21.10.04

relacións humanas

Hoxe, día de traballo extenuante co meu xefe ao comezo e ao final, e de leria extenuante polo medio, fixemos un alto para comer algo na Mensa, ou sexa, o comedor universitario.

Nunca sei se durante as comidas con este home debo seguir tratando temas de traballo ou teño que sacar algún tema máis relaxado, máis persoal.

Dalgunha maneira, non sei como, na conversa saíron os seus anos de estudos universitarios en Tübingen, como discípulo de Coseriu. Estívome contando as súas grandezas -enorme capacidade de sistematización e de traballo, xenialidade argumentativa, etc.- e as súas miserias -asocialidade, brusco trato coas persoas alleas ao seu círculo, períodos de sono que se reducían a dúas ou tres horas ao día (xa sei que esta característica non será tal miseria para algunha xente, pero eu non teño dúbidas á hora de adscribila).

Segundo me dixo o xefe, asisitir a aquelas aulas supuña un enorme pracer intelectual, pero tamén un perigo para manter un ego minimamente estábel: enfrontarse como alumno a unha figura así, unha lenda viva, era complicado.

Para min, o mellor de todo foi saber que Coseriu non tiña un alemán fluente, que tiña que parar cada pouco para asegurarse da orde de palabras dunha subordinada ou meditar brevemente sobre un caso ou un xénero.

Vou camiño de ser unha lenda.

Sem comentários: