23.6.06

san xoán


Pero claro que a subida de temperaturas ten algunhas vantaxes. Sempre digo que a mellor época de Berlín son precisamente as semanas centrais de xuño, fundamentalmente porque é o momento da floración dos tileiros. Unha das características de Berlín é a frondosidade da cidade: a maior parte das rúas están cheas de árbores enormes que forman túneles verdes e incitan ao paseo. Como moitas delas son tileiros, a estas alturas todo Berlín vive inmerso no seu arrecendo. É delicioso.

O meu balcón, ademais, aproveita moi ben a radiación solar. Este ano, en abril, ademais das flores e das herbas aromáticas, decidín pór un pé de amorodos, por ver se se daban. Onte comín os primeiros, boísimos e bastante bio, fertilizados a base de borras do café e follas usadas de chá verde.

Todo este mundo idílico de calores, camisetas de cores, flores de tileiro e amorodos bio vaise interromper durante un par de semanas. Diversos motivos paralaborais obríganme hoxe a coller un avión e saír de Berlín.

E non estaba preparado, pero este ano vou celebrar o solsticio por partida dobre. Despois de vivir a europeísima Fête de la Musique o propio día 21, hoxe pola noite vou sobrevoar centos de lumeradas. E xa me excita pensar que pouco despois da medianoite, cando aterre en Lavacolla, o cheiro a fume e sardiñas vai inundar as miñas ventas.

Vémonos en Samil.

recalmón

Os días máis grandes do ano. A estas alturas, en Berlín sae o sol ás tres e media da mañá e ponse ás dez da noite, aprox., así que é fácil que saias a tomar algo, sen intención de quedar até moi tarde, e entre que enredas un pouco, que perdes un metro e que esperas por outro, ao chegar á casa de volta xa comeza a alborexar polo leste.

Unha das consecuencias que ten esta superabundancia de horas de sol é a subida de temperaturas. Como non haxa algo de nubes ou vento, como pasou nas últimas dúas semanas, a cousa ponse fastidiada: 35ºC graos de día e 22ºc de noite. Coa humidade que hai aquí e o recalmón que se monta, iso significa suor, suor e máis suor; como eu non teño unha infancia ourensá á que recorrer, non lle topo graza ningunha a isto de andar secando o bigode todo o día e toda a noite.

A noite... Ás 22:30h, cando chego á casa, orientada ao leste e cun 70% de superficie acristalada, a temperatura interior chega aos 29ºC. Abro as fiestras e saio ao balcón, pero fóra a cousa anda polos 26ºC e non se move unha folla, así que non adianto moito. Póñome en gallumbos, ceo fóra e póñome a ler esperando que refresque algo, pero cando me dá a unha da mañá e a cousa non mellora, déitome para suar un pouco até o día seguinte.

E así dúas semanas.

xestión cultural

O Brasil, con ofrecer uns partidos tan aborrecidos, está facendo unha promoción espectacular. Na Haus der Kulturen der Welt, co gallo do Mundial, hai un ciclo cultural chamado Copa da Cultura e organizado polo senhor ministro, que se autoconvidou a actuar no concerto gratuíto de apertura. A estas alturas xa puiden ver, por míseras entradas de cinco euros, excepcionais concertos de Chico Buarque e Bebel Gilberto, esta última un pouco pasada de cervexas pero quizais por iso excepcionalmente divertida. E entre os abreconcertos, un descubrimento: Martinália.

Angola, Montenegro e Colonia

Non se pode dicir que estea seguindo moi de perto o Mundial, francamente. Despois da febre dos primeiros días, as cuestións laborais conseguiron que a miña vivencia deste Weltmeisterschaft se limite (e xa lle chega ben) a toda a parafernalia que invadiu a cidade.

Pero houbo momentos paveros. No partido Portugal-Angola xogado na cidade de Colonia (que seca de partido...!), que vin á beira da Porta de Brandemburgo, na Fan Fest, estabamos xusto diante duns angolanos. Como no noso grupo había partidarios dos dous bandos, eu decidira ir de observador internacional e puxera por terceira vez na vida unha camiseta de "GALIZA" -azul celeste con raias negras nos ombros, pequenas espirais e trísceles no peito- que merquei cando fora da miña breve e pouco intensa fase de concertos de Skárnio e cia. Teño que recoñecer que a miña elección tamén se viu condicionada pola falta de camisetas limpas que asolaba o meu roupeiro ese día, pero non vou negar que a invasión que sofre Berlín de camisetas, bandeiras, chaveiros, lentes, chapeus, e bragas marcadas coas cores nacionais dos participantes animoume a sacar o meu país do armario.

Entre falar e berrar, un dos angolanos -benfiquista confeso- preguntoume se eu era brasileiro.

-Non, son de Galiza.
-Aah, Galiza. Lá a gente fala..., tem uma língua muito parecida com o português, n'é?
-É, é.

Seguimos berrándolle ao árbitro outro pouco e aos poucos minutos volveu.

-Pero tú no tienesh la..., la..., la t-shirt de Eshpaña.
-Non, porque teño a de Galiza- aquí o fulano riuse.
-A Galiza, sim. Mas vocês ainda não têm uma república- aquí rinme eu.
-Aínda non- e rímonos os dous.
-Ainda não, haha. Não, mas pode ser; olha o Montenegro, estás a ver? Eles não são sérvios, percebes?
-Percebo, percebo.

E seguímoslle berrando ao árbitro.

amarelos

Naturalmente, non só de bandeiras alemás se recobre Berlín. Paseando estes días pola cidade e reparando nos panos pendurados dos balcóns pódese saber onde vive un portugués, un croata, un español. As camisetas, as pinturas na cara e outros aditamentos tamén axudan a saber se estamos diante dun holandés ou dun arxentino. Pero cando un ve unha camiseta amarela nunca se sabe. E camisetas amarelas hai unhas poucas:

1.- Suecos. O primeiro que pensa un ao ver unha camiseta amarela é: o Brasil. Pero os suecos tamén levan camisetas amarelas, así que hai que achegarse ben para mirar se o escudiño que traen no peito é verde (Brasil) ou azul (Suecia). Os suecos cóntanse por miles. Descamisados, borrachos, cuspidiños a Thor e Odín, enchen os vagóns do S-Bahn e van a berros todo o camiño até chegaren ao seu destino. Moi excitante.

2.- Brasileiros. Estes cóntase por centos de miles, entren os que xa viven aquí e os ricachóns que viñeron para ver o partido contra Croacia. Están todos os días nos sitios onde hai pantallas xigantes, bailando coas batucadas que montan eles mesmos. Claro que o Brasil non xoga todos os días, pero eles tocan e bailan igual, descamisados, sambando e mesturados coas camisetas dos suecos, dos croatas, dos holandeses. Máis excitante. Como di a vella canción de carnaval que tanto cantan: "Mamai eu quero, mamai eu quero..."

3.- Alemáns (et al.) con camisetas do Brasil. Non sei o que pasa, pero se as camisetas do Brasil xa son populares en xeral, estes días todo cristo pareceu poñerse de acordo en que o amarelo e o verde son cores especialmente favorecedoras. Calados, serios, cunha cervexa na man e facendo comentarios técnicos sobre a última xogada estes non me din nada de nada. Non hai camiseta do Brasil que valla.

nación

Supoño que todos se lembran da marea de bandeiras que anegou Portugal cando foi do Europeo. Os que pasamos por alí ese ano flipamos bastante coas bandeiriñas nas xanelas do coches, nas xanelas das casas, das tendas, dos bancos e de todo canto é lugar. Pois ben, contra toda predición, en Alemaña está sucendendo exactamente o mesmo, nos mesmo formatos. Os fabricantes de bandeiras schwarz-rot-gold deben estar facendo o agosto.

E haberá quen diga que é normal. Pero non. Non ten a mesma transcendencia que iso aconteza en Portugal, na miña opinión un dos países máis irreflexivamente nacionalistas do planeta, en que sacar a bandeira é un acto relativamente banal (...), ca que aconteza en Alemaña, onde todo o que ten que ver co nacional é/foi até hai pouco un tabú de tratamento delicado.

Nestes últimos anos asistín en diversas ocasións a debates mediáticos en que se trataba este tema, tipo "podémonos relaxar os alemáns á hora de sacar á luz os nosos símbolos de indentidade colectiva?". Non hai moito que houbera unha polémica porque unha revista clasificara de encubertamente neonazis as letras dun grupo de pop. A cousa era fundamentalmente que as letras estaban en alemán, e aquí hai moita xente acostumada a que o alemán estea restrinxido á musica popular tipo Ana Kiro, pero non a grupos tipo The Homens.

Dalgunha maneira esta tensión estoupou co Mundial. Alemaña está estes días cuberta de bandeiras e unha revista xa sacou unha edición cunha portada cuberta de negro-vermello-amarelo e o titular: "como de alemá pode ser Alemaña?".

21.6.06

por certo,

falando de todo un pouco:

14.6.06

10.6.06

e este non lle anda atrás


Vía Renas e Veados, natürlich.

cousa bonita, ché


Vía As túas balas

cidade en construción

Hai dúas fins de semana, mentres eu andaba por París, en Berlín inaugurábase a nova estación central de ferrocarril. E é que durante a época da división da cidade as infraestruturas fóronse duplicando pouco a pouco para cubrir as necesidades de cada un dos dous lados: no oeste, a estación do Zoologischer Garten acabouse convertendo no punto central do tráfico ferroviario, mentres que no leste o nó fundamental pasou a ser Ostbahnhof.

Aínda que non gardo fotos desa época, a primeira vez que vin a Berlín a estación central era aínda unha enorme zona de obras no medio da nada, pero moi perto de todo. O feito de que esta estación fose constuída onde estaba a estación de Lehrter, máis ou menos na fronteira entre as dúas metades de Berlín e a medio camiño entre o Zoo e Ostbahnhof, facía que estes terreos fosen unha zona medio baleira a moi poucos metros de lugares céntricos como a Porta de Brandemburgo ou o propio Reichstag. Pero desde que vin vivir para aquí, a imaxe que tivo a estación a maior parte do tempo foi a da grande bóveda discontinua á que ninguén lle atopaba explicación; é así como aparece neste vídeo promocional do Mundial 2006. E así é que durante todo estes anos, a obra da Hauptbahnhof-Lehrter Bahnhof foi pasando por diversas etapas.

Primeiro era unha enorme fochanca, dado que hai vías e plataformas que van varios metros por baixo da terra para que os trens poidan cruzar o parque de Tiergarten através dos túneles que chegan á Potsdamer Platz. A fochanca estaba completamente inundada, porque o río pasa alí ao lado e a capa freática é moi superficial, así que chegou un momento en que na obra había até guindastres montados sobre balsas flotantes e mergulladores traballando nas profundidades.

Despois a fochanca foi drenada, recubriuse de cemento e pasou a se converter nos alicerces do edificio. E de aí cara arriba, até a construción da grande bóveda de vidro e do eixo perpendicular que ocupou o seu oco, o paso dos meses ía deixando ver pequenos pero continuos avances, como a construción da primeira torre lateral. Ao feito de que seguísemos moi de perto as obras axudou moito que a Lehrter Bahnhof -como se chamou todo este tempo- nunca deixase de funcionar como estación de S-Bahn, ou sexa, de metro superficial, así que eu por exemplo pasei e parei nela practicamente todos os días destes anos. Recoñezo que era unha parada un pouco pesada, porque practicamente non subía nin baixaba ninguén e unha parada-pantasma así só servía para atrasar uns minutos a chegada ao meu destino, normalmente Hackescher Markt ou Alexanderplatz. Pero era simpático poder ver as obras por dentro, coa vertixe que daba a fochanca baleira aos teus pés desde a altura á que corre o S-Bahn.

Así, por exemplo, foi como a fotografou Prisciliana en xuño de 2005


E así foi como a fotografei eu este pasado mes de xaneiro, aqueles días que chegamos aos -22ºC:


A data límite que estaba marcada para a posta en funcionamento da estación era precisamente o Mundial 2006. Nos últimos doce meses, ao se ir achegando a data de inauguración, a compañía ferroviaria anunciou que os trens de longo percorrido, como o ICE que collín hai tres semanas para ir a Colonia e de alí a Marxdorf, deixarían de parar na estación do Zoologischer Garten. Esta decisión supuxo protestas continuas que aínda non acabaron porque a zona do zoolóxico, xunto coa avenida Kurfürstendamm -ou Ku'damm, como di aquí todo o mundo- é o centro urbano de West-Berlin. Para esta parte da cidade a reunificación alemá só significou perda de dinamismo, de representatividade e de actividade económica, e iso tradúcese en certo resentimento contra o renacemento e o novo protagonismo dos barrios céntricos do leste. De xeito que a supresión dos trens de longo percorrido no Zoologischer Garten caeu coma un xerro de nitróxeno líquido no concello de Charlottenburg-Wilmersdorf e en boa parte da cidadanía do oeste. Como será a cousa, que o 27 de maio a alcaldesa do distrito até lle levou unha coroa de flores ao último ICE que parou no Zoo...

Como dixen, eu non estiven na inauguración nin tiven tempo ou vontade de seguilo pola prensa desde París. Pero polo visto houbo dous fenómenos fundamentais:

1.- O antigo nome de Lehrter-Bahnhof (Bahnhof significa simplemente estación) desapareceu por completo, disque para non despistar os turistas. Agora o nome é simplemente Berlin Hauptbahnhof, que vén sendo a Estación Central de Berlín.

2.- Cando acabou a cerimonia, un rapaz de 16 anos comezou a apuñalar indiscriminadamente as persoas que tiña máis perto, até un total de 28. Chegouse a comentar que un dos primeiros apuñalados era seropositivo, así que boten contas da lea que está armada.

E para min, que vivo a unha parada de distancia do Zoologischer Garten, a consecuencia máis clara de todo isto é que a próxima vez que teña que viaxar en tren vou ter que saír da casa con máis de 15 minutos de antecedencia. Pero tranquilos, a Hauptbahnhof está a só catro paradas da miña, así que con 25 minutos vou sobrado.

Esaxerados! Espantabexatos!

9.6.06

isto tamén é bastante mundial


Vía A Aranheira

Ich roque!

E precisamente para gozar das vantaxes que ten vivir nesta cidade durante o Mundial, antonte fomos á cerimonia de inauguración da Fan Fest. Boa parte do parque central de Berlín, o Tiergarten, e a súa avenida central, que vai cara ao oeste desde a mesma Porta de Brandemburgo, está pechada e dedicada a unha enorme zona de ocio, cun fato de pantallas xigantescas, postos de cervexa, de salchichas, de leberkäse e todo canto é alemán para seguir os partidos ao aire libre. A Fan Fest abre todos os días ás 11:00 da mañá, vai vibrar con cada partido e fecha sobre as dúas da madrugada cunha sesión diaria de DJs e espectáculo láser.

Na inauguración houbo diversas vellas glorias -tipo Pelé-, presenzas institucionais coma a do alcalde e algunhas actuacións musicais tan así coma a de Nelly Furtado ou a de Andrea Bocelli. O que máis me divertiu foi a canción que lle dedicaron os Sportfreunde Stiller a Roque Santa Cruz, o paraguaio xogador do Bayern. Como Cesare andaba estes días preocupado por non sei que implicacións da canción, aquí lle deixo a miña mínima gravación de móbil do momento climático da peza. Que lle ghuste.

isto é mundial

Como poden imaxinar, a estas alturas a febre é absoluta: nada escapa á presenza do Weltmeisterschaft. Nunha das cousas en que máis se nota é ne decoración de todo canto espazo público haxa. Até dos toldos dos bares penduran bandeiriñas de todos os estados participantes e algunhas estacións, coma esta de Friedrichstraße, están completamente tomadas.

Pero o que é o máximo é que travestiron a Fernsehturm, que non hai cristo que a recoñeza agora que é unha mega-bóla de fútbol.

1.6.06

Ryan y Charnella se hacen gallegos



Máis aventuras de americanos en Galiza.

frugal traveler

Aventuras dun americano no Barbanza:

Then we set off to explore the peninsula, from the free museum at the Castro de Neixón, site of a 2,000-year-old settlement, to the dune beach and lighthouse at Corrubedo (partly closed for preservation) and on to the Castro de Baroña, the area's largest and most impressive ancient settlement. The drive itself was marvelous — glorious green hills punctuated by villages with narrow streets and houses whose tiled walls resembled old pixilated Atari video games.

o que ten cu, ten medo

Atravesaba París no bus nocturno e subiron un par de mozotes beurs, bastante hiperactivos para as horas que eran. Lentes de sol, barbichas recortadas, camisetas con estampados prateados, aneis, colares. Sentaron no fondo e puxéronse a falar a berros, a rirse ás gargalladas, a bater nas xanelas do bus cunha enerxía e unha alegría que contrastaba fondamente co silencio avinagrado de todos os demais pasaxeiros.

Nunha determinada paraxe un deles baixou do bus. Mentres o semáforo non se puña en verde, os dous seguiron falando a berros a través do vidro. Así que arrincamos de novo, o que quedou dentro calou.

Cando chegou a súa vez de baixar do bus, o rapaz deulle ao botón e esperou a que o condutor abrise a porta. Como lle tardaba algo, berrou: "la porte, s'il te plaît!".

"S'il vous plaît...", dixo entre dentes o condutor -descendente directo de Vercingetorix-, cunha potencia de voz que só era audíbel para os que estabamos máis inmediatamente próximos a el. Pero abriu a porta.

31.5.06

día 7

Hoxe ás catro da mañá erguinme nun apartamento do quai de Valmy, París, e ás dez da mañá entrei a traballar con toda normalidade en Berlín, sen sequera pasar pola casa e cun nivel de rendemento que me sorprendeu incluso a min.

Entre eses dous dous momentos houbo varios medios de transporte público, pero a esta hora teño deles un recordo bastante vago, envolto nas néboas do sono. Voume deitar.

día 6 bis

Superado o trauma inicial, volvemos sobre os nosos pasos por se se produce un milagre. Recuperamos un paraugas que esqueceramos, pero da cámara nin rastro, así que seguimos cara ao Marais. Tomamos un café supermariqui e recibo unha chamada de Raoul. É catalán, amighiño de Fuegho, presentáranmo na tarde do día 2 e tamén lle fixera unhas fotos. Coméntanos que acaba de saír do hamam da mesquita e que ten que vir ao Marais por causa do traballo. Como nós estamos na Rue Ste. Croix de la Bretonnerie, quedamos para tomar outro café con el e dalgunha maneira Fuegho autoconvídase a pasar pola súa casa esa noite. Xa veredes a casa que ten, dinos, e el rise.

Deixámolo a el no traballo e imos cear a un café da praza de Sainte-Marthe. Acabamos loguiño, pillamos unha botella de licor café do Mosquito na casa de Fuegho e imos cara a casa de Raoul. Cando Fuehgo di é aquí flipo. Alí ao lado comezan unhas escaleiras que soben a Montmartre. Pero a grande sorpresa está enriba. Visc al sisè, dinos el polo interfono, e subimos no ascensor de reixa até a casa de anuncio que Raoul comparte co seu mozo actor, estes días ausente por cousas do traballo. O primeiro que facemos é saír ao balcón e alucinar co Sacré Coeur iluminado, xusto por riba das nosas cabezas. Cara o outro lado, sobre os tellados da cidade, vese sobresaír o rañaceos de Montparnasse.

O tema, a pesar do licor café e do pastel grego de sésamo e mel, acaba vindo ao rego: todos comparamos o que nos custan os nosos apartamentos en Berlín, París, Liverpool e Londres. Ai pois mira que é barato Berlín, para vivir no centro, claro, pero é que París é unha loucura, ai pero mira que o noso xardín de Londres sae no último filme de Woody Allen...

Raoul prométeme que ha vir a Berlín. E deixámolo alí soíño, baixo a protección inmediata do Sagrado Corazón.

día 6

Como Fuegho volve ter ocupacións de primeira hora, os ingleses e mais eu dedicámonos ao turismo duro. Visitamos a Ste.-Chapelle e pasamos alí dentro, fotografando, todo o tempo que nos queda até encontrarnos coa nosa anfitrioa na terraza superior do Institut du Monde Arabe. Alí arriba as vistas do centro son espectaculares e gratuítas, así que as fotos tampouco faltan. Pensando nas Crónicas fago unha foto de detalle da fachada do edificio, famosa por regular automaticamente en cada momento a entrada de luz en función da intensidade do sol.

Morremos coa fame e internámonos nas ruelas de Saint-Michel para deixarnos seducir polos prezos baixos para turistas. Falo por teléfono cun fulano que coñecín en Berlín por se quere vir tomar un café: vive co seu mozo nun apartamento do Marais e non lle estamos moi lonxe, pero hoxe está traballando fóra de París e a cousa non calla. Aínda tiro outra foto de Fuegho co fondo dos centos de restaurantes típicos, locais de falafel e gyros. Entramos nun deles, comemos a fartar e saímos en dirección ao Marais. Atravesamos a Ile de la Cité polo Boulevard du Palais e ao estarmos no medio da ponte, con toda a vista da Conciergerie, decido que hai que facer outra foto. Meto a man no peto dereito do abrigo e encontro a funda dos lentes. Meto a man no peto esquerdo do abrigo e encontro o móbil. Meto as mans nos petos do pantalón e encontro tickets usados do metro.

Tiña que ser. Ano e pico despois de que me mangasen a anterior, once meses despois de mercala, mes e medio despois de perdela e encontrala en Macedonia, roubáronme a cámara de fotos en París.

Pánchez, que descargou as que fixo con ela, debe ter no seu disco duro as últimas fotos que conservamos desa cámara. Dio-la teña en mans responsábeis. Moi boa era e moito me gustaba. Miren se era riquiña que lle tiña configurado o son e ao disparar facía: cuá!

día 5

Facendo unha selección moi básica dos nosos intereses, facemos unha visita ao Louvre, no meu caso, 16 anos despois. Malia a relativa brevidade da visita, saímos tan mallados que non podemos evitar unha cea consistente e reconstituínte. Imos á Casa do Vietnam de París e fartámonos de fideos de arroz. Desde alí corremos baixo a saraiba e gorecémonos no salón de té da mesquita. Como eu insisto, ademais de beber os tés acabamos fumando unha pipa de auga que nos mantén ocupados até as once da noite. A pipa, o fume e os pardais que veñen comer as migallas de baclava á nosa mesa ocupan a maior parte das fotos desa tarde.

día 4

Erguémonos tarde e planificamos algo o día. Fuegho ten bastante que facer, así que os ingleses e mais eu pasamos o día polo noso lado. O primeiro é recoller a cámara no hotel. O recepcionista indostaní pregúntame o meu nome e dime que si, que ten a cámara. Pero tamén me pide que escriba un recibo conforme a recollín. En français?, pregúntolle retoricamente, pero el non colle a idea, mírame como se eu fose parvo e dime oui, monsieur.

J'ai réçu..., do máis profundo do disco duro van saíndo a chorros participios irregulares, apóstrofos e acentos. Dalgunha maneira conservei a miña capacidade para escribir tres cousas en francés, pero naturalmente dubido cos ph e os f. Métoos ao chou e acerto; á fin e ao cabo o recepcionista non ten pinta de ter moita máis idea disto ca min. E efectivamente, ao final recupero a cámara.

Seguinte parada: Quartier Latin e Musée National du Moyen Age, con todos os seus vestixios xacobeos. Seguinte parada: xardín de Luxemburgo. Collemos as nosas cadeiras e sentamos alí no medio. Non paro de facer fotos, aproveitando as perspectivas que dan os grandes eixos urbanísticos da cidade. Miss White e The Sobrado falan da vida, así que saen nas fotos con moita cara de transcendencia.

Esa noite fállanos a coordinación e non nos damos encontrado con Pánchez e os outros artistas. Dado que ao outro día xa se vai de París, pídolle por SMS que me deixe a cámara na recepción do seu hotel ao meu nome. Respóndeme: Claro! Merci!

día 3

Seguimos traballando e acabamos a unha hora decente, tras a que nos despedimos satisfeitos de nós mesmos. Despois acabamos comendo nun resto auvergnat. Descubro que os franceses chámanlles rillettes aos roxóns (aprox.), entupo as arterias co confit de canard e subo a tope o meu nivel de insulina cunha tarte Tatin servida en tixola de machuco.

Esa mesma tarde baixamos todas as calorías cun concerto de garage en La Flèche d'Or. O segundo grupo gústanos máis ca o primeiro: chámanse The Hara Kee Rees, levan unha soga ao pescozo a modo de gravata e o guitarrista está como para levalo sen envolver. Hai unha xaponesa medio tola con ínfulas de Yoko Ono que sobe ao escenario vestida de coelliña de Play Boy e baila polo medio deles, pero non molesta máis do estritamente necesario e o concerto é un éxito. No tempo de cambio entre eles e o seguinte grupo, o baixista vén sentar no mesmo recanto en que estamos nós. Doulle os parabéns en alemán e agradécemo; despois repara na miña camiseta e a conversa comeza a fluír: son todos de Colonia agás o cantante, que é de Hamburgo. Levaron un tute en furgalla para chegar a París e luns teñen que estar todos de volta para traballar, pero quedaron moi contentos do concerto. Pregúntolle polas cordas ao pescozo: disque o ano pasado levaban uns traxes de estética Star Trek cos que el non estaba moi convencido. Komisch, dígolle eu. Iso mesmo era o que nos dícía todo o mundo, así que decidimos mudar, responde el. E gañaron co cambio. Ao final asínannos un disco que mercaramos e escriben nun recanto: HOLA AMIGO!

O seguinte grupo era o máis esperado polos entendidos. Polo visto, Lyres foi unha referencia para moitos até que se desfixeron. Neste concerto de París estaba previsto que volvesen tocar. Pero cando foi a súa vez os entendidos puxéronse a fungar: o cantante, cunha chaqueta verde de lentelloulas e lentes de sol, era o único represantante da formación orixinal. O resto eran os mesmos músicos holandeses do primeiro grupo, que sabían as cancións desde que eran pequenos pero que non disimulaban nada ben o timo con aquelas caras cuspidiñas ás dos seus devanceiros queixeiros, zoqueiros e muiñeiros das veigas de Roderwolde.

Liscamos aos dez minutos.

Pánchez pídeme que lle deixe a miña cámara. Quere facer fotos pola cidade e xa ma devolve ao outro día. Empréstolla sen problema.

día 2

Erguémonos cedo para traballar e comezamos con enerxía. Polo medio aparecen Miss White e The Sobrado, que chegan desde Inglaterra tras un periplo nocturno de buses e avións para completar o reencontro no exilio 2006 de ex-habitantes da Casa da Collona, rúa de San Pedro 82, 1º esquerda. Malia o cansazo, póñense ao choio e cumpren coma campións, case sen toquear nada co sono.

Unhas horas máis tarde, xa na xeira da tarde, coñezo a Ludwig, presidente dunha importante institución parisina. Xa que facer fotos forma parte das miñas atribucións dese día, sácolle un par de retratiños coa escusa das obrigas laborais. Un pouco despois véxolle peneirar a cintura e mais o cinto de D&G mentres lles explica a un par de parisinas como é iso da muiñeira. Non me resisto: con ar inocente vólvome achegar, pídolle máis explicacións sobre iso dos bailes tradicionais e finxo torpeza nun diante-detrás. Quedamos en que ao día seguinte hei acudir ao ensaio do grupo local para practicar un chisco máis, mentres el sobe os brazos e os botóns da súa camisa cinxida protestan pola presión.

The Sobrado e mais eu acabamos o día carrexando un biombo polos bulevares de París, en aras do ben común.

Topámonos con Pánchez e outros artistas galegos de primeira liña. Imos cear con eles a un restaurante hindú que nos agasalla cunha pantalla xigante e unha secuencia interminábel de videoclips musicais de Bollywood. Pánchez comenta que non trouxo cámara fotográfica.

día 1 bis

Chego a Paris no día da Ascensión e a cidade vive a relaxación dun día festivo. Vou dereitiño do aeroporto á casa de Fuegho e gozo de reencontrarme co coñecido, especialmente cando chego á beira do Canal de Saint-Martin, paso por diante dos escaparates coloridos de Antoine et Lili e espreito brevemente o interior. Alí continúa a traballar en silencio e coa mesma actitude de sempre Rambo Tímido, o empregado máis disonante que se poida imaxinar para unha tenda tan mariqui: tríceps esteroidados, pectorais anabolizados, cuadríceps hipertrofiados, parece que este rapaz vinga contra os ferros do ximnasio toda a enerxía que a súa timidez couta nas horas de traballo, durante as cales se limita a recolocar modosamente a roupa nos estantes e pórse encarnado con cada pregunta dos clientes.

Paro nun portal do quai de Valmy, marco o código da porta e entro na curra. Seguro de que Madame da Silva, a concièrge portuguesa, axexa entre as cortinas do seu cuarto, avanzo resolto até as escaleiras, subo no miniascensor ao 4º andar e peto á porta. Fuegho ábreme mentres fala por teléfono. Sorrí, dame un bico silencioso e segue falando nese código lingüístico que consiste en frases galegas entrefrebadas de múltiples comme même, donc, tout à fait, ba oue, j'sais pas, ah bon e rematadas sistematicamente por un quoi.

Pouso a mochila facendo renxer as táboas do chan e sento por alí, entre o horror vacui colorista daqueles quince metros cadrados. Dedícome a escoitar a súa prosodia retórica tipicamente francesa e lémbrome con ollos húmidos dunha noite de hai cinco anos. Estabamos no noso piso compartido da rúa de San Pedro e acabábanlle de comunicar que tiña que mudarse a París en menos de quince días. Ela non sabía absolutamente nada de francés, así que nos sentamos á mesa do meu cuarto, collemos uns papeis e púxenme a escribirlle je suis, tu es, il est, on est, vous êtes, ils sont, je voudrais, je m'appelle, galicien, galicienne, galiciens, galiciennes.

día 1

Despegamos do aeroporto de Schönefeld e o comandante comeza a falarnos en inglés: donas e cabaleiros, benvidos a este voo con destino en Nova York..., ups, perdón, París... Múltiples comentarios entre os pasaxeiros atónitos. O comandante segue explicando: desculpen, o copiloto e mais eu estabamos falando de Nova York e..., xa ven; un lapsus teno calquera. A miña compañeira de asento óllame e rimos. A seguir da inglesa, o piloto fai a súa alocución en alemán e demostra que ten o día gracioso; nun avión completamente decorado en laranxa comeza a dicir: Bo día, señoras e señores, benvidos a este voo de Germanwings...

Ao aterrarmos no aeroporto de Orly, un pequeno problema organizativo dos franceses atrasa uns minutos a apertura das portas. O comandante vólvenos falar para dar unha pequena explicación. Completamente descocado, comeza: señoras, señores, benvidos a Nova York.

Pero tanto ten. Por moito que me tenten distraer, nos últimos meses estou constantando unha tendencia crecente: canto máis voo, máis medo lle teño a voar. Por falta de costume non é, iso está claro, así que cando llo comento a Fuegho quedo moi convencido coa explicación que me dá, tirada dunha afirmación de súa nai: canto máis vello es, máis medo tes.

E será certo.

24.5.06

Himmelfahrt nach Paris

Para acabar coa voráxine primaveral deste ano e aproveitando que Santiago de Compostela, París e Berlín teñen máis concomitancias das esperábeis, mañá ascendo e vou á Ville Lumière.

E seguimos coas despedidas.

grazas, churri

Onte cheguei á casa ás once da noite, breado despois dun intenso día de actividades sociais, laborais e sociolaborais. Entrei no portal, abrín a caixa do correo e topei un sobre acolchado. O remite comezaba co nome de m)alicia e acababa cun entrañabilísimo Estado español que me arrincou o primeiro sorriso cansado.

Mentres abría o sobre e chamaba polo ascensor, entrou unha parella no portal. Víronme sacar un CD do sobre, viron a miña cara de sorpresa e demostraron curiosidade polo disco. Mostréillelo sorrindo, sen dicir nada. El comezou a pronunciar o que lía alí:

-De... hou..., houm...

Linlle eu o título do disco e seguinlle explicando.

-Homens heißt Männer auf Portugiesisch.

-Ach so! Singen sie denn auf Portugiesich?

-Nö..., meistens singen sie auf Galicisch, meine Sprache -aquí xa iamos entrando no ascensor.

-Bitte? Wie heißt die Sprache?

-G-a-l-i-c-i-s-c-h.

-Ach, Galiiiicisch...! Schon lange nicht mehr gehört...! -Galego...! Onde vai que non oía falar diso...!

Recoñéceo, ho, -pensei- nunca na vida oíras falar diso...

Deille ao botón do terceiro andar e el sorprendeuse de que fósemos saír no mesmo sitio.

-Sind wir also Nachbarn? -daquela somos veciños?, pregunteille. E fomos descubrindo que levabamos ano e pouco compartindo andar e corredor e nunca nos viramos diante.

Entrei na casa, descubrín os autógrafos no libreto do CD e puxen a todo dar -ou algo, á fin e ao cabo eran as once da noite- Desaparece.

auténtica auga de colonia

Atraveso toda Alemaña en tren -cun rápido cambio na estación de Colonia- para visitar de novo Marxdorf, pero por primeira vez xa non está alí Prisciliana coa súa enerxía contaxiosa para recibirme.

Vou a concertos edificantes; probo manxares variados que deixan constancia máis unha vez de que el galleto está riquísimo; encóntrome despois de tanto tempo con Pinga, tan riquiño, que se achegou directamente desde seu traballo en Luxemburgo e anuncia que o día seguinte é o día do orgullo na pequena capital do Benelux; ao día seguinte perdo a final de Eurovisión e mais o día do orgullo de Luxemburgo por ter que asistir a unha cata de viños na adega máis antiga de Alemaña, que forma parte dun hospital do camiño e ten partes romanas; énchome de riesling seco, semiseco e doce do val do Mosela, aprendo terminoloxía enolóxica alemá, descubro por fin como se fai o Eiswein; chego incluso a bailar unha breve muiñeira nocturna diante da casa natal de Marx (Karl, non Groucho) ao ritmo contundente da música turco-pop que sae do local de Döner que hai alí ao lado.

Pero paso por diante da casa de Prisciliana, véxolle luz no cuarto e sei que xa non pode ser dela.

De súpeto, todo en Marxdorf comeza a soarme a despedida.

18.5.06

repaso

Debe haber tres semanas que vin todos os vídeos dos participantes deste ano. Precisamente as miña obrigas laborais impedíronme facer o post que merecían, así que agora non me lembro da metade das conclusión a que cheguei. En calquera caso, aí van os restos.

É curiosa a presenza de elementos folkies en moitos dos países balcánicos, gaitas incluídas: Albania, Bosnia, Croacia ou Bulgaria non escapan a esta tendencia. Macedonia arrasa neste punto, mesturando elementos folclóricos na coreografía cos toques de reggaeton e a estética RnB.

Mónaco como non ten folcloradas que levar trasládanos á Polinesia cunha cantante supercachonda, á parte de mostrar nun videoclip supergai os ensaios da súa coreografía. Holanda, coma Mónaco, recorre a toques folclóricos exóticos. Estes van de neo-hippies. Horroroso.

A cantante de Grecia, malia cantar en inglés, é a mellor demostración do parecido que soan o grego e o castelán. Non me digan que ese acento non parece de Burgos.

Os letóns, con esa cara de non comer quente nos últimos 5 meses, pensei que lle gustarían máis a Cesare do que manifestou. De acordo que Dima Bilan arrasa, pero Arsenium, o moldavo, non che ten mal ningún, a pesar de ser un pouco baldraghas. Iso si, se falamos de cantantes masculinos salientábeis, teño que subliñar a miña sorpresa pola aposta eslovena: este pequeno país balcánico conseguiu dalgún xeito resucitar a Tino Casal e convencelo para que participase en Eurovisión. Incríbel.

Malta leva un tema noventeiro, supertonto, megaeurovisivo. Pero para noventeira, Romanía, que leva unha canción absolutamente italo-dance e ten un vídeo de estética cutre-ibicenca.

A gasolina polaca ten poucos octanos, aínda que non sei se chegan a ter tan pouco gas coma Portugal (e estou sendo benévolo). Amigas lusas, polo menos podían coidar a coreografía, que é a Eurovisión o que a fotografía é ao cinema.

Ucrania, igual ca Turquía, toma Eurovisión en serio e xoga forte cunha canción moi do estilo das repúblicas Ex-URSS. Nos dous casos volven aparecer elementos folclóricos.

E, indo a máis, Suecia continúa co seu savoir-faire eurovisivo. De todos os xeitos, a canción paréceme tan correcta que non lle vexo trazas de vencedora. Pola contra, e moi nesa liña, quedei flipado con Estonia (que por algo leva unha cantante sueca). Que quilometraxe de pernas, señores, que coreografía perfecta, que referencia ao arco da vella (where’s the rainbow), que subida de octava (ben, iso fano todos case sen excepción…). Se tivésemos en conta os valores do que subxectivamente chamamos eurovisismo dunha canción, esta era a vencedora.

Pero.

Para min a mellor é Islandia. Comparte o metaeurovisismo con Lituania, pero faino tan ben que merece a vitoria.

E agora lisco, que chego tarde.

o peor de todo

Saben o peor de todo? Pois que as miñas obrigas laborais non me van permitir ver a final. Eu que o tiña todo preparado para pasar o serán encerrado nalgún bar berlinés en que houbese retransmisión para compartir emoción cos colegas. Pois nada.

Así que hoxe teño que aproveitar para ver a mediafinal. Aquí, concretamente.

17.5.06

bases sociais

A Asociación de Escritores en Lingua Galega apoia a Alicerce García Negro

A Asociación de Escritores en Lingua Galega emitiu onte un comunicado no que mostra o seu apoio ao seu «asociada» Alicerce García Negro (...)

achégate ao galego

Desde hoxe é posible ler en galego a edición dixital de La Voz de Galicia
(...)
tanto a versión castelá como a galega estarán dispoñibles ao mesmo tempo, de forma que o usuario pasará dunha a lingua á outra nun tempo imperceptible, grazas a un servizo de tradución automática.

A presidencia da UE pide ao Parlamento Europeo que reconsidere o seu veto ao galego
(...)
A Mesa [do Parlamento Europeo] rexeitou a demanda por seis votos a favor e sete en contra, entre eles, os do vicepresidente español Afasto Vidal-Quadras, do Partido Popular.

La Nueva Galicia

Madonna é Deus na Nova Galícia. Sua primeira medida? Destruir os heterossexuais! 41 anos depois, um casal gay vive o inferno de ter um filho hetero num mundo gay e heterofóbico...
Madonna is God in La Nueva Galicia. Her first order? Destroy heterosexuals! 41 years later, a gay couple will live the hell of having a straight son in a gay and heterophobic world...


La Nueva Galicia, Fabián Castro, 2001, México, 10 min.
[vía eueoseeuu]


17 de maio
Día -entre
outras cousas- Internacional contra a Homofobia

mariñáns vs. montañeses

DISCURSO DE MANUEL LUGRÍS FREIRE NO MITIN DE SOLIDARIDAD GALLEGA
(Betanzos, 6 de outubro de 1907)


Mariñáns
e montañeses, (...)



Como, como non vou sentir simpatía por un fulano que, á parte de ser veciño, comparte comigo cosmovisión?

16.5.06

post

Pois nada, grande éxito de público e crítica. Que pensaban, logo?

13.5.06

nervos pre

No choio levamos meses preparando o de hoxe. Unha especie de mega-día de portas abertas en que a min vaime tocar actuar diante dun público incerto. O ambiente que se vive agora aquí dentro é de certo frenesí disimulado, cables polo chan, ordenadores fumegantes, luces estroboscópicas nas xanelas e e probas de son abouxadoras.

En media hora ábrense as portas ao público, para xa non pechar até a 01:00. E a min, por moito que vaia ao baño, non me dan pasado as ganas de mexar.

9.5.06

Manifesto: pola independencia e o eurovisismo!


O pasado 31 de marzo, o doutor Derek Gatherer, xenetista molecular da Universidade de Glasgow, publicou un estudo en que aplica técnicas de simulación molecular ás votacións destes cincuenta anos de Eurovisión. E aventurou que o gañador deste ano vai ser Bosnia-Hercegovina.

Como o explica? Todos sabemos que en Eurovisión os países votan maioritariamente polo veciño, pero o doutor Gatherer puido detectar que ao longo da historia do festival foron variando os diferentes bloques xeográficos de apoio mutuo. Porén, esta tendencia vaise acentuando e estabilizando desde o ano 2001, e especialmente desde que os votos saen directamente do público, de xeito que no continente europeo vanse perfilando diferentes grupos de países que se apoian sistematicamente.


Na actualidade, pois, e tal como ilustra este gráfico, o doutor Gatherer fala de cinco bloques eurovisivos: o Imperio Viquingo (Escandinavia e países bálticos), o Benelux Parcial (Países Baixos e Bélxica), o Pacto de Varsovia (Rusia, Ucrania e Polonia), o Eixo Pirenaico (España e Andorra) e, finalmente, o Bloque Balcánico (Croacia, Macedonia, Serbia e Montenegro, Grecia, Chipre, Bosnia-Hercegovina, Turquía, Eslovenia, Albania e Romanía).

Evidentemente, o feito de que a maioría de países dun bloque supere a semifinal e pase á votación final aumenta as posibilidades de que gañe un país dese bloque. E, o que resulta máis evidente aínda, cantos máis países hai nun bloque, máis posibilidades hai de que gañe un país desa zona.

E agora díganme: que posibilidades de gañar ten calquera cantante ibérico con este raquítico número de países que temos na península? Aínda que Portugal e Andorra superasen a semifinal deste ano (ehem, ehem...), seriamos tres. Tres fronte á millenta de novos estados balcánicos.

A solución está clara, meus caros: debemos promover a independencia de Galiza -e de todas as nacións ibéricas- para facermos aumentar as nosas posibilidades de éxito na loita anual pola gloria máis queer. Até aos españois lles interesa.

Eurovisiv@s galeg@s e de todas as nacións ibéricas, sumádevos ao meu berro:

Independencia e eurovisismo! Até a vitoria sempre!

Berlín, 9 de maio de 2006.

localismo


Xa van dous. Es ti o seguinte?

8.5.06

lagos


Ben, dado que non fixen fotos do pé nin nas praias de Croacia nin nas das Canarias, deixo esta feita onte en Wannsee como testemuña do meu primeiro día de praia da tempada 2006 en Berlín.


P.S.: interesante contraste co mes de xaneiro, non?

fódase...

Dannos as cinco e media da madrugada en Berghain e, fartos dunha sesión poco memorábel no Panorama Bar, decidimos liscar. Á saída céganos o sol e abóuxanos a procesión perpetua de taxis que non deixan de chegar para deixar alí a xente que entra desa hora no local: unhas góticas desnortadas, un par de DJs que arrastran sobre os croios da entrada os seus trolleys cheos de discos e etiquetas de aeroporto, moitos gai-skin con estética pseudo-oi!...

Superados estes obstáculos, mentres atravesamos a zona industrial que nos separa da rúa e do mundo civilizado, unha figura familiar avanza na nosa dirección. Aos poucos segundos recoñézoo: o cabeliño, os pantalóns baixos, a camiseta curta, a anorexia incipiente.., é el. Pasa coma un zombie ao noso lado e continúa cara á entrada do local.

Non podo evitar un arreguizo no lombo ao imaxinalo, na súa aparente fraxilidade, rodeado de cabezas rapadas e pectorais anabolizados, internándose nun dos labirintos.

personaxes

Encóntrome con Mjoão diante do meu edificio favorito porque gardamos algunha esperanza de poder visitar no penúltimo día a exposición máis famosa e morriñosa dos últimos tempos en Berlín. Como xa supuñamos, o tamaño das filas de xente que espera para entrar é inasumíbel, así que todo queda nunha tentativa testemuñal. Nós queriamos ir.

Optamos por ficar polo Kulturforum, dada a necesidade inmediata que ten ela de falar, e sentamos ás portas da Gemäldegalerie. Mentres nos dedicamos a denegrir verbalmente unha serie de personaxes que rodean a súa vida, ao noso redor ducias de adolescentes sen camiseta e 15 cm de boxer de cadriños sobresaíndo dos jeans aproveitan os desniveis, as escaleiras e os muretes da zona para practicar co skate.

E é así que o ruído das rodas contra o pavimento, o movemento continuo dun enxame de rapaces á nosa volta, a arquitectura excepcional que nos rodea e o perfil de Mjoão recortándose contra o cálido solpor de Tiergarten converten a situación nunha escena con certo ar rebuscado, irreal, cinematográfico.

Tal como tan a miúdo me acontece ultimamente.

biorritmos

Ninguén que non pase un ano en Berlín pode imaxinar a mudanza radical que vive a cidade ao chegar o bo tempo. Despois de varios días de almorzos no balcón, parece que o natural das cousas sexa este: camisetas curtas, amorodos crecendo nas miñas xardineiras, xente enchendo as terrazas para cear, castiñeiros de indias en flor e rúas sombrizas baixo a vexetación.

Ás persoas tamén lles muda o carácter. É a axitación do verán.

combustión

O primeiro de maio, como se prevía, non foi tan violento coma antigamente. Todo nesta cidade vai, aos poucos, camiño de se ir parecendo máis aos tópicos centroeuropeos, tal como queren os gobernantes que non ven na súa capital a metrópole alemá que desexarían.

Aínda así, as rúas de Kreuzberg volveron ter o ambiente especial que lles dá a mestura de centos de antidisturbios chegados de todo o país con milleiros e milleiros de persoas que se xuntan na zona, ora para festexar -bailando diante dos locais que ofrecen música na rúa e comendo todo o que os turcos da zona se ocupan de preparar-, ora para tentar volcar un par de coches ou queimar algunha barricada.

E iso mesmo foi o que atopamos na Oranienstraße, aí polas nove da noite. Un mundo de xente bailaba na rúa coa música dos Chemical Brothers que puña o DJ do SO36 mentres uns cen metros á esquerda brillaba o resplandor do lume e os antidisturbios impedían o paso para que ninguén se queimase coa xigantesca larada de pneumáticos -supoño- que alguén conseguira prender sobre o asfalto.


E a outros cen metros, no comezo da Mariannenplatz, os curdos queimaban todo canto comeran bailando até a éxtase o halay.


P.S.: Gravar vídeos nocturnos co meu móbil é unha perda de tempo.

1.5.06

walpurgisnacht


Comeza a festa.

29.4.06

os tempos son chegados

Lémbranse da época O-Zone e daquelas voces que proclamaban a necesidade dun euro-chochi-hit en galego?

Non esperen máis, o Projecto Mourente xa está aquí, superando con moito en calidade aos nosos queridos amigos moldavos, e A Regueifa pon os seus ritmos ao noso dispor. Entre os temas do disco hai auténticas glorias como Máis heteros (que os heterossexuais) ou Como os caranguejos. Iso si, se o que buscan é un éxito petardo non hai dúbida. Berren comigo:

Que me enterrem na discoteca!




Estou fanatizado.

presente nas miñas oracións

O rapaz alemán que traduce ao portugués a web de Gayromeo ten no seu cuarto un mapa de Galiza pegado á parede, máis ou menos por riba do cabeceiro da cama. Onte á noite, con toda a súa WG ateigada de asistentes á festa, moito me lembrei de vostede cando afastei a vista do mapa e reparei nun dos convidados. Estaba diante de min, sentado no chan, cunha anorexia incipiente e o cabeliño á fódase cubríndolle o ollo dereito. Por mor do ángulo agudo que formaba o seu torso coas pernas e o chan, os jeans baixos baixaban máis aínda e a camiseta XS -non por iso axustada- subía polas cóstas até quedar á altura que lle correspondería a un top un pouco grande, vértebra máis ou menos. O resultado era a gloriosa perspectiva duns cadrís en que dúas pequenas depresións, subliñadas polas sombras, enmarcaban o final do espiñazo, xusto por riba do comezo -e algo máis ca o comezo- de dúas nádegas cheas, ignorantes da delgadez do resto do corpo. A beira do elástico branco da roupa interior contrastaba coa escuridade que había entre elas e á vez comprimía lixeiramente a carne, resaltanto aínda máis a tersura da zona.

Moito, moito me lembrei de vostede.

26.4.06

et in Arcadia ego

Look who's talking now!
:-)

hangin'

O Marco, dando onte un concerto de hang nunha vernissage en zero.


Pero en realidade o mellor foi cando deixou as bases postas, pousou o hang no chan e foi introducindo os asistentes -un por un- máis e máis no concerto, polo método de poñerlles os dedos nas orellas e irlles abrindo e pechando os condutos auditivos segundo el consideraba axeitado.


Eu, cando mo fixo, serio, serio. Reflexivo, pensativo. Gozando a experiencia acústica. E pensando nas risas que iamos botar despois.

debe ser a primavera

Vostedes xa viran o cacho de homás que recolleu en Madrid o premio de Martin Pawley? Martin, se por un casual tivese o contacto do rapaz..., lémbrese de min!

25.4.06

colorados igual que un fresón...

E de aquí a un pouco...

primavera súbita

E hoxe...

Só falta un mes e medio para que florezan por toda a cidade os tileiros.

24.4.06

pascua prusiana

Hai exactamente unha semana.

Dima Bilan


Ben, cando dixen que o concursante ruso de Eurovisión non era o meu tipo só vira estas fotos. Despois chegaron as que me mandou Boss e a miña opinión, sen mudar completamente, viuse completamente matizada por outras cuestións.

O mellor deste festival é que a organización e os concursantes cada día parecen comprender mellor cal é o seu público obxectivo. E actúan en consecuencia. Se non, a que vén isto?

23.4.06

Mammoni

Italia, como xa sabiamos, é un país cheo de sorpresas e interesantes valores. Penso que nunca lle vou agradecer o suficiente este post a postscriptum. E para que non lle falte difusión, aí vai o material gráfico...


Elena Risteska

E isto non ten nada que ver co post anterior, pero é que aínda hai quen me pregunta por que penso que Macedonia é o país máis eurovisivo de todos...

Agora é o momento de recoñecelo: realmente foi Revelde quen me descubriu esta grande verdade. E é de novo el quen nos trae as boas novas balcánico-eurovisivas.

chámase obsesión


19.4.06

have a break

Toda a terra falaba unha soa lingua e usaba as mesmas palabras. Ao emigraren os homes desde o oriente, encontráronse nunha chaira, no país de Xinar, e establecéronse alí. Dixéronse uns aos outros: -"Imos facer ladrillos e cocelos no lume". O ladrillo facíalles de pedra e o betume de cemento. E nisto propuxeron: -"Imos construír unha cidade e unha torre, que chegue co cimo ata o ceo, e fagámonos un nome sonado, para non nos perder pola ancha face da terra".
Baixou o Señor para ver a cidade e a torre que os homes construían, e pensou: -"Aquí hai un pobo unido que fala a mesma lingua. Se empeza facendo isto, ninguén podería privalos desde agora de faceren o que se lles veña á cabeza. Baixemos e embarullemos alí mesmo a súa lingua, de xeito que non se entendan uns cos outros.". O Señor espallounos de alí por toda a terra, e deixaron de construír a cidade. A esta chamóuselle Babel, porque alí embarullou o Señor a lingua de todo o mundo. Desde alí espallounos por toda a face da terra.

Em toda a terra, havia sòmente uma língua, e empregavam-se as mesmas palavras. Emigrando do oriente, os homens encontraram uma planície na terra de Sennaar e nela se fixaram. Disseram uns para os outros: "Vamos fazer tijolos, e cozamo-los ao fogo". Utilizaram o tijolo em vez de pedra e o betume serviu-lhes de argamassa. Depois disseram: "Vamos construir uma cidade e uma torre cuja extremidade atinja os céus. Assim, tornar-nos-emos famosos para evitar que nos dispersemos por toda a face da terra".
O Senhor, porém, desceu, a fim de ver a cidade e a torre que os filhos dos homens estavam a edificar. E o Senhor disse: "Eles constituem apenas um povo e falam uma única língua. Se principiaram desta maneira, coisa nenhuma os impedirá, de futuro, de realizarem todos os seus projectos. Vamos, pois, descer e confundir de tal modo a linguagem deles que não se compreendam uns aos outros." E o Senhor dispersou-os para toda a face da terra, e suspenderam a construção da cidade. Por isso, lhe foi dado o nome de Babel, visto ter sido lá que o Senhor confundiu a linguagem de todos os habitantes da terra, e foi também dali que o Senhor os dispersou por toda a terra.

Era entondeces toda la tierra de una lengua y unas mismas palabras. Y acontenció que, como se partieran de oriente, hallaron una vega en la tierra de Sinaar, y asentaron allí. Y dijeron los unos a los otros: Vaya, hagamos ladrillo y cozámoslo con fuego. Y fuéles el ladrillo en lugar de piedra, y el betún en lugar de mezcla. Y dijeron: Vamos, edifiquémonos una ciudad y una torre, cuya cúspide llegue al cielo; y hagámonos un nombre, por si fuéremos esparcidos sobre la faz de la tierra.
Y descendión Jehová para ver la ciudad y la torre que edificaban los hijos de los hombres. Y dijo Jehová: He aquí el pueblo es uno, y todos éstos tienen un lenguaje: y han comenzado a obrar, y nada les retraerá ahora de lo que han pensado hacer. Ahora pues, descendamos, y confundamos allí sus lenguas, para que ninguno entienda el habla de su compañero.
Así los esparció Jehová desde allí sobre la faz de toda la tierra, y dejaron de edificar la ciudad. Por esto fue llamado el nombre de ella Babel porque allí confundió Jehová el lenguaje de toda la tierra, y desde allí los esparció sobre la faz de toda la tierra.
Xénese, 11.

LADRILLO s.m. SEM. 'Peza de barro ou arxila empregada como material de construción'. ETIM. É un empréstito do castelán, tamén adoptado polo portugués, e moi arraigado na lingua corrente. NORM. O VOLG rexístrao como parte integrante do léxico común do galego. Hai quen propón o lusismo *tixolo, que non ten moita razón de ser, pois á súa vez é castelanismo no portugués (do cast. tejuelo) e concorrería co homómino galego tixolo (variante tixelo), que non ten ningunha relación semántica co lusismo, pois designa unha tixola pequena para asar castañas. (...)
Dicionario Galaxia de Usos e Dificultades da Lingua Galega, Ed. Galaxia, 2004.

13.4.06

Lanzarote

Jameos del Agua

Jardín de cactus, papas arrugás, playas del Papagayo, adelfas, Timanfaya, mojo verde, mirador del Río, isla Graciosa, Fundación César Manrique, malvasía, guten Morgen!, baifito frito, Playa Blanca, La Geria, piscina salgada, PlayStation2, gofio dulce, Fuerteaventura, Jameos del Agua.

Perdín todas as fotos dos primeiros días...

9.4.06

walhalla

A miña familia convidárame a pasar a Pascua nun lugar cálido e, malia a pouca marxe de tempo que deixaba a viaxe xa planificada a Macedonia, non dubidei en aceptar, para así pasar ao sol os últimos días das vacacións.

Lanzarote recíbeme coa súa aura de illa especial, planificada con minuciosidade e libre de masificacións. Lonxe da imaxe tópica dunhas Canarias ateigadas das bébedas clases mediobaixas de estirpe xermánica, aquí todos parecemos silenciosos, abstemios e aseados. Tal como se fósemos sacados dun anuncio de automóbiles alemáns, percorremos coma autómatas as coidadas estradas da illa nos mesmos utilitarios do trinque alugados, e procuramos as atraccións turísticas máis instrutivas. Neste sitio non parece haber lugar para borracheiras de cervexa.
A comparación é inevitábel: tan poucas horas despois de voltar dos Balcáns, a perfección impoluta deste lugar parece case fascista.
Eu estouno gozando moito: o paraíso ben merece unha visita.

8.4.06

non ter paraxe

A estas alturas ando por Stuttgart. Como este non é o meu destino de hoxe, arrastro o meu cansazo pola terminal 3 e fago cousas de aeroporto: pago moitísimos cartos por comer, leo todas as letras do xornal, merco Toblerones xigantes, probo perfumes..., e blogo un pouco.

Mentres, na cabeza mestúranse imaxes dos Balcáns, do encontro fugaz e impactante en Berlín cun pope galego de pintura e do paso polo meu apartamento prusiano de dúas grandes artistas galegas, ás que deixo facendo compras de segunda man pola Kastanienallee.

Son demasiadas cousas. Preciso, preciso tempo.

7.4.06

faba na ola

Despois de recibir datos até a extenuación, de despedirnos de Benjamim, de ser raptados por unha mafia croata, de pasar moito sono e algo de fame, onte voltamos a Berlín.

Que nos recibe coma sempre.

E como estes dez días balcánicos foron demasiado e estou necesitando unhas vacacións das vacacións, mañá pola mañá collo outro avión. E penso aproveitar o meu vindeiro destino para facer as auténticas Crónicas Balcánicas.

Próxima paragem...?

3.4.06

kako Struga nema druga (ou algo...)

Escribo desde Skopje, unha das cidades mais deprimentes do mundo, cando acabo de comezar o regreso e na retina ainda tenho a beleza do lago de Ohrid, os cumes nevados de Galicica e a emocion infantil de chegar a fronteira de Albania. Tamen o feismo integral de Tetovo e Gostivar, as luces verdes das torres das mesquitas e as iconas das igrexas ortodoxas. E a alegria de recuperar a minha camara.
Por diante ainda quedan Belgrado, Sarajevo, Mostar e Split. E centos de quilometros en autobus. E milleiros de sorpresas.

2.4.06

don't you F.Y.R.O.M. me: call me by my name

Macedonia. Con certeza, o pais mais eurovisivo de todos.

Dous dias despois de chegar, tras atravesar todos os Balcans a bordo de autobuses estartelados nunha espiral de quilometros infinita, escribo desde a oficina dos voluntarios da Union Europea na cidade de Struga e xa podo dar unha descricion deste lugar en que Benjamim nos acolle.

Isto é coma Suiza, montañas nevadas e lago incluido, pero con mesquitas e plasticos no chan. Podo asegurar que nunca estiven nun sitio tan sorprendente. Despois de me roubaren a camara dixital nova, un ano despois de que me roubasen a anterior no Porto, vexome incapacitado para ilustrar graficamente esta afirmacion, pero nalgun momento ha de haber outros posts.

Polo de agora sigo no film de Kusturica.

28.3.06

o despropósito comezou cando pensei:

-debería mercar un mapa dos Balcáns...

Ao principio todo parecía moi fácil. Mjoão e mais eu iamos visitar a Benjamim en Struga e os voos baratos máis próximos deixábannos en Split. En liña recta non é tan lonxe e o traxecto é precioso, por Dubrovnik e toda a costa adriática de Dalmacia.

Pero claro, a liña recta atravesa precisamente Albania. E a liña aproximadamente recta que evita Albania atravesa Kosovo. E tal como nos avisou un indíxena que coñecemos estes días, mentres debuxaba con xesto teatral un grande X vermello sobre o mapa de Kosovo:

-Isto é un burato negro. O que entra non sae.

E como eu teño cita para depilación á volta e non podo faltar, ao final toca un rodeo de sete estalos: tren Podgorica-Užice-Niš-Skopje, 2000 horas pendurados dos Balcáns e múltiples acentos circunflexos do revés nos erres. Ou algo.

Que non sexa nada. E d'hoxe nun ano.

26.3.06

desxeo

As próximas semanas van ser un frenesí de múltiples viaxes con acompañantes diversos, noites en aeroportos, topónimos de resonancia bélica, visitantes na miña casa sen eu estar e dificultades organizativas innúmeras que tento solucionar ao longo do domingo.

Pola tarde fago un descanso para visitar a casa dos Rheinländer. Acólleme a pracidez dunha tarde familiar de domingo, con café e biscoito de mazá. Os nenos dos veciños andan por alí, e, aliados cos da casa, convéncenme para baixar aos soto e atarme alí cunha corda de cores á unha caixa de botellas de auga. Tortúranme un chisco e despois escapan de alí, mortos coa risa.

Todos concordamos en que hoxe é o primeiro día con temperaturas soportábeis. O outro día dicía unha humorista na tele que estes días comezara a primavera e que ían mudar a hora, fundamentalmente para que puidésemos botar unha hora máis no exterior gozando da neve. Hoxe aínda hai neve polo xardín, pero a choiva destes días xa a foi amolecendo e a cousa vai mellorando aos poucos.

Chegou o desxeo.

aparecidos

En Rio reaparece outra pantasma do pasado. Pero polo menos este non fala: saudámonos, correctos pero distantes, e el comeza a bailotear por alí arredor, arrastrando as cadeas polo chan.

Esta noite Berlín xa comeza a parecer un castelo escocés ou a rodaxe dun filme serie B que leve por título:

ESTADEA
A Santa Compaña nunca vén soa

rio

Acabamos a noite en Rio. O local responde a todos os tópicos. Entras por un patio escuro e no medio encontras un alboio que serve como entrada do local. A fila para entrar é grande e a xente aterece co frío. Un barbichas supercool fai a selección de entrada na porta do alboio.

Todos os grupos de xente que nos preceden na fila son rexeitados por non estar na lista de convidados. Chega a nosa vez.

-Cantos sodes?

-Somos catro.

-Estades na lista de convidados?

Por algunha razón, sen poñernos previamente de acordo, trazamos unha estratexia(?) e pasamos a falarlle en inglés(??).

-Como? Que hai unha lista? Non sei, pero a nosa amiga Laura convidounos para vir e ela está aí dentro.

O tipo da porta, nós e os que veñen detrás de nós, conscientes de que nin hai lista, nin hai Laura, nin hai convite, escenificamos o sainete con precisión. O porteiro é todo un profesional nisto.

-Esperade un momento -besbella con cara de enfastiado, mentres aparta as cortinas da entrada e bota unha ollada para dentro.

-Un, dous, tres, catro, -vólvenos contar, antes de dicir con cara de "os meus xefes vanme matar por isto, estouvos salvando a vida"- veña, pasade.

Pagamos e entramos, mentres fóra continúa a representación.

-Síntoo, se non estades na lista de convidados non podedes pasar.

just making conversation!

O antigo Ackerkeller era un local mítico. Como o seu nome indica, era un soto da Ackerstraße ao que se accedía por un patio escuro e enlamado. Dentro, moitas camisetas frouxas, jeans de tiro baixo, zapatillas rotas e cabeliños á fódase, mesturados con algún look punkarra e os sempiternos rapados. Era xenial.

Polo conto de sempre, supoño -obras de rehabilitación no edificio-, o local pechou. Os que o levaban seguiron facendo festas de prestado no 1º andar do ACUD para que o espírito non morrese, pero hai uns meses abriron un local novo na Bergstraße, moi pertiño do local vello.

Eu aínda non fora desde a reapertura. Entramos. Recoñezo un fulano da barra. Markus é un escritor de novelas gai que fai presentacións das súas novidades nas librarías do gremio de cando en vez. Presentáronmo hai 2000 anos porque -supostamente- era un ex moi recente de Philipp.

Decido achegarme.

-Ola, ti es Markus, non?

-Por suposto que é Markus -responde de inmediato o fulano de camiseta de tiras do outro lado, que se enrosca rapidamente arredor da súa conquista para marcar territorio mentres saca intermitentemente a lingua bífida para identificar mellor o meu cheiro. Aquí tiran a dar.

Markus non me recoñece, como era de esperar.

-Si, home, presentounos Philipp hai bastante tempo.

A súa cara muda axiña da curiosidade ao sorriso retranqueiro.

-Ahá, así que ti es un dos affaires de Philipp?

-Non -míntolle con vehemencia.

-Pois Philipp e mais eu separámonos hai cousa dun ano.

-Ah, non sabía -e tanto que non, eu pensaba que se separaran hai catro-. E el aínda vive na cidade?

-Vive, si. Ou sexa, eu penso que si. E logo...? Seica ti non o sabes...?

-Non, non...

Articulo unha escusa vaga para me despedir. O veleno comeza a invadir o aire e, á fin e ao cabo, eu só pretendía un pouco de small talk.

Quen me mandará socializar?

mexicanos

Vou no S-Bahn, sobre as 23:00h. do sábado. Para integrarse na noite berlinesa, un grupo de acaudalados trintaneiros mexicanos que vai ao meu lado vestiuse co estilo máis desenfadadamente sport que lle permite o seu fondo de armario: americanas negras, polos, pantalóns de pinzas e mocasíns de cor camel. Un deles nin sequera foi quen de desfacerse da gravata.

Descobren que por alí tamén andan outros mexicanos, estes estudantes na cidade. Conversan animadamente.

De súpeto, do outro cabo do vagón chega un axerido. Dous mozos alemáns, cumprindo un reto cos seus amigotes, avanzan a pequenos saltos, cos pantalóns e os calzóns baixados até os xeonllos e as colloadas nun sincopado badalar. Van avisando do seu avance con berros estilo chimpancé. A xente ábrelles camiño e rise ao seu paso. Os mexicanos maqueados estarrecen. Finalmente, os dous mozos voltan onda os seus amigos, que os reciben con vítores e aplausos.

Chegamos á estación de Friedrichstraße. Os dous bandos de mexicanos sepáranse. Mentres os outros van baixando, un dos estudantes despídese desde o seu asento do S-Bahn:

-¡Vayan por la sombra!

24.3.06

faba na ola

Hai un par de meses Davichini escribiume unha mensaxe. Quería facerlle un pouco tunning ao seu carro e decidiu pedirme axuda: hai unha tenda alemá online de pezas para coches que tiña exactamente os faros que quería, pero os traductores de internet non axudaban moito a entender os pormenores, así que acabei por pedirlla eu. A caixa chegou á casa pouco despois de que eu fose para Galiza, así que lla deixaron a unha veciña que ma gardou amabelmente todo este mes. Finalmente recuperada, mañá vai para Perillo, ese lugar.

De todos os xeitos, os inconvenientes que trae a bicoastalidade non me animan a parar n(unh)a casa. Polo que deixa ver o mapa, estamos en plena planificación da vindeira ghatada. A partida está prevista para martes. Quen é o espilido que recoñece primeiro esas fronteiras?

idas e vidas

A verdade é que foi chungo deixar isto en Galiza...

para atopar isto en Berlín.

Pero non teño queixa. En realidade, o primeiro que encontrei ao chegar á casa desde o aeroporto foi isto.

A porta deu só con auga e limpador normal, por certo. Ou sexa, todo marabilloso.

22.3.06

a concorrencia

Efectivamente, Miss White, estannos comparando. Pero o resultado é tan pobre que non o imos comentar.

Só unha cousa. O que si é completamente recomendábel é tomar un xelado un serán de xullo no Kauf Dich glücklich!, na Oderbergerstraße (Sres. de La Voz, que menos que dar un enderezo, ou?).

tonechos

Malia a súa tendencia a seren acubillo para as maledicencias máis vacuas, os foros de Vieiros teñen momentazos.

Por certo, eu tamén digo que coma en Irlanda.

21.3.06

a fama custa

Últimos días en Galiza e lista de encontros con determinados personaxes:

Luís Tosar comendo un bocata no Latino, Santiago, un par de días despois de velo en Noche H.

Boris Izaguirre e consorte paseando ao luar melifluo das Casas Reais, Santiago, días despois de saber que casara.

Luis Piedrahita no avión que nos leva de Alvedro a Barajas, horas despois dese sketch infernal con súa nai dicindo "Ola, son a nai de Lois Pedrafita: que mal fala o galego o meu fillo, vouno ter que mandar a pasar o verán á aldea".

frühling, so früh

Non só é primavera no Corte Inglés. Os galegos son unha xente caracterizada por maldicir seguido o seu clima -non lles quito a razón-, pero iso non lles permite decatarse de que por moito que chova, 15ºC son 15ºC e iso é primavera plena, aquí e en Pequín.

E non saben o duro que é saborear unha primavera tan temperá como a galega, que chega antes de que o marque a astronomía con mimosas, pexegueiros e camelias en flor, e volver á dura realidade da neve e as temperaturas xélidas que me deparou onte o retorno á cidade.

Sigo á espera do desxeo. Algún día ha chegar.