31.5.05

na gut

Bah, veña, xa que estes días andan falando por aí de Querelle, este é un blog alemán queer power e non todo o que vén de Baviera é malo, falemos do tema.

Hoxe fanse 60 anos do nacemento de Fassbinder. E di a súa chavea: Houbo épocas en que viviu como gai e outras en que viviu como bisexual. Probabelmente prefería deitarse con homes. Cunha muller éralle moito choio e ademais dáballe medo.

die mächtigste Frau Deutschlands

Aí a teñen. A muller máis poderosa de Alemaña, a nena de Kohl, a Jeanne d'Arc do Leste, a dama de ferro de Alemaña, primeira muller candidata á Chancelaría da República, Angela Merkel. Unha dereitona de coidado nacida en Templin, comarca de Ucker, estado de Brandemburgo. Ou sexa, unha Ossi.

Onte veu Stoiber desde Baviera para proclamala candidata da CDU/CSU. No outono pode ser chanceleresa(?), ou..., como demo se di iso?
Mágoa que non teña blog, que lle preguntabamos.

mach'n ma weita

You probably think that this song is about you

Ja, natürlich!

FANGORIA - Miro la vida pasar
: todo podría ir a peor...

Kette, Kette, Kette...

Cantos filmes teño na casa: glups, non teño.
Último filme que comprei: glups, nunca comprei.
Último filme visto no cinema: glups, non me lembro.
Último filme visto: glups, tampouco.
Cinco filmes entre os meus favoritos: glups!!

superafavor

Cowgirl e mais (m)alicia mandáronme isto hoxe. Xa veremos se me mandan tamén emendas á tradución. Aínda que sexa polos vellos tempos...

Estou completamente a favor de permitir o matrimonio entre católicos. Paréceme unha inxustiza e un erro tentar impedírllelo. O catolicismo non é unha doenza. Os católicos, malia non agradarlle a moita xente e parecer estraños, son persoas normais e deben posuír os mesmos dereitos ca os demais, como se fosen, por exemplo, informáticos ou homosexuais.

Son consciente de que moitos comportamentos e trazos do carácter dos católicos, como a súa actitude case enfermiza ante o sexo, pódennos resultar estraños aos demais. Sei que, ás veces, mesmo se poderían esgrimir argumentos de salubridade pública, como o seu rexeitamento perigoso e deliberado aos preservativos. Tamén sei que moitos dos seus costumes, como a exhibición pública de imaxes de torturados, poden incomodar a algúns.

Mais isto, alén de ser unha imaxe mediática máis ca unha realidade, non é razón para lles impedir o exercicio do matrimonio.

Algúns poderían argumentar que un matrimonio entre católicos non é un matrimonio real, porque para eles é un rito e un precepto relixioso perante o seu deus, no canto dunha unión entre dúas persoas. Tamén, ao estaren condenados gravemente pola Igrexa os fillos fóra do matrimonio, algúns poderían pensar que permitirlles casar aos católicos vai incrementar o número de matrimonios motivados polos “díxome-díxome” ou pola simple busca de sexo (prohibido pola súa relixión fóra do matrimonio), co consecuente aumento da violencia no fogar e das familias desestruturadas. Pero cómpre lembrar que isto non só acontece nas familias católicas e que, dado que non nos podemos meter na cabeza das persoas, non debemos xulgar as súas motivacións.

Por outra banda, dicir que iso non é matrimonio e que debería chamarse doutro xeito non é máis ca unha maneira un tanto ruín de desviar o debate a cuestións semánticas que non veñen ao caso: malia ser entre católicos, un matrimonio é un matrimonio e unha familia é unha familia.

E con esta alusión á familia paso a outro tema candente. Espero que a miña opinión non resulte demasiado radical: tamén estou a favor de lles permitir aos católicos adoptaren fillos.

Algúns hanse escandalizar diante dunha afirmación deste tipo. Poida que algún responda con exclamacións como “católicos adoptando fillos? Eses fillos poderían tornarse católicos!”.

Vexo ese tipo de críticas e respondo: malia ser certo que os fillos de católicos teñen unha probabilidade moito maior de se converter á súa vez en católicos (ao contrario do que acontece na informática ou na homosexualidade, por exemplo), xa argumentei antes que os católicos son persoas coma as demais.

A pesar dos indicios e das opinións dalgúns, non hai probas evidentes de que uns pais católicos estean peor preparados para educar un fillo, nin de que o ambiente relixioso dun fogar católico sexa unha influencia negativa para o neno. Ademais, os tribunais de adopción xulgan cada caso individualmente e o seu labor é precisamente determinar a idoneidade dos pais.

En definitiva, e a pesar das opinións dalgúns sectores, coido que tamén se lles debería permitir aos católicos tanto o matrimonio como a adopción.

Exactamente o mesmo ca aos informáticos e aos homosexuais.

30.5.05

campaña mundial


Estou flipando. Hoxe, un dos meus contactos alemáns mandoume isto por correo-e. E eu non deixo de alucinar coa repercusión internacional que está tendo esta campaña electoral. Arredemo, nin que fose unha campaña dos USA...

29.5.05

o encanto irresistíbel...

Unha vez cada dúas semanas ceo na casa dunha familia burguesa en Berlín. É un matrimonio cun fillo de 12 anos e unha filla de 9. Normalmente concertamos unha cita sobre as seis e media e ás sete xa estamos ceando. Eu fálolles castelán, eles practican; eles falan alemán, eu practico. Son seráns moi agradábeis en que brinco con eles por tratárenme como un südländer prototípico: cando vou cear abren viño abundante, mercan pan branco e poñen panos de mesa de papel.

Os nenos acaban de cear e érguense da mesa antes ca nós, que quedamos falando e bebendo viño. O rapaz vai para a sala e comeza a tocar o piano. Comeza coa música da Pantera Rosa e despois entra en materia con "Para Elisa" e outros exercicios típicos que non sei citar. A nena vai para o seu cuarto. Xa me contou que mañá é un día importante porque son os campionatos federais de atletismo escolar de Alemaña. Ten que correr os 50 metros e lanzar xabalina. Agora anda galistrando polo cuarto e de alí a un pouco berra: "mamai, u-la partitura da "Primavera"?, non a vexo!!!". E a nai: "non sei, búscaa ben que é o máis importante que tes que tocar". Como non aparece, a nai bota unha man e acaba atopando unha partitura que xa fora do irmán máis vello. A nena pon a partitura no atril, colle a frauta e ponse a tocar Vivaldi con soltura abondo. Ficamos un momento escoitándoa e cando a rapariga erra nun par de cousas, a nai colle outra frauta, repara un intre nas follas e comeza a tocar con ela para corrixila.

Chega o pai, hoxe un pouco atrasado por mor do traballo na Universidade. Saúdanos, beixa os nenos e mais a muller e fala coa nena das probas atléticas. "Como lanzas a xabalina?". A nena fai o xesto. "Non, así non, tes que apuntar ben alto, así, ves?, que se non vala espetar no chan diante de ti, entendes?".

Hai uns días explicáballe aquí a unha xente que os Irmandiños eran un dos primeiros pasos do proceso europeo de ascenso ao poder da burguesía, culminado na Revolución Francesa. Pero a nós, que no tempo dos Irmandiños estabamos na modernidade coetánea, a cousa torcéusenos un pouco.

Escenas coma a desa casa nunca deixan de abraiarme, aínda que hai tempo que xa non me estresan. A estas alturas que lle vou facer...? Ademais, á fin e ao cabo,

Sei cantar e sei bailar,
tamén sei pintar o mono;
como son fillo dun pobre
teño que saber de todo.

puro vicio

Levo case tres anos traballando sen contrato, na precariedade laboral máis absoluta. Non cotizo á Seguridade Social, non teño cobertura médica polo meu traballo e non está previsto o que pasaría se eu romper unha perna (meigas fóra). Por se fose pouco, agora mesmo levo desde decembro sen cobrar o meu soldo, que é a única retribución material que teño polo meu labor, pero non por iso abandonei en ningún momento o meu posto nin deixei de traballar. Hai varios meses que me xuran e me perxuran que o pagamento é inminente, pero non dá chegado. A estas alturas, moitos dos meus compañeiros na mesma situación fártanse de telefonar aos responsábeis disto sen que nin sequera lles respondan as chamadas: os seus números de teléfono xa son perfectamente recoñecíbeis.
Agora teño 300 euros na miña conta e mañá ha chegar ao banco a orde de pagamento do alugueiro, 278 €. Tamén ha chegar a factura do teléfono. Sigo comendo todos os días. Imos xa polos números vermellos?


Esta semana varias persoas reenviáronme o texto da folga da CRTVG e tamén vin as curtametraxes de "Hai que botalos". Non busquedes, o texto que reproduzo aí enriba non está nin no mail da tele nin no argumento de ningunha das curtas. Iso é o que me está pasando a min.

Non son masoca. Non quero máis.

vidilla

Entón este non estaba de acordo coa política social do seu partido, non?, e andaba polos programas de televisión rajando seguido, que o Hartz IV é unha merda, que isto non pode ser, e así, non? E a xente do seu partido veña a dicirlle, oes, ti, vai parando de danar a imaxe do partido que xa che vale, eh?, vai calando a boquiña que xa chega, eh?, vai parando, traidor, que che imos á pel, eh?

E daquela vai o partido, perde as eleccións no estado federado de Nordrhein-Westfalen, onde xa levaba gobernando 39 anos (!!!), e o xefe, que é un home de acción, decide que hai que adiantar as eleccións federais. Pero non porque iso o beneficie electoralmente, non, diso nada, porque o Hartz IV aínda non está amortizado. Non, simplemente porque é un home de acción e pensa que hai que facer algo, que non se vai ter o país nunha agonía así até dentro dun ano.

E entón vai o outro, aproveita o río avolto, e lisca do partido, pensando en meterse nalgún outro máis acorde coa súa ideoloxía, en calquera caso máis á esquerda.

Que cousa divertida, che. Cantos anos faltarán para que na nosa casa pasen cousas así? Ou sexa, para que se faga política?

28.5.05

torrefacción II

Concordo plenamente coa Polliejean. Eu non o diría mellor.

parabéns

Luns. Comeza unha semana chea de traballo, stress, decepcións e plans reivindicativos. Malia non ter case un minuto para nada, non me podo resistir a baixar as curtas de "Hai que botalos". Choro con algunha e fico pensativo con outras. Está claro que hai que lle dar os parabéns a quen pasou este traballo con poucos medios e contra moitas circunstancias. Tamén creo que a crítica -espero que saia e pareza construtiva- non debe parar: o lixo sobra. Lixo xa tivemos que aturar abondo todos estes anos, saíndo a eito das bocas máis poderosas do país. Lixo foi o que nos inundou, e é hora de comezar a reciclaxe. O lixo fede, alcatrea, apetrena, sexa o meu, sexa o teu.

Conste que detesto parecer o abandeirado da political correctness. E conste que adorei ver as curtas. Pero non se debe perder a perspectiva: eu xa estaba convencido. E co lixo non se argumenta. Co lixo non se convence a ninguén.

estamos fatal

Para relaxar, Pedro e mais eu decidimos que imos para Kreuzberg, o barrio máis turco. Os 15 km que separan Reinickendorf -o distrito da misión católica- da Oranienstraße son como unha especie de salto ao hiperespazo; cando saímos do metro en Kottbuser Tor teño a sensación de que volvín á realidade desde algún tipo de soño estraño. Turcas con panos na cabeza, curdos culturistas e alemáns do máis trendy forman unha paisaxe moito máis familiar e menos desacougante ca a da Danza das Patelas. Máis para pensar.

Sentamos na terraza do Bateau Ivre, bebemos cha e probamos Rhabarbersaftschorle (zume de ruibarbo con auga con gas). Puntuamos homes, facemos plans e contámonos a vida. Pídolle que me ensine a patinar inline e accede.

Ás oito entramos no Café-Fatal. Todos os domingos, no SO36, ese grande local, ten lugar unha das festas máis horteras e divertidas da cidade. A elas acuden parellas e xente solta -habitualmente gai, pero non só- que durante a primeira hora reciben unha clase comunal de bailes de salón. Despois, horas de música para practicar o aprendido e demostrar o sabido. Os alemáns son moi paveros ao bailar. Ou ben non teñen nin a máis remota idea de levar un ritmo binario ou ben van a unhas clases de standard e latinos, tómano completamente en serio e despois parece que están nun deses concursos ingleses de bailes de salón, con mans arriba, xestos irtios e movementos bruscos e calculados.

Nin Pedro nin eu temos costume de bailar cara atrás, así que nos imos remudando para darlle xeito ao vals, o fox-trot, o bolero ou a salsa. Esmendrellámonos de risa cos nosos compañeiros de pista, batemos contra eles e desconcentrámolos, parodiámolos nas maneiras... En media hora xa nos debe odiar todo o local. Aparece Richard, o seu compañeiro de piso, acompañado dun inglés e un italiano que xa viramos onte nun bar por aí. Disque viven os dous en Florenza e están de visita. Richard xoga ben as súas cartas e acaba levando o italiano. O camareiro segue tendo ese corpo supremo de fibra e óso. Facemos intentos de entrarlle a un negro que chega tarde, pero o fulano so olla para os loiros máis miudiños e decidimos que non estamos no seu público obxectivo...

Todo na cidade se vai volvendo máis e máis cotián.

hai outros mundos...

Os adolescentes do reggaeton dábanlle e dábanlle mentres eu esperaba que aparecesen de novo os bailadores por ver de falar con eles. Nisto, unha das rapazas que vira cinco minutos antes con zapato baixo e media calada, apareceu xa cuns jeans e unha camiseta da selección española de fútbol. ESPAÑA. Debe ter uns vintemoitos e anda toda animada falando coas adolescentes que berran coma tolas a cada "dale" dos cantantes.

Trago. Vou falar con ela:

-Ola, mira, ti es unha das que bailaron, verdade?

Queda mirando para min con cara de non entender, ou de entender e non querer dalo a entender, ou non sei.

-Es galega, non?

-Si, si.

-Ai, é que quería falar convosco por saber que cousas facedes, se vos xuntades para ensaiar e algo máis, ou que.

Ségueme ollando con cara de marciana. Pregúntome se xa nacería aquí e non entende ben.

-Perdoa, entendes o galego?

-Si..., bueno, no lo hablo, pero lo entiendo.

E falar non o falará, pero con esa primeira frase xa lle podo preguntar:

-Ah, es das Rías Baixas, non?

-Si, soy de Villagarcía -por que me fala sen mirarme á cara?

-Ahá... Non, pois iso, que quería saber algo máis do que facedes, e tal, porque levo vivindo aquí tres anos e non sabía que había nada disto; estou moi sorprendido.

-Mira, yo no te puedo decir. Si eso habla con Fulano -sinálame o fulano que bailou con elas-, que es el que nos ensaya y le preguntas.

Acompáñame onda Fulano e preséntame.

-Mira, Fulano, este chico, que quería hablar contigo. Bueno, yo ya os dejo -e lisca.

Vólvolle explicar a miña sorpresa e móstrolle o meu interese por saber o que fan á parte de bailar.

-Non, nós vimos aquí todos os domingos á misa e despois xuntámonos, tomamos café e esas cousas. O baile xa hai ben tempo que non o ensaiamos. Pero mira, eu neste momento non te podo atender, eh?, que xa ves que temos moito que facer -grande acento de Ourense.

-Ahá. Pois..., non sei, se iso podo vir o domingo que vén... A misa que acabará, sobre as doce e media, non? -glups, erro de cálculo, subconsciente traidor, como podo ser tan animal...?

Mírame con certo aire reprobador.

-Non, dura algo máis. Pero téñote que deixar, eh? -e xa se vai para seguir servindo sangría no bochinche.

Decido que xa non podo máis. Co que levo polo de agora teño para pensar durante tres meses, así que paso de tentalo con María. Vexo con Pedro os bailes peruanos, atendo as súas explicacións sobre a costa, os Andes e as danzas negroides e despois liscamos.

É a miña primeira experiencia con emigrantes de toda a vida e estou flipando. Reprodúcese o mesmo tuzarismo de que me falou Fuegho nos seus primeiros encontros en París. Por que esa desconfianza? Por que esa falta de interese? Xuro que non levaba ningunha camiseta con lemas do tipo "I'm famous. Fuck me" nin imaxes obscenas. Até pasei unha camisa a ferro temendo o peor.

Seguramente lle estea dando máis importancia da que ten, pero a cabeza non me para. Creo que non podo seguir vivindo aquí ignorando a existencia desta xente. Debería superar os problemas morais que me causa o embrullo católico de todo iso e esforzarme en aproximarme? Debería relaxarme e asumir que aí non teño nada que facer?

Por que os percibo como habitantes dun universo paralelo?

27.5.05

torrefacción

Levamos acorando toda a semana. Eu si que moro nun país tropical...

murmuraban as miñas veciñas que eu andaba co crego nas viñas

E domingo..., domingo tamén fun á misa.
En Berlín non hai casa de Galiza. Por non haber, case non hai galegos, que xa se pode crer. Cando cheguei faláronme dunha misión católica española en que se reunían algúns emigrantes españois, pero esa sucesión de tres palabras en cursiva conseguiu que me mantivese ben arredado.
Pero despois de saír de Eurovisión e antes de emborracharnos, Pedro díxome que ao outro día había unha actuación dun grupo peruano na misión. E comida. E un grupo folclórico galego.
Heink!?!?!
Domingo. Resaca. 13:00h. Chegamos, observo o nome completo Misión católica de lengua española, rodeamos a igrexa, entramos no xardín e hai dous centos de persoas, fundamentalmente sudamericanos, sentadas en mesas pola herba, comendo e escoitando o merengue que sae dos altofalantes. Dou unha volta e pola parte de atrás da casa vexo unha señora con cara de boa persoa, potaxando diante dunhas paellas con abnegación absoluta mentres o resto da xente se relaxa e goza da festa. Lémbrome de miña nai, miña madriña e outros personaxes polo estilo traballando coma burras na asociación de veciños, na comisión de festas, etc, etc., e non teño dúbidas. Pregúntolle directamente:
-Señora, vostede é galega?
-Son, filliño, son. E trátame de ti que aquí todos somos paisanos.
-É que eu quería falar contigo cun pouco de calma, pero será mellor máis tarde, non?
-Ai, mira, sentade por aí que eu teño que atender a isto.

Estou flipando. En realidade xa a coñezo. Chámase María e vina unha vez nunha reportaxe de emigrantes exitosos e morriñosos do programa da Cacharra. Leva trinta anos vivindo en Berlín. Pedro dime "es Cándida!!!!", e non sei se rir, se chorar.

E de alí a un pouco comeza a actuación do grupo folclórico. Ante a expectación de decenas de peruanos, dominicanos e un italiano que traballa na cantina do meu traballo, aparecen tres mulleres -María entre elas- equipadas con dengues, xustillos, refaixos e cofias e mais un home con faixa verde e pompóns encarnados nas polainas. "Es la moda de los años 70!!", dígolle a Pedro. "Claro, la época en que llegaron a Berlín", contéstame. Primeiro penso que Pedro non entende o que lle quero dicir, pero en realidade ten razón. Toda.

Polos altofalantes comeza a soar un pandeiro e inmediatamente as voces d'A Roda: Fun á taberna do meu compadre, fun polo vento e vin polo aire, ailalalá lalalá... Estou moi perto do colapso. Os peruanos seguen expectantes e a min a cabeza vaime tan rápido que non podo pensar con claridade, así que decido relaxarme e sacar fotos e vídeos co móbil. María baila a muiñeira que dá xenio vela -por usar a terminoloxía propia do ámbito que nos ocupa-, ao contrario do que o meu escepticismo me levara a pensar, e eu flipo pensando que levo tres anos en Berlín e nunca pensei que acabaría explicándolle a Pedro que significa iso de e pousa, pousa, pousa...

Pero a apoteose aínda está por chegar. Dúas pezas despois as mulleres tiran os dengues, descálzanse e abáixanse para recoller a saia por un lado, prendéndoa na cintura. Unha delas senta no chan coas pernas a un lado. "Oye, esa por qué se tira al suelo?", pregunta Pedro. Non pode ser, non pode ser, penso... Pero si, o home reaparece no palco cunhas patelas que lles vai repartindo e a Danza das Patelas florece no seu máximo esplendor kitsch. Sinto un delirio que non podo compartir con ninguén en 700 quilómetros á redonda e trago a frustración facendo máis e máis fotos, esperando que Pedro non pense que toleei.

Acaba a actuación. Recollen rapidamente todo o atrezzo porque xa están esperando para subir os tres adolescentes sudamericanos do grupo amateur de reggaeton. As adolescentes que van con eles ao instituto achéganse nerviosas ao palco para velos mellor e María pasa polo medio delas coa patela na man.

Estou en estado de shock.

Euromisivas

Sábado, por suposto, fun á misa. Combinei con Pedro e, igual ca anos anteriores fun ver a retransmisión fóra da casa, nesta ocasión nun bar que normalmente detesto pola excesiva concentración de Kens por metro cadrado. Pero dalgunha maneira compensou: a infrestrutura montada para a ocasión era correcta, con pantalla xigante, folios fotocopiados en cor cunha foto dos cantantes e o nome das cancións en orde de aparición, petiscos con bandeiriñas de papel e outras conachadas varias. Tamén nos daban unha folliña para apostar quen gañaba xusto antes das votacións. Precisamente gañaron o dono do meu ximnasio e un dos monitores da sala de musculación, que estaban sentados xuntos un pouco por diante de min -debería pensar mal?-.

Cancións máis eurovisivas no peor sentido da palabra:

-Inglaterra
-Romenia
-Moldavia
-Chipre
-por suposto, Suecia. Declárome fan enfervorecido dese fulano. For ever and ever.

Grandes momentos da noite:

-a chaqueta rosa do cantante macedonio. O comentarista alemán incluso se preguntaba en que gasolineira a compraría...
-os bailaríns de Ucrania, Chipre e Grecia. Para o ano esixo que publiquen as fotos dos bailaríns a canda as dos cantantes. Como ía saber que ía gañar Grecia se non vexo quen baila?
-o gaiteiro de Croacia.
-o guitarrista loiro de Rusia.
-os "oohhhhhhhh, que riquiños..." seguidos de grandes gargalladas irónicas de todo o público do bar cada vez que se facía un plano curto das cariñas de miñaxoia-adolescente dos cantantes de Letonia.
-o tutú dos Abba de Bosnia.
-as pingas de testosterona rancia que despedía o batería de Alemaña.
-o aborrecemento supremo das votacións. Iso hai que reformalo: como se vai aturar se agora participan douscentos países máis ca antes?
-os presentadores do resultado das votacións en cada país: as tetas de Portugal, a bebedeira de Inglaterra e en xeral os penteados de todos.
-os comentarios de tipo xeopolítico que ía facendo Pedro con cada votación. 12 puntos de Alemaña para Turquía: claro, todos los emigrantes turcos de Alemania votando como locos. 12 puntos de Dinamarca para Suecia: claro, los vecinos votándose unos a otros. 12 puntos de Letonia para Suíza: claro, todos los emigrantes suízos..., no, todos los vecinos..., no...! Como era...?

Aínda lle falta moito camiño por percorrer a Europa se queremos conseguir un espectáculo só para maricas brancas como a entrega dos Óscars. Bah, en xeral a Europa aínda lle falta moito.

26.5.05

que pode vir calquera!

Arrea, que estrés. Bota un uns cantos días ocupado co traballo e sen poder actualizar -malia os millóns de cousas blogábeis, seino- e cando volve polo blogmillo encóntrase con que o teñen ligado desde un blog que, por unhas cousas ou por outras, han ler moitos da U.
E eu co último post falando de Eurovisión!!!!
:-DDDDDDDD
Glorioso.
Queer power!

20.5.05

Liet

Ben, agora que xa pasou a resaca de Eurovisión, permítome retomar a proposta que fixen o outro día no Renas:

Declaro aberta a campaña de apoios para levar a Davide Salvado como representante galego no Songfestival Liet Ynternasjonaal.

Que trema Gea Escolano! O lobby gai non ten acougo e a loita continúa en todas as frontes.

la Suède, douze points


O bo que ten isto de Eurovisión é non ter que romper a cabeza con que a canción sexa así ou asá. Ou sexa, podémonos pór serios e escoller os cantantes polo que nos pete. Onte non tiven tempo de ver a semifinal e aínda non escoitei absolutamente ningunha canción, pero as fotos xa as vin todas. E velaí vai o meu pronunciamento:
  • Teño que recoñecer que simpáticos, simpáticos, son os moldavos. E tampouco é que estean mal, coidadiño. Ademais, contan co precendente de O-Zone e iso son moitos puntos. Pero, como di o outro, outro día falaremos do tema da normativa.
  • Vaiamos ao miolo do asunto. A grande decisión estivo entre dous concursantes: Constantinos, que leva unha canción co título en galego (non sei a que vén esa ridícula tradución inglesa de Come baby), andoulle bastante perto e ten o meu recoñecemento máis sincero, sen dúbida. A depilación séntavos tan ben...
  • Pero o vencedor, despois de moito cavilar, é Martin. Hirsuto sen complexos, proporciónanos un modelo de éxito social aos osos non asumidos. Ademais, concordo co título de Sveriges mest sexy artist. E por se fose pouco, todo iso é pirola?
Sweden, twelve points!

pre(euro)visións

Eliminados os anteriores, e sen consultalo previamente con el -espero que me lea e non me ha deixar mentir- predigo que Cesare ha escoller a estes, os montenegrinos.
Véntoo.

folgosless

Unha emocionada mensaxe de Cesare hoxe á mañá fíxome pensar que estes eran os concursantes de Letonia en Eurovisión e arrastrou a miña intención de voto irremisibelmente cara ao Báltico. Agora que xa entendín a causa do erro, sigo coa miña selección particular.

Malia todo, debo deixar constancia do meu arfar polo rizos.

Arf.

drag queens


Vaites, non sabía que Rocío Jurado participaba en Eurovisión...
Obrigado ao Renas pola foto.

limbo cibernético

Onde van parar os textos que escribimos no teclado sen reparar que o cursor do procesador de textos non está activo?

E os e-mails que escribimos, borramos e nunca enviamos?

E os posts que facemos, eliminamos e nunca publicamos?

19.5.05

um país tropical


Soñando co ano que vén...

o casoiro

Nunca na vida pensei que faría apoloxía do matrimonio. Pero desta chegoume a hora: todos á Coruña!


Kylie votaría SI. E ti?

17.5.05

in the navy

E os gañadores indiscutíbeis -baixo o meu imparcialísimo punto de vista- do desfile do domingo: os Drunken Sailors. Aínda non descubrín de que exótico lugar proviñan, se do Greenwich Village ou dunha remota illa dalgún dos sete mares, pero tanto ten. Non houbo carroza que lles cuspise.

As razóns da victoria, aquí.

Turquía rules

Unha das cousas máis gloriosas dos veráns berlineses é ver bailar os turcos nas festas da rúa. Sempre que se xuntan acaban poñendo música, colléndose das mans e bailando en rodas, case coma os bretóns pero normalmente con algo máis de ritmo. Adolescentes malotes con roupa de hiphopeiros e adolescentes malotas con panos fluorescentes á cabeza espreitan o avance do baile, vanse unindo á roda aos poucos e acaban engatando de tanto apretarse nas filas.

Todos os veráns aprendo algúns dos pasos e todos os invernos acabo por esquecelos. Pero non hai problema: nunca faltan bailadores que estimulen as miñas ansias de aprender.

E esa camiseta branca; que a rifen!

comeduras de coco e reladuras de limón

No Karneval pode un divertirse, pero tamén pode resultar triste en moitos aspectos. Integración, comunicación, hibridación multicultural? Non: a maioría de alemáns van alí a ver un espectáculo, que é ao que a maioría dos colectivos reduce a súa cultura eses días.
Férveme a cabeza.

Pfingsten

Onte foi Pfingstmontag -ou sexa, 2ª feira de Pentecoste-, que xunto co 1º de maio e o día da Ascensión forma a Festiva Trindade de días feriados da primavera alemá. Este ano cadraron todos tan xuntos que me dá a impresión de estar de ponte desde o mes de abril. Agora até o 3 de outubro -Día da Reunificación- xa non hai máis días festivos que levar á boca.

Todos os anos pola ponte de Pfingsten celébrase en Berlín o Carnaval das Culturas. Son catro días en que se pechan varias rúas e mais un parque de Kreuzberg para facer a segunda Straßenfest da tempada. Varios palcos -o africano, o latino, o eurasiático e o oriental- ofrecen concertos da mañá á noite, as rúas están cheas de postos de comida exótica -o ano pasado chegamos a atopar sardiñas asadas no medio dunha grella chea de salchichas-, roupa exótica e artesanato exótico. Polo medio, na herba e no asfalto, a xente amoréase, fuma, olla, bebe, come, toca música e baila.

Domingo de Pentecoste faise o desfile do Karneval: un cento de colectivos da cidade, fundamentalmente de estranxeiros, marcha durante seis horas entre Hermannplatz e a Yorckstraße mostrando como pode o mellor dos seus costumes, da súa música, etc. No Karneval, e especialmente no desfile, arrasan os brasileiros: batucada, capoeira, samba e caipirinha é o léxico portugués básico que calquera alemán medio pode tirar dunha breve visita á festa. Pero no desfile hai de todo: carrozas coma a de Trinidad e Tobago mestúranse coas dos Hare Krishnas, as da asociación de prostitutas ou as dos organizadores de festas Goa.

15.5.05

nihil novi sub sole

Martes pasado levoume tanto tempo voar de Cracovia a Berlín como despois chegar do aeroporto á miña casa.

O Concilio de París acabou. Como se fose cousa de encantamento, hai dez minutos chegaron simultaneamente un SMS desde Lavacolla e unha mensaxe de correo-e desde o quai de Valmy.

Os cronistas falaron e coincidiron.

13.5.05

extra omnes


A tal hora, os movementos ecuménicos do Concilio de París deben estar acabando co Cisma de Occidente, tamén coñecido como o Divorcio da Borrachísima Trindade. Quen me dera ter un buratiño para mirar dentro de certa casa do quai de Valmy e comprender mellor o meu propio pasado.

En fin... Confiemos no labor dos cronistas.

visitas

As casas dos colegas, esparexidas por Europa e polo mundo, forman unha mesta rede de pousadas alternativas que, xunto con Easyjet, moitas alegrías nos dan. Mentres A Bella Vasques e Shanka ficaban na miña casa en Berlín, eu xuntábame con Fuegho na de Caeira, en Varsovia. Martes á tarde, Fuegho foise de volta a París porque o xoves chegáballe (m)alicia, e hoxe mesmo debe andar Prisciliana de camiño a Polonia.

Onte á noite falaba con Liverpool de ir pasar unha fin de semana á illa, e xa teño solicitudes para ocupar o meu rocho prusiano en xuño e en xullo.

Haise que espilir. A lista de espera non espera.

tendencias

Locais recomendados: Le Madame, Varsovia. Kitsch, Cracovia. Os dous nese estilo Wohnzimmerbar tan berlinés que a Galiza aínda está chegando en contados e non ben conseguidos casos.

Como mola irse de guai.

do opio á drogha no colacao

Malia soar bastante tópico, cando visito algunha cidade europea descoñecida tento sempre ver as igrexas. Os edificios relixiosos son unha boa maneira de tomar contacto e comprender mellor a rexión histórica en que estás cando a cidade actual non che deixa ver o contorno nin o trasfondo. Materiais de construción, estilos arquitectónicos e artísticos...; hai miles de detalles que axudan a situarse mellor. En Polonia, por exemplo, sorprendeume ver un gótico moi distinto ao que nós coñecemos e moi similar ao prusiano, con esas igrexas de tixolo, ou a intensa policromía das paredes interiores.

Pero a sorpresa maior non foi esa. A sorpresa de verdade foi descubrir que Polonia é un país católico. E ninguén se ría, non fun descubrir América ningunha: xa sabía que os polacos eran os católicos do nordeste, illados entre protestantes e ortodoxos, etc. Pero é que cando digo que Polonia é un país católico non quero dicir catoliquiño coma os clásicos meridionais: Italia, Portugal, Euskadi... Non.

En Polonia o catolicismo converteuse nun elemento fundamental da identidade nacional e un símbolo da resistencia antistalinista. En Polonia os adolescentes que comezan a namorar quedan aos domingos para ir á misa xuntos (!). En Polonia vense as igrexas cheas de xente a calquera hora e nas misas están os neo-rastas, os fumadores de haxix e os estudantes universitarios (!!). En Polonia vin por primeira vez na miña vida catro persoas duns vinte anos esperando para confesar, un martes calquera ás once da mañá (!!!). En Polonia hai xente nova que flipa con que Caeira non vaia á misa e dille que é unha mágoa que non teña fe, unha auténtica mágoa... (!!!!). Confeso que me cheguei a sentir escandalizado por semellante demostración de fanatismo.


O pequeno aeroporto de Cracovia leva o nome de Xoán Paulo II. E na sala de facturación, canda os indicadores do restaurante e das tendas de souvenirs, está o da capela.

Parece que a Igrexa polaca ten as chaves do aborto e as do armario ben gardadiñas, e que incluso se prohibiu a manifa do orgullo do ano pasado en Varsovia. Os mariberlineses máis concienciados andan dicindo agora que os que estean fartos dun orgullo berlinés carente de sentido reivindicativo só teñen que ir aló este ano.

E haberá que ir? Agora que xa sei de onde sae o tren...

Cracow heat

Despois de tres noites en Varsovia, luns á mañá erguémonos Fuegho e mais eu ás 05:30h para coller o tren que levaba a Cracovia. Chegamos tres horas despois, deixamos as cousas no cuarto do hostal e veña a dar voltas.

Ao pouco tempo sentinme cansado. Botei maldicións espesas contra min mesmo por levar tanto tempo sen ir ao ximnasio e estar feito un sedentario enfermizo.

De alí a un pouco pesábame o corpo e doíame a cabeza. Decidín que aquilo era debilidade e fomos comer algo ao mleczny máis próximo.

Ao saírmos tronzábanseme as pernas, pero aínda subín ao castelo de Wawel pensando que todo isto era a idade e que hai que ir asumindo que xa non teño 17 anos.

Ás 17:00h fun para o hostal porque a febre xa non me deixaba estar en pé. E alí fiquei, radiando coma un calefactor, toda a tarde e toda a noite. Fuegho tróuxome provisións de líquidos, encharqueime, durmín seguido e á mañá seguinte estaba coma un buxo.

Botei contas. Venres, 29 de abril, foi a segunda sesión da Galiciale. E desde entón, nesa semana e media, estiven durmindo unha media de catro horas diarias, fose polo ocio, fose polo negocio.

O que teño que asumir é que hai que durmir.

encherolas

Mercé ao feito de sermos visitantes de Caeira, e non simples turistas, Fuegho e mais eu tivemos a sorte de descubrir os mleczny -algo así como "bar de leite"-, antigos comedores comunistas abertos para garantirlle unha alimentación básica a toda a poboación. Ao comezo ofrecían fundamentalmente pratos elaborados a base de produtos lácteos e hoxe seguen funcionando cuns prezos radicalmente baixos. O menú é algo máis amplo ca antes, así que coa axuda de Caeira fomos probando primeiro sopas de tomate, de fariña fermentada -deliciosa-, de remolacha, de cogombros, e despois bigos -repolo fermentado con carne-, pierogi -moi parecidos aos pelmeni rusos, unha especie de ravioli enormes con recheos diversos- e outras delicias polo estilo.

Caeira falounos tamén dunha sopa que se servía dentro dun bolo de pan, un molete pequeno. Mentres estivemos con ela non a probamos, pero dous días despois acabáronma servindo -sen que eu tivese moi claro o que pedira- na miña despedida do aeroporto de Cracovia.

11.5.05

lingüística comparada de a patacón (aka das silveiras)


A Pontiña?

A estas alturas xa estiven catro veces na República Checa, tres delas en Praga. Evidentemente non por iso falo checo, pero desde os primeiros quilómetros en Polonia, a proximidade entre as linguas eslavas foise facendo máis e máis patente.

Salvando algún caso en que o alemán resultou ser máis útil ca o inglés para a comunicación, coa axuda dalgunhas indicacións da Caeira puidemos irnos introducindo nos rudimentos da lingua autóctona para acabar dicindo bo día, grazas, si e non con grande solvencia desde o primeiro momento. E pouco a pouco, as coincidencias co checo e o ruso foron abrindo as cartas dos restaurantes, ata que o café, o leite -quen non ou/viu algunha vez Moloko?-, a cervexa, o viño, as receitas polacas antigas, todo tipo de sopas e as indicacións dos centros históricos non tiveron segredos para nós.

Ah, e nasdrowje! Fundamental.

ferrocarrilando

Ao final, a viaxe en tren de Berlín a Varsovia non foi tan dura como pensaba, sobre todo porque o das tres horas tirado en Frankfurt an der Oder resultaron ser unha falsa alarma. En calquera caso xa podo dicir que pasei a fronteira esa, a de Wagner e Allen e todo iso, e que sei o que é ir escoitando falar polaco tres horas non-stop: un rapaz e unha rapaza que viaxaron no meu compartimento entre Frankfurt-Oder e Poznan, tres horas de tren rexional con parada en todas as aldeas. Ao comezo pensei que quizais saruman fose casualmente unha palabra polaca, pero cando apareceron Smeagol e os Hobbits entretívenme tentando seguir a conversa.

Á chegada a Varsovia, Josep, Zé, Sabine, Caeira e Fuegho -acabadiña de chegar desde París- conformaban a comitiva de recepción. A primeira visión da cidade, xusto ao saír de Warszawa Centralna, foi a única imaxe que tiña do lugar: o agasallo de Stalin, que uns queren conservar e outros derrubar. A seguinte visión, a enchenta.

8.5.05

Warszawa

Varsovia acabou tendo unha zona vella -reconstruída completamente nos anos cincuenta- pequerrecha pero ben máis bonita do que os múltiples comentarios que tiña ouvido permitían imaxinar.
O resto da cidade non fai máis ca confirmarme a impresión que fun elaborando ao longo destes últimos anos: é incríbel o parecido que teñen todas as cidades da Europa do leste entre sí. Tanto na arquitectura socialista que as foi conformando ao longo dos anos 50, 60 e 70 como no lento e desequilibrante proceso de restauración e aggiornamento ao capitalismo que están a sufrir nos últimos tempos. Bratislava, Ljubljana, Budapest, Varsovia ou Praga: salvando algunhas particularidades, éche todo coma estar na casa.

6.5.05

gallegadas

Xenial...
Acabo de perder o tren por non reparar ben no billete e ver que a partida non era desde a estación de Zoologischer Garten senón desde Ostbahnhof.
Manda carallo, fai falta ser nécora...!
Aínda ben que a perda económica non foi moita. Agora, o que ía ser unha cómoda e aséptica viaxe directa Berlín-Varsovia vaise converter nun interesante periplo dun fato de horas en trens rexionais brandemburgueses e polacos. Un dos transbordos déixame tirado tres horas en Frankfurt an der Oder, o epítome da diversión na fronteira xermano-polaca. Hurra...
Saio dentro de media hora. Vou para alá e xa non me movo até que sexa para sentar no tren.

galegadas

E hoxe, malia que teño visita na casa até o domingo, eu lisco. Dentro dunha hora pillo un tren. E os vindeiros días estas crónicas non han ser prusianas, senón galizianas.

Non rompan a cabeza. Vou a Polonia.

máis ca amor, frenesí

Todos estes últimos días foron unha vertixe de idas, vidas, entradas e saídas. Desde o mesmo venres, tras a segunda sesión da Galiciale, as visitas e os amigos leváronme a unha actividade frenética, fundamentalmente dirixida ao lacer. Non me queixo:
Venres noite: no Roses con punkies dos de toda a vida, no Schwuz co refugallo dos mariadolescentes trascendentes.
Sábado: no Pfefferberg escoitando as tres semanas chipriotas de Paola, no Sage Club asisitindo por primeira vez na miña vida a unha -gloriosa- sesión de Phats&Small (!!!!!); no Moskau co refugallo dos maricool máis enfarlopados; en Die Busche..., en Die Busche.
Domingo: todo o día en Kreuzberg nas historias do 1º de maio, miniconcertos de reggae, ska, punk, house e hip hop, carreiras -doutros- diante da poli, frango grelhado tirados na herba. Finalmente, fin de festa gloriosa vendo videoclips españois dos oitenta e noventa -desde Radio Futura a Miguel Bosé pasando por Sabrina mostrando a teta- na de Paola, Rafa e Amaya. Grande resaca.
Luns: cea discreta no Schwarzes Café.
Martes: último día de Pelagius na cidade. Decidimos que dorme na miña casa pero non chegamos até as cinco da mañá: hai festa do Ackerkeller no Acud e compartimos sensación de almas perdidas cos mariesquerdosos que saen aos martes.
Mércores: vaise Pelagius e podo durmir un pouco.
Xoves: igual ca en Santiago, a Ascensión é feriado en Berlín. Chegan novas visitas á miña casa: A Bella Vasques e Schanka son moi riquiños e tráenme provisións de todo canto é galego. Non faltan os chourizos, o queixo de San Simón, as algas en conserva nin o licor café do Mosquito (en botella de Martini!!!!). Á medianoite abandónoos porque quedei con Pedro en ir ao Kinzo Club; este xoves hai Chantal's House of Shame e tocan os Glamour to kill. Estamos tan adiante que lles podemos cuspir ou tirarlles do pelo, pero preferimos reparar nos especimes que nos rodean. Un brasileiro -Ánderson ou Émerson, había demasiado ruído- pregúntame de onde son e ante a resposta fica uns segundos calado, dubidando. Estou a punto de explicarlle o concepto cando me di: você sabe? O número um das piadas no Brasil são as de portugueses. E o número dois são as de galegos!

Grandes risas.

4.5.05

ach du Scheisse!

Ao vermos isto pola rúa houbémonos esmendrellar coa risa.

Maifest

Tradicionalmente, o 1º de maio en Kreuzberg é un día de caos. A xente vai ás manifas e a partir das oito da tarde comezan coa queima de coches, a rotura de vidros e as carreiras diante dos antidisturbios. Sistemática e organizadamente. Pero este ano, polo visto, a cousa foi moito a menos: xa dixeron que foi o primeiro de maio máis tranquilo dos últimos vinte anos.

Polo demais estes días son sempre especiais na cidade. Todo comeza a noite do 30 de abril, Walpurgisnacht, a noite das bruxas. Pola rúa hai concertos, comida e xente a moreas no que constitúe a primera Straßenfest -festa popular na rúa- da tempada -máis adiante chegan o Orgullo, a Fête de la Musique, outros anos a Love Parade...-. Normalmente, a xente que está nos concertos do Mauerpark -este ano na Boxhagener Platz- vaise enchendo de cervexa e celebra un bonito ritual de enfrontamento verbal cos antidisturbios, que xa están chegando de toda Alemaña para actuar o día seguinte nas manifas de Kreuzberg. É algo así como unha performance: sobre as dez da noite algúns adolescentes-pequenoburgueses-aparentemente-renegados lanzan unhas poucas latas de cervexa, os polis póñense en formación e despois pasan unha horiña ou dúas de regueifa, enfrontados en dous bandos que non chegan a caer na violencia física desatada pero que tampouco deixan de mostrar pequenas hostilidades. Os flashes iluminan a performance continuamente até que a xente se vai fartando e o asunto vai esmorecendo, con pequenos repuntes de tensión cando levan algún detido.

Ao outro día a festa xa comeza relativamente cedo, e todo o distrito 36 de Kreuzberg énchese de xente con propósitos ben diversos. Na Mariannenplatz, sobre a herba, miles de persoas escoitan a música turco-punk dun dos palcos e comen o que ofrecen os postos que hai pola zona. Polo medio, algúns postos con bandeiras do Curdistán poñen música a todo dar e os curdos comezan cos seus bailes preciosos, en filas longas de xente dada da man. Onda a fonte dos bombeiros, outro palco con música turco-pop e en cada rúa da zona, especialmente na Oranienstraße, moitos outros palcos pequenos e bares improvisados que ofrecen diversidade e diversión.

E despois, cara ás sete ou as oito, os antidisturbios vanse despregando pola zona, as cámaras prepáranse, a xente quéntase e comeza a ruada. E árdelle o eixo.

desagravio

E finalmente, parece que a segunda sesión da Galiciale foi a boa. Os berlineses volveron encher a sala, Álex Sampayo e Blanca Cendán responderon amabelmente as preguntas do público, a nosa intérprete volveu dar sinais de grande profesionalidade e os meus amigos levaron unha imaxe xeitosa do asunto, aínda que moitos pensaban se en Galiza só habería unha única actriz.

Espero que isto se repita: xa temos algúns vimbios e quen fai un cesto, fai un cento.

3.5.05

o atraso ... da Galiza










Seica o final de Goebbels non era o día 1 de maio?










P.S.: por favor, que paren con isto. A estas alturas xa non me ten graza ningunha, pero comprenderán que non poida resistirme...

post para os vellos amigos










Alfa-omega-alfa ou como confirmar o eterno retorno.

2.5.05

acción diplomática


Tendo en conta a preocupación mostrada por algúns comentadores no referido á intervención das potencias europeas, aquí estamos comezando cos primeiros contactos diplomáticos.
Espero que sexan frutíferos.

eu xa o sabía!

...son néboa, sombra, po, son vento e fume.