29.10.04
vicio
Indo para a de Natascha, topei no metro a Aceituno, un erasmus de Madrid. Díxome que andaba á procura de traballo e que a altísima taxa de paro en Berlín é un mito. Tamén é certo que depende do que esteas disposto a facer.
Iso si, os repoñedores dos supermercados gañan 1500 €.
Ao mes.
púxoo Plattdorf 0 comentario(s)
enchedoiro
A cea é deliciosa, baseada nuns mexillóns ao xeito belga que me lembran a manifestación de Nunca Máis en Bruxelas. Levo un albariño mercado nunha tenda moi nova e moi próxima á miña casa, especializada en produtos do Mediterráneo(?). Tamén hai algo de Ribeiro branco, augardente de herbas e polbo ou parrochas conxeladas, pero nin rastro da Estrella Galicia a carón da San Miguel e da Sagres. Emocióname (contidamente) comprobar que tamén hai Sugus.
púxoo Plattdorf 0 comentario(s)
28.10.04
xente de principios
Veño de coñecer unha rapaza vasca, moi riquiña. Iso si, responde a todos os tópicos, éticos e estéticos.
Acaba de chegar e anda algo perdida, entre outras cousas, porque non fala alemán. Recoméndolle que, aproveitando que sabe español, aproveite ese capital lingüístico e poña anuncios para facer intercambios, ou tándem, como lle chaman aquí. Como resposta, despois de termos unha conversa de media hora en castelán, dime que ela saber, saber, non sabe español, que non é a súa lingua, e que anunciarse para un tándem español-alemán sería como facelo para inglés-alemán.
E eu pregúntome: resultarei tamén tan tópico a ollos dos demais?
púxoo Plattdorf 0 comentario(s)
eterno retorno
Na Rauchhaus sentamos con toda a malta lusa habitual e, máis unha vez, salta a eterna discusión dos portugueses: praxe si, praxe non; praxe coimbrã si, praxe portuense non; caloiros si, dux non; traje si, traje non. No único que parecen porse de acordo é no fixe que é a queima das fitas, aínda que con reticencias ás variedades locais.
Ó que chatos, pá... ;-)
púxoo Plattdorf 1 comentario(s)
metrópole
Como un día ben dixo Fuegho, a cidade é fascista. De camiño para o Cervantes, xa á altura de Potsdamer Platz e estresado por chegar tarde, chega un SMS comunicándome que xa non hai entradas para ver a Saramago.
Encóntrome con Maria João no Café Cinéma: a alternativa é irmos cear o bacallau que fai Laura na Volksküche da Rauchhaus, pero antes temos que esperar a un par de portugueses acabados de chegar a Berlín e falar moitísimo sobre os amores mouros, os profesores universitarios riquiños e os que non o son tanto.
Chegan os portugueses e aínda temos que combinar en Ostbahnhof cun par de raparigas máis, tamén erasmus, tamén recentes na cidade, para que encontren a casa okupa que ofrece bacallau. Pasamos dúas horas conxelándonos á súa espera, mentres nos retransmiten por SMS os seus sucesivos extravíos no metro. Cando chegan, as súas explicacións en voz alta aínda atraen a outro rapaz portugués, habitante de Ámsterdam e deseñador gráfico, que vén para un congreso, acaba de deixar as maletas no hotel e anda á procura dun bar onde tomar unha cervexa. Ante a perspectiva dun reencontro coas orixes, decide vir connosco.
Milagrosamente, a aquela hora na Rauchhaus aínda hai bacallau.
púxoo Plattdorf 1 comentario(s)
messenger
Onte, día frenético no Messenger, ese invento do diaño. Prisciliana xa ten Internet na casa e conéctase por primeira vez, desde o outro extremo da Alemaña, o que desencadea unha longa conversa sobre as súas peripecias sentimentais (ou algo) nese piso tan próximo á casa natal de Marx. O que acontece naquela WG é de telenovela brasileira: Prisciliana é unha romántica, pero non ten escrúpulos. E eu cando for grande quero ser coma ela.
Tamén andan por alí Dagha, pouco antes de desvirgarme o blog, e mais a elfa bailadora, que me pide consello sobre destinos turísticos para a ponte de decembro. Pero déixoas axiña porque teño que atravesar Berlín e xa chego tarde ao evento cultural da tarde.
púxoo Plattdorf 3 comentario(s)
adiccións
Maria João recrimíname que, co pouco choio que teño, pase tanto tempo no traballo. Evidentemente non concordo no do pouco choio, pero no fondo ten razón: boa parte do tempo que paso aquí é para refuxiarme da miña ausencia en Berlín.
púxoo Plattdorf 0 comentario(s)
27.10.04
a señora Mago
Ben, se tiña algún tipo de medo a que a miña empanada mental se diluíse, podo ficar tranquilo. Agora mesmo acabo de recibir unha chamada de Maria João. Á parte de quererme ver para lerchearmos sobre unha relación que disque está comezando case sen querer -ou sexa, que agora toca o Magreb, supoño-, comunícame que Saramago vai falar no Cervantes dentro de hora e media.
Evidentemente, como levo dúas semanas metido sen remisión neste despacho, eu non sabía nada.
Imos alá, máis ca nada para comprobarmos se o castelán de Maria João segue sendo mellor ca o de Sara.
púxoo Plattdorf 0 comentario(s)
ska-ska-ska-ska

púxoo Plattdorf 0 comentario(s)
25.10.04
nu ma, nu ma iei

púxoo Plattdorf 0 comentario(s)
gaydar
Na festa de onte, a pouco de chegar, presentáronme un alemán, André. É amigo de Laura, unha portuguesa que cociña bacallau na Volksküche dunha casa okupa todos os mércores á noite. A presentación foi rápida e cerimoniosa, como son habitualmente aquí: démonos a man, trocamos os nomes e cada un foi polo seu lado.
Simplemente con velo, o radar non me deixou lugar a dúbidas. Confirmoumo despois cando eu andaba fedellando no portátil que tiña a música e me veu pedir que puxese algo de house, ou de..., Fangoria(!!?!?!?!).
Resultou que ten colegas de Vigo, de Ourense e de Santiago. Que estivo por aí hai dous anos. E que lle encanta Fangoria.
O seu radar, polo visto, tamén está ben engraxado.
púxoo Plattdorf 0 comentario(s)
a máquina de costura
A festa tivo varios momentos divertidos, entre eles, a entrega do regalo conxunto que lle fixemos os amigos máis próximos. Cando llo demos, case todos os convidados da festa estaban presentes. Maria é unha mestura de queque, hippy e punk. Gústalle facer traballos manuais e customizar a súa roupa. Como levaba tempo chiando por unha máquina de costura, ese foi o seu agasallo. Rompeu o papel do embrullo, viu o que era e comezou a saltar e a berrar: por fin tiña unha máquina de costura!
Nese momento non puiden deixar de reparar en Mohamed. Maria coñeceuno no primeiro ano que estivo en Berlín, cando vivía nunha residencia universitaria en Lankwitz, ou sexa, no cu do mundo. Para saír connosco polas noites e despois volver para a casa, a pobre de João tiña que esperar millóns de horas a que lle pasase o bus nocturno, facer un cambio de liña polo medio do camiño e despois aínda camiñar un pouco. Todo isto ás cinco ou seis da mañá con 10 graos baixo cero, pero non por iso deixaba de facelo, claro. A súa relación con Mohamed foi bonita, polo que ela conta, pero o choque cultural era potente. As europeas saían, bebían, andaban con rapaces..., e a fe de Mohamed frouxeaba a cada pouco, para preocupación del. Así que chegou un punto en que deixou de facerlle caso a Maria para xuntarse con Manuela, unha italiana que non saíu máis da residencia no resto do ano, tal como el lle demandaba.
púxoo Plattdorf 0 comentario(s)
21.10.04
relacións humanas
Hoxe, día de traballo extenuante co meu xefe ao comezo e ao final, e de leria extenuante polo medio, fixemos un alto para comer algo na Mensa, ou sexa, o comedor universitario.
Nunca sei se durante as comidas con este home debo seguir tratando temas de traballo ou teño que sacar algún tema máis relaxado, máis persoal.
Dalgunha maneira, non sei como, na conversa saíron os seus anos de estudos universitarios en Tübingen, como discípulo de Coseriu. Estívome contando as súas grandezas -enorme capacidade de sistematización e de traballo, xenialidade argumentativa, etc.- e as súas miserias -asocialidade, brusco trato coas persoas alleas ao seu círculo, períodos de sono que se reducían a dúas ou tres horas ao día (xa sei que esta característica non será tal miseria para algunha xente, pero eu non teño dúbidas á hora de adscribila).
Segundo me dixo o xefe, asisitir a aquelas aulas supuña un enorme pracer intelectual, pero tamén un perigo para manter un ego minimamente estábel: enfrontarse como alumno a unha figura así, unha lenda viva, era complicado.
Para min, o mellor de todo foi saber que Coseriu non tiña un alemán fluente, que tiña que parar cada pouco para asegurarse da orde de palabras dunha subordinada ou meditar brevemente sobre un caso ou un xénero.
Vou camiño de ser unha lenda.
púxoo Plattdorf 0 comentario(s)
20.10.04
Máis un outing para a colección
Supoño que a cousa se remonta a hai uns meses, cando Pedro, o peruano que colabora con ela nun proxecto de e-learnig, lle comentou que tiña un mozo, profesor universitario nunha universidade de Nova York. Polo visto, aínda que ela o coñece desde hai un fato de anos, nunca se parara a pensar no asunto afectivo. E eu créoo.
Hoxe, falando cunha compañeira de departamento sobre un catedrático vello, amargado e amargante, preguntoulle se ao fulano se lle coñecía moza ou mozo. A outra dixo que non nun ton revelador de que as intrigas sobre o asunto son vellas nestes corredores. Polo visto o fulano é un conservador recalcitrante, responsábel, entre outras lindezas, da elaboración dunhas listas de antigos membros do partido comunista da RDA para que as empresas que se ían instalando en Berlín despois da reunificación os excluísen das contratacións, ou algo así. Disque moita xente pensa que o seu carácter é debido á autocensura e represión acumuladas durante 60 anos. Supoño que tamén o podo crer, aínda que este razoamento xa me proe algo máis, sexa polo que for...
Despois entraron nunha bonita discusión sobre se se nota a simple vista ou non, que pluma si ou pluma non...; eu funlles aclarando un par de cuestións e a cousa foise quedando.
Pedro vaise mañá, dez días, a ver o mozo a NY. Dixo que no caso de encontrar algunha tradución estraña do Principiño, habíama traer.
Ester pensa que vai en Chemnitz, como voluntario para facer probas con medicamentos aínda non aprobados.
Á fin, todos temos segredos.
púxoo Plattdorf 1 comentario(s)
19.10.04
Perigo de plaxio?
Vaia, veño de descubrir que non son o primeiro que usa isto de Crónicas Prusianas. De todos os xeitos, o máis alucinante de todo é que as Crónicas orixinais vencellan dalgunha maneira Berlín co Val Miñor...
Quen carallo é Valentín Krick?
púxoo Plattdorf 2 comentario(s)
18.10.04
Por que hoxe?
Aínda non o sei.
Quizais porque xa está aquí a caspa do bigote, de volta.
púxoo Plattdorf 0 comentario(s)