28.10.04

metrópole

Como un día ben dixo Fuegho, a cidade é fascista. De camiño para o Cervantes, xa á altura de Potsdamer Platz e estresado por chegar tarde, chega un SMS comunicándome que xa non hai entradas para ver a Saramago.
Encóntrome con Maria João no Café Cinéma: a alternativa é irmos cear o bacallau que fai Laura na Volksküche da Rauchhaus, pero antes temos que esperar a un par de portugueses acabados de chegar a Berlín e falar moitísimo sobre os amores mouros, os profesores universitarios riquiños e os que non o son tanto.
Chegan os portugueses e aínda temos que combinar en Ostbahnhof cun par de raparigas máis, tamén erasmus, tamén recentes na cidade, para que encontren a casa okupa que ofrece bacallau. Pasamos dúas horas conxelándonos á súa espera, mentres nos retransmiten por SMS os seus sucesivos extravíos no metro. Cando chegan, as súas explicacións en voz alta aínda atraen a outro rapaz portugués, habitante de Ámsterdam e deseñador gráfico, que vén para un congreso, acaba de deixar as maletas no hotel e anda á procura dun bar onde tomar unha cervexa. Ante a perspectiva dun reencontro coas orixes, decide vir connosco.
Milagrosamente, a aquela hora na Rauchhaus aínda hai bacallau.

1 comentário:

Cesare disse...

Gústame moito este blog. Tráeme moitas lembranzas (incluso dese bacallau). Pero ás veces creo que as historias acaban demasiado pronto.
Debe ser que me sae o xene ourensán