6.11.06

independencia e techno dance

Venres pasado. Unha manda de portugueses e aspirantes organizan un magosto nun típico restaurante de emigrantes. Polo sotaque os donos do local son do Alto Minho, pero nun reflexo indescritibelmente familiar para min, o nome do seu restaurante fai referencia ao Algarve, case coma os galegos que montan restaurantes andaluzados, ou incluso outros portugueses que montan negocios españolados.

No medio dos coñecidos, aparece un descoñecido, chamareille Ludwig, que me é presentado. Acabado de chegar de Lisboa e con intencións de ficar un tempiño, comeza por me preguntar se escribo o galego "à espanhola ou à portuguesa". Claro, semellante coñecemento e semellante implicación só me fan interesarme máis. Continúa explicándolles aos demais que en Lisboa coñeceu moitos galegos independentistas, que levan casacos coa bandeira e unha estrela vermella, que queren montar un república galega e socialista, que en Galiza son moitísimos... En principio a cousa queda por aí.

Por outro lado hai un madrileño enrolado cunha alemá que fala portugués. O madrileño tamén lle dá bastante ben ao luso e unhas horas despois mantemos unha animada conversa en que me fala dos galegos independentistas que coñeceu cando viviu en Lisboa, das conversas de horas que mantivo con eles, dos consensos e desacordos a que chegaron...

A esas alturas xa estou francamente intrigado. E de repente, o madrileño solta un pequeno dato e teño unha revelación: "non falarías con Fulano?", dígolle. A súa cara ilumínase e si, efectivamente, os dous falamos da mesma persoa. Entón vírome para Ludwig, que a esa hora atende outras conversas, e pregúntolle "olha, tu não conhecerias em Lisboa o Fulano?". Outra cara iluminada. Polo visto, Ludwig ten pensado ir a Santiago para visitalo en breve.

Ao final non era que houbese centos de independentistas refuxiados en Lisboa. É que os que van non teñen paraxe. Non? ;-)

Por certo, que non sabía que tiñamos tanto en común.

1 comentário:

Plattdorf disse...

Tampouco pense...