13.4.07

Schengen e outros bonitos decorados

Chegamos moi cedo ao Pireo tras pasar toda a noite nun barco que saíu de Hania, Creta. Teño toda a mañá libre en Atenas, o avión sáeme pola tarde para Berlín. Busco un sitio onde deixar a mochila, que acaba sendo unha axencia de viaxes con servizo de consigna moi perto de Sintagma, a praza da Constitución. Como é Sábado Santo, advírtenme que só teñen aberto até as 18:00h. Todo ben. Tal como me piden, déixolles o meu billete de identidade para me comprobaren os datos persoais e líbrome dos 10 quilos que pesa todo o que levo ás costas.

Pasamos o día dando voltas pola cidade, onde se vive unha primavera que para min xa é verán. Despois de xantarmos botamos unha soneca nos xardíns do Museo Arqueolóxico Nacional e sobre as 17:00 imos pola axencia para recoller a miña equipaxe. Despídome dos compañeiros de viaxe, que teñen o avión para Stuttgart ao outro día.

Chego ao aeroporto unha hora despois. Póñome na fila para facturar, e cando falta pouco para que me toque, collo o papel co meu localizador de voo e abro a carteira para coller o DI. Non está.

Póñome nervioso. Tento pensar. Busco na faltriqueira que levei baixo a roupa toda a viaxe coas cousas máis importantes e alí tampouco está: só encontro a VISA e unhas fotocopias plastificadas do DI e do pasaporte, que fixera para ir ao Brasil e xa quedaron aí metidas.

Saco as fotocopias e mais o carné de conducir, que á fin e ao cabo tamén é un documento oficial: xa me toca. Explícolle a miña vida á señora. Non teño tempo de ir e volver ao centro para recuperar o documento, e ademais a axencia xa está pechada. Pero aquí está o de conducir, etc. Non, non fixen denuncia na policía, acabo de decatarme de que non o teño. Como? Non, non vou voar a Madrid, vou para Berlín. Si, espero.

Un par de mostradores máis alá, vexo como a coordinadora nin sequera o pensa. Nega coa cabeza enerxicamente e mándame a tipa de volta. Síntoo moito, pero non pode voar. Podémoslle mudar a data do voo para outro día, se quere.

Suplícolle en alto á coordinadora, que me responde desde lonxe case sen mirarme. Señor, díxenlle que non! Non vai voar connosco. Quero os seus documentos reais, entón pode voar.

Vólvome centrar na tipa do meu mostrador, que parece máis razoábel. Síntoo, pero o carné de conducir non serve, non (non me estraña, como nos poden facer pensar que un cartón rosa cunha foto grampada pode ter algún valor identificativo...!). Ademais, se voase ao seu país sería diferente, pero vai voar a un país estranxeiro.

Aí quedo flipado.

-Pero eu levo catro anos e medio vivindo en Berlín!
-Ten algún documento que o probe?
-Non -penso que no meu pasaporte teño metido o permiso de residencia até 2007, pero non trouxen o pasaporte: á fin e ao cabo era unha viaxe pola Unión Europea!
-Pois non pode voar.

Saio da fila para reflexionar. Non me queda máis remedio que volver a Atenas e poñer unha denuncia se quero voar mañá. Do contrario tería que esperar até o martes, porque non creo que a axencia de viaxes onde deixei o DI abra o luns de Pascua.

Boto a man ao peto esquerdo do pantalón para coller o móbil e comunicarme cos colegas que aínda andan polo centro. Encóntroo. Non deixei o DI na axencia, tíveno no peto todo este tempo, ao ladiño do teléfono.

Cinco minutos despois de saír do mostrador, vólveme tocar. Afortunadamente tócame con outro fulano e a coordinadora non me ve. Danme o cartón de embarque.

Respiro.

1 comentário:

Cesare disse...

non se me ocorre maior definición da angustia