15.3.07

nos antípodas de Zizek

O que pasa con Berlín é que aquí case todo o mundo é artista dalgún tipo. É máis ou menos coma iso de que en L.A. "todos os camareiros son actores", só que vivir aquí é tan barato que a maior parte da xente non necesita ter choio (e que practicamente non hai negros). O que tamén pasa en Berlín é que parece que case todo o mundo tivo contacto con algunha parte da gama LGBT (Lésbica-Gai-Bisexual-Transexual) nun momento ou outro, ou polo menos teñen esa pinta. Síntoo, pero en Londres non ves homes hetero con moreno de solarium, cabelo rapado e jeans cinxidos, e as únicas mulleres hetero que ves con cabelo curto e abrigos frouxos de home son mulleres sen teito (ese é outro asunto, pero non é o momento). Así que, para min, mudarme para aquí o ano pasado foi coma unha chegada á casa espiritual, sentín que por fin encontrara a miña xente.
(...)
Cando sexa grande, espero que o meu desexo de escribir un informe irresistíbel e convincente sobre por que necesita o capitalismo unhas definicións de xénero e relación tan estreitas e intratábeis, ligado de maneira intelixente a unha disección de por que necesita a sociedade en xeral abrirse á autoexpresión queer (especialmente ao cinema queer) e por que a autoexpresión queer é tan esencial coma o pan e as rosas e, e, e..., gañe contra o meu desexo de andar toda a noite de festa coas estrelas.

Kanchi Winchmann, "My first Teddy and what I want to be when I grow up".

Desculpen a tradución pedestre. É que lin este texto moito despois de que m)alicia me pasase O espectro segue a roldar. E agora, coa febre Zizek que percorre o mundo, pois lembreime de poñelo aquí. Serán os estertores da miña ideoloxía, que pide contas. Será que me identifico tanto co autor, a pesar de todo. Especialmente no dilema a túa discoteca necesítate/imos de farra á discoteca, all night long.

14.3.07

acumúlaseche o choio, neno

Mágoa que o 27 de marzo non vaia estar en Berlín, porque ese concerto si que me apetecería de verdade. En cambio en maio si que estou, pero aos Bloc Party pódenlles ir dando piche. :-P

domingo de Mauerpark


Paso o domingo cun azoriano residente en Berlín e unha madeirense residente en Polonia que visita Berlín. Xa pasaramos xuntos a noite do sábado no WABE, porque había un concerto de tres bandas emerxentes berlinesas entre as que se contaba Elikan Dew, o grupo onde o noso Marco toca a batería. E teño que dicilo, Elikan Dew foron os mellores con diferenza. Por se acaso non parezo imparcial, engadirei que os de Lilit eran os que estaban máis cachondos, tamén con diferenza (inda que os nosos non tiñan mal ninghún).

Así que domingo aproveitamos a temperatura de primavera (por favor, o ano pasado a estas alturas estaba nevando a eito!) e imos dar unha volta polo Flohmarkt do Mauerpark, que está cheo a reverter de attitude e cabelinhos à foda-se.

Hai un grupo que está dando un concerto de moca. Din que son de Suecia. Quedamos un pouco mirando para eles e para o seu xerador eléctrico.



Comemos algo por alí sentados e, cando comeza a refrescar, imos indo. Á saída, nos valados de obra que hai distribuídos permanentemente por todo Berlín, atopamos esta instalación. Un porco rosa e dous osos que optaron por non hibernar espreitan atentísimos todo o que acontece no parque.

9.3.07

high top sneakers


Si, os cool hunters xa hai moitos anos que comezaran a anunciar con insistencia o retro dos '80, e iso xa se comezou a ver nas rúas máis à frente do mundo occidental hai unhas cantas tempadas, sobre todo pola volta das botas de coiro enrugadas, tipo Vicky Larraz en Olé-Olé.

Pero agora que os tenis altos, incluso algúns con tiras de velcro, xa se venden en H&M, queda definitivamente aberta a veda para todas as clases sociais. Nesta mesma tempada, a febre vaise estender xa a algúns tardoadolescentes algo despistados pero con certas ansias de rebelarse. Na seguinte, todas as pijas de Steglitz van levar o pelo cardado. E para a outra, incluso os chavs ingleses, os Prollos alemáns e algúns quiotes coruñeses e as súas parrocheiras correspondentes levarán algo decididamente oitenteiro, un adhesivo dos pacman no coche tuneado, por exemplo.

A esas alturas naturalmente, ninguén na Kastanienallee se lembrará dos high top sneakers nin recoñecerá ter levado algunha vez ombreiras extra-anchas. Porque para entón, eles xa estarán noutro punto. E se seguimos a lóxica á que nos conduce a actual sucesión de revivals, dentro de sete ou oito anos, H&M ha de andar polos smilies, as cores fosforescentes e o acid house, dando paso en pouco tempo aos 90.

Non?

delicia


Cousa rara, cádrame de andar polo centro a mediodía. Aproveito e doulle un chamo a Mjoão para xantarmos xuntos perto do seu traballo. Así tamén evito a encaldada que nos botan na cantina do choio.

En xeral gústame a comida do Panasia: inspirada na comida asiática, pero feita no momento, sen glutamato e con ingredientes frescos; malia ser un chisco caro, sempre é agradábel notar diferenzas coas China-Pfanne a 2 euros de diario. E de verdade, o flan caramelizado de herba-limón que nos puxeron hoxe de sobremesa foi memorábel. É a próxima receita que teño que sacar. Como sexa.

2.3.07

Marco da Silva

Recibo unha mensaxe do Boss, a pedirme que mude unha ligazón, en concreto a dos amighos. Polo visto ten unha proposta de mellora.

Aí o teñen. Directamente do rancho folclórico de Bremen aos stages de todo o mundo da man de Kylie Minogue. Que diremos do moito que o necesitamos pola discoteca?


Nunca debín deixar de bailar muiñeiras. Seguro que eu tamén acababa así.

P.S.: non perdan o que di a lercha que deixa o primeiro comentario: ... Do I really NEED another tattoo?
:-DD
Stop being so bitchy, darling...

Feuerwerk

Foi unha Berlinale realmente excepcional. Pero tamén teño a sensación de que foi coma uns fogos artificiais a anunciar o final da festa.

tatuaxes



Á saída do de Téchiné, un coñecido lémbranos que mañá, luns, aínda hai a posibilidade de ver o filme gañador dos Teddy no Kino International. Acordamos ir.

A primeira sorpresa. Aínda vexo unha vez máis o jingle da Berlinale, como unha concesión especial do destino.

A segunda: non podo estar máis en desacordo co xuri. Ci-Qing (Spider Lilies), é a historia sobre unha rapariga que vive do ciber-sexo e a súa relación cunha tatuadora. Esteticamente moi coidada, ten un toque de misticismo oriental co que eu non podo. Unha seca, con poucos paliativos.

migallas de Berlinale

Sábado xa só conseguimos ver un filme: Dasepo Sonyeo (Dasepo Naughty Girls), que resulta ser a máis divertida e delirante carallada que vemos en todo o festival. Moi recomendábel para o público descontraído en xeral; para os amantes do trash, un must. Non a perdan.

E por certo, non sei que pasa co cinema coreano, pero nesta Berlinale foi un auténtico boom.

Domingo, consigo ver un filme moi gore, moi desacougante, pero ao mesmo tempo moi recomendábel tamén: Teeth. Aquí trátase o mito da vagina dentata coas formas dun filme de terror adolescente. Conseguidísima. Penso que nunca vin no cine a tantos homes coas pernas encollidas sobre o asento, pero non importa: véxana.


Finalmente, o meu último filme da Berlinale, á última hora do domingo. Un de Téchiné: Les Témoins. Unha historia sobre a chegada da sida á Francia dos anos 80. Resulta seca, dura, despois dos carameliños que estivemos vendo estes días. Pero tamén a hai que ver.

Para esta sesión estaba especialmente sensibilizado, porque era a última oportunidade de ver o jingle, a sintonía que se pon antes de cada filme con esas imaxes de fogos artificiais dos que sae o oso. Nunca me van saír da retina.

Teddy Party 2007

Finalmente, internámonos na pista. Cunha sesión memorábel, bailamos e bailamos practicamente toda a noite.

Polo medio, unha inxección de ego. Estou bailando con varios amigos e achégase un rapaz. Méteme un flyer nas mans. Es ist in Belgien, di. E lisca. Todos os demais preguntan estrañados que é o que me deu. Miramos o flyer: resulta que estou convidado para a próxima sesión da mítica La Demence, Bruxelas. Nesta ocasión, a festa chámase Country Boy. Pero non vou fachendear de nada: calquera parecido entre o rapaz do flyer e mais eu é pura coincidencia...

28.2.07

Biggy nos Teddy

Finalmente, chegamos á festa dos Teddys. O hangar 2 é un lugar extraordinario para unha festa extraordinaria. Só con entrar teño a impresión de estar nunha dimensión paralela. Como dixo unha das premiadas, penso que nunca na vida estiven nun sitio con tanta xente sexy xunta.


Toda esa sensación cristaliza cando, de repente, Gael García Bernal pasa ao meu lado. É minúsculo, si, pero é el. Bardem tamén anda por aí, coas pestanas postizas que usou para entregar un dos premios. Superado o shock inicial, pedimos unha caipirinah (así aparece na lista de bebidas) carísima e intragábel e sentamos por alí a observar un pouco.

Açoriano encóntranos moi axiña. Anda escapando do seu último engate, que xa lle promete ouro e mouro en terras do sur. Dámoslle refuxio. Observamos: por ali anda Biggy van Blond, un referente desde que cheguei á cidade. Non o resisto e vou falar con ela por primeira vez en todo este tempo. Dígollo, es o meu amor verdadeiro en Berlín. Ai si? E logo cales son os outros?

surreal


Ese mesmo venres de Berlinale, o plan nocturno é irmos á festa de entrega do Teddy, nun hangar do aeroporto urbano de Tempelhof (aka Tempellofe, prós amighos).

Antes de entrar, espero polos demais no Barbie Bar, onde se celebra un concurso de Miss Highest Hair. Un oso hipercaracterizado mírame, achégase e dime:

-Debías parar de barbearte. Así pareces un estudante de intercambio da República Checa.

Non reteño a risa. Explícolle de onde son e responde, estrañado:

-De verdade? Pois eu situábate no leste de Europa!

Érgueme a camiseta, inspeccióname os pelos do bandullo e segue:

-Pois eu pensaba que os rapaces de por aí tiñan algo máis disto. Non os recortarías?

Dígolle que si, claro, que vou á festa dos Teddy e que os repasei hai unhas horas. No seu rostro debúxase o horror ante a herexía. Vou en contra dos mandamentos básicos da súa relixión!

venres de Berlinale

Á primeira hora da tarde vou eu só a ver Deserto feliz, de Paulo Caldas. Nordestina, opresiva, silenciosa, é a historia dunha rapariga que troca o sertão polo mar de Recife. A prostitución lévaa a coñecer un alemán que a trae para Europa. O filme conmóveme, recoñezo nel a historia persoal de varias raparigas que coñecín nos meus cursos de alemán na Volkshochschule.

Máis tarde quedo con Sanisidro para irmos ver, finalmente, Huhwaehaji Anah (No Regret), que moito nola levan recomendado e non houbo maneira de coller billetes até agora. Non me parece ningunha revelación e frouxea moito no ritmo: cara ao fin pide varias veces un final antes de que o director se digne darllo. Aínda así, queda no lado dos aprobados.

Ao saírmos, toca tomar un café pola zona. E sae o tema. A vida. Por que quedar en Berlín. Por que non facelo. Por que ir para o Brasil, por que ir para Galiza.

Por que converterse en asistente de voo de Easyjet.

o pasado

Preguntaban por outros aniversarios dos últimos tempos?

Domingo, ao outro día da miña festa, en plena resaca, chégame un SMS inesperado. Asínao Georg, desde un número descoñecido, e paso un bo cacho dándolle voltas á cabeza. Georg? Georg...? Georg?? Georg...!!

24.2.07

ich werde total alt


Pois si, un ano máis fago anos ao mesmo tempo ca Rosalía e mais Vieiros. E esta vez son un fato deles, en concreto 31. De calquera xeito, sorprendentemente é a primeira vez que fago anos en Berlín, así que paga a pena celebrar a efeméride.

Se lles cadra, non dubiden en pasar pola festa, no corazón de Prenzlauer Berg.

O programa é:

21:30 concerto - Nordpolzigeuner (no soto)
22:00 DJ - Panama Popschutz (no baixo)
22:30 DJ - Manne Sveensson (no soto)

E o enderezo é:

Intersoup
Schliemannstrasse 31
10437 Berlin
(U-Bahnhof Eberswalderstr.)

20.2.07

The Bubble



A Eytan Fox xa lle vira un par de cousas, por iso me apeteceu verlle The Bubble.

Teño que dicilo. É unha "peli bonita" e malia todo foi o meu filme favorito da Berlinale 2007. Resistinme, eh?, sobre todo porque quixen ver etnocentrismo sionista na presentación dun Israel ideal para que vivan os gais e unha Cisxordania medieval pola teocracia islamista. E o etnocentrismo haino, si, pero é máis occidental ca sionista (o cal me tranquiliza, porque eu tamén sufro diso, Samuel Solleiro me perdoe). Ademais, os maricas xudeus do filme tampouco o teñen de todo fácil. E os actores son tan guapos...

The Bubble fai unha crítica das posturas apolíticas dos gais israelís que viven no barrio máis cool de Tel Aviv, unha burbulla no medio do horror. Non sei se a historia é moi verosímil, pero eu rinme, chorei (bah, de acordo, non chorei, pero só porque me é case imposíbel; todo o mundo ao meu arredor choraba, iso si, e eu tenteino) e saín da sala conmovido, no mellor e no peor sentido da palabra. Ademais, agora que as cousas están tan achuchadas, supoño que toca recomendalo.

xoves de Berlinale

Combino con Mjoão e Sanisidro en Alexanderplatz para ver The Bubble. Aínda bo é que ao chegarmos están Rice e Micheli no comezo da fila: pasámoslles os cartos e conseguimos as entradas, se non sería imposíbel. Tamén é bo que Açoriano decidise non vir: sen sabelo aforrou o encontro con Micheli agora que está en plena crise con el e en plenos remorsos post-coitum.

Ao saír do filme temos o plan de ir á entrega dos premios Else, os que entrega a empresa editorial da Siegessäule. A cerimonia e festa posterior é no Kosmos, un antigo cinema da Karl Marx Allee. Pero ao chegarmos encontrámonos con este plan:

A fila é tan grande que nos desanima por completo, así que desistimos e imos comer algo á Simon-Dach-Straße. Foi unha verdadeira mágoa, porque para calquera de nós sería o delirio: nesa cerimonia estábanlle entregando o premio Else precisamente a The Bubble.

mércores de Berlinale

Ao saír do traballo é imposíbel conseguir entradas para No Regret, así que me reservo para a noite. Fomos convidados a coarnos na Berlinale Party que organizou Gmfilms no Schwuz para pór en contacto a todos os representantes de festivais de cinema gai presentes na Berlinale, así como os membros dos xuris LGBT e outra fauna diversa.

Dalgún xeito, hai na festa toda unha serie de fíos que unen varios elementos aparentemente inconexos dos meus últimos anos. Primeiro recoñezo á DJ, que estivo nunha festa recente pondo música ao lado de Ausias. O xefe do meu ximnasio tamén anda por alí e resulta que é amigo dun director de Cazzo Film, que á súa vez é amigo do tipo que me coou na festa. Tamén aparece o director do festival de Lisboa, que me foi presentado o ano pasado por estas datas.

Levo catro anos e medio vivindo en Berlín.

19.2.07

crème

A festa do martes resultou ser unha toma de contacto inesperada coa crème do cinema queer internacional. Nun apartamento dun típico edificio da RDA, á beira do Monumento do Holocausto, da Porta de Brandemburgo e da Potsdamer Platz, xuntáronse boa parte dos membros do xuri dos Teddy -os premios oficiais da Berlinale para producións LGBT- e do xuri dos Else -os premios dunha editora de revistas gais de Berlín. Sanisidro, Açoriano e mais eu fomos de convidados, ou de reclamo, ou algo.


Foi simpático ver ao americano meténdolle man a todo o mundo, aproveitando que aquí en Europa iso de tocar o corpo dos demais aínda non é tan tabú coma no seu país. O sudafricano explicoume varias cousas sobre a diversidade lingüística de Sudáfrica e o brasileiro preguntoume como era iso do galego e a poesía da Idade Media, que algo lle soaba.

Pero o mellor da noite foi a chegada dunha rapariga paulista, filla dun produtor brasileiro e dunha alemá, super-superposh. Ao pouco de chegar xa nos estaba explicando que un día destes vira a Antonio Banderas en persoa, "and, believe me, he's GOR-GEOUS. I mean, for a men in his fifties, you know?" Ao mesmo tempo que dicía gor-geous, con pausa no medio, poñía a man aberta no medio do peito e reviraba os ollos. A min custábame parar de rir.

Despois de confesarnos que "people like colours like red, or blue, or black. I don't. I just love zebras: you see?" e mostrábanos os seus calcetíns a raias negras e brancas. Polo medio de todo aquel parloteo enfebrecido, soltou unha frase que, na súa boca, quedou para a historia. "I love ska". Inmediatamente pensei nos meus concertos de Oi!-ska-punk en antros anarcas de París e en milleiros de noites no Avante. Tívenllo que dicir:

-You like ska??!?! No...!

-Yeah! -contestou-, it's because of Gwen Stefani, you know? As I was a girl, I saw her and knew that I wanted to be her. That's why I love ska: it's not pop, it's not rock, it's not jazz, it's just..., ska!

Antes de marchar da festa tiven que sacar unha foto con ela. Realmente estes son personaxes para a historia.

15.2.07

martes á noite


Despois de ver o moi recomendábel A casa de Alice, imos a unha festa no apartamento que alugou un dos directores de festivais gai. As vistas da Potsdamer Platz, impresionantes. A foto non lles fai xustiza.