21.4.05

fuck parade

Disque este ano definitivamente xa non hai Love Parade por falta de patrocinadores, así que parece que tiven o privilexio de asistir á derradeira edición. En realidade xa non houbo o ano pasado, pero no seu lugar houbo unha manifa de 7.500 persoas protestando ao seu xeito-ou sexa, facendo unha miniLoveParade- para que o evento non desaparecese.

A cuestión está en que a festa realizouse desde o ano 1989 como unha manifestación de índole política, ou polo menos así era rexistrada na policía. Iso significaba que moitos dos gastos recaían nas arcas públicas, e con isto falo da recollida de lixo e reparación dos estragos que provocaban máis dun millón de persoas -no Tiergarten e por toda a cidade- durante unha fin de semana. En 2001, unha reforma lexislativa supuxo que a Love Parade tivese que rexistrarse como un evento festivo normal, e a partir de aí os problemas foron a máis. Até hoxe.

Os organizadores din que van tentar organizala para o ano, aproveitando o Mundial. A min tanto me ten, pero penso que non vou botar moito en falta a meirande pailarocada de Berlín, que consiste fundamentalmente nunha enorme masa de adolescentes polacos vestidos de peluxe fucsia fluorescente empreándose con latas da edición especial de Warsteiner.

Para iso xa o está o CSD.

cruautés innocentes



Hoxe á mañá atopei un agasallo de Toulouse no correo-e. Como sabe que sufro pouco os embates da primavera, mándame unha foto de Nosfell, un dos cantantes que puido fotografar no Garorock. E eu aquí comendo as uñas, claro. Sobre todo se combino esta foto con outra das que Toulouse ten no blog.

Querida, polo seu propio ben -non me atrevo a dicir polo da humanidade, non vaia ser que me malinterprete-, deixe ese choio e dedíquese á fotografía. Xa.

20.4.05

was habemus wir?

Hoxe teñen unha festa armada na radio. Ráfagas que din "habemus Radio Multikulti", presentadoras que din "hoxe connosco habemus un convidado" (grandes risos no estudio), e así toda a mañá.
Escoiten, escoiten.

17.4.05

Galiciale


Non sei para que me mato a convidalos se total nunca me veñen... En fin, que se me queren visitar, xa saben onde ando.
Deseño by Pánchez.

costumismo

Seguimos con temperaturas tropicais. Aproveitando que a festa de onte non foi grande cousa érgome relativamente cedo e pillo a bici para dar unha volta polo Tiergarten, o grande parque central da cidade. Os rododendros aínda non teñen flor, pero xa hai un certo ambiente estival: algunhas familias turcas están facendo churrascadas, ducias de nenos tíranlles pan aos parrulos nas lagoas, milleiros de persoas ocupan os carreiros a pé ou en bicicleta.

Incluso a plena luz do sol, na Ponte dos Leóns hai un par de fulanos tentando engatar e polos arredores vense numerosas mostras da actividade nocturna. As pradeiras que se abren nos claros do parque xa están cheas de xente tomando o sol, moita -como é habitual- facendo nudismo. En pleno verán a maioría da xente vai tomar o sol aos lagos que circundan a cidade, pero nestes primeiros días de raxeira, en que un non ten claro se xa se vai poder espir ou non, ter no centro os prados do Tiergarten é unha vantaxe.

Á volta fago unha parada na feira da quincalla, a pé da Porta de Charlottenburg. Está todo ateigado de xente, pero dou unha volta completa. Non reparo moito nas culleres de alpaca, nas vaixelas estaladas nin nas chaves enferruxadas, pero aínda penso se mercar uns Astérix en alemán de segunda man. Nos postos de numismática hai caixas desordenadas de moedas soviéticas, pero as estrelas son os euros portugueses, irlandeses e fineses: o céntimo finés vaille a un euro, señora.

Finalmente decídome polos discos. Behaviour, dos PSB, que é frouxiño pero está ben barato. E a sorpresa: Hotel, de Moby. Non entendo como é que está xa á venda no Flohmarkt, pero non o dubido: é a compra do día.

A comeeeer.

cúbranse!



Esta época do ano sempre é especialmente dura: coa suba das temperaturas o radar non ten paraxe.

Acabo de cruzarme pola rúa cun debuxo de Tom de Finlandia. E agora pregúntome se existirá o mercado negro de bromuro: ter un garrafón na casa sempre fai servizo.

15.4.05

durmir de pé








"Importancia hidrográfica"????
Pero de que falan? Do río de Monelos?

mundo ao revés

15:30h.
11ºC na Coruña, 8ºC en Vigo, neve no Cebreiro...
Estou en manga curta e non entendo ren.

13.4.05

fin dunha era

Na época da DDR a xente evitaba vivir perto do Muro porque disque resultaba deprimente, de maneira que as zonas máis próximas á fronteira fóronse convertendo en periferias marxinais de cada un dos lados da cidade. Como resultado da Wende, esas mesmas zonas volveron ser o que foran nun comezo, o centro mesmo da urbe, e a especulación feroz sobre elas non tardou nada en comezar. Así foi como reapareceu Potsdamer Platz, antes da guerra a praza con máis tránsito de Europa e durante moitos anos simple terra de ninguén dedicada a franxa de seguridade do Muro, un descampado desolador no medio e medio de Berlín.

Nos primeiros anos noventa, os movementos okupas e milleiros de Wessis aproveitaron a miríada de naves industriais abandonadas e edificios en semirruína de Berlín Leste para estabeleceren as súas vidas ou os seus negocios por un prezo ridiculamente baixo ou inexistente. Tanto para os primeiros como para os segundos a situación foi mudando bastante nos últimos tempos: despois de anos de loitas na rúa e pintadas de wir bleiben ("nós ficamos"), a maioría de casas okupas foron desaparecendo ou adaptándose mal que ben ao sistema. Por outro lado, a restauración e a consecuente revalorización de moitas zonas orientais provocou primeiro a expulsión de inquilinos para acometer as obras e despois unha suba considerábel nos prezos das vivendas e locais comerciais.

Ostgut, un dos clubs berlineses de referencia, que se establecera daquela nas naves da zona industrial de Ostbahnhof, pechou ao pouco de eu chegar porque a marea de rehabilitación xa chegara á súa zona. Estivo pechado durante perto de dous anos e este inverno reabriu co nome de Berghain non moi lonxe da situación orixinal.

Agora é a vez de Tresor. Foi o primeiro club que visitei en Berlín, xa antes de vivir aquí, aquel decembro que vin de viaxe con Fuegho, UAB, Carballido e Nívea. Era e é unha referencia importante para os turistas (non, hoxe non podo, que esta semana teño uns amigos na casa e hoxe toca Tresor, xa sabes...) máis ca para os indíxenas; o feito é que poucas veces volvín. Coma todos os clubs in, nada de luxos: entrada por un pendello e baixada a un soto con paredes de tixolos gastados e chan de cemento coas botellas de cervexa baleiras amoreadas polos recantos. Pero este templo da electrónica está en Leipziger Platz, unha das prazas xeométricas que se deseñaran para o Berlín do século XVIII, desaparecida coa Guerra e en pleno proceso de reconstrucción agora que a veciña Potsdamer Pl. xa está rematada.

Sábado é a última sesión de Tresor. Esta semana abren todos os días e a partir de aí, mentres procuran sitio, van estar de hóspedes aos mércores en Maria am Ostbahnhof, outro grande clásico. Até que lle toque a Maria, supoño.

k(l)eine Wohnungen?


Entéirome por María da proposta da ministra de Vivenda de España e resúltame pavero ver as reaccións da xente.

Hai dous anos e medio que vivo no simulador de elmundo.es; oficialmente son 27 metros cadrados que non sei se inclúen o balcón. A miña cama é unha típica e grande Hochbett alemá, así que durmo a dous metros sobre o nivel do chan e por baixo podo estender a roupa no inverno, ter un sofá cama de dúas prazas e mais unha mesa baixa con rodas. No baño teño unha lavadora e mais unha bañeira, e no balcón podo almorzar nas mañás de verán ou organizar unha cea pequena.

A casa é quente e extremadamente luminosa, céntrica e ben comunicada. Os raros días en que se me dá por limpar, acabo en dous segundos.

A única razón pola que podo pensar en deixala? Acabar con esta soidade. Máis nada.

12.4.05

acólitos e sacristáns

E vaite Paaacooo, e vaite xaaaaa, ti ere-lo cancro do BeeeeNeeeGaaaaaaaaa

Hahahaha!! E il en que caste de reunións na intimidade se botarán estas repichocas? Sodes ben paveros, ho, abofé.

11.4.05

fíos invisíbeis

Mes de xaneiro. Agardando pola U2 en Alex para subir a Eberswalder Straße, reparo nos graffiti. Hai un que me chama moito a atención.
Unha semana despois, mesmo lugar. Por riba do graffiti alguén puxo a silueta da obra máis coñecida de Robert Capa. Tírolle unhas fotos coa cámara.
Mes de abril. Estou con (m)alicia ás dúas da mañá na de Cesare e reparo nunha das fotos da parede. Móstrolles o graffiti de Alexanderplatz, xa gardado no laptop.
Onte. Vou ao Martin Gropius Bau para ver a exposición de Kubrick e descubro que tamén hai unha de Capa. Decido entrar nas dúas: vexo esa e outras moitas.
Volvo para a casa. Baixo na miña estación e descubro -por primeira vez en máis de dous anos!!- que a foto está entre as imaxes tétricas da parede.
Hoxe. Isto teño que o botar fóra.

maribolheras precárias






Alguén foi ver isto? Algunha crónica do acontecido? Estou tan intrigado...

Galiza Express


Mañá en Berlín. Están todos vostedes convidados.

e falando de todo un pouco...

(con perdón polo momento humor negro do título)


A miña actividade cultureta de domingo á tarde vai dedicada a Ascárida (que -quizais, só quizais- nos estará lendo); ela ha saber por que.

Buah neno, igual no lo flipas: estiven dentro de Hal!!

o mal non acouga

Eu non sei o que acontece, se é que estamos en pleno cambio de ciclo do calendario maia ou se é que a lúa chea anda máis arrabeada ca nunca. Pero o certo é que neste último ano -e especialmente nas últimas semanas- estou asistindo ao final dun fato de relacións de parella longas e aparentemente resistentes; unha marea de rupturas á que non lle atopo explicación.

A Providencia é tremendamente sabia. Dado que hai poucas cousas peores ca as síndromes de abstinencia, hoxe á mañá agasalloume cunha chamada teléfónica que me proporcionou unha horiña cumprida de psicodrama graúdo. Unha parella que eu sempre considerara un dos piares fundamentais da civilización occidental comunicábame o esfarelamento da súa relación xusto no momento máis inoportuno, cando por circuntastacias variadas non se van poder separar fisicamente un do outro durante dous longos meses. Hoxe o psicodrama viaxou polas liñas telefónicas de media Europa desde estes confíns prusianos ás estribacións dos Pireneos, da ribeira das Illas Británicas á beira do Sena. E para todos a desolación é a mesma.

Como era, Dot? As canções que você fez pra mim?: Don't know what you want but I can't give it any more

9.4.05

19:45h


Chegamos a Schönefeld. MJoão di nunha mensaxe que non lle dá tempo a vir ao aeroporto e Emdicamor vai para a súa casa nunha liña distinta, así que vou eu só unha hora e pico no metro. Xa non hai estrañamento ningún: todo é coñecido, completamente familiar e cotián.


Xusto ao saír da miña estación, chega un SMS de Cesare. Comeza querendo facer de adiviño, acertando bastante -mntrs ti stas desesperado por non ntrarll ao macizo de alvdro-, e continúa lembrándome que hoxe viaxamos os dous ao mesmo tempo en dirección a Madrid, só que cuns 5.000 pés de diferenza vertical: Loliña debe botar fume.

Toda esta melancolía soluciónase ao subir as escaleiras. Na miña porta, á vista de toda a xente, MJoão deixou unha foto fantástica do noso entroido berlinés e mais un agasallo de aniversario en forma de cinto multicor. E mentres me preparo para tirar unha foto do conxunto, ela mesma abre a porta desde dentro.

Tou na casa.

16:15h


Paso un par de horas en Barajas fundamentalmente falando por teléfono, chutándome a dose diaria de psicodrama. Cando finalmente é hora de embarcar, atopo na fila a Emdicamor, unha compañeira de traballo catalá que vive en Berlín dedicándose a asuntos aínda máis marabillosos e inexplicábeis ca os meus.

Adopta a súa clásica postura catalá de afabilidade distante e pregúntame lindezas como se a miña familia se dedica ao meu mesmo ámbito profesional. Ela vén de pasar catro días de actividade laboral en Madrid e no avión vaime contando o que fixo no tempo que eu lle dediquei ao psicodrama en Galiza: dúas semanas en Sofía traballando de oito da mañá a once da noite, tres semanas en Berlín traballando de nove da mañá a sete da tarde e uns días en Cataluña decidindo o que facer da súa vida. E disque isto último foi o máis fácil de todo.

Son incapaz de toda eficiencia.

11:15h


Paso o control de metais de Alvedro sen problemas e subo á sala de espera. E alí está, o primeiro fulano do día de quen non podo afastar a ollada. Post-adolescente, ten o cabelo cortado coma o meu e fitámonos repetidamente durante os minutos que faltan até embarcarmos. Mándolle unha mensaxe a Cesare para comunicarllo e para despedirme máis unha vez.

Chegamos a Madrid e acabo baixando do avión xusto detrás del. Entramos no aeroporto con poucos centímetros de diferenza e recollemos a equipaxe un a carón do outro, cruzando olladas en todo momento. As nosas maletas chegan xuntas e cando xa nos imos separar da banda transportadora, sorrime e achégase. Meu Deus, vaime falar!!!! Stress, stress.

-Mira, sabes por donde está la salida? -dime el, todo sorrisos.

-Si, mira, é por aí, ves o sinal alí diante? -merda, puro interese pragmático?

-Ai, es galego! Non, é que che falei castelán porque pensei que serías de aquí -máis sorrisos.

-Hehehe, si, pois xa ves... -einnn?!?!? Comorrrl?!?!?

-Ata logo! -e veña rirse.

-Chau! -isto é unha cámara oculta?

Saio mangado atrás del pero xa se vai cunha rapaza que o espera.

Moza? Marilendia? Admítense apostas.

8.4.05

balance

Repítome, xa o sei, pero cada vez teño máis claro que canta máis vida, menos tempo para o blog. Nas últimas semanas deixei de escribir ducias de posts absolutamente obrigatorios, pero o sono, o psicodrama, os compromisos, a multicoastalidade, a conexión de 56Kbpm da casa de meus pais e outras circunstancias variadas impedíronme comportarme como debía.

E agora é hora de facer balance deste retiro galaico invernal. Desde o 22 de febreiro celebrei o meu aniversario, traballei un pouco, fun ao Fantasporto, coñecín o Boss, a marabillosa casa de Dot e o non menos marabilloso Tintim, asistín á UPopG, fun á praia, vin un fato de persoas das que estas ligazóns son o exemplo blogueiro e non vin outras que espero que me perdoen. Tamén fixen moitas outras cousas, algunhas delas importantes, pero sobre todo, sobre todo, vivín, sen esperalo, o final da miña relación con Elfnoldo.

Reitero o dito no primeiro parágrafo. Non dei feito.

7.4.05

adiós ríos, adiós fontes

Hoxe aterro ás 19:30 en Schönefeld, disque vai estar MJoão á miña espera. E xa saio de aquí a un pouco de Alvedro.

Se non me veñen visitar alá, habémonos ver no verán.

1.4.05

olleiras

Non hai día que me deite antes das tres da mañá. Estou cunhas ganas de voltar para Berlín e durmir...

axenda

(m)alicia convídame a saír esta noite por SCQ. Neste mes que levo por aquí case non tiven oportunidade de facelo, pero hoxe débome ao meu público coruñés. E mañá toca Vigo: polo visto imos coñecer o auténtico Tintín.

no hay quien pueda, no hay quien pueda, con la gente marinera

MACUF, 19:30h do serán. Xavier Seoane e Víctor Freixanes, con Luís González Tosar entre o público, fan a presentación de Nélida Piñón. Ela toma a palabra e, nunha reedición de tantos episodios con ilustres visitantes lusófonos, comeza:

Caros amigos, peço imensa desculpa, mas cá os meus amigos são uns galeguistas fanáticos e, embora eu tenha un domínio fluente do espanhol, não me permitem falar outra coisa que não seja português. Puedo?, vocês vão perceber?

Sorrisos de circunstancias entre as autoridades. Unha señora ao meu carón, cunha enorme mantilla española virtual pairándolle sobre a cabeza, combina expresións faciais de indignación e decepción. Eu escacho coa risa.

hiperventilación

Pousantelo, o meu confesor profesional, recomendoume a semana pasada unha rutina de relaxación por respiración diafragmática. E boa falta me fixo, de maneira inmediata. Parece que estamos en tempo de crise: vexo xente e xente e o psicodrama rodéame por momentos.

Paso uns días en Santiago, na de (m)alicia: facemos psicodrama mutuo e abundante, na casa e nos bares. Vou cear con The Sobrada, antes de que lisque de volta para Liverpool: o psicodrama está presente toda a noite e aprendo millóns de cousas sobre as parellas perfectas. Xanto con Ugi para falar un pouco de negocios e ela convídame á estrea; iso si, o psicodrama non nos abandona e os camareiros máis admirados da rúa de San Pedro fártanse de esperar para limpar a nosa mesa. Tomo un café coa Minnesängerin, a lugocha con quen tantas boas experiencias pasei en Nie Wieder; xa acabou de escribir a súa tese en alemán e está de volta en SCQ. Como a confianza non é tanta, o psicodrama tarda un chisco máis en enxergarse. Pero aparece.

Onte, xa de volta na Coruña, 23:00h da noite e 21ºC. Saio do restaurante con Revelde e, dada a temperatura estival, baixamos á praia e sentamos na area para continuar a conversa. Por algún tipo de conxunción astral adversa e contra todo prognóstico, o psicodrama non se esvae na pracidez cálida da noite, senón que aproveita o noso descoido, colle novos folgos e condénsase nos tres metros cúbicos de aire que nos rodean.

Tres segundos de inspiración e tres de expiración, inchando ben o bandullo. E así sempre.

29.3.05

a miña vida como un sistema parasimpático desatado

Ultimamente -quero dicir as últimas semanas- teño días. Cando estou millor apetéceme coller unha farta de Lacasitos. Cando estou pior, do único que teño gana é de caer na pota do cianuro.

Fervendo, se é posíbel.

28.3.05

cacaosombra

Davichini é, á parte do meu amigo, o meu ídolo e o inventor do cacaosombra. Malia sermos veciños e estar no mesmo instituto, funo coñecer cando tiñamos 17 anos nunha excursión a Praga. Desde entón, fomos tecendo unha amizade que nos levou a compartir moi boa parte das nosas horas de ocio durante anos e anos. No verán, horas e horas de acampada entre o Caurel, a praia do Lago e o Monte Aloia. No inverno, horas e horas de manises e porrón no Priorato e miles de horas e horas de baile en Oh! Coruña. E por suposto, horas e horas de safaris de sábado noite a todos os glamurosos e remotos clubs que estaban ao noso alcance: LP45, Pazos, Dudas foron os primeiros obxectivos dun radio de acción que despois xa se foi estendendo máis e máis, sempre a bordo do seu inefábel vehículo, o Voyager 5, que nos daba tantas alegrías coma disgustos.

Xuntos vivimos uns días nunha vila perdida do sur de Italia entre mammas e nonnas que nos fartaban a pasta da casa e decidimos que tiñamos que quedar a vivir en Positano. Xuntos fixeramos plans de liscar para Londres ao acabar coa Universidade e vivir alí entre a coca que lles regalan os xefes aos empregados dos hoteis e as pirulas de Ministry of Sound. Pero as cousas acabáronse torcendo: a min laváronme a cabeza nunha facultade e acabeime convertendo nun pureta berlinés, mentres el foi a unha facultade que -nas súas palabras- parecía un instituto e segue, milagrosamente, exactamente igual ca antes; se cadra un pouco menos esquelético grazas a todos estes anos de ximnasio. Aínda non sei se atribuírlle este caso de aparencia física adolescente a puras causas xenéticas ou se haberá que considerar a posibilidade do pauto co demo. Cos seus 1'80 cm., aos 25 anos aínda lle pedían o carné... Os meus amigos que o coñecen tenden a alucinar co guai que é, e algunhas amigas xa teñen alucinado en xeral.

Pero non só por todo isto é o meu ídolo. A súa versatilidade laboral non ten parangón. Só neste ano, polo que eu sei, xa traballou de xardineiro, monitor de actividades deportivas extraescolares, monitor dun comedor escolar, colocando carteis de prezos nos Lidl de Mallorca, poñendo copas pola Costa da Morte, de porteiro de discoteca e de azafato na exposición de dinosauros do Parrote.

Como carallo non vai ser o meu ídolo?

17.3.05

non dubido que será do teu interese

Recibo un correo de Carballido: disque teño que meter máis sexo nestas Crónicas. Agradécese a suxestión, pero o certo é que chega no peor momento, precisamente cando o sexo se converte en algo máis e máis virtual por momentos.

Pero especialmente por iso, e sabedor da débeda que teño con Cesare por toda esa pornografía que me envía, compráceme compartir con vostedes o seguinte texto brasileiro, ao que o autor das Balas lle ha encontrar un encanto especial:

E lá veio aquele mulatão com sua rola grande e preta. Era bem grande, mas não se poderia comparar com aquela que me era socada no cu. Mamei nele também e antes que gozasse, ele se afastou. O loiro ficou incentivando o chefe dele pra que fizesse o mesmo e ele veio. Foi a quarta rola diferente em minha boca naquela noite. Chupei querendo o fazer gozar. Enquanto eu pegava um boquete e eles se revezavam, Daniel continuava socando firme em meu cu.

O erotismo nunca estivo neste lugar, pero o interese filolóxico que non falte.

sin rencor

Andámoslle aí:

y suelto mi pelo, y pinto mi cara,
me pierdo en la noche, me quemo en la playa

15.3.05

confesionario

(m)alicia vén pasar a fin de semana ao Porto de Santa Cruz tras cometer diversos pecados inconfesábeis. De todos eles, o único que eu considero verdadeiramente grave é encherse de flocos de millo en Área Central: cinco minutos na boca e toda a vida na cacha, nena.

nupcias e primavera

O que asumo como un estado de convalecencia -entre outras cousas, a tortícolis non me abandona- empúrrame a vivir a miña vila como a localidade balnearia que nela ven todos os visitantes. Voume torrar á praia entre nudistas des(co)locados, vellas en top-less e as súas netiñas de tres anos, dou voltas polo paseo marítimo, séntome nas terrazas...

Nunha destas vou ao castelo e encóntrome con Melencha, que me traslada a unha dimensión paralela e feliz. Ela traballa alí en proxectos ambientais e en facer visitas guiadas. No momento de atopala anda escoitando moi atenta porque lle parece que debe haber por alí unha estreliña riscada, que disque é coma un carrizo pero máis pequeno e cunha banda laranxa na cabeza. Tamén me explica que temos alí o único pombal subterráneo de Galiza, agora cheo de pombas mensaxeiras, e que hai un falcón que debe vivir polo parque metropolitano que as anda papando todas. Despois, cuns prismáticos, móstrame a diversidade ornitolóxica da Punta do Corvo. A só uns metros da miña casa, onde sempre penso que unicamente hai pardais e gaivotas, acumúlanse corvos mariños cunha incipiente plumaxe nupcial, gaivotas choronas e de cabeza negra, un fato de virapedras e mesmo unha preciosa garza, que me alegra o día coa súa elegantísima crista branca.

o garda de Betanzos

Nunha das máis célebres anécdotas de Betanzos, que me veu á cabeza cando oín a resposta de Revelde, un garda novo é encargado de regular o tránsito nunha intersección especialmente conflitiva. Atrapallado, dálles paso ao mesmo tempo aos coches que veñen de Ferrol e mais aos que veñen de Bergondo, e cando chocan di o garda: eu x'o sabía...!

día seguinte

Rescátame Revelde e voume confesar con el a Betanzos. Como el non coñecía a vila, pídolle que me deixe facerlle a visita turística completa. Hai poucas cousas que me relaxen tanto como facer de cicerone: é a miña mellor maneira de falar do tempo. Así que me poño eu e cito séculos, murallas, monopolios do sal e decadencias, irmáns-pesados-oficiais-do-lugar e parques temáticos, Dianas cazadoras, osos, xabaríns e sartegos ilustres, ramos de loureiro, estrelas de David e arcos conopiais.

A conversa meteorolóxica continúa diante dunhas croquetas sirias, pero cando chegan as fajitas con guacamole comeza a miña confesión, con todo o seu potencial liberador.

Liscamos despois dunha chamada do seu mozo. Polo visto, o rapaz xa me odia sen coñecerme; disque saio demasiado nas conversas.

Nunca debín saír de Berlín.

10.3.05

moraleja

Supoño que agora xa podo capar canto queira.

química inorgánica

Ao final, Elfnoldo resultou ser un valente moi espilido, mentres eu non paso de ser un paspán bastante covarde.
Xa volvo ser un átomo.

8.3.05

amores imposíbeis

Cesare e mais eu recibimos un correo-e de Boss cunhas fotos que satisfán a miña curiosidade pola suposta segunda dama de Portugal. Tamén di algo de blogayros galegos, beleza, sex-appeal, non sei que e non sei que máis...

Só coñezo dous blogayros portugueses persoalmente. Por un deles estiven moi apaixonado no pasado. Polo outro, só a distancia e o respecto polo nono mandamento me impide estalo.

entrega de premios

Boss, ese compendio de virtudes, fíxome entrega do premio do concurso fotográfico do Nadal: xa teño as miñas hastes rénicas, e o máis espectacular de todo é que as hastes e a bolsiña de papel en que veñen chegaron directamente desde Taiwan da man do Opiniões; no momento da entrega practicamente me saltaban as lágrimas de pura emoción. A sorte quixo que os ladróns non reparasen nos caracteres chineses da bolsa como algo susceptíbel de ser valioso, así que cando saín da casa para ir ao Porto levaba unha mochila de camping chea de cousas innecesarias e á volta entrei cunha lixeirísima bolsa amarela cuns corniños de feltro.

déja-vu

Escuso describir o encontro coa Polícia. É só veren One day in Europe, proximamente nos mellores cinemas. Non sei se a realidade supera a ficción, pero ándalle aí.

fantasporto

Fin de semana. En plena resaca de cava, decido adiar as decisións importantes e lisco con Cesare ao Porto para coñecer o Boss e ver algún filme do Fantasporto. Resultado: Boss sabe usar unha fina ironía que lle acrecenta unha nova dimensión ao rapaz serio e sisudo das Renas; fico impresionado. Vemos dous filmes, reencóntrome co Benjamim, divírtome coas babas de Cesare perante o amigo canario de Benjamim, descubrimos locais espectaculares da cidade, asollámonos un pouco na Ribeira, asisto no Baile dos Vampiros a un dos mellores concertos dos meus últimos tempos e á estrea portuguesa de Ricardo Villalobos. Polo medio, algún dos vampiros da cidade muda o seu latrocinio habitual, entra en Lola e lévanos case todo o que tiñamos alí. Pola miña parte sálvanse O Principezinho, o primeiro compilatorio de Matinée, o demo dos tólares -mala mar os traghe- e, fortuna entre as fortunas, a bolsiña de papel coas hastes rénicas. A Cesare déixanlle as cadeas para a neve.
Desolación matutina na comisaría de Cedofeita.

2.3.05

härter, besser, schneller, stärker

A bicoastalidade non cesa. Compostela non é a mesma que eu deixei, pero chegar aquí segue significando o mesmo que dicía María uns cantos meses atrás: aforrar fonemas e fonemas de explicacións.
E esta semana xa gastei fonemas abondos.

mittelgaliza

Subo no Xantia da Coruña a Santiago entre falsas ameazas de neve dos paneis da autoestrada, e cando chego introdúzome no ventre da besta para solucionar diversas cuestións burocráticas. Vindo do trato coa burocracia alemá resulta espectacular reencontrarse co -estereotipicamente- xenuino carácter galaico, que está plenamente vivo entre algúns dos nosos funcionarios. Fiquen tranquilos: a raza non esmorece.

Tento combinar con Cesare para xantar pero acabamos concertando o que podería ser unha das citas máis supergais da miña vida: decidimos ir xuntos a cortar o cabelo. E o que podería imaxinarse como un cónclave plumífero de secadores, bigudís, vaporizadores, extensións e papel de aluminio redúcese a unha entrañábel conversa de barbería entre nós os dous e mais o barbeiro, que nos coñece desde hai anos.

Para o café, Cesare descóbreme o Terra Nova, onde estou teclando arestora. Ao entrar, o ambiente do local impúlsame a falar alemán, e teño que controlarme para lle falar en galego a aqueles ollos azuis; parece que todos os Erasmus de Compostela decidiron establecer aquí o seu local social, así que cando Cesare lisca para o traballo e fico só póñome efectivamente a falar en alemán con algún dos clientes, máis ca nada por aquilo da fachenda.

27.2.05

Andee Silver comendo nos roxós

Hoxe, gran roxoada familiar para celebrar diversos aniversarios. Traio o portátil para o comedor, póñolles Miña Terra como grande curiosidade inaudita e, para bater nos fuciños da miña ignorancia, miña nai ponse a cantala á par de Andee Silver, meu pai di que se lembra perfectamente da canción e o home da miña curmá afirma que Andee foi unha moza que botara Juan Pardo e que, no seu día, La Voz publicara algunhas cousas sobre o asunto. Todo será porse á procura nas hemerotecas. Ou preguntarlle a Juan Pardo, digo eu.

Teño na casa unha mina de memoria pop galega e non lle tiro partido ningún. Sempre me sentín fatal por non ter avoas pandeireteiras nin tías bailadoras e suplín a carencia bailando muiñeiras desde os tres aos vintecinco anos. Pero nunca lle dei demasiada importancia ao trato que tiñan meus pais e os meus veciños con Pucho Boedo nin á memoria de miña nai para as historias de Andrés do Barro, que formou parte da miña banda sonora infantil. Mea culpa.

dismeeting point

Onte á noite Elfnoldo quíxome presentar unhas das súas amigas máis amigas, unha rapariga de Ponteareas e ben riquiña, por certo. Despois, ao longo da noite, veu unha marea de encontros:
Momo, unha case-lésbica muxiá que case-participou na espiral de sexo e desenfreo de (m)alicia no mes de decembro,
Ghaiteiriño e mais a irmancísima, que viñan de actuar no Abraira de Oleiros. E a min non me avisara ninguén!!,
Grazas-Juan, o que lle deu clases de galego a Bardem, que viñera desde Santiago para ver o partido do Dépor e andaba ás seis da mañá polo After-Shave (sorpresa maiúscula),
un meu ex-profesor de baile, o mesmo que me quixera roubar o mozo hai seis ou sete anos á porta do dark-room de Laberinto,
Folerpa, que está máis espactacular ca nunca; concordo con Cesare en que gañou moito nestes anos, así que sobe a postos de cabeza no ranking,
e outras personaxes diversas que foron aparecendo polo camiño.

Encontros, toda a noite chea de encontros. O único desencontro, con Elfnoldo.

26.2.05

crioxenización en Touro

Foi unha alucinación miña ou houbo alguén máis que viu onte a Regina dos Santos no Luar cantando aquela tan bonita que leva por título:

Rebola o pai, rebola a nai, rebola a filla,
eu tamén son da familia, tamén quero rebolar.
E o mellor de todo foi o que topei facendo este post. Busquen "rebola".

sapir-whorf

Vecinos de Becerreá explicaron que por la mañana vieron un curioso fenómeno meteorológico consistente en precipitaciones en forma de pequeños cristales de hielo.

Vaites, ho. Iso pasa en Berlín a cada paso, e como eu son da ribeira levo dous anos intrigado por saber se haberá palabras en galego para chamarlles aos douscentos tipos diferentes de neve que caen por alá.

Xa estaba facendo plans para enrolarme cun da Fonsagrada e mirar de pedirlle unhas clases de léxico nival galego, pero xa vexo que a nosa latitude non dá para tanto.

Só me resta a esperanza esquimó.

25.2.05

deslocación

Onte recibín unha inesperadídima mensaxe de correo-e de Georg. O ano pasado, o 24 de febreiro foi martes de Entroido e eu andaba por Colonia empreándome con Thomas, Philipp e outros cachondos. Pola noite coñecín nun bar a Georg, que fora peregrino a Santiago e aínda se lembraba de dicir algo en galego. El facía anos o 25 de febreiro, así que tiñamos moito que celebrar: esa foi a nosa noite. Á mañá, sen durmir, despedinme del baixo a saraiba e atravesei o Rhin no tranvía, acochado no colo de Philipp, coa promesa de mandarlle a Georg unha postal desde Córsega, o meu próximo destino.
Hoxe a neve cae polo Mesón do Vento e agora vou atravesar a ría no coche. Non é o mesmo, pero é igual.

crónica

Endibias con anchoas e queixo azul. Feldsalat con queixo de cabra, mel e vinagre. Polo ao curri, escalopes á mostarda. Trini no Alfaiate. Rastas e cintos de pel de leopardo. Humor e cariño. Frío e distancia.

desequilibrio

Elfnoldo sorpréndeme. Tanto me dá un susto e me exaspera pedíndome que o leve ás urxencias do hospital máis próximo, dando media volta así que ve toda a xente que se acumula á espera, como me demostra por que me colguei del nalgún momento do verán.
Continúo sen entender nada.

24.2.05

parabéns para min

Hoxe é a miña actualización á versión 2.9. Se Vieiros -de Rosalía non vou falar- vive hoxe o seu último aniversario dunha soa cifra, eu estou a un ano de entrar na nómina de maduros (non sei se interesantes) e hai uns días descubrín que xa son un home con canas no peito. Non aturo os meus aniversarios: o meu complexo de Peter Pan é tan antigo coma o meu acordo e aínda lembro as bágoas que me produciu chegar aos 10 anos, simplemente polo feito de ter unha idade con dous números. Non quero pensar no que acontecerá d'hoxe nun ano (e antes d'alá moitas veces).
Perto da miña casa, a cinco minutos andando, hai unha praia cun recanto moi abrigadiño do vento, onde se pode tomar o sol no inverno coa única condición de que o ceo estea ben despexado. É a praia da miña infancia, e para reencontrarme co Plattdorf dos dez anos, para consolarme un pouco das miñas desgrazas existenciais, para acelerar o proceso de avellentamento celular e para producir un chisco de vitamina D, hoxe puxen todas as canas ao sol durante un par de horas. Só, estritamente só.
A vida social vén agora.

Air Cal-Pita

Chego de volta a Barajas. Facturo, paso o control de metais, e tras unha falsa alarma de atraso na saída do voo, subo ao autobús que nos ha levar ao avión. A xente vai chegando aos poucos, un a un. De súpeto, entra Cacharro Pardo e pregunta: este es el que va a Santiago?, talmente coma no coche de liña.
Abueeeeelo!

madrileños

Subo pola rúa de Santa Isabel, a de Atocha e a de Carretas até a Puerta del Sol, e de alí por Preciados á Gran Vía e Fuencarral. Mércolle unha empanadilla de atún a unha chinesa e escoito a conversa dun vendedor do cupón cun vello: Letizia no se va a quedar embarazada por mucho que lo digan en la televisión. Usted no haga caso de la tele, que esa no se queda embarazada. Y lo del Windsor? Usted no haga caso de la tele.
Chove a pichés, a cada paso máis, e chega un momento que me teño que acochar nun portal. Ponse ao meu carón un home, acelerado, e declama un monólogo dirixido a min: Como llueve! Me cago en la mierda, me cago en la puta mierda que me parió! Qué mierda de tiempo! Y yo sin paraguas, que es lo que más me fastidia a mí! Me cago en la mierda! Pues no voy a ir así hasta mi casa, mojándome, mojándome! Esto -e óllame- hubiera sido mejor que lloviera por la noche!

cura de humildade

22 de febreiro. Só oito días despois de facerlle gasto por última vez, volvo subir nun avión de EasyJet para voar de Berlín a Madrid. Por precaución, comprara un voo Madrid-Santiago que saía ás 21:30, así que tiña unhas catro horas para ir até o centro. Saio do avión, deixo as cousas na consigna e vou, todo rufo, cara ao Reina Sofía, máis ca nada para que non me berren os supertacañones. Cando chego, a Providencia móstrame a miña infinita soberbia: MARTES CERRADO.
Cada un debe ter claro a onde pertence. Voume andando, resignado, cara a Chueca.

21.2.05

Channel Islands

Vaites, vaites! Por curiosos medios acabo de saber que un coñecido -ou algo, porque un ex non é..., como se chama iso?- está vivindo aquí co seu novo mozo: it's not part of the United Kingdom, nor the European Union.

autocensura

No mesmo día coñezo o Richard e o Jörg. Richard é o novo mitbewohner de Pedro e onte, despois de durmir tres horas, acabei nese piso que comparten en Schöneberg almorzando con eles e mais cunha logopeda alemá que sabe falar algo de vasco. Pedro dime que a el non lle gusta porque ten algo de pluma, así que teño que darlle un correctivo moral. A min non é que me entusiasme, malia os típicos ollos azuis e o cabelo loiro, pero como instrutor de alemán ben vale.

Á noite coñezo a Jörg, que chega desde Colonia para pasar uns días. Riquiño, tímido, é rubio e pregúntome se será todo tan laranxa. Gustámonos mutuamente, ceamos á saída do cinema un tofu infame e despídome até á súa próxima visita a Berlín. Mañá voo á Coruña e a sombra de Elfnoldo é suficientemente alongada como para non excederse.

dress code

A outra cousa que vin foi de Rosa von Praunheim, un director gai alemán ao que lle debo un post xa hai bastantes meses. O fulano non é que consiga facer grandes produtos, pero está cargado de boas intencións e a min gústame seguir o que fai.

Desta vez vin unha curtametraxe e unha longametraxe proxectadas na mesma sesión. A curta, Umsonst gelebt - Walter Schwarze, é o testemuño dun home que foi levado polos nazis a un campo de concentración por maricón. Estivo alí pasando calamidades espesas, entre as que se contan meter corpos nos fornos de incineración, e catro anos despois mandárono ás trincheiras, cando xa a guerra ía mal para Alemaña. Grazas a iso acabou nun campo de concentración ruso, despois de que o exército soviético o tomase como prisioneiro, e non puido voltar á casa até 1949.

A longametraxe é outro documentario chamado Männer Helden und Schwule Nazis e trata dos homosexuais presentes no mundo nazi, tanto na era hitleriana como no ambiente neonazi da actualidade. Moi interesante. No filme entrevístase a tres homosexuais vinculados dalgún xeito co mundo neonazi. Un deles descríbese como un skin oi! clásico e vólvome sorprender da complexidade do mundo skin. Outro deles é Bernd Ewald Althans (apupos cando a súa cara sae na pantalla), coñecido en Alemaña por estar vinculado durante anos ao movemento neonazi e acabar no cárcere por negar o holocausto durante unha visita a Auschwitz e lindezas polo estilo. En 1992 rompeu co radicalismo de dereita, parcialmente por "descubrir" a súa homosexualidade. No filme di que non se arrepinte de moitas das cousas que fixo naqueles anos, mentres aparece na festa do orgullo de Berlín repartindo flyers dunha sex-party con dress-code das que tanto abundan por aquí, con temática S/M, leather, skin, etc...

Cando acabou a proxección, o director subiu ao escenario para comentar algunhas cousas e responder preguntas. Cando lle preguntaron como convencera aos entrevistados para saír nun filme en que ían ser retratados negativamente, Rosa comentou que estaba vendo a Bernd Ewald Althans entre o público e que podía contestar el mesmo. Así que o fulano subiu ao escenario. E aí armouse: todo o mundo comezou a falar, moita xente ergueuse e saíu da sala protestando. Despois de que Althans dixese que o ambiente gai de Berlín tíñao marxinado polo seu pasado, cando el abandonara todo iso no ano 92, un espectador púxose a berrar coma un posuído: Isto é a fin da Berlinale!!!!!! Isto é a fin da Berlinale!!!!! Ese tipo acaba de dicir no filme que non se arrepentía e agora está falando neste escenario, isto é a fin da Berlinale!!!! Tivo que intervir o moderador para calmar un pouco os ánimos e eu aseguro que se me puxeron todos os pelos de punta polo tenso e macabro da situación. Ao final o fulano acabou baixando e sentando outra vez a carón do seu mozo, tamén rapado.

Ao día seguinte vino de novo á saída de Cycles of porn, e estou seguro de que eu xa lle vira a cara a este tipo máis dunha vez. Agora non sei se poderei seguir vendo coa mesma indiferenza o ambiente de determinadas sex-parties.

Supoño que debo.

found II

Do pouco que vin sálvase:

-Unha sesión de 140 minutos de curtamentraxes. Entramos ás 23:30 e saímos perto das catro da mañá. Especialmente recomendábeis, por unhas razóns ou por outras: What I'm looking for, de Shelly Silver; Vent, de Erik van Schaaik, Rain is falling, de Holger Ernst; Gigolo, de Bastian Schweitzer; Who do you love, de Jim McRoberts; Tama tu, de Taika Waititi; e Bikini, de Larse Persson.

-One day in Europe. Prefiro Berlin is in Germany, a verdade. Pero gustoume, de todos os xeitos, e ten momentos moi bos, como Tosar en Moscova berrándolle "Nunca Máis" ao policía ruso: grandes risas e aplausos entre o público, malia que eles tiñan que ler os subtítulos en alemán do que Tosar berraba en galego a toda velocidade. Lamentabelmente, de todas as historias que conta a que menos me convence é a de Santiago de Compostela. A mellor, Istambul. Na historia de Berlín estiven atento ás escenas en que puiden saír de extra: non hai. Polo que se ve nas imaxes dos títulos do comezo, os seareiros do Deportivo rodaron unha escena nun barco polo Spree, pero iso non está incluído no filme en si, así que fixen ben en non ficar en agosto en Berlín para rodar con Stöhr. Estiven ben atento aos títulos do final, por ver se aparecía o turco espectacular que contactou comigo cando o da rodaxe. Topeino: İlker Çatak.

found I

Pola contra, boa parte do que me foi caendo nas mans foi, sen reflexionar moito, o pior que teño visto en moito tempo. Cartos máis chorados para:

-"Cycles of porn", de Jochen Hick. Por que inclúen semellante merda na Berlinale? Isto pásame por ser tan gai de provincias.
-"Tao Se - Colour Blossoms", de Yonfan. Efectivamente, a cor florece en todo o seu esplendor. O casting masculino é espectacular e agasállanos con pequenos momentos de erotismo barato pero efectivo: que os rifen! Esteticamente é preciosa e recoñezo que estiven media hora entusiasmado, de feito. A cousa foi indo a menos, e ao final toda a sala (minto, a xente que ía ficando a pesar do abandono masivo) ría nos momentos máis climáticos, porque a súa pretendida trascendencia resultaba ridícula.

lost

Á Berlinale non vai quen quere. Vai quen vale. Para ver os filmes que queres tes que funcionar como un alemán dos tópicos -que non dos trópicos-: estar atento ao momento en que sae a programación completa, dedicarlle o día a seleccionar títulos e horas e poñerse inmediatamente a mercar entradas coma un tolo por Internet, tendo en conta a coordinación cos amigos. En definitiva, un stress.

Para casos coma min, que lisquei a París a primeira fin de semana do festival e non collín o programa en papel até a volta, é a dinámica do festival a que impón os filme que ves, porque a demanda de entradas é tan alta e as filas tan longas que non che queda máis remedio que ir apañando o que che cae nas mans.

Nunca me mantivera tan á marxe do festival, e grazas a iso este ano perdín varias cousas que tería visto de bo grao:
-a estrea de "One day in Europe", supoño que coa presenza de Tosar e Miguel de Lira.
-"Para que no me olvides", de Patricia Ferreira, sobre todo despois de que meus pais me chamasen preguntando se a fora ver e me lembrasen que a estiveran rodando alí ao lado da miña casa, con veciños meus de extras. Paréceme que se estrea en Galiza estes días, a ver se aproveito.
-"Les temps qui changent", de André Téchiné.
-"Brasileirinho", de Mika Kaurismäki.
-"Pier Paolo Pasolini e la ragione di un sogno", de Laura Betti.
-"Sophie Scholl - Die letzten Tage", despois de ter que facer unha exposición sobre o irmán da Scholl no meu curso de alemán.
-"Inside Deep Throat", como di o outro, por puras razóns antropolóxicas.
-"Gender X", pola mesma.

E tantas outras das que non cheguei a saber nada.

feliz vida nova?

Pois si. Despois de moitas reflexións, decidín sacrificar as vacacións de inverno deste ano. Non me vou dedicar ao meu deporte favorito, mochilear por aí para distraerme do meu aniversario (o ano pasado tocoulle a Colonia-Estrasburgo-Lyon-Marsella-Nisa-Menton-San Remo-Córsega-Sardeña-Montpellier-Barcelona; este ano era o de Gran Bretaña), non. Nada diso. Desta vez vou ir á Coruña para tentar pórlle orde a esta existencia caótica.

O que vai saír deste mes ninguén o sabe. Parto con pesimismo, como me corresponde, pero a faísca da esperanza segue queimándome a conciencia.

zu hause

Volto a Berlín tras unha viaxe algo accidentada ao aeroporto de Orly porque o metro de París anda colapsado por algunha razón que non coñezo. Saio do aeroporto de Schönefeld para coller o metro e aí está, coma sempre, por todos os lados, a neve. O chan escorregadizo e os narices encarnados. A grava miúda estrada polos paseos para non esvarar tanto e a arquitectura sesenteira vida a menos. O S-Bahn vermello e amarelo: Zug nach Wannsee, zurückbleiben, bitte.

París pódeme transmitir toda esa sensación de proximidade por razóns antigas, escuras. Pero agora chego a Berlín e xa sinto as sensacións agridoces de quen chega de volta despois dunha bonita viaxe: retorno á rutina, pero tamén ao conforto da casa.

Mañá voo a Galiza, só unha semana despois de vir de París. Mentres volvía do aeroporto pensaba niso e decateime de que non me apetecía nada liscar de Berlín, miña casiña, meu lar.

16.2.05

la beauté du capitalisme

Un visitante díxome unha vez, tras visitar Berlín: que feo era o comunismo! Non pretendo en absoluto ridiculizar a sentenza; hoxe en día, Berlín combina a súa fealdade espartana cun capitalismo e un consumismo desaforados. Nisto último coincide con París.

Pero claro, non se pode comparar a Rue de Rivoli coa renovada Friedrichstraße, nin os Champs-Élysées co Kurfürstendamm. En París o capitalismo séguenos tomando o pelo, tanto ou máis ca en Berlín, pero é todo tan charmant que a pouco que un se despiste xa queda engaiolado polos cantos de serea do mundo occidental. En Berlín, a tomadura de pelo é moito máis burda, máis groseira, e iso axuda a ser máis consciente dela.

Por se fose pouco, desde hai un tempo, durante os primeiros cinco minutos de cada hora a torre Eiffel cóbrese de luces escintilantes que fan o efecto dun manto de diamantes sobre a estrutura metálica. Precioso. Dan ganas alternativamente de ir á Place Vendôme e deixalo todo en Bvlgari ou poñerlle lume ao Hôtel de Ville en protesta polo estrago enerxético.

A visión da Fernsehturm a min ultimamente só me dá ganas de ir para a casa e tomar un colacao quente.

feliz ano novo

Todos os que nos xuntamos na casa de Fuegho fomos compañeiros de piso na rúa de San Pedro, en Santiago de Compostela, só tres ou catro anos atrás. Iso axudou a que a viaxe a París fose máis unha viaxe interior ca unha auténtica visita á cidade. Aínda así, levo destes días unha mestura de:
-unha raclette hipercalórica na de Fuegho, onde me encontrei de novo con Levente, o húngaro que me deu pousada en Budapest no mes de xuño, que me convidou a unha festa multiculti en Compostela en setembro e que agora ten unha bolsa en París.
-unha quiche lorraine hipercalórica que fixen eu mesmo por primeira vez na vida.
-un muffin, un apple pie e un scon hipercalóricos que trouxeron The Sobrados e mais The Chantada dun Tesco de Liverpool.
-un cuscús hipercalórico nun restaurante marroquino en Barbès.
-un chocolate quente e chips de gambas hipercalóricos no Buddha-Bar, o must para todo queque que se prece de selo en París.
-unha crêpe hipercalórica á saída do Musée d'Orsay.
-un paquetón hiperavultado baixo os jeans do empregado dunha tenda do Marais.
-un beur con pestanas hiperlongas na fila para entrar á biblioteca do Pompidou.
-un negro hiperáxil bailando Lady Marmalade mentres patinaba sobre a pista de xeo da praza do Hôtel de Ville.
-uns pectorais hipertrofiados baixo o xersei do empregado de Antoine et Lili.
-unha certa hiperventilación ao subir dun golpe as escaleiras do Sacré-Coeur ás doce da noite, xusto ao saír dun bar afumado.
-unha ameaza de hipotermia vendo o desfile do Ano Novo chinés.

a loita continúa


Aí o teñen, como non podía ser doutra maneira: o galego e o esperanto máis próximos ca nunca.
Xuntos da man, cara á... expansión?

abaixo o esencialismo II

Aínda que non estaba nos plans iniciais, acabo visitando Expolangues 2005, onde Fuegho anda facendo estes días de azafata de congresos. Eu tamén traballei de algo semellante en Berlín hai dous anos, e confirmo que para dedicarse a iso non é estritamente necesario levar minisaia nin zapatos de tacón.
Sorpréndeme ver que hais dous stands que defenden a ortografía de Mistral para o provenzal. Nun deles, un catalán do Institut Ramon Llull discute co responsábel do stand e fálalle do occitano. Ça n'existe pas, ça n'existe pas, retrúcalle o felibre.
Mentres ando por alí, de repente sae a actuar o rancho folclórico do stand de Euskadi.
Hai unha mulata entre os compoñentes.

abaixo o esencialismo


Loupier é skin antifa e fillo de emigrantes limiaos en París. Fala alternando o verlan co mesmo galego que falaban os seus bisavós. Combino con el na estación de metro de Avron para pasarmos polo local parisiense da CNT, e cando aparece trae consigo dous rapadiños máis, duns 17 anos, que andaban á busca do local: esa noite hai concerto de OpcióK95, un dos máximos expoñentes de Oi! catalán, e a expectación é moita.
Chegamos ao local e todo está cheo de skinetes de punta en branco. Beben cervexa, saúdanse cerimoniosamente con bicos nas meixelas e sorpréndeme ver o código coidadísimo e elaboradísimo da súa indumentaria: a paixón polas marcas chegou ao street punk da man da working class máis concienciada.
Loupier fálame do complicado que é ser red-skin, polas confusións que pode haber cos skins neonazis, e aclárame que a CNT-París ten malas relacións co resto da CNT por organizar concertos coma o desa noite: os rapados en Cataluña tenden a ser marxistas, e iso é unha afronta grave para un auténtico anarca.
Como aínda falta tempo para o concerto imos tomar unhas cervexas ao bar do lado e alí coincidimos cos músicos de OpcióK95. Veñen de Barcelona e a composición do grupo non podía ser outra: hai tres cataláns, un andaluz e un quinto compoñente con quen boto falando un bo anaco.

É galego, moreniño, guitarrista, e chámase (sic) Omar Alaui.

11.2.05

etnoloxía

Il y avait un beur dans l'avion... Mon Dieu, Cesare, c'était pour vous!

chez Fuegho

Fuegho vive mesmo á beira du Canal de St. Martin, nun edificio en que Madame da Silva, a concièrge portuguesa, controla todos os movementos desde o seu cuarto na entrada da cour. Xusto ao lado está Antoine et Lili, unha tenda/cafetaría que fai a delicia de calquera adito ás viaxes psicodélicas.

Como Fuegho está traballando recíbeme a súa compañeira Lola, unha murciana doutora en filoloxía clásica que viaxa case todas as fins de semana a Alemaña para ver o mozo. Rímonos un pouco e despois ela vai traballar. Teño toda a tarde para min, así que acabo de decidir que os meus pasos se encamiñen ao museo de Orsay.

Ou sucumbirei como bo gai de provincias e acabarei no Marais, coma sempre?

midi

A primeira vez que vin desde Berlín, París pareceume Calcuta. Un caos. Todo o contrario á imaxe que me fora formando en viaxes anteriores. Fronte á tranquilidade e á harmonía dos xermanos, aquí todo era tránsito estrondoso, rúas estreitas, mareas de xente..., ruído, sempre ruído.
Hoxe fun en bus de Orly ata o metro de Denfert-Rochereau, e de alí á Gare de l'Est en metro, e as sensacións son máis ou menos as mesmas. Porén, non é a sensación de caos o que máis me chama a atención, senón a sensación de que isto é menos estranxeiro, de que estou máis na casa. De que aquí a herba está verde tamén no inverno e o chan mantense mollado e non conxelado. Que os coches pitan e a xente fala alto. Que hai mulleres de sesenta anos con saias rectas polo xeonllo.
Que se entende -case- todo.

10.2.05

à demain!

E mañá, on parlera français!

vida social berlinesa

O que máis sinto de todo é que atender a visita desta semana impediume asistir ao coloquio que organizaba a embaixada sobre o referéndum. O propio embaixador mandoume unha carta -quel honneur!- convidándome ao acto, que foi onte á tarde nese edificio que Hitler lle regalou a Franco.

Eu que xa me vía fartándome dos Ferrero-Rocher do embaixador...

jein!


...o sei.
Hai unha semana que me chegaron os papeis para votar no referéndum da Constitución Europea. Vivir no exilio dáche o privilexio de ver as papeletas antes ca ninguén, pero tamén che impón antes ca a ninguén a presión de tomar unha decisión definitiva. Este é o primeiro referendo en que teño dereito a votar e aínda non sei que faga.

-Se respondo á pregunta concreta da papeleta: non.
-Se teño en conta que vivimos nun mundo de símbolos e penso en como vai ser interpretado o voto negativo no resto do continente: si.
-Se me rebelo contra as interpretacións simplistas, bipolares, contra o pensamento maniqueo que tanto resultado lle deu/dá ao aznarismo/bushismo: non!!
-Se considero a miña vontade de que o proceso de integración europea se acelere e os Estados perdan peso específico canto antes: si!!!
-E aínda non topei boas razóns para o voto en branco.

Doulle voltas día e noite, e discuto con todo o mundo: a miña compañeira de oficina convenceume a semana pasada do SI nun momento en que eu estaba claramente de NON. O visitante que recibimos esta semana no traballo, que xa se foi hoxe á mañá, deume onte algunhas novas razóns para o NON. Mañá lisco a París e quizais saia tamén o tema con Fuegho e The Sobrados: supoño que The Sobrado seguirá a disciplina de partido, pero das tendencias ácratas -ou algo- das outras dúas espero bastante indiferencia.

9.2.05

Chaplin en Helsinki?


Onte á tarde chegaba ao aeroporto de Tegel un visitante relacionado con asuntos de traballo. Funo recoller para acompañalo ao hotel, a cear, etc., e púxenme á espera na correspondente porta de saída. O avión traía un pouco de atraso, así que pasei un bo anaco apampado, ollando a pantalla xigante que dá información sobre aterraxes e, de paso, sobre as temperaturas do mundo. Non sei de que me queixo: en Ulan Bator, ás seis da tarde, estaban a -23ºC. Agora, mentres escribo, están a -39ºC e a máxima prevista para hoxe é de -24ºC.
Pola porta comezaron a saír os pasaxeiros procedentes de Helsinki, esbardallando palabras esdrúxulas. De alí a un pouco comezaron a saír pasaxeiros de Madrid, e polo medio, sen que eu puidese saber de onde viña, saíu Geraldine Chaplin. Ela soíña, pequeniña e aparentemente fráxil, abrindo un pouquiño os pés ao camiñar como esaxeraba seu pai. Non traía máis equipaxe ca o seu bolso, e sorriulle á parella contratada para ila recoller. Un berlinés áxil pediulle un autógrafo e permiso para tirarlle unha foto, así que ela púxose de frente, esperou paciente e sorriu outro pouco. Foise, cos seus zapatiños amarelos.

8.2.05

casamentos


Non é espectacular? Foi chegar a Candeloria, e veña paxariños a casaren.

7.2.05

sábado de Entroido Schnappi

Á última hora, cando xa asumira que este ano nada de Entroido, nesta Prusia protestante e industrializada, recibo un convite para unha festa de disfraces. Non tiña nada para me disfrazar, pero a solución estaba no armario. Levo anos comprando roupa que só podo poñer cando teño etapas de autoestima alta. Ben combinada pode estar ben, pero como se queira usar mal, teño roupa para o Entroido das próximas tres xeracións.

Así que usei a miña roupa o pior que puiden, pintei a cara coma unha porta e alá fomos, a Sonnenallee. Chegar, cheguei á festa ás tres da mañá, despois de longas esperas con temperaturas siberianas nas paradas do transporte público.

Un chileno explícame o conflito Sudamérica vs. Chile usando exclusivamente a xiria xuvenil do país: chucha, güevón, eso de la guerra con Bolivia fue una güevá que pasó hase sien años, y ahorita los güevoneh de los arkhentinoh noh cortan la enerkhía, los güevoneh!

Tamén anda Ricardo, un angolano que atopo regularmente en festas por aí adiante. Pregúntolle polo seu tratamento: hai anos tivo un accidente e perdeu a audición. Agora leva aquí dous ou tres anos cunha terapia para recuperar o ouvido. Falamos portugués devagariño, de frente, e co seu acento africano vaime contando como lle vai a vida. Quere voltar a Luanda, pero aínda lle restan dous anos en Berlín. O sorriso non llo tira ninguén da boca e a esperanza nunca o abandona.

Un rapaciño alemán ouve que lle digo Schätzchen (tesouriño) a Maria João e vénme corrixir a pronuncia: non, así non o podes dicir, que soa moi bruto. Ten que ser máis dondiño, tes que arredondar máis os beizos: Schätzchen, así, ves? E dáme unhas aulas prácticas de fonética.

Tres horas despois de eu chegar, a festa vai a menos. Os resistentes decidimos que aquilo non pode acabar así. E pensamos en continuar no lugar máis próximo, máis ca nada por non botar tres horas a nonseicantos baixo cero. Botamos contas: o máis próximo é Die Busche, a discoteca gai máis petarda, máis calorra e máis adolescente da cidade, onde Schnappi é o rei.

O lugar do crime, nunha palabra.

xiada

Cando un se ergue da cama e ve un día de sol, parécelle que vai comer o mundo. Despois un pon a radio e escoita que as temperaturas na cidade andan polos -9º C, e asume que o que vai comer é un colacao ben quentiño.

San Valentín e Miguel de Lira

Pedro pasou o Nadal en Lima e alugoulle a súa casa durante ese tempo a un fulano que finalmente non lle pagou a renda e deixoulle unha factura de teléfono de 500€. Estiveramos facendo plans de ir a Riga ou a Tallinn este mes, porque cos prezos de Easyjet ir ao Báltico é máis barato ca quedar na casa, pero o pobre do rapaz non vai a ningures mentres non se recupere un pouco economicamente.

Xusto o día que recibía esta noticia, Fuegho comentábame que The Sobrados ían pasar en París a próxima fin de semana. Pois eu tamén, que raio. A viaxe saíume un pouco máis cara do que contaba porque, sen que ninguén se decatase, a fin de semana que vén é a do día de San Valentín; xa se sabe que Cupido en París lanza mellor as setas... En definitiva, entre a sexta e a terza feira estas crónicas han ser francianas e non prusianas. E a ver se desta vez fago un pouco de turismo de masas, que ultimamente sempre que vou a París o único que fago é emborracharme, e xa hai máis de catorce anos que non entro no Louvre.

O que me fode é que con esta viaxe vou perder a Miguel de Lira camiñando pola alfombra vermella do Berlinale Palast, na estrea de One day in Europe, ese filme que durante tanto tempo se chamou Galatasaray-Dépor e marcou o meu verán 2004: na rodaxe berlinesa estiven a piques de ser extra, como seareiro do Deportivo, porque en Berlín non había tanta xente que soubese falar galego (inxenuos...). Xa estiven consultando horarios e a única proxección que vou poder ver en Berlín é o domingo 20 ás 09:30h da mañá. Haberá que tomar moitos Referéndum Plus esa noite para aguantar esperto até semellante hora.

Ah, por certo, falando de todo un pouco: comeza a Berlinale.

coincidencias

Este ano entrou a traballar no meu choio un rapaz que é un monumento, sen matices. Un día ouvino falar castelán no metro e souben que fixera parte dun equipo de natación boa parte da súa vida.
Hai pouco, a miña compañeira de gabinete comentoume que estivera falando cun dos seus subordinados, procedente da Extremadura española, sobre un idioma que disque se falaba alí, que non sei que... Eh!?!?! Pedinlle que mo presentase, dando por feito que era algún falante de mañego, lagarteiro ou valverdeiro, ou sexa, do galego de Cáceres.
A sorpresa chegou hai unha semana, cando entrou pola porta o tal monumento cun libro na man. Non é falante de galego de Xálima, senón de extremeño, e a tradución que traía era unha edición de 600 exemplares da versión castúa do Principiño. O mellor de todo é que o prólogo da edición está en castelán, en portugués de Olivença, en alto extremeño e en lagarteiro (!!). Conseguín que me deixase escanar (toma ruído!) o prólogo, e a cobiza polo libro comezou a aloxarse a carón da lascivia.
Onte, despois dun día estrañísimo, acabei indo cear ao Imbiss das pizzas-naan, na Kastanienallee. E, nunha coincidencia que me fai pensar en Calquera e na trascendencia das súas palabras, alí o topei: espectacular, altísimo, fachendosísimo do seu físico apolíneo e posuidor dun Principiño malo de conseguir. Funo saudar e quíxome convencer de organizar unha conferencia sobre o extremeño en Berlín.
A estas alturas, o meu desexo atinxe niveis himalaicos. Pero a súa heterosexualidade parece non ter fendas e a estima polo seu Principiño tampouco.

entroido alaaf!

Este señor só me molesta cando se pon así de cristián ortodoxo; xa no Nadal nos agasallou cun artigo de contido parangonábel.

Non nego o peso da súa argumentación histórica, coa que estou fundamentalmente de acordo. Pero acontece que, postos a racionalizar e a celebrar as cousas en plan meta, resulta que para min as festas máis grandes do ano son o Entroido e a noite de San Xoán, igual ca calquera das outras manifestacións da relixión antiga que sobreviviron e se adaptaron á cristianización no sincretismo relixioso galego -e europeo-: a noite de Defuntos, os Maios, o día dos Burros (1 de abril), etc. Todas estas celebracións forman un calendario festivo cunha enorme tradición histórica -os nosos pais lévanas celebrando bastante máis de vinte séculos-, aínda que hoxe en día perdesen o seu sentido orixinal e a maior parte da xente as viva dunha maneira completamente banal.

Ao autor dos artigos diríalle que a banalidade desta sociedade é a mesma que mantén a celebración do 25 de decembro como algo masivo e institucionalizado e que iso de "un engorro para los sociedades civilizadas, estropean el ritmo laboral y educativo, y sólo dan ocasión para que asome a las calles el hortera insoportable que todos llevamos dentro" que el lle dedica ao Entroido, aplícollo eu ao Nadal, mudando só o "hortera" polo "consumista". Así que deixemos de mentar as nosas nais. Un respetiño.

E Kölle allaaf!

4.2.05

futuro

Onte botei unha hora falando por teléfono con Liverpool. The Sobrada estivera de aniversario domingo, pero como teñen unha conexión internáutica tan miserábel coma a miña, pola liña normal de teléfono, non puidera falar con ela porque sempre me daba ocupado.

Hoxe falei dez minutos con Vigo e corenta con París. Con Trier as conversas telefónicas son habituais, e estou en contacto constante, vía correo electrónico, con Varsovia, Heidelberg, Santiago de Compostela, Roma, Braga, Rennes, Oxford, Montevideo, A Coruña e Salvador da Bahia, por citar algúns. Agora xa nin penso niso, pero cando me dá por reparar no asunto sempre me sorprendo.

Hai en min unha mestura de pailaroco e snob. Cando esteamos todos de volta -se é que iso chega a acontecer-, a só uns minutos de AP9 uns dos outros, vou ter saudades de todo isto. Con certeza.

Schni-Schna-Schnappi

Esta nena gravou hai tres anos na casa unha canción infantil sobre un crocodilo e a súa familia puxo a canción na web. A canción foise difundindo por Internet durante este tempo até que Universal decidiu editala nun CD para a campaña de vendas do pasado día de San Nicolau (6 de decembro). Desde entón soa na radio e nas discotecas, e agora mesmo está no alto do hitparade de Alemaña, Suíza e Austria: a new star is born. Non teño o pracer de coñecer a nena de "Antes muerta que sencilla", pero estou seguro de que esta supéraa en repelente.

De todos os xeitos, son moi paveras a versións tuneadas de Schnappi para adultos que se poden escoitar deste estas ligazóns. Especialmente recomendábeis as versións de Rammstein -estes si que son kinkies-, AC/DC e Grünemeier.

por unha presa de euros

Andan anunciando agora unha promoción de numismática: un set de moedas de euro portuguesas por dez euros. Consiga as moedas máis fermosas da Unión, que apenas chegan a Alemaña. Sexa o primeiro en telas. Fágase con este conxunto de moedas portuguesas só por dez euros.

Se tiñan vostedes intención de se facer ricos, xa saben o segredo do éxito. Todo é poñerse.

pensa nun desexo

Ben, parece que a desaparición da Avioneta foi unha falsa alarma. Algo así como un efecto Houdini. Alégrome. Como alternativa a un post de boas re-vindas, pásame a pataca quente dunha desas cadeas que a ninguén lle interesan pero que a xente insiste en reenviar para librarse do risco de deixar de pinar durante sete anos, de comer iogures caducados durante catorce anos ou de queimarse coa sopa cada día do resto da súa vida.

Eu son un home destemido. Vou contestar. Pero non a vou reenviar. O que a queira coller, que a colla, e o que non, que a deixe.

1. HAVE YOU EVER USED TOYS OR OTHER THINGS DURING SEX?
Os condóns e o lubricante entran niso de "other things"?

2. WOULD YOU CONSIDER USING DILDOS OR OTHER SEXUAL TOYS IN THE FUTURE?
Naturalmente. Está todo pensado. A partir dos corenta anos, un cockring (por certo, aproveito para preguntar: alguén sabe como se escolle o tamaño do cockring? Mellor un de aceiro ou un de caucho? Liso ou estriado?). E a partir dos setenta directamente o dildo-reprodución de Jeff Stryker (vino o outro día en vivo e en directo e pareceume completamente inasumíbel. Aínda así, non perdo a esperanza. Hai que continuar practicando).

3. WHAT IS YOUR KINKIEST FANTASY YOU HAVE YET TO REALIZE?
Teño todo un mundo de posibilidades kinky aínda sen probar. As miñas veleidades nese ámbito son limitadas: nada de scat, nada de hamsters, nada de SM, -aínda- nada de fist. Pero un amigo e mais eu estamos pensando en gañar algo de diñeiro -a crise económica afecta de cheo a Berlín- vendendo roupa interior usada por Internet: xa sei que iso non é moi kinky pola nosa parte, pero os compradores..., que me din dos compradores?

4. WHO GAVE YOU THIS DILDO?
Non, non. Falemos con propiedade. A Avioneta Malabarista pasoume este inquérito, nada de dildos. Pero aínda están a tempo de darme un como prenda de aniversario (lembre, Avioneta: Jeff Stryker). ;-)

2.2.05

novidades?

Chámame Prisciliana para contarme as últimas novidades dese microcosmos que foi creando na súa vila, Marxdorf. Salvo drogas e rock&roll, hai de todo.

Permanezan atentos. Co seu pasado de escritora afamada (non sei se tamén famélica) e coa axitadísima vida que leva, talvez debamos esperar nas próximas semanas a aparición dun novo blog galaicoxermánico (pero non por iso suevo).

Proximamente nos seus ecráns.

demencias

Baixo á cantina, no traballo, e sento eu só a comellar algo fóra de horas. Diante de min, unha parella ten un desencontro histriónico pero pausado: xestos de incomodo, longos silencios de caras anoxadas, acenos de desprezo, diálogos curtos e ferintes. Érguense ao mesmo tempo para deixar ao outro plantado, e cando se decatan da coincidencia fatal, dubidan uns segundos, ridículos e descolocados. El volve sentar; ela lisca, airada.

Un chinés atravesa toda a cafetaría coa ollada fixa en min e pregúntame se teño lume. Dígolle que non e sae inmediatamente da cantina, pasando entre ducias de mesas de fumadores cos isqueiros na man.

Fico sentado e continúo comendo, tranquilamente. Estouche coma un buxo, digo en voz baixa.

Sigo matinando outro pouco. Eu non resulto tan evidente. Pero estou peor ca eles.

1.2.05

desxeo prematuro

Sorpresivamente, o luns á mañá a temperatura superou os cero graos e púxose a chover. Nunhas horas, as rúas pasaron do xeo ás pozas. E xa avisaron na radio: por favor, non camiñen sobre os lagos nin sobre as canles: a superficie non é sólida abondo.

visitantes

Domingo á noite, mentres facía tarefas domésticas ineludíbeis, farteime de escoitar alemán (acontece cada tres ou catro semanas) e púxenme a escoitar a BBC internacional. O único tema eran as eleccións en Iraq. Teño que recoñecer que aprendín cousas que até agora non sabía nin tivera interese en buscar. Pero de todos os xeitos, durante a maior parte do tempo, a desfachatez triunfalista sen matices dos xornalistas, que describían o ambiente de "festa da democracia" das rúas de Bagdad -e que apoiaban o seu entusiasmo redentor entrevistando cidadáns iraquís de grande solvencia anglófona- facíame pensar que aquilo era talmente coma un informativo dos lagartos de V.

gebrochene chiculateiras

Vaites, parece que Avioneta Malabarista cumpriu coa súa ameaza.
Schade!