20.7.06

descubrimentos

Un día desas tres semanas en Galiza recollín unha armenia no aeroporto. Chegaba para pasar o mes de xullo en Santiago e eu ofrecérame, dado que estaba no país, a ila buscar a Lavacolla e darlle unhas orientacións básicas na cidade.

Despois de chegar ao seu aloxamento e sufrir o encontro coa extrema profesionalidade da hostalería galega (no comment) saqueina á rúa para irmos cear. Decidín poñela a proba, e así llo dixen. Fomos probando.

Pementos de Padrón, todo ben.

Revolto de grelos e lagostinos, todo ben. Segundo ela, en Armenia tamén hai grelos. ?

Polbo á feira. Polo visto, ela come peixe sempre que non saiba moito a peixe. Como me comentou despois, como en Armenia non hai mar, a súa relación co peixe é escasa. De feito, tamén me confesou que nunca se bañara no mar (tranquilos, polo que sei xa se bañou na praia de Laxe). Despois de probar o polbo, aseguroume que estaba moi bo; polo visto non sabe moito a peixe. Cando eu xa comezaba a rir, completou: "sabe un pouco coma a cobra". O meu riso petrificouse.

Luras en tinta. Só con ver aparecer a cazoliña negra xa puxo cara de non comprender.
-Que é iso? Peixe?
Despois de aclararlle que non todo o que viña do mar eran peixes, díxenlle que eran luras.
-Pero ese mollo negro que é?
-Xa sabes que en alemán isto chámase Tintenfisch. O mollo é a súa tinta.
-A tinta?! Pero en Armenia pensamos que esa tinta é velenosa!
Ofrecinme a catar eu primeiro a tinta para tranquilizala e demostralle que non a quería matar con métodos propios da Roma imperial. Cando foi a súa vez dixo:
-Uf, isto é moi forte.

E as luras cominas eu.