9.4.06

walhalla

A miña familia convidárame a pasar a Pascua nun lugar cálido e, malia a pouca marxe de tempo que deixaba a viaxe xa planificada a Macedonia, non dubidei en aceptar, para así pasar ao sol os últimos días das vacacións.

Lanzarote recíbeme coa súa aura de illa especial, planificada con minuciosidade e libre de masificacións. Lonxe da imaxe tópica dunhas Canarias ateigadas das bébedas clases mediobaixas de estirpe xermánica, aquí todos parecemos silenciosos, abstemios e aseados. Tal como se fósemos sacados dun anuncio de automóbiles alemáns, percorremos coma autómatas as coidadas estradas da illa nos mesmos utilitarios do trinque alugados, e procuramos as atraccións turísticas máis instrutivas. Neste sitio non parece haber lugar para borracheiras de cervexa.
A comparación é inevitábel: tan poucas horas despois de voltar dos Balcáns, a perfección impoluta deste lugar parece case fascista.
Eu estouno gozando moito: o paraíso ben merece unha visita.

8 comentários:

Anónimo disse...

Envexa de crónicas. Cal será o próximo lugar? Recomendámoslle as praias do Papagaio, que apesares de ter que pagar tres euros para entrar no parque natural, paga a pena. Apunte: Caleta del Congrio, para tirarlle unha foto aos seus pés ;-)

Plattdorf disse...

Vaites, ho, precisamente no Papagayo estivemos hoxe. Os meus curmáns pensaban que estaría tan deserto coma cando o visitaron hai anos, pero nada diso.

Houbo incluso un conato de enfrontamento entre o castelo de area dos nosos nenos e o dos nenos alemáns do lado.

;-)

Anónimo disse...

Desde os montes queimados do Galleiro, do Saramagoso, de Cepeda e do Salgueirón, sempre pensei que Galiza street tiña un pouco dos balcáns, as súas mulleres queimadas do sol cos panos na cabeza e a máquina da herba ao lombo, os chimpíns pra riba e pra baixo e estacionados á porta da taberna... de verdade, prusiano, que desde Vilar estamos á espera da túa crónica completa da viaxe, incluídas referencias musicais e textuais, por que eu continúo a pensar que GZ ten algo de macedonia de fruitas.

Plattdorf disse...

Querido Carballido:

O seu comentario non deixa de debuxarme un sorriso no rostro ao facerme lembrar que a nosa común amiga de Ventosela mostraba unha foto da súa familia reunida na adega e presentábaa como se fose a imaxe dun grupo de refuxiados bosnios.

Pensei que ía ter vagar para facer a crónica aquí. Pero non dou feito. Xa irá vindo.

Plattdorf disse...

Píntega:

Eu deixei a miña vontade en Europa e aquí déixome levar polas decisións dos familiares, que xa son expertos na zona.

Coido que teñen moi claro ir ao Mirador do Río para ver a Graciosa na distancia, pero só pensan coller o barco para pasar a Fuerteventura.

Eu paso de pensar.

eue disse...

Que costumes máis prusianos está collendo. Traballar en Alemaña e veranear nas Canarias.

acedre disse...

Estan ben as vacacions.
Eu estiven en Tenerife hai anos e gustoume e suponho que Lanzarote tamen me gustaria.
Un saudo e feliz resto de vacacions.

Plattdorf disse...

Costumes superprusianos: non saben a sensación intensa de integración no país que tiven ao subir naquel voo charter Stuttgart-Arrecife cheo de sandalias e calcetíns.