Hitze
Antonte volvín a Berlín coidando que me libraba finalmente das temperaturas sufocantes dos últimos días. Ía calor incluso na Coruña!!
Tiven que parar en Madrid e naturalmente a cousa non melloraba. Algúns termómetros marcaban os 40º e a certa altura decidín meterme no Retiro por ver se a cousa melloraba. Andando, andando, decateime de que entrara nunha zona de engate. Non daba creto ao que vía: suando coma cochos, a media tarde aínda había fulanos con humor para vagar e vagar polos carreiros do parque, intercambiar olladas, sentar nos bancos á espera e mudar as posicións estratéxicas de observación nun ballet de coreografía complicada en que non quixen entrar.
Finalmente, ao serán, o avión para Berlín. Por fin algo de fresco, pensei. Pero chegamos perto das once da noite e ao saír do aire acondicionado do avión chegoume á cara unha bafarada tropical en pleno aeroporto de Schönefeld. Onte, máximas de 36º. Hoxe, o día máis caloroso do ano segundo a tele, debemos chegar perto dos 40º. No traballo suamos e suamos: por unha parte non hai aire acondicionado, e pola outra, como a xente non está acostumada a lidar con estas temperaturas, abren as xanelas de par en par, sen se decatar de que fóra vai moita máis calor ca dentro. Un inferno.
De todos os xeitos, o sufrimento diúrno non ten nada que ver co nocturno. Onte decidín baixar a un lago e pasar alí o serán á espera de poder volver á casa. Pero non houbo nada que facer. Ao chegar, ás dez e media da noite, o termómetro interior marcaba 30ºC limpiños. O exterior 27ºC. Malia a exigua diferenza, abrín todo e senteime no balcón a ler e esperar que a cousa amainase.
Pasada a medianoite o asunto ía polos 28º, así que me duchei en auga fría e deiteime sobre a cama completamente espido.
Ás cinco da mañá acordei suando. O sol xa quentaba, alto no ceo, a temperatura subía e nos telexornais de 24 horas os agricultores de Brandemburgo queixábase de que, por falta de auga, o cereal secara sen madurar. Ducheime outra vez e decidín comezar o día.
5 comentários:
Non pode vostede imaxinar canto me gusta a min estar a 40º, suar, durmir coa fiestra aberta, sentir que a calor preme nos pulmóns...
Eu non o aturo. Xa sabe que na miña terra iso non é normal.
será que a súa terra e a miña terra non son a mesma terra
Desde logo que non. Sabe perfectamente que eu ourensán non son.
E non pode imaxinar a enorme aprensión que me produce o feito de durmir coas fiestras abertas. Doulle voltas e voltas e nunca acabo de decidirme.
Enviar um comentário