13.7.05

score

1.1. Hai que ser moi cool para ir comprar algo no Flohmarkt dos domingos á mañá na Boxhagenerplatz. Unha lámpada sesenteira de segunda man rescatada dalgunha casa ex-socialista do barrio, un vinilo raiado cunha portada cargada dun prestixio case secreto, unha camiseta acabada de customizar diante dos teus ollos, un cartaz publicitario ruso dos anos cincuenta, un froiteiro de plástico vermello feito en Ucrania, un xoguete de folladelata..., calquera cousa serve.

1.2. Iso si, aínda é máis cool tomar o sol un domingo pola mañá no prado da Boxhagenerplatz: un lugar onde se xuntan en perfecta harmonía ossis borrachos profesionais, ácratas que baixan das casas okupas da Rigaerstraße e guais-até-morrer que se deitan por alí para ver e ser vistos.

1.3. Moito máis cool, se é posíbel, é estacionar unha furgoneta o domingo á mañá na Boxhagenerplatz, sacar un par de micros, un par de teclados deses que che regalan na primeira comuñón e uns bafles para inmediatamente comezar a ornear diante dun Trabant, poñendo cara de trascendente.

1.3.1. Neste caso, poñerse a mirar e escoitar a actuación con cara de certo interese pero sen aplaudir en ningún momento é tamén bastante cool, aproximadamente ao nivel descrito en 1.2.

1.3.2. No caso de aplaudir un pouco mantendo a seriedade facial, o nivel de coolismo baixa até o nivel 1.1.

1.3.3. Aplaudir con enerxía e acompañar iso con risos e comentarios cos amigos ten como consecuencia ser considerado un turista despistado, perder completamente todos os puntos acumulados e ser expulsado implicitamente do xogo.

2. Ora ben, hai quen está noutro plano. Se andas descalzo un domingo á mañá pola Boxhagenerplatz, cargado de rastas loiras, cuns pantalóns de ir aos panchos e cara de moita felicidade, e de repente saes ao semicírculo formado diante dos músicos para recoller a túa filla espida, que está comezando a tocar os bafles... Aí, amigo, aí si que xa non hai máis para onde ir.

Eu merquei algo, non tomei o sol, non me rin nin aplaudín. Tamén uso pantalóns de ir aos panchos. Supoño que progreso adecuadamente. E moito me divirto, che.

1 comentário:

Anónimo disse...

Eu creo que vou ter que ir visitar iso, porque aquí pola terra creo que, polo de agora, aínda non lle dei visto nada semellante. Ou si... non sei (déixeme que pense)