15.10.06

Tofu Pastete nach Galicischer Art

Onte estaba convidado a unha festa de despedida dun rapaz que deixa estas chairas prusianas polos doces aires que soben do lago de Garda cara aos Alpes. Como é vegano, pedira que levásemos algo de comida sen carne, peixe, leite nin ovos. A poder ser, tamén sen alcol. Picado no meu orgullo, decidín non levar unha ensalada ou un tabule para non pasar polo típico carnívoro que non sabe cociñar se non hai colesterol polo medio. Foi así que surxiu a idea dunha empanada de tofu.

Pero en realidade o importante non é que a empanada fose de tofu ou de parrochas. O verdadeiramente importante, o que converteu o serán de onte nun momento histórico, foi que esa foi a primeira empanada que fixen na miña vida. E aínda que a infraestrutura da miña casa é máis ben precaria, cun forno eléctrico de xoguete e un molde desmontábel de biscoito fixen unha empanada vegana que había que vela. Acaba de comezar unha nova era na miña vida.

Aí a teñen, antes e despois de entrar no forno (in memoriam do inesquecíbel post da robaliza do finado de Todonada, D.U.P.):

P.S.: ao final non fun á festa vegana. Xurdiu outra opción bébedo-colesterólica que non puiden rexeitar.

3 comentários:

Anónimo disse...

En Vigo, no restaurante vexetariano curcuma fan unha emoanada moi boa, pero nen a metade de bonita ca túa.

Plattdorf disse...

Quedou xeitosa, quedou. De todas as formas, hai que subliñar que miña nai é unha consumada facedora de empanadas. Vinllas facer toda a vida e algo sempre se pega, supoño.

Cesare disse...

pero, a ver... daquela quen comeu a empanada de cebola e tofu?