13.12.05

Barcelona gústame máis ca Madrí

En todo atopo lembranzas dela, até nos detalles máis inesperados. Unhas galletas no supermercado, as laranxas da casa, o ceo azul e o sol entrando por unha xanela.

Agora mesmo escribo isto no avión de volta a Berlín e tamén me lembro dela. Dos relatos das súas viaxes, que me foron dando pistas sobre un mundo que eu aínda non vira. Das viaxes máis domésticas en que a acompañei.

Nápoles, máis suxo ca Roma; en Venecia perdérase o Lugués e a súa muller houbo tolear mentres non aparecía. No metro de Nova York, camiño de Coney Island, Carme, imos por baixo do mar!. Un negro de ollos grandes no carnaval do Rio de Janeiro, os vellos coñecidos en Buenos Aires, o lucerío nocturno dos ranchitos ao entrar no val de Caracas. En Ibiza, non se me quería bañar máis que na piscina, camelos nas Canarias, o cura en Tanger. Onde estará esa Sevilla. Unha bolsa de mazás doces á beira do Arenteiro, onzas de chocolate La Carballinesa, tona con azucre, culleradiñas de café negro.

A min tamén.

humanidade

A chamada soou no meu móbil nun momento en que estaba só na saída dunha estación de metro da zona 2 de Londres. Estaba tendo conta da miña equipaxe e mais da de The Sobrado, que ía nun recado antes de coller o tren de volta a Liverpool.

As bágoas xa acompañaran as últimas palabras do telefonema, pero deixar o móbil trouxo o choro aberto, os saloucos, as mans agachando a cara. Polas cóstas sentín unha voz:

-Please, don't cry. Oh, please, don't cry.

Cunha mestura de sorpresa e desconfianza, reparei na rapariga de ollos acuosos -compasivos no sentido máis recto da palabra- que me estendía unha man.

-Don't cry. Everything will be all right, you'll see.

Case non puiden articular un thanks. Despediuse.

-Have a nice day.

-Thank you very much, puiden reaccionar finalmente, colléndolle a súa man entre as miñas.

En poucos minutos chegou The Sobrado para me salvar nun abrazo inmenso. E funme de Londres cos ollos dela e os brazos del.

fin da infancia

Luns, 5 de decembro.

Pouco antes de voltar para Berlín e despois dunha fin de semana de felicidade en Londres, ás once da mañá recibo unha chamada urxente da miña casa.

Ás once da noite, uns segundos antes de aterrar en Alvedro, logro identificar desde o avión a casa en que naceu, a casa en que viviu e o hospital en que, poucas horas despois, acompañarei na morte a miña avoa.

30.11.05

kaputt

Estragouse a lavadora, xusto o día anterior á miña éxida.

Isto si que é a fin da civilización occidental tal como a coñeciamos, e o demais son caralladas.

29.11.05

Galiza-Nagorno Karabakh immer noch


-Entón non hai un dicionario galego-alemán?
-Pois non... Agora mesmo están facendo un, pero polo momento haise que ir axudando cos de portugués e español. Claro, tes que comprender... É unha lingua minorizada, ten unha elaboración relativamente recente...
-Ai, non, tranquilo, eu enténdoo perfectamente. Tampouco hai un bo dicionario de alemán para a miña lingua.

25.11.05

Maybachufer

Aproveito o tempo libre da mañá para ir á feira dos turcos.

O arroz arborio, redondo, o SOS de toda a vida, é carísimo nos supermercados alemáns porque é vendido como arroz mediterráneo especial para risotto e paella. Os turcos véndeno a granel e custa normal.

Tomates: de 3'50€/kg no súper a 90 cents na feira.

Castañas: de 7'50€/kg no súper (italianas) a 2'90 na feira (turcas).

Xurelos: de..., ups, non hai peixe fresco no súper, a uns xurelos aceptábeis -coa engala un pouco encarnada- na feira (das xardas falaremos noutra ocasión...)

E de paso pillo medio quilo de baclawa.

Coma un pepe.

cepillar ananás

Se cadra para impresionar o convidado meridional, hoxe Berlín amenceu nevado. Pasou a mañá orballando neve e despois as folerpas foron a máis até callar por completo.

Parece que nos colleu a todos por sorpresa.

polo carallo

Onte pola tarde chegou un actor a Berlín. Ao serán contou uns contos e hoxe pola mañá liscou.

Entre o público había bastantes alemáns, galegos, galegoalemáns, canarios, andaluces, un belga, unha armenia, un estadounidense aspirante a québécois e un brasileiro.

Colle un alemán e coméntame todo serio, en alemán (a tradución é miña, que diría o outro):

É incríbel a presenza que ten Galiza aquí en Berlín, non? Fíxate, hai pouco houbo un festival de cinema galego e despois houbo unhas conferencias no Ibero-Amerikanisches Institut. Ás veces parece que se fala máis de Galiza que de España en xeral.

Non podo reprimir a gargallada.

22.11.05

le freak? c'est chic!


Estou gozando moito desta tarde.

A transversalidade do meu traballo fai que ande remexendo nos libros e na memoria para sacar fundamentos do románico. Tamén estou fozando en Internet á procura de fotos para unha presentación de pagüerpoing. Grande acerto pola miña parte, para o románico en Alemaña sáenme exactamente as tres catedrais que visitei a semana pasada, así que podo falar con certo relax sobre o románico desde Worms a Compostela pasando por Toulouse, Conques e Jaca.

Polo medio, desde certa rolda de correo electrónico vanme chegando ardentes discusións sobre o nome galego dos meses árabes ou a transliteración de topónimos chineses que me divirten extraordinariamente.

Agora agardo feliz a irrupción de alguén nos comentarios para berrarme por diversas razóns.

Eu non o diría mellor.

ao seu xeito

As imaxes máis comentadas da fin de semana. Schröder recibía unha despedida oficial por parte do exército alemán. Na cerimonia participaba unha banda militar, que lle deixara escoller ao aínda chanceler tres pezas musicais para interpretar no acto.

Que escolleu? Die Moritat von Mackie Messer, Summertime (a nonseicantos graos baixo o cero en Hannover, debe ser por aquilo da suxestión) e a apoteose: My way.

Grande momento ver as bágoas brillantes e contidas nos ollos dun Schröder en posición de firmes mentres soaba My way en versión corneta. Para esmendrellarse.

Con que se depediría Aznar? Soy el novio de la muerte, quizais?

E Fraga?

21.11.05

hipo-

-condría
-tiroidismo

Aí andamos.

your Palast needs you


O mellor da manifa do sábado foi o momento contribución á causa: 15 euros dedicados a unha tixer que parafrasea o lema de Kylie Minogue tan usado nas miñas conversas con Cesare: dein Palast braucht dich.

O teu Palast necesítate.

20.11.05

horror

e xustiza poética.

verán de San Martiño, porquiño, etc.

Naturalmente, estas discusións sobre memoria histórica non son exclusivas de Alemaña, aínda que aquí estean algo máis desenvolvidas. Hoxe recibo unha chamada da familia, reunida ante o cocido do 20-N. Onte, mentres eu me conxelaba diante do Palast der Republik, eles foran dar unha volta por Meirás.

clímax

E os momentos climáticos da manifa pro-Palast:

1.- Unha rapaza da organización colle o micrófono e dálle paso no palco a unha intervención non preparada. Unha velliña explica nun discurso espontáneo e perfectamente fiado que ela forma parte do comité pro-Palast desde o ano 1993, que esperaba ver nesta manifestación unicamente as caras de vellos coñecidos e que está plenamente feliz de ver tanta xente nova, que se alegra inmenso de que a xuventude tome esta reivindicación. Xusto diante de min, un matrimonio de ossis duns setenta anos -con certeza vellos coñecidos- míranse sorrindo e sécanse mutuamente un par de bágoas.

2.- Nunha das intervencións preparadas, o interveniente fala do valor do Palast como garante da memoria histórica, etc. Prosegue:
si, todos sabemos que a RDA era unha ditadura, pero...

Interrómpeno asubíos, berros, apupos de protesta.

Teño a sensación de ser o espectador indiscreto dunha escena íntima de familia.

Stopptag


Onte, con temperaturas que non superaban moito os cero graos e algunhas folerpas de neve flotando no ambiente, unhas cinco mil persoas xuntámonos en Alexanderplatz para ir berrando até o Lustgarten en protesta pola prevista demolición do Palast der Republik.

Entre os manifestantes víase unha curiosa mestura de ossis nostálxicos e ben entrados en anos -recoñecíbeis polo seu aspecto perestroico de gorros de pel e anoraks desfasados- e xuventude recente na cidade -tamén recoñecíbel pola súa coidada estética retro-setenteira de chaquetas de chándal e cazadoras acrílicas.

O que se pedía era claridade a respecto do destino do Palast der Republik. Hai anos que o parlamento alemán decidiu derrubalo e agora ademais hai unha iniciativa cidadá, ou algo, que pretende reconstruír no seu lugar o antigo palacio da monarquía prusiana mediante unha subscrición popular, supoño que á maneira do que aconteceu coa Frauenkirche de Dresde. Hai tres puntos interesantes que tirei en limpo do que se dixo nos discursos da manifestación:

1.- Ninguén pode crer que se vaia conseguir o diñeiro para a reconstrución dun pseudo-palacio só con financiamento privado. Ao final, o diñeiro acabará saíndo dos impostos.

2.- Hai anos que o Palast funciona de facto como centro cultural, tantos como se leva dicindo que esta é a derradeira oportunidade de visitalo antes da súa destrución. Que sentido ten derrubalo agora, sen máis, antes de saber con toda certeza que é o que vai pasar co espazo que deixa baleiro, e sobre todo se temos en conta o caro que vai saír o propio proceso de demolición?

3.- Aínda no caso de que se consiga o diñeiro para a reconstrución do palacio real, para que se quere reconstruír? É máis interesante ter semellante pastiche ca un edificio coma o Volkspalast, testemuño aínda vivo, real e plenamente representativo do período histórico que máis marcou esta cidade, ou sexa, os últimos oitenta anos?

invernía

O venres pasado foi o primeiro día de auténtico inverno desta tempada. A mediodía, mentres tomaba café e orientaba un pouco a unha neoberlinesa compostelá que me localizou polo correo electrónico, caeu unha nevada que non chegou a callar pero trouxo imaxes propias de xaneiro.

O mesmo venres, consultando as predicións nun xornal en papel, decátome de que lle poñen nomes de home ás borrascas e de muller aos anticiclóns, ao estilo do que se fai cos furacáns e ciclóns tropicais. Estes días, por exemplo, o corredor que había entre o anticiclón Xandra e a borrasca Rainer estivo mandando un frío polar a Prusia. Hai uns días, a fronte fría asociada a Quentin deixou precipitacións en forma de chuvias e nevadas desde as Illas Frisias orientais até Brandemburgo.

Supercool.

19.11.05

auf die Strasse, Berliner!

Temos que salvar o Volkspalast.

Hoxe, todos á rúa.

14.11.05

mediocridade

Viaxo de volta a Berlín nun ICE Sprinter, sen paradas até Berlín. Dannos a prensa e fuxo das obrigas paralaborais planeadas para a viaxe. No Frankfurter Rundschau dedícanlle case media páxina á manifa do PP contra a reforma da lei educativa. O xornalista trata con certo sarcasmo as razóns da convocatoria: di que a manifestación responde aínda en primeira medida aos problemas do PP para asumir a súa derrota electoral nas xerais do 2004. Ademais, dedícalle un bo treito a explicar con coidado que é iso de que un terzo dos escolares españois vaian a escolas privadas que, en realidade, están pagas polo goberno.

Pero sobre todo aclara con máis coidado aínda que no sistema escolar español protéxese especialmente aos peores alumnos. Como puiden ir observando nestes anos, hai poucas cousas tan sorprendentes e inasumíbeis para os alemáns como un sistema escolar en que todos os alumnos permanecen xuntos no mesmo centro escolar e case co mesmo currículo de estudos até os 16 anos. En Alemaña, os alumnos son segregados desde ben pequenos en diferentes tipos de escolas segundo o seu rendemento académico. Hai algo así como tres tipos de centros educativos, que se corresponden claramente con tres niveis de prestixio. Para eles está moi claro que non se pode prexudicar aos alunos brillantes manténdoos nunha clase con "lastres", que atrasan e dificultan o seu camiño cara á elite social.

Se lles comentas que no noso sistema o que pode pasar é que os mellores axuden aos peores, os interlocutores alemáns poñen cara de sorpresa, fican pensativos un pouco e encollen os ombros.

Frankfurt

E despois de tanto románico renano, lisco a Frankfurt, onde teño que coller o tren de volta a Berlín. Só teño un par de horas, así que me limito a dar unhas voltas polo centro. Rañaceos neoyorkinos nunha avenida que me lembra moito a certa zona de Bruxelas, bastantes puticlús, centro histórico reconstruído co fondo do rañaceos espectacular do Commerzbank. Catedral gótica, está ben para variar, cuns retablos-trípticos (non sei como se chaman, pero do estilo da virxe abrideira de Allariz) pendurados das paredes moi simpáticos: nun deles hai unha Última Cea en que Santiago, nun anacronismo moi pavero, está representado xa como peregrino, incluída a cuncha de vieira no sombreiro.

Outra vez na zona dos rañaceos, de volta cara á estación, e despois de varios días de ábsidas, ciborrios, coros e criptas, fico pampo cun enorme e luminoso Pantocrátor século XXI. Toma efectismo.