19.2.07

crème

A festa do martes resultou ser unha toma de contacto inesperada coa crème do cinema queer internacional. Nun apartamento dun típico edificio da RDA, á beira do Monumento do Holocausto, da Porta de Brandemburgo e da Potsdamer Platz, xuntáronse boa parte dos membros do xuri dos Teddy -os premios oficiais da Berlinale para producións LGBT- e do xuri dos Else -os premios dunha editora de revistas gais de Berlín. Sanisidro, Açoriano e mais eu fomos de convidados, ou de reclamo, ou algo.


Foi simpático ver ao americano meténdolle man a todo o mundo, aproveitando que aquí en Europa iso de tocar o corpo dos demais aínda non é tan tabú coma no seu país. O sudafricano explicoume varias cousas sobre a diversidade lingüística de Sudáfrica e o brasileiro preguntoume como era iso do galego e a poesía da Idade Media, que algo lle soaba.

Pero o mellor da noite foi a chegada dunha rapariga paulista, filla dun produtor brasileiro e dunha alemá, super-superposh. Ao pouco de chegar xa nos estaba explicando que un día destes vira a Antonio Banderas en persoa, "and, believe me, he's GOR-GEOUS. I mean, for a men in his fifties, you know?" Ao mesmo tempo que dicía gor-geous, con pausa no medio, poñía a man aberta no medio do peito e reviraba os ollos. A min custábame parar de rir.

Despois de confesarnos que "people like colours like red, or blue, or black. I don't. I just love zebras: you see?" e mostrábanos os seus calcetíns a raias negras e brancas. Polo medio de todo aquel parloteo enfebrecido, soltou unha frase que, na súa boca, quedou para a historia. "I love ska". Inmediatamente pensei nos meus concertos de Oi!-ska-punk en antros anarcas de París e en milleiros de noites no Avante. Tívenllo que dicir:

-You like ska??!?! No...!

-Yeah! -contestou-, it's because of Gwen Stefani, you know? As I was a girl, I saw her and knew that I wanted to be her. That's why I love ska: it's not pop, it's not rock, it's not jazz, it's just..., ska!

Antes de marchar da festa tiven que sacar unha foto con ela. Realmente estes son personaxes para a historia.

Sem comentários: