30.8.06

Shakespeare, gaiteiro!

Decidimos ir ver unha peza de Shakespeare no Globe, o teatro construído á beira do río segundo os canons da época isabelina. Dado que pagaramos a entrada barata para estar de pé no círculo central e estar máis perto dos actores, tivemos que abrigarnos ben porque esa zona está máis ou menos descuberta e en Londres sempre pode chover, a calquera hora e en calquera momento. Foi realmente xenial ver unha peza así nun teatro que imita as condicións para as que foi pensada: os actores mesturábanse co público continuamente, dirixíanse a el, interpelábano, demandábanlle respostas. E nós, que estamos máis ben acostumados a teatros italianos e a actuar como simples observadores, a pasar desapercibidos ocultos na escuridade das butacas, reaccionabamos con timidez, con medo a berrar cando non tocaba, con medo a non saber seguir as normas. O traballo dos actores nunha traxedia con elementos de comedia negra foi maioritariamente impecábel, e a montaxe deixoume sobrepasado cando chegou o sorprendente uso das máscaras (orientais?) e a introdución do anacronismo como elemento cómico (aínda que non sei se iso xa está recollido no texto). Iso si, non vaia quen sexa facilmente impresionábel: o sangue corre a regos.

Houbo un momento, xusto no final, en que tanto Fuegho coma min nos rimos coma parvos e non puidemos compartir a graza con ninguén máis do público. A peza está ambientada na Roma clásica, e cando ao final chegou o momento de saíren os actores a saudar, tamén saíron ao escenario os músicos, vestidos de época e tocando instrumentos que pretendían dar un aire de cousa antiga, remota, exótica, propia do tempo da peza. Adiviñen que instrumento se está tocando no Globe este verán/outono ao final de cada representación de Titus Andronicus:

Unha gaita galega. Con ronqueta.

1 comentário:

Lúa Neghra disse...

Non hai fronteiras! Estoume acordando do intento de ver algo de Brecht no Berliner Ensemble cando foi o festival polo seu 50 aniversario. Xa non quedaban entradas... Con moito retraso, mil millóns de grazas por cedernos o "niño" durante eses días. Seica as crónicas prusianas e saxonas van ser tamén bahianas dentro de pouco, non?