25.10.04

a máquina de costura

Onte fixo 24 anos Maria João. Para celebralo deu unha festa nese piso de Prenzlauer Berg que comparte con tres madrileños e un italiano da minoría eslovena de Trieste. Cando cheguei, a sorpresa foi que Maria João convidara á festa á maioría dos homes que se cruzaron na súa vida desde que chegou a Berlín. A medida que timbraban á porta ían entrando erasmus de todos os recantos de Europa. Polo medio foron aparecendo os homes de Maria João: Mohamed, o palestiniano; Andrés, o leonés; Paulo, o fillo de emigrantes portugueses, que non estaba convidado porque rifaran había pouco pero que veu de todos os xeitos; e un fulano marroquino que lle entrou un día a Maria no Karneval der Kulturen e que desde entón lle manda SMS de amor: cando entrou onte pola porta, ela tardou varios segundos en recoñecelo, pero de todos os que estaban na festa el foi o escollido para ficar esa noite.

A festa tivo varios momentos divertidos, entre eles, a entrega do regalo conxunto que lle fixemos os amigos máis próximos. Cando llo demos, case todos os convidados da festa estaban presentes. Maria é unha mestura de queque, hippy e punk. Gústalle facer traballos manuais e customizar a súa roupa. Como levaba tempo chiando por unha máquina de costura, ese foi o seu agasallo. Rompeu o papel do embrullo, viu o que era e comezou a saltar e a berrar: por fin tiña unha máquina de costura!

Nese momento non puiden deixar de reparar en Mohamed. Maria coñeceuno no primeiro ano que estivo en Berlín, cando vivía nunha residencia universitaria en Lankwitz, ou sexa, no cu do mundo. Para saír connosco polas noites e despois volver para a casa, a pobre de João tiña que esperar millóns de horas a que lle pasase o bus nocturno, facer un cambio de liña polo medio do camiño e despois aínda camiñar un pouco. Todo isto ás cinco ou seis da mañá con 10 graos baixo cero, pero non por iso deixaba de facelo, claro. A súa relación con Mohamed foi bonita, polo que ela conta, pero o choque cultural era potente. As europeas saían, bebían, andaban con rapaces..., e a fe de Mohamed frouxeaba a cada pouco, para preocupación del. Así que chegou un punto en que deixou de facerlle caso a Maria para xuntarse con Manuela, unha italiana que non saíu máis da residencia no resto do ano, tal como el lle demandaba.
Onte, mentres Maria berraba coa máquina entre as mans, Mohamed ríase e comentáballe ao seu colega palestiniano algo en árabe. Tanto estudar, tanta igualdade, tanta historia, e ao final sonche todas iguais: póñense coma tolas cunha máquina de costura.

Sem comentários: