14.5.07

a propósito de Alhaurín

Hai uns meses estaba eu todo tranquilo no meu despacho dándolle ao teclado. De repente, a miña compañeira de despacho, que é española e debía de estar lendo nese momento algún xornal dixital, espetoume:

-¿Y a ti qué te parece lo de De Juana Chaos?

A miña relación con ela é do máis correcta, superficial e cordial. Non temos practicamente contacto fóra do traballo, pero levámonos ben.

-Pues la verdad es que intento mantenerme todo lo que puedo al margen de esas noticias. No creo que le aporte nada a mi vida, la verdad, así que procuro enterarme lo menos que puedo.

O feito é que lle respondín así porque non quería pegarlle un corte en condicións, tipo "me importa un bledo y te agradecería que me mantengas al margen de la actualidad mediática que te impone Madrid". Calquera das dúas opcións teñen un tanto de esaxeración, supoño, pero iso non é o que vén ao caso. Das dúas preferín a máis contida, correcta, esas cousas. Penso que non funcionou. O silencio do escritorio só se rompeu 20 minutos máis tarde, cando me preguntou:

-¿Quieres más té?


Unha das vantaxes máis de agradecer que ten vivir en Alemaña é non estar baixo o teito de España, dispensando as súas caras. E iso onde se nota a cotío é nos medios de comunicación e na cultura popular que transmiten. Incluso aquí é imposíbel non enteirarse do proceso reprodutivo da familia real, que sae até na tele do metro, pero todo ese barullo que intúo a distancia nos telexornais españois queda aquí reducido a uns poucos e levísimos ecos. Pola mesma, aquí tamén me podo evadir de saber quen está no top das españoladas musicais máis cutres e, asemade, de pensar que Joaquín Sabina é Deus, e Andrés Calamaro e Jorge Drexler os seus apóstolos. Todo iso, aquí, non existe. Xenial, non?

Así que hai uns cantos meses, ou xa case haberá un ano, cando comezaron a arreciar as treboadas de bandeiras españolas nas rúas de Madrid, decidín aproveitar estas vantaxes de xeito máis decidido e ignorar consciente e meticulosamente todas as seccións de "España" dos medios que leo. Dedícome a ler o que me conten de Galiza, e para o demais, uso outras axendas mediáticas, non menos dirixidas, pero moito máis inocuas para o meu fígado.

Evidentemente, é complicado manterse á marxe do que acontece con España, ese gran concepto. Sexa polas hordas de españois que invaden Berlín, sexa por informacións que se acaban coando nas seccións de Galiza, sexa por queridísimos amigos con boa intención que me mandan os últimos chistes publicitarios que arrasan en España (ou sexa, en Santiago, Sarria, Vigo, Lalín, A Coruña, etc.), a un sempre lle acaban chegando cousas. E despois están as reprensións de quen sabe que estou facendo isto: "iso é unha forma de ignorancia coma outra calquera", dinme uns, "o que pasa en España aféctalle de maneira directa ao que pasa en Galiza", dinme outros, "¿quieres más té?", dinme outros.

Eles o que non saben é o tranquilo e feliz que son por ese lado, sen saber canto pesa a última filla de Letizia Ortiz, cantos cidadáns piden a liberación de Isabel Pantoja ou cantos católicos están en contra dos matrimonios entre Pepe e Paco. E si, seguro que todos os que me reprenden teñen (a súa) razón. Pero eu, da mesma maneira que agora non son capaz de deixar de votar pero aspiro, cando sexa vello e sabio, a ser anarquista, polo de agora non son capaz de deixar de ler os xornais, pero aspiro a non perder o tempo con eles e ler cousas máis edificantes.

E por algo hai que ir empezando.

8 comentários:

Cesare disse...

oh, que ben...
pero agora que vostede vai prá terriña xa poderá ler todo o que cómpre da pantoja, de gelo e de juana chaos, esas vítimas.

a corrección sobre laurín non era unha cuestión de presión informativa, senón de friquismo xeográfico de concurso televisivo.

Eu érgome ás mañás, por esa cousa da convivencia, co informativo humorístico de Pablo Motos, en M80. No fondo, as noticias de España son tan importantes como as de Noruega, e tan divertidas. Parece que a vostede españa lle proe algo...

a disse...

moito me gusta

Plattdorf disse...

Cesare, as noticias de España son moi importantes e, en moitos casos, máis divertidas: como mostra, véxase o post anterior.

Pero como o máis probábel é que volva para a Terriña en breve e xa as teña que aguantar practicamente como únicas e indiscutíbeis, pois aproveito mentres podo.

Por iso as evito; proer, próelleme a punta do nabo, querido amigo.

E contésteme aos correos, faga o favor. :-P

Cesare disse...

o máis probábel?
pero aínda hai unha posibilidade de que non volva?
Voulle poñer candeas a santa rita, que nesta vila raquítica temos afortunadamente unha igrexa católica pra facer este tipo de execntricidades...

Turzi disse...

A-TA-RA-XIA. Iso é ao que me gustaría chegar. Canta razón tes... pero eu non cha vou dar.

Plattdorf disse...

Como se lle coñece o influxo helénico, querido amigo...

cansendono disse...

Gustóume moito este post. Suscríboo 100% (algodón). Se se me permite unha veleidade españolaza, a xeito de adxectivo calificativo... eu diría que... bravo, bravísimo e, xa esaxerando, bravérrimo.

antidote disse...

gostei muito deste artigo, retrata algo que comecei a viver a algum tempo: vivo ha 7 anos nao em Berlim mas em Munique (onde infelizmente nao ha o delicioso Maria am Ostbahnhof, onde espero ir em breve) e resolvi sistematicamente fazer o mesmo corte. foi quase perturbador ler este texto :-PPP