13.4.07

máis decorados

Chego a Berlín tarde e moi cansado. Como aterrei en Schönefeld, a perspectiva dunha hora de metro para chegar á casa aínda me cansa máis. Levo un aspecto algo esfarrapado, estou moreno do sol, barbudo e algo pastoso, porque levo todo o día tirado por Atenas e porque antes diso pasei a noite tirado no chan enmoquetado dun barco, soportando a retransmisión por megafonía da misa ortodoxa de Venres Santo que se celebraba na capela de a bordo.

Cando sae a miña mochila cólloa baixo a mirada atenta da ringleira de policías alemáns que hai na porta de saída. Ao chegar onda eles baixo a mirada instintivamente e un deles córtame o paso.

-Sprechen Sie Deutsch?
-Ja.
-Ten a cidadanía alemá? (encántame a fórmula retórica de preguntarmo: deixa claro que non encaixo no seu etnotipo).
-Nein, ich bin Spanier.
-Pero vostede vén de Atenas, non?

Está claro que as viaxes entre dous países que non coinciden co do teu carné están mal vistas neste puto continente. Xa unha vez me pasara algo así: indo de Berlín a París o tipo de facturación deulle mil voltas ao meu carné e á miña vida até que ao final mandoume levar a miña mochila (a que ía facturar!) a pasar por unha máquina de raios X que manexaba un policía nunha sala próxima. Só despois puiden facturala. Que carallo pasa? Seica non podo voar de Suecia a Malta sen que me ameacen cun tacto rectal?

-Veño, si.
-Podo ver o seu DI español?

Hoxe é o día estrela do meu carné... E aínda ben que o encontrei; a ver como lle ía explicar a este tipo que ademais de ser español e non vir de Madrid, a miña identificación consiste nun cartón rosa e nun par de fotocopias plastificadas...

-Ja, natürlich.
-Vive aquí?
-Vivo, si. Desde hai catro anos.
-En Berlín?
-Si.
-Fala moi ben para levar catro anos...
-Grazas.

Está claro que a fonética é o meu forte. Como me pida que lle decline un par de adxectivos vaille cadrar todo moito máis.

Ao meu arredor, os outros pasaxeiros pasan libremente pola zona de "UE citizens". O policía mira o meu carné do dereito e do revés, mira para a foto e despois para min, que non podo conter o sorriso nervioso. Temo que me diga algo da foto, porque estou o dobre de moreno, teño barba de varios días e levo postos os lentes. E a verdade, noutras circunstancias sería diferente, pero hoxe non me apetece nada o da luva de látex, reláxese e todo irá máis rápido, etc.

Parece que estou de sorte: despois dun bo anaco de inspeccionar o meu carné, pásalle unha especie de escáner á zona de lectura óptica, devólvemo e dime a frase máxica do día.

-Kommen Sie gut nach Hause.

Que non o traduzo, aínda que non se entenda (é algo así como "chegue ben á casa") porque é unha desas fórmulas rituais de cortesía que manteñen os alemáns para acabar os diálogos máis impersoais, como "schönen Tag, noch", e cousas desas.

Se vai ser así, case prefiro que nos esixan levar o pasaporte e que nos poñan carimbos. É máis estético e ten ese valor testemuñal das dificultades de pasar unha fronteira. Aínda que sexa intra-Schengen.

12 comentários:

Cesare disse...

oh, que apestoso post tory lle saíu... xa votou en alemaña algunha vez? debería aprender máis do conservadorismo xermano, ese que despois de aniquilar os xudeus de europa pensou que o mellor pra acabar cos que quedaban fóra era aliarse con francia...

Cesare disse...

dígolle unha cousa: téñolle tanta tanta envexa...

calvaris disse...

Afortunadamente os sete meses que vivín en Stuttgart non tiven problemas dese tipo, pero unha colega de estanza en Inglaterra, tivo problemas dese tipo ao voltar a Amsterdam, aínda que a ela si que lle esixiron o pasaporte, supoño que por estar fóra do espazo Schengen (non estou seguro). Aínda así, sempre que vou a Alemaña, sempre levo o pasaporte, porque supoño que é máis sinxelo de ler para eles e así se axilizan as cousas.

peke disse...

Vaia fin de viaxe. Espero que chegase ben á casa.

Plattdorf disse...

Todo ben na chegada á casa. Aínda bo é..., e meigas fóra.

Plattdorf disse...

Non é un post tory. Quéixome do tinglado que montaron co espazo Schengen, que despois ten un valor relativo: eu teño que ter permiso de residencia para vivir aquí...!

En definitiva, ou estamos ou non estamos. E eu quero que esteamos.

Plattdorf disse...

Por outra parte...

O conservadorismo xermano acabou cos xudeus de Alemaña? Eu vivía convencido de que iso o fixeran os nazis.

Turzi disse...

Esta historia paréceme ben difícil de superar. Aínda así aquí che deixo unha foto do que estabamos a facer nós dúas horas máis tarde e a uns escasos 20 m. do que lle aconteceu a vostede...

http://bp0.blogger.com/_uhu9TJaNIjk/Rhy6lL-i07I/AAAAAAAAABE/fy28zTbTBe8/s400/P4070429.JPG

Efharisto!!

Cesare disse...

deus, turzi, con esas fotos non me estraña que lles pedisen o pasaporte.

1. E logo os nacis cantos eran?
2. Por que ten vostede que ter permiso de residencia??
3. O UK non pertence a schengen, pero non é necesario o pasaporte pra chegar ata acó. Nin pra saír. Son suficientemente educados pra entender que outros países inferiores teñen carta de identidade.
4. E si, é vostede un tory en moitos aspectos.

Plattdorf disse...

Teño que ter permiso de residencia porque así o esixe a lexislación vixente. E, como sabe, afortunadamente non é necesario o pasaporte para entrar nin en Grecia nin en Alemaña.

E tory será vostede: que pasa coas fotos? Seica non lle gustan?

Mr Tichborne disse...

unha leria. Eu sempre vou facer os papeleos (tamén vivo na Alemaña) co pasaporte, porque o DNI español ás veces non o coñecen, e xa non falemos do noso ridículo (como ben dis ti) permiso de conducir, que parece que o acabas de facer ti mesmo na casa.
Antes de establecerme aquí voei de Madrid a Munich e volta sen ningún problema, e onde me tocaron os collóns foi en España, á chegada do bus de Madrí a Oviedo, onde me abriron toda a equipaxe e me retiveron media hora. Cousas que pasan.

Anónimo disse...

Sinceiramente, o que lle ocorreu é unha anécdota desagradábel en comparación co que lles fan ás xentes que viaxan en bus, eu, por pura experimentación masoquista fixen varias viaxes entre países en bus e os piores CON DIFERENZA: os españois, unha humillación constante. Así é o mundo cando non se está no galleiro