28.8.06

club

Despois de pasar dúas semanas rodeados polo ambiente familiar e cálido das putas e dos traficantes de King's Cross, fixemos a mudanza. Había sitio na casa de Miss White, que agora mesmo pasa as súas vacacións en Galiza, e un seu compañeiro de piso estábanos esperando para explicarnos os trucos do apartamento, así que recollemos todo, despedímonos do centro ruidoso da cidade e collemos o metro en dirección sudoeste.

Máis alá de Chelsea, un pouquiño despois de Kensington, os silenciosos e burgueses Baron's Court e Queen's Tennis Club recíbennos coa súa aura de teren sido a localización dun filme londiniense de Woody Allen. As fileiras de casas baixas idénticas danlle á rúa un aire de vila. Os seguratas controlan nos portalóns de reixa a entrada aos terreos do club de tenis. A trintaneira con cola de cabalo e polo e shorts brancos senta a un tomar un crème e un croissant na terraza do C'est ici, o café francés do barrio. Hai un código numérico para entrar nos xardíns privados con cancha de tenis propia. As paredes de tixolo vermello e os bastidores de madeira pintada substitúen o formigón e o aluminio.

Profunda, idiosincraticamente británico, este bairro é algo así como estar nun libro de Alan Hollinghurst. De feito, posibelmente sexa o máis próximo que vou estar de vivir nun escenario coma o de The Line of Beauty. Outro mundo.

2 comentários:

Portorosa disse...

Qué envexa.

Coa venia, voltarei por aquí.

caladinha disse...

E debe durmirse ben por aí que non hai xeito de tiralo da cama. Ao final a perda do avión acabou pateando Londrés cun monxe salesiano que xuraba en arameo contra os de Ryanair. Xa lle contarei!