14.7.05

FKK

É realmente excepcional explorar os lagos que rodean Berlín durante o verán. Só con facer unha pequena viaxe de metro pódese acabar na beira dun pequeno paraíso periurbano e gozar de experiencias como nadar baixo un solpor berlinés rodeado de patos. Ou sexa, o que aconteceu antonte no Weissensee.

Nos días en que se ergue un da cama con enerxía deportista tamén se pode coller a bicicleta, atravesar o enorme bosque público de Grunewald e elixir algunhas das pequenas praias de area do Wannsee, especialmente as que están ao norte da Grunewaldturm, como a praia de Kuhhorn (Corno de Vaca). Só que despois de nadar un pouco e secar, dá preguiza pensar nos tres cuartos de hora de bici que leva o retorno.

Incluso, como premio a unha longa camiñada polas beiras máis remotas do Müggelsee, pódese descubrir unha praíña monopraza -ou como moito bipraza, se se trata dun día de paixón amorosa desatada- para esquecerse de que se está no medio dunha metrópole centroeuropea.

En todos estes lagos, igual que nos parques da cidade, hai zonas en que é habitual o nudismo. Mesmo cheguei a pensar que todo isto non ten nada que lle envexar -aínda sendo radicalmente diferente- ás visitas a todas esas praias do verán.

Hoxe mudei de opinión. Arf.

4 comentários:

Cesare disse...

a imaxe monopraza non furrula

Plattdorf disse...

Boh! Pois eu agora mesmo vou liscar da casa, así que non teño tempo de arranxalo. Fica para mañá.

opaco disse...

O certo é que non está mal para estar en Berlin, pero non me compare... ;-)

Plattdorf disse...

Non, o certo é que non.