24.7.06

pasou o día

Petrus encargárase de comprar as entradas para a festa oficial do orgullo, a partir das 22:00 no Arena. Á beira do río, unha enorme nave que servira a comezos do século XX como garaxe dos buses urbanos da cidade: esa noite, música en vivo e videoproxeccións. Ao seu lado, outros pequenos edificios industriais reconvertidos en salas de concertos et alii: esa noite, techno duro e cuarto escuro. Entre a nave e o río, o chan cheo de area recreando unha praia con posto de bebidas: esa noite, música de festa surfeira californiana anos 60. Atracado na ribeira, un barco con música e performances distintas en cada cuberta. Flotando no propio río, unha plataforma de madeira con hamacas e grandes pufs: esa noite coma todas, dedicada a lounge ao aire libre no medio do río Spree.

No extremo da plataforma, e tamén flotando do medio do río, unha piscina descuberta disposta para recibir o público máis acalorado da noite.

Nunha noite quente coma as do trópico, bañámonos na piscina case ao chegar, sobre as doce media da noite, cunha panorámica fantástica do río, a ponte de Oberbaumbrücke e a torre da televisión. Polo medio achéganse un rapaz e unha rapaza nadando e comentando cousas como "es increíble, estamos en Berlín nadando en una piscina en medio del río en plena noche!!". O acento del sitúao en Madrid; o dela non me permite adiviñarlle a comarca, así que lle pregunto: "ti es galega, non?". É de Noia, veu a Berlín para un campo de traballo urbano e tanto el coma o seu recente amigo madrileño están emocionados co plan desa noite.

Máis tarde, despois de secar ao aire, algo de bailoteo en todas as zonas abertas, algo de bebida e unha visitiña ao dark-room. Como seguindo unha especie de tradición, o meu encontro desa noite é oriental, pero desta vez non chinés, senón vietnamita, e chámase algo así como Liung. É extremada e desconcertantemente cariñoso, tendo en conta o contexto. Cando nos despedimos, tras unha preceptiva ducha, vólvome mergullar na piscina á espera de que Petrus acabe co que trae entre mans. Un holandés arquitecto, axente inmobiliario en Berlín desde hai dous meses róldame durante uns minutos e comeza a falarme facéndome afagos: pregúntame se nado habitualmente nun equipo. Como hai meses que non piso nin o ximnasio, ríome e el vai collendo confianza. Aos poucos minutos tenta refregar a súa erección contra a miña perna dereita, pero entre que non hai nin 15 minutos que saín do episodio anterior e que temo a reprimenda do socorrista se nos ve lixando a auga comezo a baixar un pouco o ton da situación e acabamos sendo simplemente amábeis, nunha conversa que mantemos mentres o sol comeza a saír sobre as árbores de Treptow e os patos comezan a rodear a piscina, nadando no río. Despedímonos xa fóra da auga, despois de secarmos xuntos sentados na plataforma que nos une á ribeira.

Ás seis da mañá lisco e collo o metro para a casa. E desde aí, todo é un fragor sen descanso: limpar e ordenar para un amigo que vai pcupar a miña casa berlinesa na miña ausencia, saír pitando para o aeroporto, voar a Madrid, deixar as cousas na consigna para tomar un café rápido con Rebelde, que está casualmente por alí, volver a Barajas, voar a Alvedro, chegar á casa.

Durmir.

1 comentário:

Cesare disse...

díxenlle algunha vez que fai uns posts xeniais?