) falaban en alto entre si e un eslovaco (na camiseta poñía Slovakia...) escoitaba e sorría (ARF, ARF...). A polaca pregúntalle en alemán se entende o que din e el asente. Durante o descanso, na cafetería, póñense todos xuntos e falan devagar para facerse entender.

Curiosamente, a pallasa da turma é unha tipa super-butch-camioneiro-de-camión-de-sete-eixos do sector eslavo, que mentres nos entretén a todos coas súas caralladas faille as beiras a Maia, a hipppiosa cachonda convencida de selo.

E, cousa estraña, estas son as maiorías. Normalmente, os que máis abundan son turcos, vietnamitas/tailandeses e españois. Pero desta vez só hai un fulano con pinta do sueste de Asia, un xordano, unha rapaza que parece cingalesa (ou algo) e pouco máis.

Ah, si, claro. Non me librei. Media hora despois do comezo da clase chegou ela, a máis espilida e disposta de todas: a española, olé. Polo visto, o día anterior deixárana encargada de facer unhas fotocopias que lle cumprían a algúns alumnos e hoxe a profe díxolle que a Plattdorf (co meu nome románico) tamén lle facían falta. Diante da clase mantivemos unha breve conversa en alemán, pero cando me acheguei a ela para que me dese as copias caeu a pregunta fatídica, con grande sorriso incluído:

-¿Eres español? (acentuadísima entoación ascendente no final)

Estou farto de que me confundan -ou de que me queiran confundir-, pero é que o castelán xa o falo tan ben...

voráxine

Conseguido. Hoxe, todo no mesmo día, púxenme de novo coas flexións pronominais e abdominais. Grazas a iso, sinto o corpo máis novo ca nunca e a mente máis vella ca nunca.

Tamén no mesmo día, Alba Nogueira íase pola mañá ben cedo e Cándido Pazó aterraba pola tarde: recepción no aeroporto, visita básica ao centro, cea nun indio, café no Cinema, conversa espontánea cunha irlandesa que comparte connosco a mesa no café, fala español de Colombia e quizais veña mañá á actuación...

Estou canso e dóeme a gorxa do frío que papamos. Pero agradezo esta reactivación.

22.11.04

non me queren as miñas comadres...

En parte por aforrar e en parte por probar, levaba dous meses sen cortar a cabeleira. A última vez que a fora cortar deixáraa máis longa por riba e por atrás ca polos lados e iso permitiu que me reencontrase, tantos anos despois, cos meus rizos da caluga.

Porén, farto de parecer a ovejita lucera e dado que xa non quedaba nin rastro de calquera estilo de corte, onte funme tosquiar pra recuperar os dous milímetros habituais. A rapariga que me atendeu tívose que afanar en domear o freganzo que levaba eu na cabeza, pero ao cabo conseguiuno. Cando acabou díxome que tiña que probar a usar un xampú hidratante, porque tiña o cabelo completamente kaputt e se o coidaba un pouco podía brillar máis e estar moito máis bonito. Conseguiu que saíse de alí doente pola evidencia, pero non o podo facer por mellor: estou quedando careca e este é o primeiro chanzo da degradación. Que lle vou facer?

Ao chegar á casa detívenme diante do espello e reparei ben no corte. Unha desfeita. Déronme ganas de volver por alí para preguntarlle á tipa en que feira lle venderan o título de perruqueira e cuspirlle na cara o que pensaba dos seus xampús hidratantes e dos seus consellos. Pero desistín da idea, e como tiña que ir ao supermercado por comida, aproveitei e merquei a máscara líquida reestruturante (Aufbau, di aquí) de Nivea Hair Care para cabelo seco e estragado.

Sen necesidade de aclarado.

(in)flexión

Parece que esta primeira nevad(iñ)a do ano marcou un xiro na miña rutina.

Onte, ao erguerme da cama e mirar pola fiestra, o brillo dos tellados fíxome coller os lentes para cerciorarme de que aquilo era neve. Ao abrilos, unha das patas quedoume na man, rota. Como non teño outros, durante o próximo mes toca usar lentes de contactos o día enteiro...

Até o 12 de decembro, unha serie ininterrompida de visitas vaime ter especialmente ocupado. A primeira está provocada polo traballo: desde onte teño a Alba Nogueira de convidada en Berlín. Tento ser un bo anfitrión e recollela no aeroporto, coma con todas as visitas. Chego a tempo, convencido de que a recoñecerei aínda que só sexa pola foto de Vieiros, pero por algunha razón non a vexo saír e cando a chamo xa vai nun bus camiño do centro. Así que collo o bus seguinte e pouco despois de ler unha SMS desquiciada de (m)alicia sobre un encontro con cesare, contra e c., reúnome finalmente coa hóspede, con quen falo cinco minutos na recepción do hotel antes de que suba a deitarse. Hoxe un par de visitas turísticas a Hackescher Markt, a sinagoga e Tacheles, e un Milchkaffee no Kunst-Werke. Mañá choio.

Desde mañá, ademais, vou estar declinando tres horas ao día, catro días á semana. Comeza o curso de alemán do semestre. Cal será desta vez a ratio españois/turcos? Serei quen de seguir flexionando esta lingua inflexíbel?

Darei comezado dunha vez coas flexións?

nada permanece

Onte, indo de mañá no bus, tiven un pensamento desacougante cando me lembrei da miña avoa, talmente coma unha premonición. E efectivamente: á noite, miña nai chamoume para contarme que a avoa estaba ingresada no hospital, e que quizais non volva para a casa até o luns.

Telefono ao seu cuarto do hospital e póñenme con ela. Trato de reprimir as bágoas mentres ela chora da emoción e me pregunta cando me vai ver para me abrazar; acabamos os dous chorando.

Polo visto non é nada grave, só un deses sustos que se deben unicamente ao deterioro progresivo e natural das persoas. Só iso? En realidade é iso mesmo o que os fai máis terríbeis e desoladores. Ela non ten nada grave; é só que é vella.

O parte médico non acaba aí. Miña nai, tronzada polo catarro; a meu pai, de baixa desde hai tres semanas, os médicos non lle acertan coa causa das dores que ten no pulso.

Xa digo, polo visto non é grave. Pero o que si é certo é que cada un destes episodios certifica como unha verdade absoluta que de aquí para diante é só esperar a que todo acabe. Tamén eu.

Mentres tanto, estarrezo coa responsabilidade que se me aveciña.

19.11.04

invernía

Aí a está, a branca.

Hoxe de madrugada chuviscou un pouco e baixou moito a temperatura, o que provocou unha (relativamente) prematura primeira nevada da tempada outono-inverno.

De aquí para diante é só esperar a que pare.

ave maría purísima...


18.11.04

(re)flexións

Unha vez díxenlle a Cesare que non tiña tempo para facer un blog.

Hoxe, exactamente un mes despois de inaugurar As Crónicas Prusianas, reafírmome na miña idea: como peor ca nunca, durmo menos ca nunca, estudo menos alemán ca nunca, fago menos exercicio ca nunca, e, por se fose pouco, aínda me permito o inmenso luxo de andar a facer un blog que nin sequera cumpre a función para a que naceu, ese día.

Hoxe, despois de pasar un mes enteiro cun promedio de 16 horas diarias sentado, comezo a sentir dores serias nas costas. Agora xa coñezo os límites da miña resistencia física.

Mañá reincorpórome ao balneario.

un home (francamente) guapo






Agora xa vou entendendo mellor por que o meu Elfnoldo é tan riquiño, malia a súa beleza.

terrorismo de estado cruzado



Xenial! Agora meus pais van ter uns cantos axentes da CIA de veciños!

Recoñecereinos pola rúa no Nadal, cando vaia?

16.11.04

canon occidental

Hai poucos praceres na vida como asistir a actos culturais absolutamente canónicos e non-periféricos. Decote hipercrítico, sempre vexo o papanatismo neles.

Onte fun ver a Eco, Umberto, que presentaba Die geheimnisvolle Flamme der Königin Loana na Casa das Culturas do Mundo. Pagueille os seis euros de entrada ao rapaciño (arf, arf...) da billeteira, recollín os meus auriculares para a tradución simultánea e procurei o meu asento no enorme auditorio, moooi lonxe do escenario. Na mesa, a carón de Eco, sentaron o moderador, o tradutor, unha xornalista da ZDF e un crítico literario que escribe para o Frankfurter Allgemeine. Cando acabou o acto, un loiro cadrado (arf, arf..., sempre e mais despois) quedou escoltando a Eco, que estaba sentado ao comezo dunha enorme fila de fans ansiosos por obter uns riscos de tinta trazados pola súa man.

Resultados:

1. Divertiume ver como o acribillaban a preguntas sobre Berlusconi. Moi pavero el, despois de poñerse serio comentou que coa saída desta última novela xa lle preguntaran que elementos da narración se podían pór en relación co fenómeno mama-chicho.

-Ma, Dio santo!!! Un non está todo o tempo reflexionando sobre Berlusconi, signori!!!

2. O moderador estaba estrañado por ser Loana unha novela ilustrada. Aplastante, Eco lembrounos que esa é a natureza dos libros: Salgari, Verne -e o Book of Kells e as Cantigas de Santa María, esperaba eu que dixese- estaban ilustrados. O de agora é que é un pouco anormal, concluíu.

3. O crítico do Frankfurter Allgemeine provocoume alerxia desde o primeiro segundo. A suficiencia arrogante -non só verbal, senón tamén xestual- con que pontificaba sobre os compoñentes autobiográficos da novela provocaron a miña antipatía e unha -previsíbel- intervención de Eco para desmentilo -ou matizalo- todo.

4. Eco falou dunha cousa que se chama optimismo tráxico, concepto usado por algún fulano cuxo apelido non podo reproducir: co tempo fun aprendendo que o home é como é..., o mundo vai sempre a peor...; e malia todo eu sigo aí, esperanzado.

Desde o primeiro momento optei por non usar os auriculares da tradución simultánea e gocei secretamente coa pedantería e a soberbia de quen, sen ser tedesco nin italiener, segue un acto bilingüe alemán-italiano a pelo. Iso si, a realidade románica deume nos fuciños e seguín con máis facilidade as intervencións italianas (lingua che non ho imparato mai) ca as alemás. E xa van alá moitas horas de declinacións...

A xornalista que estaba na mesa comentou que as referencias musicais do libro trouxéranlle moitas lembranzas da xuventude, cando, como boa esquerdosa da República Federal de Alemaña, cantaba sen entender hits como Bela ciao ou Bandiera Rossa. Despois foi a Italia e o seu profesor de italiano usou esas mesmas cancións para a aprendizaxe da lingua. Se por cantar Bandiera Rossa é, a tal hora eu xa debía parlare l'italiano para diante e para atrás.
Polo de pronto, agora ando co ska de Tiefenrausch: ein Döner, ein Döner, macht das Leben schöner.

morra Walter Scott


Ah, por certo.

De acordo, este portátil desde o que escribo tamén é Galiza, como tamén o son os servidores (estadounidenses?) onde están gardados todos estes ceros e todos estes uns.

Asdo.: o parricida.

betanceiros, que queredes?

-betanceiros, que queredes?
-que suba o pan e baixe a caña, e dúas
colleitas ao ano.

O post anterior tráeme lembranzas e faime reflexionar sobre caralladas, coma case sempre. Nas Mariñas hai toda unha serie de contos e anécdotas que presentan os habitantes de Betanzos coma uns seres disparatados. O de sempre: os de Lepe, os galegos, os sayagueses...

Escéptico, googleo algunhas frases míticas. Con varias non sae nada. Sorprendentemente, co título do post anterior sae un resultado, pero é unha rúa sen saída. Con "betanceiros, que queredes?", que é o comezo de todo un subxénero destes contos, obteño unha curiosa e posíbel orixe histórica nun blog churrascarraschás que non coñecía.

Agora vou estar fanatizado con esta historia un par de semanas. Con todo o que teño que facer... :-(