16.1.07

o que me pareceu Vacuo: versión longa

Capítulo 1. Introdución telúrica.

Durante moito tempo, "música galega" foi case sinónimo de folk -tranquilos, hoxe non toca rallar coa emerxente escena musical galega-. Segundo din algunhas persoas que saben disto máis ca min, o peso do tradicional, lóxico se temos en conta que a música é unha das expresións culturais máis elaboradas da sociedade tradicional galega, pexou durante longo tempo a libre evolución creativa de moitos músicos que partiron do ámbito folclórico.

Supoño que así se entende a serodia ou anecdótica incorporación da polifonía aos traballos das pandeireteiras, a omnipresenza do castrapo como mostra de autenticidade recollística (a Recollida, ese grande xénero, esa epopea galega contemporánea; e non por moito tempo!, insistirán aínda algúns), o uso exclusivo e ad nauseam de letras antigas para gañar a etiqueta de enxebreza. A perspectiva dun folclore fechado e conxelado nun determinado estadio histórico era atroz. Pero os grupos aseguraban que o que facían era pura imitación dos vellos, os gardiáns da verdade absoluta. E simplemente niso facían residir todo o valor da súa música.

Incluso no caso de grupos que ían de modernitos, de innovadores, houbo durante un tempo unha necesidade de lexitimar o que facían, de lexitimarse, demostrando o seu dominio das vellas técnicas. Así, no medio de discos que manexaban novas formas de expresión, largábanche unhas rumbas e unhas muiñeiras ol'skool que mandaba nabo con elas. Tiñan que demostrar que facían cousas distintas porque querían, non porque non soubesen tocar unha repichoca-como-dios-manda.

Aínda hoxe, unha artistaza coma Mercedes Peón insiste en, a partes iguais, interesarnos coa súa música e horrorizarnos cunhas letras obsesionadas en mandar un saúdo para Alá (que como Samuel Solleiro nos recorda hai un par de posts, é o noso Deus, e Mafomede o seu profeta). Alguén podería dicirme que mandar saúdos para alá é algo ben propio da nosa cultura popular actual máis entroncada coa tradicional, ou sexa, o Luar. Pero eu non sei que diga.

Debo recoñecer que desde hai bastantes anos xa non me interesa case nada o folk (eu tamén me teño que lexitimar), e en troques fun recuperando e gañando o gusto por certas manifestacións ol'skool, no seu día exitosísimas e absolutamente á altura das circunstancias coetáneas, da que agás catro enteradillos ninguén sabe absolutamente nada e cuxas esmorecentes pervivencias son máis patéticas ca outra cousa. Falo fundamentalmente dos coros galegos de comezos do XX. Pero ese é outro falar de faneca.

Dun tempo a esta parte, eses problemas comezan a ser superados e cada un fai o que mellor lle parece. Ademais, para subir unha escada a mellor técnica é ir pisando todos os chanzos un a un, así que morra o conto.

Capítulo 2. Da danza, do ballet, do baile e de Vacuo.

Da mesma maneira que o rock ou o pop se desenvolvían en Galiza con maior ou menor fortuna, pero por sorte alleos a todos eses asuntos dos folkies, a danza contemporánea foise desenvolvendo en Galiza con maior ou menor fortuna, pero allea a...

A que?

Desde logo, haberá xente que se queixe do abandono en que temos a música tradicional, o pouco traballo que se fai por investigar de maneira seria todo ese enorme caudal de cultura, etc. Pero se o que se fai coa música é desastroso entón co baile...

Con que preferimos quedar? Co equivalente no baile deses grupos de pandeireteiras que non admiten o que non sexa cantar en castrapo, poñer voz rouca e facer o que sexa con tal de imitar unha gravación en cassette reutilizada en varias recollidas na que só se oen centos de ferreñas desacompasadas e a tenue voz dunha venerábel anciá acatarrada de oitenta anos? Ou son mellores os pastiches que imitan unha tradición "académica" do baile galego, esa que parte dos respetabilísimos e devanditos coros galegos, cribada, homoxeneizada e pasteurizada pola Sección Femenina de la Falange Española e rigormortizada por décadas de inmobilismo estéril?

Do mazo á rebola, veña o Demo e escolla.

O Ballet Galego Rey de Viana era o produto dunha situación así. Como é posíbel pretender facer unha liña académica de fusión (ou algo, chamémoslle X) do demi plié co punta tacón se carecemos dos máis básicos fundamentos teóricos sobre o baile galego, que está absolutamente a monte, a anos luz da meteórica (en comparación) liña de estudos sobre a música tradicional? Quen diga que o Rey de Viana servía para avanzar niso engánase a si mesmo. O Rey de Viana era un morto, e os mortos hainos que enterrar, con todos os respectos.

O 6 de xaneiro, grazas aos meus inestimábeis contactos, fun convidado ao Teatro Rosalía de Castro da Coruña para asistir á estrea de Vacuo, a primeira montaxe do Centro Coreográfico Galego (isto xa parece a semana de Josemi Rodríguez Sieiro). Reproduzo a seguir un dos panfletos que alguén lanzou desde as alturas do teatro ao patio de butacas pouco despois de que a conselleira Bugallo ocupase o seu posto no palco de honra. O texto en cursiva é meu.


Benvido Centro Coreográfico Galego!
A quen de antemán desexámoslle (sic) unha longa vida de grandes éxitos. Xa que sempre acolleremos calquera iniciativa ou manifestación artística que enriqueza o patrimonio cultural da nosa terra. Patrimonio que hoxe atopamos máis que ferido, pola insensata decisión dunha conselleira de cultura con moi dubidosos coñecementos desta verba. Unha conselleira, segundo din, NACIONALISTA. (de seguro tamén teriámoslle que explicar o significado desta outra). (sic & jaaarrlrl) Porque non podemos entender como se desfixo do Ballet Galego Rei de Viana, o noso máximo expoñente cultural durante máis de cinco décadas, engrandecendo a nosa cultura en todo o mundo. Canto ten de certo aquel dito "Deus dá pan a quen non ten dentes", pois xa quixeran para si os Cataláns ou Vascos (deixémolo en sic, pero tamén merecería un jaaarlrlrl), contar con semellante riqueza.
Outro galo cantaría!
(...)
NON MATÉMOLO PATRIMONIO CULTURAL GALEGO


Agüita.

E así foi como comezou Vacuo, atenazado polos ollos escrutadores de quen piden o retorno do ballet galego. E foi así como Vacuo se deixou levar, e no canto de facer o que lle petaba, quíxose lexitimar como produción do Centro Coreográfico Galego, do Instituto Galego de Artes Escénicas e Musicais da Xunta de Galicia. E fíxolle oco a un pas de deux (déixenme pedirlle prestada a expresión ao ballet porque non sei se a danza contemporánea ten termo específico) de inspiración tradicional, cos bailaríns enfrontados, brazos en alto, movementos en espello... En definitiva, unha parella bailando puntos de muiñeira (xuraría que muiñeira, muiñeira na miña reconstrución, pero naquel momento tiña tantas cousas na cabeza que poida que fose outro ritmo).

Pero Vacuo non estaba completamente cómodo con ese pas de deux. Aínda que o executou con grande mestría e emoción, o pas de deux saíulle coma un tirizó, coma un gran de acne nun rostro xuvenil. Ou mellor dito, para sermos xustos, como un apéndice esixido pola evolución. Un dedo maimiño tan estético como prescindíbel.

O baile galego require e merece moito estudo e moita promoción. A danza contemporánea tamén. O Centro Coreográfico pode ser unha boa plataforma para iso. Pero será mellor non repetir os erros que cometeu a música: as escadas tamén se poden subir de dous en dous.

4 comentários:

Anónimo disse...

e fóra dese momento 'old fashion' e do crecho roxo, q lle pareceu o espectáculo?

Cesare disse...

hahahahhahahahahhahahhahahahhahahahah
que boa pregunta Ro.

Sacoume as palabras da boca.

Despois deste longo e interesantísimo speech chascarraschás, propoño a plattdorf como asesor do centro coreográfico, a ver se polo menos daquela nos enteramos dalgo.

En serio, prós que o único concepto que temos de bailar é mirar prós que foron a clases de baile de salón, este post foi moi ilustrativo. Plattdorf, vostede cre que a conselleira o le? ;)

Plattdorf disse...

Pero que esperaban? Que fixese eu a crítica do espectáculo?

:-D

Non creo que a conselleira me lea. E espero que comprendan que tampouco o pretendo, deus me libre.

E como coñezo as miñas limitacións, e xa deixo claro que non teño nin idea de danza contemporánea, pois non se me pasa pola cabeza algo como facer unha crítica do espectáculo. Por iso non falo nin de escenografía, de vestiario, dos bailaríns, nin nada.

Por iso aproveitei o meu blog para falar dun detalle da coreografía que me deu moito que pensar. Máis nada.

E alégrome moito de que aprendese algo co meu post, Cesare. Alégrome moito de axudar a explicarlle o mundo. Xa sabia que entre todos habiamos facer bo de vostede.

Anónimo disse...

boh, estivo a piques vostede de entrar nun dossier de prensa, pero escarallouno. a ver, ho, díganos se lle gustou en conxunto ou non.